Os “Ronseis Tatuados” de Soledad Penalta

Ampliar: Soledad Penanta, Pontevedra 2021



Interpretación da obra da escultora Soledad Penalta: a súa orixe nas xeometrías da Noia mariñeira, no simbolismo das siglas de Santa María...as pescudas polos camiños andados, un xeito de ascese, esculturas con alas que da Terra aturuxan ao Ceo

Dalgún xeito  o que se di nas ringleiras que seguen, como o que se trama nas creacións de Soledad Penalta que enxergamos, é homenaxe á poeta coruñesa Luísa Villalta,  a mesma que nuns versos con pentágrama e sons propios autobiografiaba as súas orixes na Coruña como “Cidade tatuada na pétrea pel do mar”. Na Villalta e na Penalta atopamos altas similitudes, esa ansia de ascese musical, leve entre os contrastes e as sombras, de tendencia  gótica, espiritual que parte dos Catro Elementos para confundirse neles, afiligranada ou en arabescos. Creacións pois con alas, como gaivotas  ou nao de Brandán, a que emproan dende as orixes debuxando tras si ronseis, estelas, sinuosos trazos ou camiños cara ao infinito e ao eterno. A Teosofía latexa no corazón de cada creación.

As orixes, os camiños andados esgrafían cicatrices na orixinalidade que nos identifica. Cada quen coas súas palabras, cos seus acenos, co seu xeito de expresarse, de comunicar, de compartir. Así nacen marcas de presencia, petróglifos, siglas como as  que, dende o medievo, se sobrepoñen ao tempo labradas nas campas de pedra do Cemiterio de Santa María a Nova de Noia. Epígrafes, gliptogramas, criptogramas que dun xeito abstracto, remítennos a individuos, a familias, a gremios mariñeiros, a artesáns, carpinteiros de ribeira, canteiros, zoqueiros, cordaneiros, redeiras, cesteiros, comerciantes, frades, peregrinos...parte da “Galiza Santa de romeiros e xograres” . Marcas que resumen vidas que non pasaron á historia.  Pois nesa  Noiesa trama histórica de siglas, redes, cestas, costelaxes xeométricos de naus  acougan as orixes e a orixinalidade de Soledad Penalta.

 ENREDARSE NO LABIRINTO ESCULTÓRICO DE SOLEDAD PENALTA

Tentamos aquí botar un cabo , como un novo  fío de Ariadna  para axudar a furar a través do labirinto, dos  complexos camiños tramados por Soledad Penalta . Obra con alas, ascendente como un asubío, competindo con anxos e a demos cos que trata, entre ceos e infernos nos que se move, fronte á gravidade do ferro e da forxa, en xogo coa levidade etérea e celestial, lindeiros onde dalgún xeito se inscribe o libro escultórico da súa obra.

Teimamos en que a súa singular obra resume unha historia de sagas mariñeiras, labregos,  artesáns da  vella cidade galega que o mito di fundada por un Noe con algo de Ulises. Cidade enredada (palabra clave) na espiral do tempo, arredor de feiras, templos e pazos. Historia noiesa que transloce nos seus influentes volumes arquitectónicos, entre espadanas, chemineas, galerías que tentan axilizar a dureza bruta da pedra pra facer dela filigrana gótica ou modernista. Todo o que convida a enfiar os camiños da Arte.

 Soledad co fardel  de tanta historia no seu maxín afróntase a contala e compartila, traballada nos materiais máis duros e máis galegos, dende a pedra ao ferro, pasando antes pola cartilla elemental do fráxil barro modelado. E faino trenzando lazos, brollas de curvas e contracurvas, rectas, horizontais  perpendiculares que crean luces e sombras barrocas, construíndo  sentimentos, frases escultóricas non ditas sobre o  dito, convidando ao espectador a enlazarse na labiríntica odisea desta súa Historia.

Xestualismo escrito en libro de ferro

Soledad Penanlta desafía a Terra e o Tempo, os materiais e as modas e  faino sobre a súa terreal mesa de Vulcano, taller aberto á natureza , a bosques animados nos que vive. Viaxe que acomete cada día para regresar a un principio protohistórico, a ese ferro que fixo posible a Galiza que foi “Confín dos verdes castros”, como nova druidesa que agora oficia  revestida do comunal mono azul, protexidas as mans con guantes de coiro, cuberta de casco , cortando, perforando pranchas de ferro ou aceiro, escribindo sobre o metal.... creando misterio entre o ruxir e as inspiradoras e efémeras faiscas que saltan das serras, do soprete, gravando co lapis de plasma de aire comprimido, trazando sobre espirais siglas, criptogramas ,  escritos, filigranas,  soldando retrincos, como abelorios ou cachimires dun anovado traxe tradicional,  escamas prateadas de mar ou de sardiña, para finalmente ser instalación ou intervención en diálogo con eses Catro Elementos que nos envolven. Esculturas sen teitos ou con textos que quita do seu maxín,  os que no mesmo intre do traballo escoita pola radio ou saca dun libro. E poida que no mesmo pulo, no facer da obra,  vire o temón, mude o trazo con outro rumbo ou ronsel creativo. As cousas son “a según” diría un Risco metido en teosofías e valedor do “espírito”.

 Obras bautizadas con nomes que axudan a entender ese panteismo do que brotan:  “Arriba a conversación dos deuses continúa imperturbable”,Palabras precisas pra acender o lume”,a fervenza  e a titanidade”... ou agora  “A Viaxe”, Asubíos do vento”,Sons da Historia sen fin nin límite”, “En riba a conversa dos deuses continua imperturbable”....Ben sabe Soledad que o nome forma parte desa mistérica creatividade , dando a man ao espectador a asegurarse.

Camiño escultórico que é encrucillada de tensións, como as que tamén atopamos en creacións de Julio González, Calder, no  Oteiza teórico do “Quosque Tandem”,  reflexións sobre a forza da natureza e da cultura. Teorías arredor desa trindade que é a persoa, o espazo e o tempo, non allea a Chillida ou  a Serra, os que dobregan o espazo e  tempo entre láminas, materiais de peso e tensión.

Os Camiños da Vida...Noia, Coruña, Minnesota e os bosques animados das Mariñas dos Frades

 Soledad Penalta foi alumna da Escola de Oficios Artísticos da Coruña, herdeira da Escola de Belas Artes  na que se formou o  primeiro Pablo Picasso e tantos outros creadores. Sumando o paso pola Escola de Cerámica de Fernández Chiti, en Barcelona;  no 1978 e 79 polos talleres cerámicos  ampurdaneses de La Bisbal:  primeiro no de Dolores Dors  e despois no 1981  no de Greg Conway,  sen deixar de asistir aos cursos internacionais do Seminario de Estudos Cerámicos de Sargadelos, onde se tentaba facer realidade a misión do Laboratorio de Formas de Galicia, herdeiro do Seminario de Estudos Galegos, reflexións sobre as posibilidades dos materiais, os herdos tradicionais e a contemporaneidade. Entre outras experiencias e pescudas como o paso polo taller de mayólica e gres de Fina LLacer, así como polo do escultor Antonio Saura en Altea, Alicante; no 1986 bolseira da Consellería de Industria da Xunta de Galiza en Faenza, Italia, bolseira da Deputación de Pontevedra en cursos en Soutomaior, no 1989 da Deputación da Coruña pola que se vincula ao Studio Art Universitary e ao Studio Art Center de Minnesota, entrando entón no universo da fundición e en novas ideas,  sempre trenzadas liberdade do seu xeito de ser.  Sen deixar de mirar atrás,  na lembranza as leccións, a espontaneidade desoutro noiés, home de soidades, humilde, libre, como a mesma Soledad, referímonos a Francisco Creo Rodríguez (1910-1987), pintor e ceramista que igualmente levaba no seu adn a humildade e xenerosidade da Noia mariñeira. Tampouco lle faltaron a Soledad  os inspiradores consellos, as leccións de  poesía surrealista dos irmáns Granel, Uxío e Mario,  guieiros seus no universo da creación.

Das sinxelas “tetes” en barro, pedra ou madeira, a dobregar os metais

 Soledad, dende os seus inicios leva dentro a estética da pedra gra e con ela a tendencia a trazar  esas “tetes coupes” de tradición  castrexa, célticas, inicialmente moldeadas en cerámicas duras, chamotas, gres, as que mesmo ten  labrado  en dura madeira de toco de carballo ou castiñeira e mesmo en delicada  lousa negra; mais tarde en pranchas de ferro con liñas elementais, até onde permite o diálogo cos materiais: suaves angulacións a ritmo coas curvas, en paralelo e en irmandade coa topografía da paisaxe; dándolle oportunidade complementaria aos efectos da redución de aire e calor, a cor natural, os efectos dos óxidos, aos contrastes. Xeralmente figuras bifrontes, como as do romano deus Xano, o que mira a unha e outra banda, ao Pasado e ao Futuro, prepicassianas esculturas da Antigüidade, esculcando aos horizontes.

 Escultora que tece e destece xeometrías, tan galegas, tan pitagóricas, as que van do Caos ao Cosmos,  como ben soubo e interpretaba o mestre barroco compostelán Simón Rodríguez. Xeometrías, ritmos que mesmo están nos tecidos da natureza, nas follas, na pel dos seres humanos, nos traballos populares, nas cordas, nas cestas, nese universo mariñeiro, noiés, o que vive e bebe do mar.

 Soledad, libre, desafía e vence á pedra, ao ferro, ao aceiro, ás imposicións, so quedan espidas as orixes neses templos que foron pro seu traballo, casa-taller, primeiro no sintomático lugar do Monte da Telleira de Pravío, en Cambre; agora no bosque, entre as antigas congostras do Forno na Altamira de Abegondo, as que miran á Mariña dos Frades e ao que foi  Golfo dos Ártabros, entre vellos camiños que baixan ao val de Barcia pra subir a ese horizonte que é o  Xalo,  formas da paisaxe en devalar coa luz das horas. Soledad é creadora sempre en contacto pleno coa natureza viva, selvática, como prefería Oteiza, como un ser máis na fraga animada, entre glicinas, hortensias, edras bravas, entre as que asoman súas obras como agromando do chan e por onde se moven os da casa e eses cans, gran daneses, esculturas vivas que dan vida ás  outras esculturas, cambiantes co devalar das horas.

Esculturas as de Soledad Penalta, como páxinas dun código,  que nacen con música, a dun tintineo, repenicar ou tanxer sobre a bigornia nas que se fan, para logo irse organizando en pentagrama pra piano e violín: da Fragua de Vulcano ao Olimpo, compartíndose entre nós nese seu labirinto de anxos e demos, da Terra e do Tempo, en devalar coa luz ou coa penumbra que vai das horas da alborada ás do solpor ou da primavera a cada inverno.



17 Maio 2021