A VELLA AMIZADE DE XOSÉ MARÍA CALVIÑO COS DE ´NÓS´, ENTRE A DE OUTROS CARBALLIÑESES
Repaso de amizades e compromiso de carballiñeses coas máis emblemáticas figuras da Xeración ´Nós´. Entre eles, Xosé María Calviño, Alfonso Vazquez Monjardín, Paco Mares, Porfirio, Chamoso... e o meritorio programa cultural de Manuel Blanco Quintela,
Xosé María Calviño Mariño (Figueroa, Cerdedo 1892- Arcos, Carballiño 1971), foi vello amigo da familia de Otero, ao que don Ramón insistía que escribise a súa vida: pasara pola Arxentina, Coruña, Lalín, Vigo, o Carballiño..... protexido de Basilio Álvarez, amigo de Vilar Ponte, de Cebreiro... de Castelao, de Cuevillas, mesmo Risco fora padriño de voda (1928), casado Escravitude Moure, natural de Cameixa, Boborás, da que tivo dúas fillas, Dolores e Ángeles, afillada de Otero, esta, a menor veciña de Arcos e benquerida no Carballiño; a maior, no 1956 emigra a Venezuela e logo a Puerto Rico ... Calviño era anarquista, experimentado e convencido galeguista, leal seguidor de “Nós” aos que acompañou nesa esencia de servir ao “espírito” de Galiza, e o espírito é a cultura. Lembramos a Calviño detrás do mostrador das oficinas de Correos da rúa de Ourense, finalmente nas da Alameda...co seu cabelo canoso, eléctrico, alporizado, como un aura Einsteiniana, coa garabata de loito, metido nun ritual mecánico, burocrático, teatral tamén, estampando selos, queimando lacre entre arrecendo case sacro... e saudando “bienvenido hermanoooo”.... Otero ecribia dil “ Home de gran corazón, que si algo tiña de torto era a súa garabata”. Historia ben perfilada e compartida polo profesor de Lalín Manuel Igrexas Rodríguez no seu exemplar blog “Historias do Deza”. Malia que, a súa filla Angeles, que coidou e entendeu ao seu pai, prefira silencio. Teño que dicir do gran aprecio que lle tiven a Calviño, como lle tiñan os meus, que non esqueceron os anos de ensaio de teatro dirixidos por el, obras de Charlón Arias, Prado Lameiro co elenco de Munín, Manolito Godas, “o Birria” e a Muñeca, miña nai...cando entre eles se atopaban imitaban ao actor “Tacholas”, tirando foguetes e petando cos zocos nas táboas do escenario: Xiiiiiiiisssssssssssss.....Puuuuuuuummmmmm. Calviño animaba os meus artigos e regaloume algún libro vello dedicado polos seus “irmáns”.
Atopamos moitas referencias á familia Calviño nas “Cartas á Nai” de don Ramón, edición de Patricia Arias e Mónica Pazos, onde se denota a vella e fonda amizade deste coa casa de Otero: a nai de Otero da conta, de xeito familiar da estancia en Trasalba ou en Ourense das fillas de Calviño, pra durmir, pra xantar, do regalo que lle fan a Fita, a esposa de don Ramón, duns panos “muy bien bordados....” a ida da menor á casa de don Ramón en Santiago, como alumna del, pra estudar alí, engadindo que se aloxan na fonda da rúa da Troia... como Fita as leva ao cine... cando a maior se despide e parte pra Venezuela....
O vencello de afinidade co Carballiño nunca o perdeu don Ramón, solicitado por Calviño ou por Rumbao pra Colaboracións literarias, dende 1951 para o “Ambiente”, impreso nun gris e arruinado mosteiro de Oseira, escola pra nenos difíciles, onde facían queixos, chocolate e tiñan imprenta...Tamén puxo fermosa limeira Otero ao feixe de versos de Fariña Jamardo “Poemas ao xeito vello para unha vila nova” 1957. Don Ramón estivo moi presente en delegacións que representaban ao Carballiño, mesmo acompañou ás xerarquías ourensáns cando se Consagrou o Templo da Veracruz, o 17 de setembro de 1952... Aspectos dos que Calviño, como delegado de prensa, daba boa conta en “La Región” ou en “La Noche”. Neste caso non podía ser pra menos pois o arquitecto Antonio Palacios, de fondo sentimento galego, era vello coñecido de don Ramón e de Calviño, “Arquitecto da Raza”, promotor e colaborador de “Nós”.
Manolo Blanco Guerra “Celta”, Otero Pedrayo, Ogando... e a “Festa da Mimosa”
Don Ramón non sabía dicir que non a quen o reclamaba e velaí eses seus textos para esas xoias de literatura local que son os programas das festas do San Cibrao do Carballiño... Andados os anos sesenta o Club Veracruz organizou no cine Alameda unha conferencia del sobre Castelao, Manolo “Celta” (fillo) e Pepe Prada fórono buscar a Trasalba, e ser presentado por Luis Martín. Lembro ben os aplausos da xente a cada frase do orador... Imprescindible era Otero no tempo en que recenden en marelos os pompóns das mimosas e anunciaban o Entroido era cando o Casino do Carballiño dende 1967 e sendo alcalde Javier Perea, da man de Manuel Blanco Guerra “Celta”, leal devoto de Otero, convoca a Festa da Mimosa, un encontro literario con toda a liturxia de Raíña, mantedores, escritores, oradores...Ramón Otero Pedrayo nunca faltaba, acompañado de Julio Francisco Ogando Vázquez, tan temido por nos, os seus alumnos “por libre”, natural de Beariz, incondicional como mantedor desta festa, gran orador, elegante e ao que don Ramón cualificaba como “a voz da montaña”. Noutras ocasións traído e levado pra conferenciar polo lembrado amigo e viaxante de comercio, Antón da Ponte. Polo demais don Ramón, preferindo as camiñadas peripatéticas, ante o desafío espazo-tempo non lle quedaba outras que ir usando os novos sistemas de transporte, o autobús, que dicía ser como un gran teatro. Asiduo nas estacións de autobuses, esperando o Auto industrial, o Castromil, o Pereira....
Non foron fáciles os anos estertóricos da ditadura, cando se asolaga o mellor Ribeiro do Miño co encoro de Castelo, o Tribunal de Orde Público, as penas de morte...pero anos tamén de reorganización política, do nacente asociacionismo, onde agás na “Auriense” presidida por Nemesio Barxa era frecuente a presencia de don Ramón, de Xocas ou Ferro Couselo pra impartir clases de idioma e cultura galega, namentres outros colectivos entendían aquel mundo herdeiro de “Nós” como “folclórico”
Textos de Otero de letra enguedellada, as que me pasaban pra interpretar e transcribir, como o fermosísimo prologo do libro “Poemas e Contos da festa da mimosa” (1972), que ademais inclúe un debuxo e un pretensioso conto meu que fora seleccionado nos concursos do 1971,72. Organización entre a que se ve, como tantas veces, a man silenciosa de Pepe Prada. . Entre as iniciativas de Manolo “Celta” está a que no mes de Santos do 1973 levou, a xeito de peregrinación rosalián, a unha comitiva carballiñesa á recen rehabilitada Casa- Museo de Rosalía na Matanza de Padrón. Aquí fíxose unha ofrenda de xerros de parede, a xeito de vieira, deseñados por Díaz Pardo en Sargadelos... Hoxe unicamente queda a foto daquela instalación. Recorrido que incluía unha visita ao sartego de Rosalía en Bonaval, onde alguén pedindo responso e non habendo crego, o mesmo don Ramón, sabedor de latín, dos “Dies Irae”, improvisou un Credo e ate unha beata que por alí había dixo “ Din que andan na procura don Arcebispo, pois este Señor ben servía qu retornea ben os responsos”. Iso conta don Ramón nunha epístola a Martínez Risco... tempo aquel no que Compostela, despois da morte de Quiroga Palacios estaba orfa de bispo .... . (“Ao abeiro da Amizade” 1926-1976) cartas Otero- Martínez-Risco” ( 2021). Habería moito que contar dos encontro, xantares, entre Quiroga Palacios, Otero, Chamoso, parladoiros nos anos nos que este atopou na catedral a campa de Teodomiro.... Hai epístolas entre Otero e Chamoso, entre o vello profesor e o mozo arqueólogo, membros do Seminario de Estudos Galegos, vellos amigos.
Pouco despois dunha Fesa da Mimosa, no Entroido de 1973 un forte vendaval derrubou sobre os tellados da casa de Trasalba... a exótica árbore a “Araucaria” a que plantara o pai o día que nacemento do seu vinculeiro, un 5 de marzo do 1888. Mal presaxio... Escribinlle a don Ramón querendo compartir o pesar. Nesa espiral o 9 de abril do 1975 morre dona Fita e o 10 de abril do 76 o pasamento de don Ramón, amortállano de franciscano, como el quixo seguindo tantas tradicións dos franciscanos nos ribeiros...e de cadaleito un caixón feito coa súa “Araucaria”.
10 Decembro 2021