“Magnífica, absoluta, soberana” dedicou Rosalía sobre o abano da Condesa de Pardo Bazán. Por Felipe-Senén

Ampliar: Emilia Pardo Bazán por Cesar Vaamonde



Aspectos que caracterizan a obra de Emilia Pardo Bazán: aristocrática, omnipresente, fina observadora que contrasta o ambiente cortesán co rural. ´De mi tierra´ exrpresa o seu sentimento cara a Galiza, contestación a ´Los precursores´ de Murguía.

Meténdonos na ficción creemos que gustaría a condesa de Pardo Bazán de abrir cada día unha xanela a este tempo  dixital, de haikús e breves tuits, pese a que ela era literariamente máis espesa que lacónica. Daría unha concorrida blogueira por onde verter a súa ansia omnipresente, crítica e tendenciosa, como a mellor influencer da moda. Iso si, todo enxergado dende a quimérica torre da súa distinción aristocrática, dende o seu convulso océano interior, sobre o mundo exterior, o dos outros, a algarabía popular.

Emilia Pardo Bazán, naceu na Coruña un 16 de setembro do 1851, entón baixo o signo zodiacal de Virgo, da constelación máis preponderante do Ceo. E pese a que non crera nesas cousas vulgares e supersticiosas do destino, os nacidos baixo esta constelación presidida por Mercurio,  están simbolizados por unha fémina, para o mundo clásico asociado a Afrodita, a Ceres, así pois á fecundidade que son conservadores, organizados,  pretensiosos dun definido fin.

O seu pasamento acontece  en Madrid o 12 de Maio de 1921, celebramos pois agora o centenario da súa morte baixo varias conxuncións e reclamacións que deberan estar, dende sempre, na base dunha educación que incumbe a todo feito social, como son as de igualdade de xénero, as de memoria histórica e entre elas a devolución ao Patrimonio Nacional do Pazo de Meirás, a revisión do seu legado entregado a Academia Galega...Momento e asuntos que incentivan as revisións críticas, os estudos e a divulgación das luces e das sombras da vida, obra e milagres da prolífica escritora. Produción feita  en tempos de confluencias, encrucillada de tantos “ismos”  e sobre a que se asenta o noso presente. Queda aínda moito que pescudar. moito que relacionar nese universo da autora, dende o máis particular, a súa aristocracia, a súa terra de orixe, a súa Marineda, a  urbe, a corte, cun Madrid en obras,   fronte ao mundo rural, e inevitablemente á significación de Rosalía de Castro e  do círculo de Manuel Murguía. E todo baixo o nimbo do acontecer mundial que do Romanticismo da paso á industrialización e ao desguedello Modernista, rompendo con tantas vellas formas de produción e de convivencia, e abrindo outras na teoría e na orde social.

A formación nunha cidade librepensadora de tradición ilustrada: Marineda

Emilia Pardo Bazán e Rúa-Figueroa Somoza  ten nas raiceiras da súa árbore xenealóxica ao histórico e mítico mariscal Pardo de Cela, filla única,  aristócrata, terratenente, formada entre libros e parladoiros volterianos de casa e de  pazos, como da biblioteca do coruñés  Consulado  do Mar, nos de Juana de Vega, os que mesmo seguiu e animou Concepción Arenal, respecto á liberdade, ao divino e ao humano.

No 1868,  aos dezasete anos Emilia casa co fidalgo ribeirao José Quiroga e Perez de Deza, estudante de dereito, de vinte. Entón a ansia de Emilia incentívase, rentistas que nos ires e vires a Madrid, sobresae como persoeiro. Precursora naqueles ambientes cultos, no coñecemento e difusión da novela “Moderna” francesa, así como dos escritores rusos.  Obsesionada pola escritura, o que non convence ao seu esposo, pra apagarse e separarse despois da morte do pai. Insiste e consigue entón ra si, no 1908, o título do condado pontificio concedido ao seu proxenitor... O feito de ser rica rentista dáballe liberdade. Mesmo sabemos que tiña alugados cuartos nas súas propiedades coruñesas.

Alí onde estaba a condesa, ousada, audaz, retranqueira,  facíase ver e notar, sen complexos, pese a un ambiente protagonizado por varóns, de levitas e chisteras, de fume e de tabaco que ela mesmo fumaba... Aínda así conseguiu  integrarse como intelectual polémica e feminina, a súa grande contribución á literatura Española das últimas décadas do século XIX e ás primeiras do século XX. Mais a súa visión é dende a súa torre, a dunha privilexiada aristócrata, a que describe ese mundo popular galego co seu pintoresquismo costumista, entre atractivos lugares máxicos, misteriosos, míticos. ...Todo o que axuda a fortalecer a imaxe dunha Galicia supersticiosa, submisa, gris, perseguida por un xeito de malfadado “fatum”,  de sombras e morriñas, o que non son máis que efectos dunha causa de marxinación política.

Meirás torres á medida do gusto conservador e contrafío, dende onde enxergar o Folklore

Capaz de elixir sitio, de construír novo castro ou castelo-pazo,  como pra coroarse de si mesma. E velaí o Pazo de Meirás encargado ao arquitecto de gusto romántico neomedieval a Vicente Lampérez, a imitación dos castelos escoceses, con predominio dun falso Románico, escenografía onde inspirase e crear a súa propia mitoloxía de quimeras irreais e invitados e compromisos reais, entre os que estaban mozos creadores como o pintor Joaquín Vaamonde, protagonista da novela “La Quimera”; tamén Beruete, Sorolla, LLoréns, Emilio Castelar, escritores como Unamuno...

Por algo o  de “Magnífica, absoluta, soberana”, a dedicación que Rosalía Castro escribe con precisión e quizais con certa retranca na dedicatoria dun abano que lle solicitou a  condesa

 

No 1881 o compostelán, krausista, xa asentado en Sevilla,  Antonio Machado Álvarez  (1846-1893), “Demófilo”, (pai dos poetas) crea a Sociedade Española de Folkore, o que fai a partir de iniciativas e modelos ingleses  que nacen por aqueles anos. Enténdese o folklore como “ o espirito do pobo”, a marca identitaria e así se recolle nas “Bases de la organización de el Folclore Español, sociedad para la recopilación y estudio del saber y las tradiciones populares”. Machado ponse en contacto con amigos e personalidades que poden comulgar coa mesma ideas, entre as que, sen dúbida, está o seu amigo Manuel Murguía. A través de Francisco Giner acude á omnipresente Emilia Pardo Bazán. Ambos intelectuais galegos, por cada súa parte, inician con ilusión os seus traballos. A condesa acolle a iniciativa, agradece e sinte converterse en representante de Galicia a través das “esencias” da súa Terra , aínda insistindo en que “sabe pouco de tradicións” pese a tratalas nas súas obras. Murguía era ademais unha fonte de relacións e noticias, coñecía ben o país, entusiasmado e en silencio, reúne ao seu equipo de escudriñadores de tradicións, que son curas, estudantes, sabios locais que lle pasan cantares, contos... Pola banda que lle tocaba á condesa, esta aproveitando a súa estancia en Marineda para un simbólico 29 de decembre de 1883 - cando se anuncia a noite das fogueiras de San Silvestre e un brinde para os mellores desexos dun ano novo - convoca na súa casa a grupos capaces de contribuír a esta tarefa. Entre os convidados está o seu libreiro, Martínez Salazar, o editor Fernández Latorre, Ramón Pérez Costales, Fanny Garrido, así como  o mesmo don José Quiroga... A  escritor matiza “ El folklore...no es político, ni religioso, ni revolucionario, ni reaccionario, no tiene color ni bandera...”.Entendese que falte Murguía que desaparece desta iniciativa que parece capitanear a condesa, misión que aquel dedica cos seus colegas da “Cova Céltica” a idear e crear a Academia Galega, que inevitablemente e polas ansias da propia escritora nomearaa “Presidenta de Honor”.

 

A Pardo Bazán estaba encantada co encargo da Sociedad de Folklore, sentía reforzar o símbolo tradicional das “Matris galaicis”  xa nomeadas polos romanos, representadas no barroco por unha alegoría de matrona coroada e facendo gala de todos os estandartes de Galicia.  Na Coruña dos parladoiros e do Circo de Artesáns, visualizábanse as tendencias representadas por Murguía e por Emilia Pardo Bazán, a galeguista e a cortesán.

 

“De mi tierra” da  Pardo Bazán versus “Los Precursores” de Murguía

 

“De mi Tierra”, de Emilia Pardo Bazán, publicada en 1888, despois da publicación de Manuel Murguía “Los Precursores” (1886) , libro do esposo de Rosalía cun antoloxico e sentido prólogo no que o autor aclara que está escrito coa ansia de que “Cuanto era de Galicia, cuanto se refería a su pasado, cuanto tenía relación directa con su porvenir, todo era objeto de nuestro estudio y observación; pués queriendo levantar un pueblo, preciso era que se conociese  bien y pronto ” Murguía insistía aos do seu circulo, comezando polos da casa que recolleran e plasmaran as tradicións, repetíalle ao seu fillo Ovidio, pinta aquelo que se perde, as ruínas do pasado...onde acougan as fantasmas. A Condesa respecto ao seu “De mi Tierra” di que é  “referido a autores, libros, monumentos e paisaxes de mi tierra..” á inspiración e sentimento de Galicia que atopa nas “cosas familiares”: firme declaración dos principios éticos e estéticos da escritora, o seu auténtico retrato literario. Páxinas que non teñen desperdicio para un análise psicolóxico e sociolóxico da autora. Meditada antoloxía de artigos que compre  ler pra xulgar con liberdade. Páxinas nas que se refire a Rosalía de Castro, da que dicía, con certa retranca que irritaba a Murguía ser “el primer poeta regional”...., refírese tamén a Lamas Carvajal, a Pondal, a Benito Losada e sobre todo a Feijooo do que aclara ser o maior representante de Galicia... Parase en describir o Mosteiro de Celanova, o Castelo de Sobroso, Ribas de Sil, Compostela, Marineda...e fai profundas críticas ao arte popular galego, de cruceiros e petos de ánimas, o que atopamos no artigo “El País de las Benditas ánimas”, impropio da representante galega da “Sociedad de Folkore”.  Argumentos que levaron  ao Alcalde de Mondariz a desmontar moitas destas mostras de arte popular do seu concello....Asunto sacado á colación por Castelao.  A condesa xulga ademais as galerías coruñesas, “quitapesares” populares, incorporadas á arquitectura culta modernista, como “grilleras”.... Para finalizar esta obra na diatriba “El gallego ¿dialecto o idioma?”, onde a escritora respecto ás cuestións rexionalistas, guiadas por Murguía asenta que “ahí tengo que pensar despacio” o que, pese a esta contida reflexión,  fai dende a súa óptica cortesán.

7- Setembro 2021