ARQUEOLOXÍA PENDENTE: A DAS GRANDES MINAS AURÍFERAS DE LOUREIRO, NO IRIXO

Ampliar: Gravado, sc. XVI, lavado de  pebides de ouro



A cunca do río Arenteiro mostra abondantes vestixios como ´grobas´, ´medelas´... que responden a explotacións mineiras da Antigüidade, en relación con castros. Entre elas a grandeza do comprexo mineiro de Loureiro, Irixo, aínda pendente de estudos

A Arqueoloxía como ciencia da pescuda do pasado e a Museoloxía como coñecementos da xestión do patrimonio cultural, isto é conservar, documentar, mostrar... implican saberes que van en función da madurez económica e sociocultural dun pobo.  E aínda a Museoloxía e a Arqueoloxía  en Galiza soan a pasado, a algo recalcitrante e mesmo, por descoñecemento, prefiren usarse  outros máis pomposos cualificativos  como “xestión do patrimonio cultural”.

Compre  enxergar que todo é relativo, que mesmo somos en función do que fan outros, incluso dos máis próximos e recomendaría unha visita a xacementos arqueolóxicos e a museos portugueses e xa non digamos a Irlanda ou a Provenza que venden e presumen do seu “celtismo”.  E velaí eses protohistóricos asentamentos, xacementos arqueolóxicos campando na paisaxe :  castros castrando montes estratéxicos, vixiantes dos canles dos ríos, complementarios con ergueitos “picos sacros”, uns e outros  que na antigüidade serviron como guieiros  orientativos  pra meter do mar á montaña ou viceversa. Montes, os máis coroados por penas mouras, moureiras, mouriscadas,  isto é fachos que “memoran”, que son referencia pro viaxeiro....  Montes como os que asoman nos horizontes das terras do Carballiño: o San Trocado, o Coto de Novelle, a Pena Corneira, a Pena Negra, a Pena Escrita, a Pena Gache, a Martiñá.... E entre elas eses asentamentos castrexos nacidos en función da economía de fai máis de dous milenios, baseada na minaría e na metalurxia do cobre,  estaño,  ferro e ouro.

E velaí  sobre o mapa da celtiberia os estudos referentes da arqueoloxía mundial, de onde saíu o ouro que enriqueceu o imperio romano: entre outras  as minas de ouro de Irum,  as de Valongo en Allande de Asturias,  as Tres minas de Vilapouca de Aguiar, as de Castropodame,  Górgora de Villagaton e as grandiosas Médulas no Bierzo, a Toca no Courel...e algún día incluiranse as do Loureiro, Irixo.

Pois furando en asuntos arqueolóxicos concluiremos que -  máis que unha economía labrega e gandeira, a que tamén tivo a súa importancia na Galiza protohistórica e Antiga  - foi a minería a que máis motivou o nacemento deses asentamentos da Idade dos Metais, especialmente do Bronce Final e da Idade do Ferro, que coñecemos polo nome grecolatino de Castros, o monte castrado ou “brigas” ou cidades muradas que caracterizaron ao mundo “celta”, “hillforts”  (outeiros murados para os británicos).

Explotacións mineiras asociadas a castros e que quizais entraron dentro do postulado de explotación mineira propostos por Augusto, os de establecer  nos máis populosos  castros “civitatatis”, núcleos poboados que agrupa a xentes de pequenos “castella” ou castriños. A finalidade desta orde era a fiscalización dos resultados das minas xa que  estas considerábanse  “ager publicus”, asunto do imperio. Nestas “cívitas” acomodarase incluso a elite  dos controladores que dan conta da   entrada e saída do cotizado metal, “procurator metalorúm”, como exactores, en ocasión escravos liberados para esas funcións. O Castro de Souteliño e o de San Cibrao das Lás responderían a isto, algo que as pescudas arqueolóxicas irán clarificando, como fixeron na area de Gallaecia Asturicense que ribeirea o río Navia.

Ao respecto da minería na Gallaecia abondan os traballos de arqueoloxía de campo, así como as interpretacións das crónicas da Antigüidade sobre a complexidade destes traballos que supoñen contar cunha complexa rede hidráulica, complementaria de explotacións a ceo aberto, como a “ruina montium” practicada nas Medulas de Carucedo: provocando correntes de augas a través de canles, acuedutos... furando por pozos e minas a alta presións  ata causar a “explosión” do monte, tal como describe de xeito xenial Plinio o Vello,  o que posiblemente coñeceu estas explotación nas ribeiras do Sil e Miño. Obras que se complementaban cun longo proceso de decantación e lavado que se  continuaba na canle dos rios, en zonas de sedimentación, os praceres areosos, os conos de dexección, túneles... velaí o Monte Furado e mesmo o Ulla en San Xoán da Cova....

A arqueoloxía da paisaxe do río Arenteiro aínda puidera contarnos máis: fluír sobre o que se  construíron presas, logo, ao cabo do tempo, aproveitadas pra  outros usos: aceas de muíños, serradoiros, fábricas de papel, piscifactorías.... Pois velaí un asunto que merece máis das mencións realizadas por  Domergue , Rodríguez Colmenero, Sánchez Palencia ou máis modernamente pola profesora especialista en minaría e sobre todo en metalurxia Beatriz Comendador.  Referencias curtas respecto ao sector mineiro antigo do Carballiño, que se inclúe  no estudo da mineira aurífera romana na conca media do Miño. O arqueólogo Angel Concheiro Coello  prospeccionou estas  area, sometidas a obras, a reprantexamentos viarios como as novas vías do Ave, os eólicos... e constata o grande valor deste enclave mineiro...

Ademais do sistema da “ruina montium” existiu na  Gallaecia a minaría por pozos e túneles, como se practicaba en moitas das explotacións do Carballiño, entre elas as do Cepo, preto de Astureses, reaproveitadas no século XIX... ate as prácticas de simple bateo nos “praceres”, meandros onde se depositan as areas de aluvión dos ríos, as pebidas de ouro que eran “lavadas”  mediante grandes cuncos traballados nos cóbados cortados  dos castiñeiros ou dos carballos...

O interese  arqueomineirometalúrxico das Terras do Carballiño

A minería na Protohistoria e na Antigüidade é tema que move á Arqueomineirometalurxia e velaí traballos e catalogacións  referentes, como son os de Sánchez Palencia J.F, Orejas Saco del Valle, A.: “La minería del Oro en el Noroeste peninsular. Tecnología, Organización y planeamiento”(1994). E no que respecta ao Carballiño as pescudas de  Amado Rolán, N. “ “Catalogación e delimitación planimétrica dos xacementos arqueolóxicos do Concello do Carballiño” (2005), liña de documentación entre a que tamén están os estudos de  Balseiro García  A.“ Aproximación a la minería aurífera del Noroeste Peninsular” (1994).

Traballos os devanditos aos que sumar  A “Minería aurífera romana y poblamiento en la cuenca media de Miño” (2017) da autoría de Ferreiro Diz, Oria,  González Doval, Carme, Rial Figueira, María Tania e Fernández Pereiro, Mario. Traballo  este que nos aproxima ás infraestruturas mineiras nas terras do Carballiño: as minas de Brues, Puzo do Lago, Daviña, as de Madarnás e e as Grovas do mesmo núcleo urbano do Carballiño... Aínda que, ao entender de quen isto escribe,  neste mesmo contexto está o núcleo mineiro do Irixo. Explotacións abertas sobre o extremo  Sur da  pequena Serra da Madanela. E ollo co topónimo da “Madanela”, quizais derive da cristianización co nome da santa  o que  - como cree o sempre ben atinado Cesar Varela – poido ser en orixe un lugar de medelas, en relación cos montículos mineiros.

Os ríos Arenteiro e o Viñao , así como os arroios que neles verten cumprirían un importante papel vencellado a estas minas e a xacementos primarios, asociados a bloques de pedra gra con ouro nas vetas de seixo mineralizado con arsenopiritas ou mispiquel o que conten pequenas concrecións de ouro...

Pois velaí a riqueza de castros das terras do Carballiño, referenciados inicialmente por Florentino Lopez Cuevillas no “Catálogo dos Castros do Carballiño” (1930) , tema ao que sempre se volve: o de Souteliño, Corneda, Orros, Mudelos, O Penedo, Amarante, Negrelle, San Cibrao das Las...Meimón, Magros...  e non quero dicir que sexan unicamente susceptibles de escavar, se non hai museos, nin persoal que os atenda,  pero si quere dicir non perder memoria do que hai, inventariar. O que presupón vixiar permanente ante as ameazas dos fenómenos naturais e máis da acción depredadora do mesmo ser humano  por obras, forestacións, etc... Os Ingleses teñen políticas que poden imitarse, xacementos intocables, simplemente deforestados pra denotar a simple vista  unha topografía que revela as súas estruturas, como unha radiografía... atractivos recursos turísticos, admirados e deixando pro futuro un estudo  con maior profesionalidade, técnicas e garantías.

Entre esas páxinas pendentes están eses topónimos  como “grobas”, o que mesmo atopamos no centro do Carballiño, vinculados a escavacións mineiras, xa non digamos o Pozo do Lago, as minas e castro de  Mudelos (velaí novamente o topónimo: de meda),  as de  Vilar de Veiga, as de Madarnás, as do Cepo Brués... e sobre todo a gran explotación que se di aurífera - coidamos que as explotacións mineiras romanas aproveitaban todo canto aparecía na terra – do Irixo, cara Loureiro, no extremo sur desa Madanela hoxe “crucificada” por aspas de eólicos, próximos ás minas, así como a onde hoxe están documentados varios petróglifos de circos concéntricos datados na Idade do Bronce, quizais arredor do 2000 a. C.  Areas que nos anos 60 foron prospectadas nun proxecto de Eduardo Barreiros con outras empresas canadenses.

Ben aquece pra comprobar canto dicimos un paseo por este territorio de Loureiro, parroquia célebre ademais por moitos aspectos: suposta patria do arquitecto Lois de Monteagudo, pero tamén do actual párroco don Antonio González Bernárdez,  home de iniciativas solidarias, parroquiais  e que ademais é un libro aberto sobre canto aquí dicimos. Nese paseo, subindo á cima da Madanela atopamos  o labirinto mineiro a ceo aberto, irregularidades no terreo:  grobas, pozos, túneles...perigo.  Bosque onde hoxe ten tobeira o lobo e o teixugo...

A arracada de ouro de atopada en Cardedo, no mesmo concello do Irixo, agora no Museo de Pontevedra,  a súa calidade técnica, a súa forma en relación con herdos orientalizantes, é unha proba máis do interese arqueolóxico deste territorio. Tampouco faltan aínda que xa esvaecen no esquecemento os contos e lendas sobre trabes de ouro, familias que se fixeron ricas ao topar un tesouro dos mouros, como se coñecía aos devanceiros, non por islámicos , senón por os que “memoran”, recorda,  dan consellos , os máis arredor dunha avaricia que rompe o saco.

Compren estudos que interaccionen xeoloxía, topografía, aplicar novos sistemas como visores para un levantamento topográfico dixital, mdt (Modelo dixital do terreo ) isto é pra coñecer de xeito integral e conseguintemente delimitar e protexer esta area... O que debe ser temos esperanza en que será pa presumir de pasado e sobre del construír futuro.



10 Marzo 2021