(2)Apuntes sobre a vida de Yeats: sensibilidade, misterio, teatro...coidar a forma e o fondo

Ampliar: Willian Butler Yeats



A figura do escritor Willian Butler Yeats (1865-1939) foi clave pro ´Renacemento Celta Irlandés´. Activista dun frente cultural no que o teatro, a poesía, as artes recreábanse sobre as tradicións e saudades deste pobo céltico do occidente atlántico

Willian Butler Yeats por parte de nai proviña do condado de  Sligo, do clan familiar dos Pollxfen e dos Midleton, de oficio muiñeiros. O seu bisavó e avó paterno foran pastores protestantes, predicadores entón, mentres que o se pai, John Butler Yeats estudou xurisprudencia, casado con Susan Pollexfen, pero deixará os litixios pra cultivar a pintura e a través dela interpretar dende o expresionismo a paisaxe irlandesa. Yeats pai, como pintor marca hoxe un fito na contemporaneidade irlandesa, pese a que no seu tempo non se distinguiu como se distinguiría o seu fillo.  Ambiente familiar afundido en problemas económicos afundiron á nai nunha depresión. Casa familiar e ambiente que conformarán o carácter do fillo.

No 1889 Yeats coñece na casa dos seus a Maud Gonne,  a que lle semellou como “porvir dun pasado lendario”: moza revolucionaria irlandesa, musa pola que profesa un amor platónico nunca correspondido. Outra das  íntimas colaboradoras de Yeats no que significaban as artes escénicas, tan necesarias pra revitalización da cultura, foi Lady Augusta Gregory, con concorrido parladoiro no do Coole Park, espazo  que deica a morte dista no 1932, sería “locus amoenus” para a inspiración de moitos poemas de Yeats . Muller co-fundadora do “Abbey Theatre”,  base do Teatro Nacional Irlandés, creado no 1899.  Proxecto ao que se sumaron despois Edward Martyn ou George Rusell.  Mozos que entendían a significación do teatro de cara á sensibilización e á concienciación. E  Yeats como bo celta afondou na sedución do misterio, nas cuestións do Trasmundo, na teosofía que implica ascese, como peregrinación interior, entre o caos e o cosmos, o ben e o mal, a vida e a morte, entre saudades e negras sombras, tan galegas tamén. Hai algo máis, como nas “Cousas” de Castelao: o enxerto do espíritoindividual no comunal a través da identidade cultural, como célula de universalidade.

Tendo 23 anos Yeats participa na Sociedade Hermética de Dublín e na Irmandade Republicana. Sen deixar nunca de sentirse atraído e estudar as tradicións do seu pobo, nas que atopa inspiración para unha serie recentemente recollida no volume “Mitoloxías”.

Yeats casase no 1917 con Georgie Hyde, ela con 25, el con 52,  muller fascinada polo ocultismo e as influencias astrais. Matrimonio do que naceu Anne (1919) e Michael (1921

No 1884 matricúlase na escola de arte de Dublín a un tempo que comezan a espallarse os seus poemas “A peregrinaxe de Osin e outros poemas”  “A illa do Lago de Innisfree”(1889O alzamento  irlandés de Pascua do 1916 pilla a Yeats en Londres, cidade na que ademais Ezra Pound introdúceo na estética teatral xaponesa.  Escribe entón “Easter 1916” “Sixteen Daead Men”, “The Rose Tree”, “ On a Political Prisoner” páxinas cheas de admiración ao alzamento irlandés e pesar polos mortos... libros tramados  dende o prisma teosófico ,co misterio da numeroloxía. Poemas que se espallaron por Europa e atopan solidariedade coa causa irlandesa e co IRA, Vicente Risco foi un dos seducidos, entre a súa bibliografía estaban estas preferencias irlandesas.

No 1922  Yeats é elixido senador, doutor “honoris causa” do Trinity College  e no 1923 concédeselle o Nobel, que considerará como un premio a Irlanda “Europe´s welcome to the Free State” ( “Benvida Europa ao Estado Libre”). No 1925 publica “A visión” 1925 sobre esa súa ansia de querer saber o que pasa tras as cancelas do Trasmundo.  No 1928 “A Torre”, poema no que sigue a expresar esa teima  pola ascese,: da nenez á decrepitude da vellez, cara á espiritualidade,  como un xeito de peregrinación mistérica oriental, coincidente coas tradicións celtas. Os cadernos vellez están escritos na fermosísima  e selecta vila amalfitana de Rapallo.

Un 28 de xaneiro de 1939 morre na costa azul, en Rocabrune, cando seguía  a tratar temas célticos arredor de Cuchulain e da identidade de Eirín.

 

Fronte aos imperialismos uniformizadores buscase a identidade de “raza” : o panceltismo

As terras do Sligo da súa infancia,  presididas polo monte sacro celta do Ben Bulben, Knocknarea, Coole Park, Lissadell, a torre de Ballylee son algúns dos lugares elixidos para moitas das súas obras. Pero tamén Dublín e Londres e mesmo  América, Europa, a Costa Azul. Sentía unha gran atracción pola viaxe, a arqueoloxía das culturas antigas de Grecia, Roma , Bizancio, e en especial por Exipto, Sumeria, a India, ese mundo oriental que da orixe aos pobos indoeuropeos, arios, nos que está a raiceira da cultura celta, con ese sentimento  de herdos budistas, xainistas, zoroastristas... co ese entrelazo principio-fin, expresado pola xeometría e o número das cosmogonías.  Sentiu tamén curiosidade polo elementalismo xaponés. Atopou en Rabindranath Tagore un sentimento parello ao irlandés e ao poeta hindú pasoulle o mesmo, deica compoñer versos para cancións celtas irlandesas. E Risco seguidor destas cuestións  vese contaxiado de admiración polo poeta hindú e introdúceo nos círculos madrileños.

Interesado polos contos populares de mouras, as que memoran, voces, señas dos devanceiros, compañas espirituais que nos levan ao ocultismo, polo que se preocupou Yeats,  antes dos trinta anos iniciándose na “Aurora Dorada” grupo de carácter esotérico, estudando o simbolismo tradicional e a cabala para afondar máis na orde interior e na práctica da maxia, entendidas como pervivencias do druidismo. Lecturas de Yeats  nas que recala Risco, así como o seu amigo Primitivo R. Sanjurjo, mesmo  Rafael López de Hoyo. Asuntos aumentados polas relacións co editor de “Mercure” de Francia, Phileas Lebesgue “o Gran Druída dos Celtas Galos”, empeñado na creación do Panceltismo, a interacción común entre os pobos do occidente atlántico. E todo rebozado  coas connotacións mistéricas de Mario Roso de Luna, arredor dos “xinas”, o espírito, halo de cousas e xentes que transcenden nesa comuñón  caos-cosmos. Herdos dos que a tradición galega, dun xeito ou outra da mostra.  Asuntos que atraen a  Vicente Risco como seduciron a Yeats. Son anos modernistas nos que estas prácticas, mesmo ambientadas con  alucinóxenos están de moda . Experiencias que Risco tenta, como “moderno” e europeísta  “inadaptado”,  seguidor  do “ Á rebours”  do parisino Huyssmans, prototipo de dandy excéntrico e metido no ocultismo e na taumaturxia.

 

O  humanismo como compoñente espiritual do nacionalismo

Yeats, como despois Risco respecto a Galiza, entendían que ao nacionalismo dos seus países lle cumpría un compoñente espiritual. Algo que procuran  onde radican as orixes, entón a súa orixinalidade, isto leva a Yeats e a súa musa Maud Gonne a crear unha orde mística celta, con sede instalada no Castelo dos heroes de Lough Key, no condado de Roscommon. Florentino López Cuevillas fai madurar a arqueoloxía galega arredor dos celtas. Risco , no que imperaba a palabra e a idea de “espírito” ou “alma”, coa que tanto insuflou aos seus amigos de xeración, tentou algo semellante na creación dunha orde mística celta. Iso si,  imprimindo o seu carácter retranqueiro, sabio, para quedar tal proposta unicamente pra el e si acaso pros seus máis íntimos, trátase da creación da  “Doutrina e ritual Orde do Sancto Graal” .

Despois da Guerra Civil Española, da Guerra Mundial,  compre analizar como evolucionaron, se disfrazaron ou negaron  aqueles exóticos principios Modernistas,  onde a “raza” e a orixe aria era un dos centros. Caben distincións culturais e/ou biolóxicas entre o xermanismo, nordismo, mediterranismo, celtismo... tema a analizar, sen lastres, dende a crítica humanista. Ese é un longo capítulo.

Entre esas cruces irlandesas,historiadas e aureoladas, as que se erguen no sinxelo camposanto de Druncliffe, está na Terra a sinxela campa sobre os restos mortais de Yeats. O seu epitafio, quitado dos seus derradeiros versos pon :  “Enxerga a vida e a morte con frialdade, xinete, non te deteñas”  



20 Decembro , día da Esperanza do 2020