(1) Galiza-Eirín / Yeats-Risco: o simbolismo modernista e o “Espírito Celta”

Ampliar: Estelas ´celtas´ Castro do Tegra



Artigo en dúas partes (abaixo a seguinte) que introduce á influencia que o ´Reancemento Celta Irlandés´ tivo no Modernismo Galego, a través de Vicente Risco: orientalismo, teosofía, simbolismo, orixes nas que radica a orixinalidade, a identidade

Eirín, a vella Irlanda, a que presume e propaga as súas orixes celtas, pra enredalas no cristianismo e na cerna da súa cultura , a que loita pola súa independencia será o espello no que se mirarán os pobos asoballados, negados, entre eles a súa “irmán celta, filla do pai Breogán: Galiza ” Fixérono aqueles que seguían aos mozos que no 1856 en Conxo  brindaron pola Liberdade, os que nos anos románticos cantarían “Érguete Galiza e anda/ Como en Irlanda, como en Irlanda...” entre eles  Murguía, Pondal, AlfredoBrañas... e a lección madurou.

O Romanticismo, co século XX, abre portas ao Modernismo e faino cun fondo sentimento esteticista e simbolista.  O Dublín contrafío está nas miras creativas, a cidade de Oscar Wilde, de George Bernard Shaw, membros do Rhymmers Club, como Willians Morris. Agrupación  masculina, elitista, constituída nun pub da metrópole londinense , o  “Cheshire Chesee”. Entón a personalidade e a sona dun dos seus fundadores, o poeta Willian Butler Yeats atrae a mozos  creadores para acollerse baixo as saudades e as sombras misteriosas  do seu “Celtic Twiling” ( “O crepúsculo Celta”).  Antoloxía de inspiradores mitos que acontecen nesa iteración paisaxe paisanaxe,  entre panteísmo e simbolismo, adubados coa tan traída e levada saudade celta, a señardade polo orixinal, polo  Paraíso Perdido. Yeats, curioso polas novidades e excentricidades interesouse polo fascismo italiano e  rouseou cos “Blueshits”, a  Garda Nacional Irlandesa .

Nos países que se dicían de tradición celta, como na Galiza, non faltaban sensibilidades atentas a tal acontecer, tratado tamén nos parladoiros de café e no Ateneo de Madrid, onde concorrían na súa etapa de formación estudantes e creadores. Un destes curiosos era Vicente Risco , mesmo Otero Pedrayo  e máis aínda Primitivo R. Sanjurjo, tamén Rafael López  del Hoyo,  posteriormente Plácido Castro e a cousa espallábase.  Uns e outros contaxiados da excentricidade de neosofías, seguidores do tratado nos cenáculos nigrománticos e influentes de Mario Roso de Luna,  masón, astrónomo,  teósofo, coñecido como  o “Mago roxo de Logrosán”,  introducido e introdutor nas prácticas ocultistas, tradutor e difusor das obras de Madame Blavatsky (1831.1891) , coñecedora de arqueoloxías orientais e clásicas,  fundadora da Sociedade Teosófica,  grupo ao que por un tempo de estancia en Londres se incorporaría Yeats, xa portador das ansias druídicas celtas irlandesas, de magos e meigas, compañas, aparicións...  Primitivo R. Sanjurjo e Risco xa coñecía as obras de Helena Petrovna  Blavatsky (HPB para os iniciados), as que lle regalara dona Angelita Varela, a ourensán condesa de Atalaya Bermeja, caracterizada pola súa cultura e esteticismo, tamén pola súa relixiosidade, interesada nos misterios do Trasmundo. O tema non ten desperdicio e son inquedanzas que translocen na revista ourensán de tema neosófico “La centuria” (1917- 18) onde Risco é o armadanzas que pide e recibe colaboración dos exóticos escritores de misterios.  Ao respecto, nestes días acaba de aparecer “ Do doutor Alveiros á Porta de Palla: O ocultismo  na obra de Vicente Risco” (Fundación V. Risco, 2020)  da autoría de  Felix Castro Vicente. Asuntos teosóficos que moveron o simbolismo que impregnou a estética das portadas da revista “Nós”, debuxadas por Castelao sobre obsesións de Risco: dende as escuras raiceiras, dende os pórticos prehistóricos sobre Caos, erguéndose cara ao Cosmos, en ascese, en peregrinación vital, buscando a estrela, a luz, entre o labirinto de ramas, creando cultura, pra culminar co caldeiro comunal, o Cáliz, o Graal, dende o que repartir o sacramento do Viño e do Pan...traballo e fartura....e no máis alto o escintilar dunha estrela irregular. Erudita simboloxía, de raiceira teosófica galega, oposta á popular e cortante fouce do traballo labrego, curva coa estrela de cinco puntas, o luceiro da liberdade, símbolo usado polas “Irmandades da fala”, seguidoras do acontecer soviético de entón, así como da anovación da musica e dos ballets rusos, tan a seguir nas agrupacións de coros e danzas galegas .Tema ao que, despois da guerra, volverá  Castelao, refugando símbolos sacados e deturpados por “igrexa sacrílega”, por tomar parte e bendicir a   ” que precisamente acabou con moitos “irmáns” “bos e xenerosos”

“La Centuria” é revista de mocidade, de pescudas, enxertada na Europa do seu tempo,  á que o avogado Arturo Noguerol Bujan - figura a rescatar dende o seu asasinato polos fascistas - lle irá dando pulo galeguista deica crear a “irmandade” ourensán.  En “La Centuria” o simbolismo modernista se enguedella coa filosofía ou teoría da  Arte, co mundo das formas e das tendencias entón de vangarda. Arte que Risco entende como reacción do espírito, “exposición da alma espida”, individual, persoal célula de universalidade, en  constante devalar e que logo valorará en función coa orixe na que radica a orixinalidade, pra circunscribilas na cultura dun pobo, o “ser diferente é ser existente”. A cultura enxergarase como obra de Arte cargada de símbolos de pasado e de presente pra servir. Aspecto que actualmente documenta Iria –Friné Rivera nas súas pescudas sobre a teoría estética de Risco (”A orixinalidade radica na orixe, o concepto de imaxe galega na estética de Vicente Risco”, 2020) . Mesmo o logo deseñado por Risco para “La Centuria” reproduce sobre un varal un moucho, símbolo do saber oculto, entre dúas figuras cavilando e de corte exipcio...

Círculo de exquisitas personalidades,  “diferentes” e  que da singularidade das reviravoltas “arredor de si”  irán poñendo os pes na “célula de universalidade”,  a Terra . Así irá nacendo a ética e a estética de “ Nós” ese plural maxestático.

 

A Irlanda rebelde e culta, o espello no que mirarse

Irlanda é atractiva Terra de saudades grises, de verdes esperanza, enguedellada nunha historia labiríntica  con fondas raiceiras nos seus megálitos prehistóricos, nos hillforts, como castros; na Pedra do Destino, símbolo do pobo, que as lendas di  foi levada aos outeiros de Tara por Ith, fillo de Breogán. Terra onde  nos senlleiros eremitorios e nos coutos monacais, coutos se instruía e catequizaba a pobo, a toque de campa sagrada a venerar e compartir cálices, lecturas de libros miniados que contaban sagas, asceses... e que, como tesouros, se  pasaban de xeración en xeración. Confín de illas, montes, pedras e fontes sacras, onde  aínda se sigue a memorar e se imita aos druídas  en cultos panteístas. Onde se herdou e dalgún xeito sigue vivo entre novos ritos de taberna e natureza o canto dos bardos, contando o  sufrido no camiño andado, as nostalxias  do perdido. Celtismo, filosofía ao fin e ao cabo tinxida de orientalismo orixinario. Asuntos nos que profundar e recrear,  tema acaído ao Modernismo, cando confluían tantos “ismos”, cada cal na busca das súas orixes: mediterranismo, nordismo ou xermanismo... Tentando definir así as particularidades, o “un” fronte ao “outro” , as identidades dos pobos, cos seus acertos e os seus perigos,  mesmo de xeito equívoco conducentes  a  tentar imperios, colonialismo, escravitude, endogamia, xenocidio... Cuestións que están no debate humanista.

O pobo irlandés e o dublinés Willian Butler Yeats dalgún xeito reaccionan fronte á colonización e conseguinte aculturación que sufría o seu país, tan marcado pola cultura e unha historia de asoballamento e emigración. A súa proposta é unha revolución cultural: a recuperación tradicional e a anovación do espírito de Eirín, o “Renacemento Celta”.  

Vicente Risco, escudriñador de canto acontecía na Europa do seu tempo, atopa aquí unha vida e un pobo en paralelo ao seu : similitudes arredor  da teoría do un entre os demais, das inquedanzas “célticas”, repetimos tan cheas de misterio, panteísmo, orientalismo, da teosofía, do sentimento político de Terra e revestidas dun sedutor dandismo fronte á  tendencia ao esperpento e á degradación.

 

 As orixes e a orixinalidade de Yeats, omnipresente en Dublín e no “Renacemento Celta”

Nada mellor pra coñecer a Yeats que leélo e en boas traducións. Na revista  “Nós”  intentárono e abriron camiños, pero nada mellor que  tripar as súas terras, Irlanda:  de Dublín - onde naceu no barrio de Sandymount un 13 de xuño de 1865 - ao condado de Sligo, e alí  Drumcliffe onde está enterrado a carón do Monte Sacro do Ben Bulben,  altares de obrigada peregrinación celta.

En Dublín, cidade con nostalxias dos escritores  Jonathan Swift, de Samuel Beckett, Joyce,  Oscar  Wilde,  Yeats, Bran Stoker...pasaremos pola Biblioteca Nacional de Irlanda, a carón do Museo Nacional do Eire,  os que un non debe perder a fin de afirmar os vencellos con Galiza. Nesa Biblioteca atoparemos unha exposición permanente dedicada  Yeats: nela  móstranse as doazóns da súa muller Georgie e do seu fillo Michael, formada por manuscritos, obxectos das súas devocións, borradores de poemas, apuntes, guións pra radio, artigos, diarios, cartas, debuxos, pezas de teatro, psicografías .... Obxectos que expresan as súas inquedanzas de “espírito” . Modelo de exposición en fondo e forma,  espazos sobre os que pousa e trata de contaxiarse o ambiente de misterio e saudades celtas, como guiada polas estrelas, entre eses dous legados: o das raíces e o  das alas da poesía.

Dublín é cidade na que entenderemos a necesidade de coidar nunha cultura, a posta en escena do que se fai, en especial as canles de comunicación e entre elas a edición do libro: papel, tipografía, ilustración, encadernación. Suxestiva escenografía expositiva que incorpora, sen o pailanismo imperante, tecnoloxías dixitais, interactivas, como pasar as follas do caderno PIAL (“Per Ignen Ad Lucem”), isto é “a través do lume e até a luz”, materiais esotéricos que Maud Gonne lle entregou a Yeats, elementos de espiritismo, de escritura automática.....