Inspiradres ires e vires dos Quiroga Pardo-Bazán: de Marineda á Vilamorta

Ampliar: Casa dos Quiroga presidindo a Praza do Carballiño



E. Pardo Bazán (1851-1921) casase en Meirás con J.Quiroga e Perez de Deza ( 1848-1912) un 10 de xullo 1968. Tiveron tres fillos, Jaime, Maria Nieves e Carmen. Primeiros anos de inspiradores viaxes, polo tempo da vendima, ao pazo dos Quiroga de Banga

“A señora condesa faise ver”  iso teño escoitado  e así transmitíase polas andadas avoas do meu Carballiño e así mesmo tamén o teño escoitado do betanceiro don Francisco Vales Vilamarín, quen na súa mocidade fora secretario da escritora en Meirás.

Ela, oprimida pola sociedade como pola moda, polo xustillo e pra máis inri amidonada ate a papada, coas súas saias de brillante raso e moarés sobre abultado mariñeque e enaguas de puntilla bretona, que as de Camariñas resultaban pueblerinas. Cando non vestida ao estilo vitoriano, con abundante lazo recollido, empoleirando o traseiro, guantes longos  e chaquetiñas de veludo bordado, botíns de charol, atados cun amplo zig zag de cordóns vermellos... rostro maquillado en porcelanoso  polvo de arroz, cuberta de sombreiro de plumas sobre o que aniñaban fantasía de paxaros... E pra máis fumando a señora. Case un escándalo, unha novidade festiva máis para os vilegos do Carballiño. Señorona sentada no balcón da casona dos Quiroga, a que preside a Praza Maior de “Vilamorta”, que así chamaba a condesa ao Carballiño. Acompañada do boticario, do avogado, si acaso dalgún inversor indiano, cuberto de canottier, levita e chalina e no chaleco enmedallado en leontinas e reloxo de ouro. Abaixo do balcón o bulir das festas e feiras maiores do setembro, as que coinciden coa vendima e co aniversario do nacemento da condesa.  Marea de xente vestida de pana e de dril, de boinas e panos, a bulir suorenta, pregóns, cantarías, aturuxos, soliloquio dos borrachos.... entre  os burros e as bestas  de ollos cubertos de tabaos e moscas, esas moscas que obsesionaban a señora. “Pedazo de asnos...aunque uno los pisotee, nada..no se levantrán...mañana se desperezan y se van contentos a sus aldeitas” (“El Cisne de Vilamorta”)

Teño escoitado tamén, sen demasiada esaxeración, que o matrimonio Quiroga-Pardo Bazán podían ir dende a Coruña á casa patrucial de Banga, nas Terras do Carballiño, pasando por predios seus: as Mariñas, a Terra de Melide, a Ulloa, o Deza...e o Ribeiro do Arenteiro. Ás veces facendo parada e fonda en pazos dos amigos, o Pazo de Liñares, dos Loriga, bautizado pola escritora como  “El Palacio del Recuerdo”... Viaxes de dous días que podían ser en carromatos da casa, guiados por destros arrieiros, coñecedores das aventuras e desventuras das encrucilladas, de paradas e fondas, tamén de salteadores, da temida Pepa Loba ou de Toribio... Outro xeito de viaxe era en tren, dende a Coruña a Monforte e logo transbordo a Ourense e Barbantes, estación na que se baixaban os aristócratas e se apiñaban arredor deles homes de blusón e boina pra cargar cos pesados baúis de madeira, pesadelo da condesa.....  Ben coñecía ela, tan observadora, o ir e vir do correo nos fardos, repartido en carteiras de coiro nas estafetas. Asidua de envíos  e recibo de paquetes, de epístolas, da última bomboneira cun sombreiro adquirido en  Madrid....

Tamén no Carballiño recordaban os vellos os seus paseos, vela chegar de Banga  á solemne casona dos Quiroga: dona Emilia sobre un simón, coidado carro para dous, tirado por un cabalo e guiado por un servinte da casa. Inspiradores ires e vires, subires e baixares que lle valen á escritora para relacionar na súa literatura paisaxes e paisanaxes, urbanos, rurais... de parladoiros arredor das labaradas do lume das lareiras, sentados nos escanos ou  pola contra no ambiente de fume de tabaco da rebotica, acomodados nos tresillos e á luz dos quinqués.

E xa non digamos esas viaxes a Madrid, primeiro nas dilixencias, expostos ao frío ou ás abafantes raxeiras, á  posible aventura de salteadores... ou nos vagóns tirados por monstruosas e fumegantes locomotoras, entre un reiterado son de pandeiros e tanxer de ferros.

A literatura da Pardo Bazán vista por Torrente Ballester...escritora na dialéctica

Torrente Ballester na súa “Literatura Española Contemporánea”, libro de texto dos meus anos de preuniversitario e partindo das teorías literarias do provenzal  creador do catecismo do Naturalismo literario,  Emilio Zolá,  o ferrolán etiquetaba a obra de Emilia Pardo Bazán, ás súas maxistrais condicións como novelista e crítica autodidacta, dentro do “Rexionalismo naturalista”. Isto é, partindo da súa raiceira realista a describir a realidade do divino e do humano, feito con naturalidade obxectiva.  Obra  que será documento do que describe e dela mesma. Escribe Torrente que a Pardo Bazán “ pretende conciliar, en difícil equilibrio, su tradicionalismo religioso y político por la modernidad cultural.”  Máis tamén aclara o escritor galego que pese ao seu esforzo conciliador, a sociedade intelectual, ateneista e academicista, misóxena, non lle tivo grandes simpatías. O desequilibrio era difícil para unha muller talentosa, tamén dentro da súa situación social. Pese aos seus intentos criticáronlle o uso do idioma, dunhas palabras galegas que non facíán máis que enriquecer o castelán, como tamén de entrometerse indiscretamente en cuestións científicas e polémicos, pese a unha información sesgada. Asenta Torrente “ Sus juicios literarios aciertan cuando se apoyan en una intuición, yerran cuando necesitan de una firme base dialéctica” Pero a historia virou e todo aquelo, os pasos da escritora considéranse de xigante na cuestión feminista, aínda dentro da clase máis privilexiada, como era a súa e un cortesanismo ao que non renuncia. Deixase levar polo seu temperamento e mesmo polos prexuízos, como di Torrente. Levada pola idea de que as costumes dan valor novelesco ao escrito.

Na obra da  Pardo Bazán contrastamos modos e modas, vese a súa ansia de innovación como introdutora de novidades, mais fracas - como analiza Torrente - ante as manifestacións artísticas, os cambios que se aveciñaban.

Dona Emilia, pese ao declarado no seu testamento de ter sepultura nas torres de Meirás, feitas a súa medida,  está enterrada nun nicho da cripta da madrileña Basílica  da Concepción na Calle Goya. O pasamento de Manuel Murguía acontece na Coruña o día 1 de febreiro de 1923 enterrado na proa dese cemiterio mariño cargado de historia e lendas que é o de Santo Amaro. Dúas pantasmas do romanticismo.

1 Setembro 2021