A RESIDENCIA DO CARBALLIÑO: OS PROMOTORES, O ARQUITECTO, OS RESIDENTES...

Ampliar: Residencia do Carballiño 1965, vista dende Longoseiro



A Obra Sindical do goberno da dictadura franquista creou un programa de ´Educación y Descanso´ con residencias vacacionais, ente elas a do Cabralliño, aberta no 1958 e inaugurada polo dictador no 1962. Obra do arquitecto Mariano Rodriguez Sanz

A parte máis alta do Monte de Mesego está case na entrada desta aldea, indo do Carballiño. Baixo dela as ribeiras do río Arenteiro, coas brañas das Barcias e mesmo a lembranza daquel aserradoiro coa súa nora de madeira, entre amieiros a  sombría acea e o encoro da tráxica desgraza dos irmáns Magariños, afogados. Xa é outra a paisaxe e a memoria tamén esvaece.... Río abaixo  a  Lavandeira co decimonónico caserón da fábrica de Papel, tamén con encoro do que parte a canle, reaproveitada dende 1962 para nutrir a piscifactoria. Despois dunha cerrada revolta do río están os muíños do Filomeno . Paisaxes sobre as que se ergue un respectado prodixio da natureza, a Pena dos Namorados, entre outras penedas menores que bordean as abas que baixan ao río. Rochas labradas polo tempo ou xa desaparecidas pola incontinxencia do afán intervencionista dos humanos.

Outeiro do Monte de Mesego, de amplas vistas, enfrontado ao solpor coa parroquia de Longoseiro, ao oriente por Espiñedo e baixo del a aldea do Penedo, ao Norte pola serras da Madanela e a Martiñá e ao Sur pola inconfundible serpe de sete cristas co aguillón de pedra da Pena Corneira... detrás  dela as ondas grises das serras do Suído e do Faro, agora crucificadas de trebellos eólicos a bater contra o vento. Cimeira do Monte de Mesego noutrora coroada pola pequena e cubica capeliña da Pilarica, tanto así que a aquel outeiro chamábaselle  o Monte da Pilarica, rival do Monte da Madanela.  Advocación moderna  a da Pilarica, en relación coa Hispanidade. Capela de fins do século XIX, de sinxela estrutura e boa cantaría: simple cubo con única concesión ornamental no arco conopial que enmarca a entrada e sobre dela un elemental campanario de arco.

As paisaxes mudaron co desenrolismo dos anos 60,  cando se proxectou para a aquel lugar a grande obra civil da ditadura no Carballiño, a Residencia de Educación y Descanso “General Moscardó.  Trasladouse entón pra banda Sur a devandita capeliña da Pilarica. Anos de obras, nos que aínda lembramos as o pedras da ermida numeradas entre as uceiras do monte e aquela imaxe, marmorea, ocre, da Pilarica, de xeito provisorio, nun altar da Veracruz.

Conxunto residencial ao que se lle daría o nome do “General Moscardo” relembrando unha repetida historia acontecida nos primeiros días da guerra civil, a vivida con outros oficiais, garda civís e voluntarios militarizados, algunhas monxas e alumnos da escola militar de Toledo co sublevado General Moscardó na defensa do Alcazar de Toledo. Edificio e xentes aquelas asediadas polas forzas gubernamentais... Despois dunha longa conversación telefónica, Moscardo preferíu o sacrificio do seu fillo á rendición...

A Organización Sindical Española, creada polo goberno da ditadura franquista, dende 1939 a 1977,  mimou a  súa sección de  “Educación y descanso”, a imitación dos fascistas italianos e nazis alemáns,  como organización cultural, recreativa e deportiva para os “produtores”, a través de “hogares”, “Cidades”e Residencias de Educación y Descanso. Tamén un xeito de promocionar o turismo de mar e montaña: vacacións, viaxes, xogos deportivos, coros e danzas e un día especial para a visualización desta demostración, o 1 de Maio, como “Día de San José Obrero”. Modélica foi  a “Ciudad Residencial de Perlora” no concello asturiano de Carreño, a de Tarragona e a do Carballiño estaba entre as máis solicitadas polas familias sindicalistas.

O arquitecto ao que se lle encarga aquel alcazar ou escorial  residencial carballiñés foi Mariano Rodríguez Sanz, arquitecto municipal de Ourense, caracterizado pola esencialidade e a funcionalidade, un dos arquitectos representativos do Movemento Moderno en Arquitectura, propiciado polos novos materiais e tecnoloxías construtivas. Sobranceiro arquitecto, entre  outros colegas galegos formados na prestixiosa Escola de Madrid, coñecedores dos debates historicistas, funcionalistas, organicistas e doutros ismos, así como  tamén dos  innovadores principios da República. Proxectos, en ocasións, sometidos aos gustos dos seus promotores, a unha arquitectura institucional e política, gustosa do retorno á cuarteleira sobriedade herrerián. Arquitectura, formas e símbolos  transmisores de ideoloxía e poder. Tema anunciado por Miguel Abelleira (Quintana, nº-16, 2016).

Estes grupos de arquitectos mozos eran reclamados  pola Obra Sindical para proxectos de obras de carácter social: escolas, urbanizacións de casas sindicais, barrios obreiros ou residencias do tempo libre, como é o caso.... Mesmo tamén para os novos edificios institucionais, como os Gobernos Civis. Arquitectos entre os que estaban  Alejandro de la Sotas, Fisac, Fernández del Amo, Castañón de Mena,  Joquín Vaquero Palacios.... Tiveron sona os irmáns Francisco e Federico Somolinos, autores de proxectos como a Residencia de Perlora en Asturias, de chalets en pedra cun singular estilo que sería referente. Rafael Aburto Renobales é o autor da Casa sindical de Ourense, Enrique López-Yzquierdo Blanco será o arquitecto do Goberno Civil de Ourense ...

O arquitecto Mariano Rodríguez Sanz no 1945 remata o edificio do Concello de Ourense - comezado por  Manuel Uceda no 1874 e seguido por A. Queralt - e  tamén formará grupo cos arquitectos da obra Sindical del Hogar. No proxecto da Residencia do Carballiño alterna o racionalismo da planta, rectangular, centrada en fachada por unha entrada remarcada por pilares e balconada, na traseira aberta en patios que dan servizo. Construción proposta e inaugurada no 1958 polo entón Delegado Provincial de Sindicatos de Ourense, Xosé Manuel Liaño Flórez, entón con grande actividade nunha provincia na que se promovía a construción de Centros de Formación Profesional e  barriadas sindicais; avogado, co que me reencontro na Coruña no 1975. Il era o Alcalde que, despois dun longo exilio trae a Madariaga á súa cidade. Rexidor máis aberto a canto significaba Galiza e a democracia, que algúns outros que o sucederían. Aprezado por quen isto escribe e ao que agora - il con case un século de vida, activo e áxil - lle fago lembrar aqueles días dun Ourense que era a Auria, a dos parladoiros de Otero e Risco, a dos  librepensadores que se reunían na taberna “o Volter”,  onde crecían “os Artistiñas”, precisamente potenciados con encargos para as grandes obras sociais...lembro os murais de Quessada no Colexio Menor Calvo Sotelo de Ourense que acolleu meus últimos anos de bacharelato... Así é que cando me atopo con Liaño, retranqueo con il, tamén amigo de retrancas, en  que el lle deu emprego na Residencia aos “roxos” do Carballiño: A Ernesto Atanasio “ o Corcheiro” no bar, a Manzano (o pai do escultor Acisclo Manzano) na Conserxería....pintando  con inspiración muralista mexicana  a Virxilio.... Mesmo servidor tamén alí atopou emprego estival, quizais dos primeiros guías tramando programas e abrindo camiño por Galiza adiante. Así fixemos camiño ao andar.

 

Decaen os “agüístas” e os “residentes” dinamizan o verán da vila  

Na imprescindible Guia de Carballiño (1961) da autoría do entón secretario do concello, José Fariña Jamardo, dedica un capítulo á “Residencia de Productores”: Edificación de catro plantas comunicadas por escaleiras, unha central e dúas lateriais: semisoto, baixo, primeira e segunda. Complementada coa casa do garda e a capela (trasladada), ocupando unha superficie total de duas hectareas. Interior con vestíbulo, cafetería, comedor coa cociña e almacéns e accesos traseiros; logo cuartos de estar, sala de costura, biblioteca con salón de actos, sala de xogos, na terceira parte dormitorios cos seus aseos. Coa capacidade é pra 350 persoas e daquela cun coste de 18 pesetas por adulto e 12 por neno. Estancias estivais con roldas de 15 días, organizando festas, bailes de disfraces, concursos, competicións e viaxes.

 

O Concello proxectou pra enmarcar a construción na paisaxe do parque unha gran escalinata de acceso cos seus bancais cubertos con diferente froresta. Meu pai entón concelleiro (polo tercio familiar, á forza) e como profesor no Colexio Isabel La Católica, tivo o mérito de  levar aos alumnos cada 21 de marzo a espallar e difundir o Día da Árbore,  sementando tallos de carballiños e crear a xa fachendosa carballeira de a carón da piscifactoria.....

 

“Barco anclado nun mar de pinos“ era o ben acaído slogán turístico proposto Fariña Jamardo.... “A su vez la Residencia produce un sorprendente efecto cuando, viajando por la noche en tren desde La Coruña A Carballiño surge de pronto resplandecinete y luminosa ante los ojos del viajero...” onde logo petarían os seus ollos coa Veracruz”.

Tamén  propiciou o concello construír arredor da Residencia chalets de veraneo, algunhas significadas ourensáns e vigueas non desperdiciaron a oportunidade e concorren con proxectos de grandes arquitectos, como Alex, autor do da familia  Varela Ogando ou do mesmo construtor Suárez, o da familia Santorum.... Proxectos que seguen liñas arquitectónicas dos irmáns Somolinos, arquitectura inspirada na tradición, aínda que innovando cos novos materiais.  O construtor  Emilio Suárez recibe encargos, que realiza en colaboración coa aparellador Rafael Jorreto, figura tamén fundamental na obra postuma de Palacios, a Veracruz do Carballiño tio do arquitecto carballiñes Manuel Gallego Jorreto.

Cara ao medio día dun soleado 15 de setembro do ano 1961, en plenas festas do setembro, o ditador visita o Carballiño, chega no seu exclusivo,  acharoado e cadrado Rolls Rocelle  Phanton IV... Afeitos os carballiñeses a ver os  aerodinámicos e niquelados Haiga e Dodge dos que presumían os americanos, algún paisano  comentaba  “...mira ti, que aforrador, en que coche vello ven o Caudillo” Na praza Maior concéntranse masas de xente mobilizada de toda a bisbarra enxordecendo o ambiente con víctores, entre uniformes militares, camisas azuis, guerreiras brancas, tricornios e boinas roxas e bater de bandeiras... O Alcalde era Héctor González Godas. Acto no que se impuxo a Franco a Medalla de Ouro da Vila, concedida en pleno de 4 de setembro de 1958. Franco  deu dende o balcón do concello un lacónico discurso,  o que apenas se lle entendía polo clamor.... Deseguido o Caudillo  e a súa encollarada señora e tras deles unha restra de coches abandeirados dirixíronse ao Parque a inaugurar a Piscifactoria e a Residencia, a que xa levaba recibindo a familias de vacacións dende 1958. Despois de pouco menos dunha hora de estancia na Vila a comitiva marchou Fontenla arriba cara a Ourense. Xornada da que a retanca carballiñesa fixo a súa particular crónica: que  Franco, despois das revoltas da estrada do Paraño, chegara mareado de Marín, onde fora enxordecido con berros de “Marín con Franco, Marin con Franco, Marin con Franco, Mari con Franco, Maricon.... “ e que ao saudar ás autoridades  Carballiñesas espetou confundido  un “...encantado de estar en esta preciosas, esta vila marinera....”

Os residentes deron certa vida comercial á vila. Mesmo meu pai editou coa casa  de “Postales Arribas” de Zaragoza unha serie de tarxetas postais, seriou banderíns...anováronse os “Recuerdo de Carballino”.

Tempos nos que a política e a economía da ditadura, aguilloada pola banca, fomentaba a emigración. Anos nos que a Residencia do Carballiño tivo vida casi todo o ano, agora pra acoller encontros, congresos e especialmente xoldas de xornadas de formación para mozos e mozas, preparándose para a emigración a centroeuropa: base de idiomas, dunha cortesía, a que analizada  agora era submisión. Capítulos de emigrantes, de trens repletos e maletas de cartón atadas, cara ás incertezas. Namentres no Carballiño medraban os bancos e se inundaban os ribeiros con encoros...algúns,  outros tolearon.  No ano 1964 creouse a Promoción Profesional Obreira, o P.P.O, cursos intensivos coa ansia de reconverter os mozos e mozas do rural en traballadores das novas industrias, co conseguinte proceso urbano e abandono do rural. Cursos de hostalería, de electricidade, de carpintería, mesmo servidor complementou os seus estudos cun destes cursos titulándose como Pintor decorador, grande experiencia de grandes amigos, con instrutivo viaxe a Madrid, a primeira  vez que visitei o Museo do Prado e tamén a fábrica de motores de Barreiros.

Preto da Residencia está a Piscifactoría ,  logro da Sociedade de Pesca, axudada polo concello, feita coa ansia de repoboar os ríos, mesmo de estudar a anguía tan tradicional no xantar do Carballiño.  Complexa construción de encoro, plataformas, canles, pías pro desove, alevíns, estanques, laboratorio... pioneira e modélica entón.

Naqueles anos a Residencia e o Carballiño acadaron sona pola natureza, pola xente, polo xantar... e esta espallouse. Resultaba difícil conseguir praza. E servidor, de guía conseguiu amizades que aínda duran, que asoman cada Nadal a través dunha felicitación, outros vánno deixando: mineiros, obreiros da Seat, funcionarios...

Entre 1991-2001, (especialmente no 1996) cando as guerras do Balcáns, a Residencia do Carballiño acolleu a familias  refuxiadas de Bosnia Herzegovina  e  mesmo alí se arma unha pequena guerra entre sensibilidades e bandeiras. Moitas familias do Carballiño fixeron amizade con aqueles refuxiados. Meus país entre eles, mercaron artesanías  súas coas que sobrevivir, convidáronnos...e xa de volta ao seu país laiábanse de  non ter recibido noticias deles. Como lembranza quedan aquelas artesanías de desacougos. A Residencia sigue asomando na paisaxe.



20 Xullo 2021