(I) Piranesi: escenografías de soidades dende as que ceibar o realismo máxico

Ampliar: Foro Romano, gravado de Piranesi, 1772



Introducción á vida e á obra do gravador, Piranesi, con motivo dunha mostra súa en Fonseca (Compostela). Prototipo da Ilustración e da suxestión persoal, que aporta ao neclasicismo e á Arqueoloxía notable documentación gráfica sobre a Roma Antiga

Merece asumir a dimensión social, formativa e informativa da estampa, a máis do seu valor artístico para a impresión a través diferentes técnicas coas que gravar e aplicar os riscos de tinta sobre papel.  Obras que teñen como base o debuxo, por algo esenciais entre as artes decorativas e aplicadas. Arte do gravado, transmisor de técnicas, de ideas, de éticas e estéticas, mesmo complemento inspirador pra todas as artes, base da Ilustración.

 O Século das Luces, o XVIII, o do racionalismo, o da esperanza no progreso, supuxo grandes avances para as técnicas do gravado, as que se perden no tempo e na  China para maduraren a partires do 1440  cando a través da imprenta se mecaniza a súa seriación. Lembremos as pescudas  de Durero a aplicación do gravado para a catequización relixiosa  (1471-1528) as mudas na temática como as denuncias de Callot ( 1592-1635). Aparece e madura a litografía, a serigrafía... o gravado profesionalízase, acólleno creadores como Wattteau, Fragonard... que ademais pasan a ser ilustradores de obras literarias. O paso dado por Goya (1746-1828) acollendo temas populares e sociais, no experimento das técnicas é de xigante, como o son os intentos de Gainsborough arredor das paisaxes, os de  Gericoult sobre a composición de masas e o corpo humano... Cimas do Barroco, dun xeito de ilustrar, bases da Ilustración, cando o texto e a  imaxe  se complementan para meternos en escenografías sobre as que maxinar ambientes, operas da vida. Velaí a obra sobre paisaxes e arqueoloxías de Marco Ricci (1676-1730), as urbanas de Canaletto (1697-1768), o tema costumista tratado por Hogarth, por Rowlandsson precursores da banda deseñada, abrindo a  pasados, a reconstrucións, a caprichos, a fantasías sen límites. Mesmo velaí a esoutro  venecián de sona,  Tiépolo (1699-1770) quen se baixa da estada  sobre os que pinta os grandes murais pacegos  pra pousar na mesa e experimentar no proceso do augaforte: a prancha de cobre, cubrila de cera e  gravala co tema desexado pra logo verter unha solución de auga e ácido nítrico sobre o debuxo incisos no verniz de cera deica corroer a prancha de metal. Placa impresa en tinta sobre a que se poñerá o papel pra prensala mediante os tórculos ou pesados rolos ate conseguir unha estampación limpa, na reproducir desas series de anciáns, de deuses e venus nos seus olimpos que caracterizaron a Tiépolo. Velaí as bases dese seu paisano, tamén do Véneto, quen hoxe nos trae aquí, Giovanni Battista Piranesi (1720-1778)

Fonseca, orixe da Universidade Compostelán , espalla a lección da unidade na diversidade

Os gravados de Piranesi - os máis de gran tamaño para este tipo de reproducións, aproximadamente de 63x50 cmts. -  naceron coa vocación ilustrada de informar para formar, non so pra ensinar arqueoloxías, grandezas  romanas que parecían perderse, se non tamén pra abrir as fronteiras do maxín,  o que fai convidando ao espectador a un xeito de ascese ou peregrinación a través de chanzos , pórticos e escaleiras ascendentes, entre a vexetación espontánea. Algunhas destas súas obras, propiedade da Fundación  Museo de Artes, do Gravado á Estampa dixital ( Artes, Ribeira) neste  2021 de incertezas, móstranse en Compostela, no vello salón de grados do que foi Colexio Maior de Santiago Alfeo. Continente que chama e harmoniza  con determinados contidos.  Edificio que é  fundación de Alonso III de Fonseca e Ulloa (1475-1534), humanista e mecenas das artes, arcebispo de Santiago e logo de Toledo. Construción  do século XVI que abandona a retórica plateresca por liñas proporcionadas, puristas, clasicistas, proxectada por Xoán de Álava e Alonso de Covarrubias Espazos nos que están as orixes da  Universidade Compostelán, onde o mesmo Erasmo poido ter cátedra. Ámbito pois pra propagar esa unidade da diversidade que significa a Universidade, encrucillada no confín, a carón dunha Tumba e onde sempre aquecen renacementos, sabendo que todos os camiños levan ou poden mover Roma con Santiago.

Aprender a antiga Roma, a Arqueoloxía e avivar o maxín a través dos gravados de Piranesi

Nunha viaxe de Paso de Ecuador das máis alumnas que alumnos de Historia de Arte da Universidade Compostelán realizada a Roma no 1973, o catedrático de Historia Antiga e Arqueoloxía,  Alberto Balil Illana  guiounos a través da Arqueoloxía da Cidade Eterna.  Balil era un querido e admirado profesor , amante de Galicia,  sendo catalán,  de entretidas clases  nas que,  entre o aroma e misterio que  lle daba o fume de tabaco que saía da súa pipa , proxectaba imaxes da Roma Arqueolóxica, en contraste cos gravados de Piranesi . Pois naquel primeiro contacto con Roma, xunto con algunhas compañeiras servimos de testemuña como aquel inesquecible profesor, nun dos acougos despois das visitas, pediunos acompañalo pra ir a visitar un vello seu  coñecido, anticuario, dos arredores do Panteón.  Como encantados metémonos nunha película que podía ser de Visconti, nun escenario de esculturas de mármore, de marcos dourados, de libros forrados de coiro, esferas do mundo e carpetas con estampas de gran tamaño. Balil sabía o que buscaba despois dalgún tempo, atopouno novamente,  colleu con delicadeza aquel gravado, tendeuno nunha mesa  de mosaico cosmatesco que estaba no sitio preciso naquel paraiso de antiguidades e ben lle aquecía á merancia que sobre dela se pousaba.  O profesor solicitou a lupa e de arriba abaixo comprobaba a autenticidade.  Chegou o diálogo cun expresivo anticuario, prototipo da xestualidade italiana, remarcando a beleza do gravado apertando os dedos das mans cara arriba... apartámonos,  seguía o regateo  que  rematou cunha aperta de a amigo. Aquel gran folio adquirido, con esa pátina sepia dos anos, representaba o Foro Romano, era de Piranesi. De seguido  e buscando unha trattoria  para o xantar este  feito serviu d nova lección co profesor, esta vez ante unha “tagliere disalami” . Explicounos que era un vello desexo que viu cumprido e celebraba con nós e cunha birra.  Teima, admiración por Piranesi do querido profesor, a que enlazaba co sentir do seu admirado mestre, o arqueólogo sienés, antifascista e marxista - pese a terlle explicado Roma a Hitler na súa visita-  Bianch Bandinelli (1900-1975). Así, e máis hoxe, xa dende as perspectivas do tempo fómonos decatando do valor social da Arqueoloxía e de canta fonte documental  contribúe a esclarecer con obxectividade a Historia. Non caeu en van o feito, pois así comezamos a aprender a valorar as “vedutas”, as estampas con vistas urbanas e máis sendo de pasados romanos. E tamén quixeramos ter un Piranesi.

A obra de Piranesi  complementa compendios de Arqueoloxía Clásica, ilustra salóns de eruditos, prestixia, como xoias a anticuarios, mesmo a  museos ou a coleccións,  galegas tamén, as que gozan  e presumen deles. Gravados que son exercicio de teoría e praxe científica, arqueolóxica.

Piranesi, a Ilustración, a estampa e o coleccionismo

Galicia, confín aberto ao mundo a través de portos e camiños é país de xentes de ires e vires, entón de levares e traeres,  onde se erguen templos, mosteiros ou pazos, así pois onde  por tradición se lle da culto especial ás reliquias, tamén a recordos ou “souvenirs” traídos de andanzas polo mapamundi para ennoblecer aqueles sitios. Así naceron importantes e variadas coleccións, as que mesmo puideran ser base de museos  ou enriquecelos. Aínda que o paso dos anos e das herdanzas tamén puido propiciar o desmantelamento das mesmas. Algunha colección perdura, outras nacen e enriquécense, namentres as administracións aínda non aprenderon a significación cultural e económica das mesmas. A nova Lei de Museos 7/2021 de 17 de febreiro, define e contempla algo ao respecto das coleccións visitables, museográficas, faltan medidas respecto ao seu fomento.

Galicia, dende os tempos de Guttemberg gozou de imprentas, esencialmente pra difundir devocións, como ten estudado e reunido unha importante colección nos arquivos do Museo de Pontevedra, Filgueira Valverde. Querenzas e actividades que fai que  este sexa un país de fotógrafos, de especialistas nas artes gráficas, de reprodutores de estampas e de coleccionistas das mesmas. A solicitada estampa, souvenir esencial , ven a ser un xeito levar a casa un anaco de algo querido, de socializar as imaxes e con elas o saber, a educación. Estamos  pois nun capítulo importante, base da era  na que vivimos, a da imaxe.

A exposición antolóxica de Piranesi en Fonseca, ofrécennos a posibilidade de enredarnos en terreos filosóficos e principios que necesariamente radican no clasicismo. Grecia e Roma como alicerces de renacementos aos que sempre se retorna e por algo será, porque neles está o humanismo. É humanismo é comprender e por en practica a inconmensurabilidade do ser humano e seu compromiso individual e colectivo, aprendendo do pasado, con canto o arrodea e ten a misión de transmitir en legado ao futuro para un continuo proceso de madurez.

 Piranesi síntese atraído e arela compartir a través da estampa as vedutas, as vistas reais, as antichita ou  as reconstrucións inventadas da antiga Istria, de Pompeya, Herulano, Paestum e as que máis, as de Roma: do foro de teatros, acuedutos,  atrios, pórticos, fontanas, sartegos, columbarios, obeliscos, estatuas, xerros, columnas, epígrafes, capiteis, espolia en equilibrio inusitado...vistas de igrexas, pazos, prazas e rúas do seu tempo. Autor de deseños pra decorar estancias, chemineas, mobles...algo que perdura e sobre o que se recrea nese proceso inagotable da arte. Creador tamén de obras sobre as que deixar voar o maxín do espectador, as Carceri, como psicografías.

Da Venecia a Roma. O debate sobre o barroquismom ou a esencialidade clásica

 Os anos da vida de Piranesi acontecen entre atraentes fastos e o florecer artístico do ambiente creado polo Papa Albani, Benedito XIV,  “O Papa dos sabios”, como o cualificaba o enciclopedista e precursor do liberalismo,  Montesquieu,  autor das influentes “Consideracións sobre as causas da grandeza e decadencia dos romanos”, obra que, entre tantos atrae e inspira a Piranesi para elaborar un catálogo con titulo semellante. Sigue a Benedito XIV o veneciano Clemente XIII,  Piranesi  verase igualmente favorecido polos encargos papais.

 Era a Roma barroca unha atractiva cidade que reunía a  bulideiros e competitivos mozos aprendices,  bolseiros mecenados pro estudo das artes.  O ambiente é inspirador, a  obra do arquitecto tamén orixinario do véneto Palladio (1508-1580)  está nas miras dos mozos, tamén de Piranesi. Estéticas que supoñen un  retorno ao sentimento grecolatino, o que expresan teóricos da arte como  Johann Joachins Winckelman (1717-1763) reivindicador da Hélade. O debate Grecia-Roma está moi presente nos parladoiros cultos. Saberes que  Piranesi comparte co seu paisano o escultor Antonio Corradini.

Vedute di Roma Antica e Moderna” (1745), “Le Antichitá Romane”  (1748), son encargos papais a Piranesi e ao editor Bottari e coas que deixar constancia das coleccións vaticanas, un bo e exemplar principio pras nacentes ciencias da Arqueoloxía e da Museoloxía

Os gravados de Giovanni Battista Piranesi (1720-1778) no somentes son transmisores do seu humanismo integral, de filósofo, investigador, senón tamén como un xeito de psicografías a través das que deixa voar o maxín do espectador que as comparte. Piranesi é debuxante con vocación de arquitecto, pese a que unicamente exerceu como tal no proxecto da igrexa de Santa María do Priorato, en Ripa, arquitectura e decoración que resumen o seu sentir, onde ten sepultura.  Debuxante inquedo, ansioso de facer preguntas e de entrar na orixe das cousas, precursor entón da Ilustración e polo tanto da ciencia da Arqueoloxía, a que naquel entón maduraba arredor das escavacións e abraiantes achados de  Pompeia e Herculano. Debuxos feitos coa ansia de compartir, de ensinar para querer e defender os herdos do pasado. Obras que son como xanelas abertas ao mundo pasado, para a través do seu estado da cuestión ilo descubrindo, co temor de que este legado se perda. Asuntos que ben aproveitou o historicismo romántico incitando a lanzarse á aventura polos camiños do mapamundi, en busca  de cidades perdidas, de antigüidades. Viaxeiros coa habilidade de debuxar e contar o que descubrían.

Os gravados de Piranesi son leccións de Arqueoloxía, necesarios documentos de Historia. Enxergalos envicia, xa que uns levan a outros, a un pasado que dalgún xeito estará sempre nun presente actual e futuro. Pois o clasicismo ven a ser iso mesmo e nas obras de Piranesi habitan as pantasmas de luz, espíritos que nos levan a profundar, mesmo a maxinar para rehabilitar e revitalizar clasicismos...e esa ansia non prescribe e enriquece o humanismo.

O seu xuvenil ambiente veneciano e a Roma de acollida, a onde conducen todos os camiños,  como cidades abertas que son por portos e camiños, contribuíron a formar unha mentalidade tamén aberta e que saber contar , como ben saben  os viaxeiros . Estratos arqueolóxicos, realidade que moven o maxín que propician a fantasía e sobre os que prende esa tendencia a adubar aconteceres de realismo máxico, asuntos ben sabidos nesta Galicia cargada de pasados.



(Continúa en II)

1 Xullo 2021







1 Xullo 2021