FLORES, O BARRIO DE A PARTE DE ATRÁS DO CONCELLO DO CARBALLIÑO

Ampliar: Flores, Curral (Foto Felipe L. López 1962)



Flores é o barrio no que radica a orixe do Carballiño, o dos arrieiros e feirantes. Trátase de casas homildes, de cachote e madeira, con parra diante, as que beirean os camiños que , por Señorín, levaban aos Ribeiros. Reino dos alcumes e do traballo

Curioso topónimo o de Flores, o que - polo camiño fácil - asociamos coas flores. Mesmo, ao cabo do tempo, déuselle ás labirínticas canellas deste barrio orixinal do Carballiño o nome de mirto, loureiro, xasmín... E quédome coa teoría do meu amigo César Varela, quen mirando ao  historiador portugués A. de Almeida Fernándes, coida que mais puidera ter que ver cun antropónimo de tradición medieval derivado de Froilán, como acontece en tantos “Flores” que se repiten polo mapa de Portugal e outras partes do mundo hispano.

 A urbanización do Carballiño, dende os seus comezos, deulle as costas a este barrio, como a parte de atrás da Casa do Consistorio. Situado entre os camiños do Sur, os que pola Carreira  pola Pena levaban a Dacón, Maside e aos ribeiros do Barbantiño e do Miño. Rúas que, nos inicios do século XIX,  esgaiándose un chisco, conducían ás orixe da mesma vila que era a parroquia do San Roque de Señorín e Santiago de Partovia pra seguir cara ao Ribeiro do Avia, o da Encomenda de Beade e o dos Condes de Ribadavia... E entre uns e outras vías un enguedello de cutiños, carreiros, cómaros... que ao mesmo tempo relacionaban coutaban propiedades

 Así pois aquel humilde e traballador barrio de Flores, costa abaixo, tiña os seus límites, un xeito de fronteira ben marcada: detrás do Concello e nun lateral da Igrexa Vella, hoxe rúa Cesáreo Tizón e onde estaba a que foi grande “Casa da Orde”, desamortizada, divida en tres partes, a máis grande que sigue sendo do bispado e na que viviu a Zamorana, muller de médico...logo a do Andrés Rodríguez e finalmente a nosa, a única que mantén a estrutura orixinal:  o gran portalón do que foi e que hoxe so da saída e paso a lembranzas que esvaecen. Casa que tiña outro fronte,  ben coidado,  cara á Eira.

 O primeiro núcleo  de Flores conformaríano as casas que abeiraban a verea que dende a capeliña do San Bieito (onde a inicios do sc. XX se construíu a primeira parroquial) a que, pola Eira  seguía cara ao Mato e Carrás, para acercarnos a Señorín... Décadas despois, pola devandita traseira do Concello abriríase outra máis ampla rúa, con alhóndiga e que, pouco mais abaixo da fonte de Flores encontraríase coa  primeira. Logo, nos anos 50 do século XX construiríase a máis ancha cara Señorín, en paralelo ás outras. Este era o improvisado urbanismo trazado polas xentes da feira. As fontes, coa súa pía - tan necesarias pra vida, especialmente pro gando - dan proba deste urbanismo que sabía recibir e despedir coa bendición da auga: beber e lavarse. Asunto das fontes moi coidado pola ilustración municipal do pasado.  

 Eran aquelas primeiras casas, elementais, baixas, porta e dúas xanelas, unha a cada banda, feitas de cachotería, incluso moitas de táboas de madeira, xi acaso cun piso, iso si, estas, as máis potentes, co seu patín e solaina , onde no fonte non faltaba unha parra pra dar sombra no verán,  nin o seu resio pro carro, pro almacenaxe de leña, pro lecer ou pra ver medrar e florecer unhas plantas. Algunhas destas casas rodeaban un curral pra usos comúns, un xeito que pervivía tomado do xeito de colocar en roda os carros.

 Ao cabo dos anos, as diferentes corporación non souberon equilibrar o pasado coas novas necesidade: o aumento de volume das edificacións en todas as direccións provocaron a imaxe do desbaraxuste que aínda vemos e como asoma cabeza por detrás do mesmo edificio do concello.  Nin se preserva o vello, nin se lle da categoría ao novo.

 Palleiros, cortes complementados con casiñas elementais tanto pra vivir como pro afumado dos produtos da matanza, sequeiros de peles.... Canellas que atravesaban entre e baixo as casas-pontillón, unindo as dúas vereas

E resulta curioso, onde non deu tempo máis que a construír dous humildes cabaceiros: o da eira de Flores e o do Maneiro, na costa de Flores...case a carón da Gazpara.

 Eran aquelas dependencias pra grupos de feirantes de diferentes procedencias e que quedarían asentados na vila: Rodríguez, Francisco, Pereira, Reque, Piteira.... Devotos  do San Bento por desexo de Oseira, de San Francisco e  de San Antonio polo paso dos franciscanos que se movían nestes ambientes... e sobre todo o primeiro Patrón de Flores era o Bon Xesús, advocación moi indicativa de grupos de portugueses que aquí  tamén se asentaron.

 Casas nas que non faltaban emparrados, os que, envellecidos, resisten

 Aqueles primeiros establecidos eran gandeiros e labregos, os que ao mesmo tempo se foron facendo con  eidos e lameiros nas ribeiras do regueiro... taberneiras, panadeiras, carpinteiros, toneleiros, follalateiros, paragueiros, talabarteiros... algúns iríanse facendo poderosos xamoneiros. Xente de lería que ben sabía celebrar a feira, a romaría e a festa que lle daba vida.

 Xa nada queda, sendo aquel o reino dos alcumes, de grande valor antropolóxico, algúns indicativos de procedencia, como Lentille, Riobó, Garabasa, Portuguesa.... como do oficio paragueiro... e  mesmo por características físicas ou teimas. Alcumes coa ansia de non ferir, non me gusta moito usar, aínda tendo unha boa relación deles e si o fago será sempre con toda admiración...pois quen isto mesmo escribe é dos Reque e fillo da Muñeca...como había os do Piros, as do Pico, as do Putos (e iso dos putos é polos nenos, quizais en relación con portugueses que tamén aquí asentaron) o Libiera, a Rispada, Macarrillos, Moitas, Auriñas, Huesito, Moucho, Preñado, Guisante, Chanchullo, Guisante, Lanas, Teta, Peta, Asombrado, Cegalagartas, Amarillo, Monigote, Estuka, Vidrinis, Piña, Furalta, Mazasa, Monada, Tupino.... nomes da miña infancia e moitos deles desaparecidos nos camiños da emigración.

 Entre aquelas casas, a máis antolóxica sigue sendo a que conserva a miña curmán Rosa Nuñez Muñoz e as súas fillas, a que foi do Benito Reque, co seu patín, solaina e parra e  no baixo a corte e a palleira que hoxe é a “Bodega”. Espazos que ,por certo,  mostran fotos, artefactos e memoria... Casas de feitura aldeán, no interior divididas por medianeiras de madeira, caleada, amobladas de camas de boa carpintería ou de ferro...auténticos museos do esencial, tamén de certa dignidade e pobreza, respecto a outras casonas de máis nova construción que dende mediados do século XIX comezaron a asomar á rúa principal e nas súas novas rúas paralelas.

 Casas,  as que case todas tiñan por diante, a modo de viseira de verán unha parra... Mesmo a Casa da Gazpara, en orixe a Gaspara dos Charrancas, pulpeiros por excelencia... tiña resio esquinado e emparrado especial sobre del . Algo que parece ser a Comisión Territorial de Patrimonio non entendeu ou non se lle soubo explicar. Emparrados, tradicións que sucumben.

 Unha das tabernas que para min era o embigo daquel Carballiño da feira era a taberna da Concha da Rispada: un pequeno e colledor alpendre pra recibir e dentro un amplo espazo de chan de terra de sabre ben pisado,  sobre del mesas longas, relavadas, brancas e gastadas por lixivia...o mostrador de madeira pintada de azul, un alzadeiro coas cuncas de louza branca e xerras tamén de louza decorada, de Talavera...espazos onde recendía a tinto espeso, aquel que facía o rosario ou o ollo de perdiz nas cuncas brancas...que pingaba nas táboas e improvisaba “Laxeiros”. Xa nos entendemos o que quero dicir. Por certo Laxeiro era ben amigo e rival nas mozas do Pepe Reque... Ese mundo da feira, da festa, do camiño, da taberna que está tamén na Arte.

17 Marzo 2022