1 -Nos vieiros do Nacionalismo Galego: do Romanticismo ao Modernismo Exotismo, simbolismo teosófico, etnocultura e identidade nas raiceiras de “Nós”

Ampliar: A Ascese cara ao infindo de W,B YEATS e do Panceltismo



Serie de tres artigos que introducen á confluencia de ´ismos´ que non pasaron desapercibidos á curiosidade Modernista de Vicente Risco, pra transmitlos a súa xeración, entre eles a Teosofía, esa interelación entre Mundo e Trasmundo, a Vida e a Morte

“.... Cuanto era de Galicia, cuanto se refería a su pasado, cuanto tenía relación directa con su porvenir, todo era objeto de nuestro estudio y observación: Pues queriendo levantar un pueblo, preciso era que se conociesen bien y pronto..... A esto se dirigieron todos los esfuerzos....Pronto surgieron las encontradas opiniones, se aflojaron los lazos que unían a los más entusiastas...” Con pensamentos así Manuel Murguía abre  “Los Precursores” (1886). E Risco retoma os vieiros e escribe estoutro na súa entón necesaria e urxente biografía sobre “Manuel Murguía” publicada en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos (1933). “...Ollou como se erguían e como se borraban os imperios; viu como se formaban  Estados novos, e como espertaban do seu sono nacionalidades milenarias en procura da súa liberdade... e deprendéu na evidencia dos feitos a arredar o que é pasaxeiro do que é eterno, e viu como os estados e as formas políticas pasan, e como fica sempre o esforzo e a alma inmorrente dos pobos”... Estralampos na historia da busca do espírito, que eles dicían, do Nacionalismo galego.

 

 Asuntos como os devanditos petaban no pensamento dun Vicente Risco aguilloado polo acontecer, profundador, explorador shakespearián. A súa influencia faise patente en toda a súa xeración, por algo dos autores máis tratados e controvertidos. Para logo ser catalogado como controvertido. O ourensán converteuse nun xeito de pégalle e dálle no que bate toda militancia crítica. Asunto acaído pra abrir camiños de convivencia e liberdade individual e colectiva.  ¿ Entón con que Risco quedarse?: ¿Con aquel  mozo, agudo escudriñador, cunha fonda base cultural ourensán e humanista, como alumno de Marcelo Macías e asiduo aos parladoiros da Comisión de Monumentos? ¿ Co Risco ateneista en Madrid, metido en escuros debates teosóficos...?  ¿co teórico dun nacionalismo “de espírito” fundamentado nun proxecto etnocultural? ¿ou cun Risco feble, esmagado por unha guerra irracional que deu con moitos dos seus seguidores no paredón, nas cunetas ou no exilio?. O tema deu e dará para moitas clasificacións fáciles. Iso si, non deixan de ser vivencias  a sumar a súa biografía persoal, como tampouco á Historia da Nación Galega. O asunto é  como prenderon en Risco ou na Historia de Galiza os substratos dun longo aprendizaxe, que Risco non dubidaría en incorporalo ao espírito pra irse consolidando un nacionalismo con base etnocultural como árbore aberto a un futuro que asume en madura na inseparable   base económica, política e social.

 

Expurgar os convencionalismos, as filias e as fobias “coloniais” pra furar na Historia

 

Aquilo que non se coñece e se embretema en maxia, en  misterio atrae e seduce... Dificilmente se separa o adxectivo “máxico” de Galiza, a “Galiza máxica”. Precisamente cualificada así pola escuridade que envolve as reviravoltas do labirinto da súa Historia e conseguinte dos seus efectos da cultura. Acontecer sometido a tantas tensións. Así pois, na medida que se aplique a razón e se entre e se coñeza a entraña dos misterios, e a través dos efectos se chegue ás causas, iranse esvaecendo as  tebras da maxia.

 

Asuntos de Filosofía aos que non foi allea a liberdade de pensamento de Vicente Risco  e dos seus seguidores da Xeración Nós. Mesmo nesa ansia de enriquecer a cultura ate meterse na teoría, máis que na praxe, na praxe das profundidades teosóficas.

 

 Os finiseculares anos do século XIX propician mudas, reformulacións en todas as ordes, especialmente nas políticas e na cultura, predominando o xeito urbano ante unha gran emigración do rural. Momentos nos que se cría a sociedade de consumo, mesmo as ideas se converten en mercancías comercializadas en ritos, a robotización do individuo... Cando as máquinas, que non protestan, nin fan folgas, comezan a programarse a si mesmas. A deshumanización esta servida pros  “espíritos” conservadores ( etnoculturais) románticos.

 Son anos de pescudas que deixan atrás o naturalismo e o realismo, para entrar nos códigos das formas, no debate entre a arte pola arte e a arte con función social, como en busca da beleza e da liberdade. Pescudas nas que a Teosofía, con canto reporta de misterio e exotismo se incorpora ao pensamento de creadores e artistas da vangarda que se internan no Modernismo con canto supón de  individualismo, extravagancia, distinción, dandismo, exquisita urbanidade ateneista..... A Sociedade Teosófica de Londres está nas miras cono epicentro deste pensamento arredor do “máis alá”. O prohibido, o oculto, o Trasmundo, o que hai  nese nó, entre o cabo da vida e da morte, entre  escuridade e á Luz, entre as sombras e o Sol Negro, entre o terrestre e o extraterrestre... Asuntos que atraen a desenvolvelo, abstraen e  levan aos iniciados a furar entre as forzas escuras, á psicomaxia, a desvíos, á tolemia e tamén á fantasía creativa. Para tamén comezar  polo “Un” , isto é o individuo, a esencia primaria das realidades do seu grupo, do seu pobo.

 

Arturo Noguerol, “Un” dos de “La Centuria” cos pes nas realidades do “Nós”

 

Así éntrase na cerna do particular e do xeral, nos antónimos de nacionalismo é imperialismo, na ciencia e no seu antónimo, a  ignorancia; na relixión, no ateísmo, nos xeitos de enxergar o mundo, nas teorías filosóficas, entre ela a dialéctica marxista.  Asuntos nos que tamén cabe a farsa e a charlatanería, non faltarán entón  entre uns e outros as diatribas coa ansia de desacreditar e desactivar ás filosofías e aos seus protagonistas.

 

Compre enxergar a traxectoria de comprometido explorador, acumulador de experiencias e memoria  que era Vicente Risco: dende a súa formación de estudante, antes de galeguizarse, mesmo pola influencia do seu ambiente ourensán e o peso do seu amigo Arturo Noguerol, da forza das Irmandades da Fala, para pasar a ser teórico do nacionalismo galego,  petando nel a brutalidade da preguerra, a guerra e a posguerra  pra entrar en contrariedades sometidas á vixilancia da prohibición.  Modas  nas que se enguedellou, mesmo con senso unamuniano, como dixo nalgún caso, ente “ismos”, no debate entre materialismo, idealismo, espiritualismo.... Acontecer que o filósofo ourensán entende como fases necesarias pra a historia do pensamento. Confluencia de circunstancias que inciden e se reflicten nos comportamentos, nas formas, na creación, na Arte, con comportamentos individuais, “a  según”, como insistía con teimosía,  entre os que atoparse e definirse, pra SER. Seguir sendo entre as realidades que lle tocou vivir: as liberdades republicanas, o medo e as prohibicións da ditadura . E así enguedellase e confúndese o seu sentir filosófico: o  mundo e o Trasmundo,  o inintelixible e o inintelixible, do UN entre a UNIVERSALIDADE, o singular no plural o do nacionalismo que protagonizou como  “excéntrico”, “kármico”, como “ocultista”, mesmo como “racista” ou “fascista”.... non sendo máis que un libre pensador galego, quéirase ou non, unha peza coas súas vetas, na construción do Nacionalismo galego.



Día da Candeloria do 2021, o "Imbolc" gaélico