Bens de Interese Cultural (BIC): Responsabilidades dos Concellos e demais Poderes Públicos sobre petróglifos, cruceiros, hórreos, escudos, castelos..

Ampliar: Cruceiro de  Moldes, 2020, estado da cuestión



Leis e aparato administrativo pra salvagarda do Patrimonio Cultural non faltan. O que falta é o seu coñecemento polos Poderes Públicos, os que deben velar polo seu cumprimento. Comezando polos, BIC: petróglifos, cruceiros, hórreos, torres, escudos...

Entre os bens culturais que diferencian Galiza fanse sobranceiros os cruceiros: expresión dunha ascese, viacrucis que vai da Terra ao Ceo, para finalmente a cruz ser estrela entre a Nai e o Fillo. Ao respecto non se conta nada novo, ben o sabía Castelao que, mesmo ata o seu final tratou o tema de “As cruces de Pedra da Galiza” (1950). Para algo debe valer tan exemplar lección, feita cadrelando relacións panteístas, pancélticas, saberes populares e mesmo teosóficos. Cruceiros, oracións de pedra, que son símbolo de concordia, insignias apropiadas malamente para o contrario tamén, como cruzadas sacrílegas.  Erguidos alí onde ben se puideron adorar ídolos pagáns, onde se cometeu e se lembra un delito, onde a morte sorprendeu a alguén... Expresión desa relación da vida como camiño en escenarios de paisaxe e paisanaxe. E non soamente forma parte do común galego ese símbolo,  senón tamén os hórreos, cabaceiros, canastros...almacéns de semente, singulares e sabias construcións, base da chamada “arquitectura do pan”, complementaria de eiras, muíños, fornos... separadas do chan, ventiladas, coroadas nos seus extremos por símbolos de fartura, o falo e a cruz, almacéns,  sagrarios e fachenda da casa... Cruceiro e cabaceiro conforman a estampa enxebre, o retrato tópico da Galiza.

Pero hai máis elementos que nos identifican no mapamundi, a partir do Neolítico e sobre todo na Idade dos Metais. Como poden ser os petróglifos ou insculturas,  un xeito de ideogramas labrados nas penedas, grafías en relación coa vida: co almanaque astral de equinoccios e solsticios, coa auga, o gando...a caza, o agro e a loita por isto...

  Vértice de Iberia, ademais “ Confín dos verdes castros”, territorio caracterizado por estas poboacións muradas, raiceira dunha sociedade que parte de grupos familiares, pra aculturarse coa romanización e, abrindo ao medievo, cos suevos, ser base de parroquias, igrexarios, coutos palatinos,  asociando o poder político e o relixioso, e con isto un xeito de  elites e xerarquías con dominio sobre territorio. Nace as e ben cedo nunha Gallaecia, aínda con mapa por definir, unha fidalguía de casta e rango, un feudalismo con todo o que il comporta de ansias de dominio, de erguer torres de poder. País, entre os que máis, de gran riqueza de castelos, torres, pazos, de casas con limeiras sobre as que campan os gabanciosos escudos familiares.

Petróglifos, cruceiros, hórreos, castelos, escudos coa máxima protección como bens culturais

Pois ao que imos: esas mostras que nos identifican: petróglifos, cruceiros, hórreos, castelos, escudos....cos seus contornos están protexidos por Lei, (non menos de 20 metros, por exemplo pra hórreos) Leis que parecen descoñecer os que as promulgan e deben velar polo seu cumprimento, os Poderes Públicos. Comezando polo mesmo Artigo 46 desa tan traída e levada Constitución Española que di que “Os poderes públicos garantiran a  conservación e promoveran o enriquecemento do patrimonio histórico, cultural e artístico dos pobos de España e dos bens que o integran, calquera que sexa o seu réxime xurídico e titularidade. A Lei Penal sancionará os atentados contra ese patrimonio....e bla, bla, bla...”  e o poder público inmediato son os concellos e todos os que seguen, municipais, autonómicos ata os estatais...cada cal  dotado do seu correspondenteaparato administrativo, máis burocrático que práctico, de concellerías e consellerías, directores, subdirectores, técnicos, órganos consultivos apelidados “de cultura, patrimonio...e turismo”. Existe ademais unha Fiscalía pra delitos contra o Patrimonio Cultural, a  que conta cunha policía e inspectores que se van formando no tema... mesmo na Garda Civil o Servizo de Protección da Natureza ( SEPRONA), grupos que somellan ter máis no entrecexo aos propios paisanos que á mesma administración ou ás  grandes empresas que, pola ignorancia, intereses ou pola falla de coordinación entre elas mesmas tentan decote contra o patrimonio: vexasen reforestacións indiscriminadas, implantación de eólicos, trazado de vías, tendidos de cables, depósitos, urbanizacións...que destrúen, afean ou descontetualizan patrimonio.

Leis e “aparataxe” administrativo abondan, mais a realidade é a que enxergamos: todo tipo de desproteccións, de atentados, especialmente de tendais de luz sobre cruceiros, escudos, hórreos... trazados polas empresas eléctricas, as que parecen ter carta branca no asunto, seguido de trazados viarios que nin protexen a estes bens cun espazo de respecto...asfaltados ou cementados ata a base.  Todo o que expresa a degradación cultural, a aculturación, cos seus conseguintes efectos, o tan traído feismo, pra máis INRI xa apelidado “galego” e sen afondar no por qué.

Compre educación  por todas as canles, comezando polo coñecemento do estado da cuestión destes bens e da mesma articulación pra defendelo, dereitos e deberes. Ao respecto e coas novas tecnoloxías a información ofrécense moi preto. Velaí as leis relativas aos Bens de Interese Cultural (BIC) ,tanto materiais (mobles e inmobles) como inmateriais, singularizados polo seu interese histórico, paleontolóxico, arqueolóxico, etnográfico, científico, técnico, documental, bibliográfico, sitios naturais... como reflicte a Lei 16/ 1985, 25, Xuño do Patrimonio Histórico Español. Ao que hai que sumar, respecto a Galiza a súa Lei de Patrimonio Cultural, Lei 5/  2016, 4 de Maio, que inclúe ademais unha segunda categoría a protexer, a de Bens Catalogados do Patrimonio Cultural de Galicia. Sumando os catálogos de bens culturais, razonados, que todo concello debe ter no seu plan.

Inclusións de bens que poden solicitarse á Consellería de Cultura da Xunta por persoas ou colectivos, a través de informes debidamente documentados e xustificando tal declaración . A lei marca os procedementos.

Si ben  debe terse moi presente, e insistimos con teimosía, que existen uns bens que teoricamente están protexidos por declaración xenérica. Velaí:

* CASTELOS E TORRES: Decreto 22 de Abril de 1949, Lei 16/ 1985 de Patrimonio Histórico Español

*  ESCUDOS, PICOTAS, CRUCEIROS, PETOS DE ÁNIMAS... (de máis de cen anos, antes do decreto). Decreto 571/1963

*  HORREOS E CABAZOS de Asturias e Galiza ( de máis de cen anos antes do Decreto). Decreto 449/1973.

* COVAS OU ACOBILLOS CON MANIFESTACIÓNS DE ARTE RUPESTRE, PETRÓGLIFOS. Artigo 40.2 da Lei de Patrimonio Histórico 16/85

VALADOS DE PEDRA SECA  declaracións xenérica  como Patrimonio da Humanidade, realizada pola UNESCO no 2018 , poñendo de manifesto as ricas e abundantes tipoloxías existentes en Galiza, marcando propiedades, delimitando camiños, curros...contribuindo á Arqueoloxía da Paisaxe,  algo que merece maior estudo , namentres existe un novo mercado deste material construtivo e decorativo “como pedra rústica” aproveitándose da desfeita e abandono destes bens.  Irlanda ofrece exemplos semellantes, máis cun tratamento modélico en ocasións.

Que quere dicir isto que estes bens deberan estar sometidos a control, que  non se poden vender, nin trasladar, nin intervir de calquera xeito  neles e na súa contorna, sen autorización das Comisións Territoriais de Patrimonio, dependentes da Consellería de Cultura. Igualmente para os bens inscritos no Catálogo, como para os Camiños a Santiago, protexidos por comisións especiais. No 1993 declárase Patrimonio Mundial da Humanidade o Camiño Francés a Compostela, o que se se completa coa mesma declaración en xullo do 2015,  incorporando as catro rutas do Camiños do Norte  (Beiramar, Primitivo, Lebaniego, Interior Vasco-Rioxano) .

 Os propietarios destes bens ou afectados por estas declaracións de protección terán deberes e dereitos...pola contra en ocasións sometidos a enredantes burocracias e a unha lentitude patufa que nada beneficia aos bens.

Asuntos que deben coñecer os que teñen responsabilidades de goberno, especialmente os concellos . Deber de conservación, protección, plans e programas e proxectos con incidencia no territorio; protección nos plans urbanísticos...  E se  os concellos non poden polas súas limitacións, deben solicitar medios ás Deputacións que para iso están, denunciar ante a Xunta de Galiza o estado da cuestión, mesmo en casos flagrantes  ao Goberno de España.



19 Xuño 2021