VEREMUNDO ARIAS TEIXEIRO, DE CABANELAS, PERSOEIRO BARROCO NOS ANOS DA ILUSTRACIÓN

Ampliar: Veremundo Arias Teixeiro



Veremundo Arias Teixeiro (1742-1824) dunha sobranceira casa fidalga de Cabanelas.Persoeiro de ampla traxectoria relixiosa:Compostela, Salamanca, Pamplona, Valencia, cidade da que será bispo. Absolutista no debate liberal dos anos da francesada .

Xa se sabe moito máis deste histórico persoeiro, natural do Ribeiro do Arenteiro. O seu retrato campa na biblioteca do pazo de Lousada Diéguez en Moldes e quizais alí haxa máis sobre este retórico predicador que non foi indiferente a o tempo convulso, entre liberais e absolutistas, que lle tocou vivir. Mesmo don Ramón Otero Pedrayo que ben coñecía as pantasmas galegas dos tempos da Ilustración, referíase a il con tino, cando tocaba estas terras e dicía que era de Moldes, seguro polas referencias dadas por Lousada. Agora, nestes anos de pescudas, de teses, xa se sabe máis e a Academia da Historia publicou a estrutura dunha súa biografía que abre portas que abren a dar máis de si.

 Os solemnes pazos do ribeiro do Arenteiro, como son os de Banga , Cabanelas, Moldes ou Pazos, gardan antigas historias que tamén resumen as  pedras armeiras que coroan os seus portalóns, como marca da casa e da fidalguía. Estruturas que se complementan con documentos e artefactos moitos deles perdidos ou espallados polos anticuarios. Ao respecto caeu nas nosas mans a oración fúnebre pronunciada ante un solemne catafalco de traza neoclásico montado na rotonda das Escuelas Pías de Valencia. Predica dada polo reverendo Lorenzo Ramos de San Blas, Reitor do Seminario da Orde de Clérigos Regulares das Escolas Pías. Libreto impreso en Valencia no 1854. Paxinas aburatadas pola couza e os ácaros, con manchas de tinto que cavilamos ser de Cabanelas e nas que entre a retórica barroca, teolóxica e bíblica se enguedellan aspectos da vida deste fidalgo conservador.

 Dise nesa oración que Veremundo Arias Teixeiro é fillo “dunha familia noble, antiga, rica de virtudes e non de escasos bens de fortuna...” do Pazo de Fondo de Vila, en Cabanelas, estruturas que, no noso tempo e entre soidades o mestre construtor Adolfo Otero Cerdeira se empeñaba en devolver ao seu esplendor, repoñendo estruturas e salvando documentos. El formado nas tradicións, nas obras da Veracruz, ben sabía que poñía lle tocaba as mans a un  “genius loci” histórico.

Veremundo era un eslavón  máis dunha prolífica e influínte saga familiar. Fillo de Anselmo Arias Teixeiro e de Catalina Rodríguez Carreiro, de tíos ben coñecidos na orde dos bieitos,  como Pedro Arias Teixeiro, abade do mosteiro asturiano de San Juan Bautista de Corias e de  Anselmo Bartolomé Arias Teixeiro, abade de Silos e logo  bispo da calabresa Cortona e da siciliana Agrixento, os que axudarán a sinalar o seu destino. Casa tamén na que máis tarde, no 1780 nacería Manuel Ramón  Arias Teixeiro de Castro, sobriño dos anteriores, bispo de  Santander. Pazo de Fondo da Vila, con aura mística, alquímica que nimbará aos que, aínda despois sairán desta casa, como os irmáns Anselmo e Antonio Arias Teixeiro, seguidores do gótico Raimundo LLul, dous referentes da ilustración, filósofos, místicos que entran en contraste coa razón, coa alquimia, coa ciencia, coa matemática. Estudosos e precursores da vitivinicultura nos seus ribeiros. Saga da nobreza rancia emparentada entre si, biografías que son guións cinematográficos, ben coñecidos e fonte de inspiración pra autora dos Pazos de Ulloa, a Condesa de Pardo Bazán. Figuras curiosas de Anselmo e Antonio estudadas polo boticario e historiador da ciencia Miguel Álvarez Soaje, quen ten aberto moitas portas de luz a algo que parecía esvaecer. Como os estudos xenealóxicos sobre a longa familia dos Arias Teixeiro realizados por de la Peña Vidal ou as pescudas de Frutos Fernández González como as referencias do lembrado profesor cabanelao en Alemaña, Xaime Ferreiro Alemparte.

 O devandito Veremundo, nacido un 21 de outubro do 1742 e  bautizado en Santa Baia de Banga un 6 de febreiro de 1743 co nome de Benito Antonio, santos moi na devoción desta súas terras e moi indicativos da súa personalidade: a Teoloxía con canto supón de ponte, de palabra e arte  co a humildade do Santo de Asís. Cousas así ténnolas contado naquelas visitas o lembrado párroco don Francisco Lovelle. Naceu  pois aquel Arias Teixeiro nos tempos das luces, da razón, da Ilustración, do neoclasicismo, pra moverse entre as sombras herdeiras do Barroco. Neno, con posibilidades e  que como moitos outros fidalgos , de non escoller o camiño da milicia escolleu o  da relixión. Conta o predicador das súas exequias que nel destacou a memoria, o enxeño, a capacidade pra oratoria, o don da literatura e di que “Veremundo ya no cabe en su patria. Santiago ciudad célebre fue el teatro a donde le mandaron sus padres... flujo y reflujo de la bulliciosa concurrencia de millares de jovenes, que estudaindo las bellas letras, perdían las buenas costumbres”.  Era aquela Compostela un obradoiro de Barroco que se debatía no neoclásico. Pasa logo a Valladolid, para tomar o habito, un 14 de outubro do 1759 no mosteiro asturiano de Corias, a carón do seu tío, mudando o nome  de bautismo, Benito Antonio, polo de Veremundo, nome, propio da Gallaecia suévica, entón xermánico, do que deriva Bermudo, Bermudes... Bermudo I foi un rei da Gallaecia do século VIII, protexendo as reliquias dun reino cristián das razzias islámicas nos montes da Asturicense.

 Seguidor de Cicerone, Salustio, Horacio, Virxilio... o clasicismo está nas súas lección, as ferramentas que lle permitirán transmitir, seducir con esa , destacando polo brillo  e o maxín que pon nos seus sermóns, “mueve, convence, persuade... de Lengua de Oro” ...

 O bieito mozo Veremundo sigue os seus estudos de Teoloxía e Filosofía en Irache, Navarra, onde adquire o grado de bacharel no outono de 1781, para logo e at o cambio de século, incorporarse á universidade de Salamanca da que será profesor de teoloxía e mesmo abade do Colexio de San Vicente, onde elabora un plan de estudos para os colexios monásticos. No 1803 Carlos IV propono para o bispado de Pamplona, o que acepta ao seu pesar de preferir as prédicas polos camiños dun tempo convulso entre a relixión e a razón. A súa despedida de Salamanca foi tan apoteótica como a súa entrada na capital de Navarra, onde é recibido un 17 de Xuño de 1804. Aquí a súa xestión caracterizouse polas construcións, por unha incansable misión e a xenerosidade cos máis humildes. Conservador de teoría e praxe fronte ás campantes ideas revolucionarias, volterianas, napoleónicas. Negouse a admitir a Xosé Bonaparte, o que lle costa a persecución, polo que no 1809 fuxe a Lérida, despois na mesma provincia pasa a Cervera e logo a Mallorca, mantendo o facho absolutista e mesmo reclamando a volta da Inquisición, oposto á exclaustración relixiosa, contrario á Constitución das Cortes de Cádiz... no 1803 é elixido a deputado a cortes por Ourense, e Presidente da Comisión de Instrución pública. No 1814 Fernando VII preséntao para ser bispo de Valencia, cargo do que toma posesión un 25 de marzo de 1815. Aquí deixará fonda pegada, como fundador dunha casa pras misión, reedifica o hospital, a casa de expósitos, o pazo episcopal...caracterizado pola súa humildade.

 Dende os seus principios contrario igualmente á Constitución de 1820 polo que supoña na extinción dos mosteiros e canto isto supoñan pra a educación relixiosa e custodia do patrimonio. Encadeado no 1820.

 Reclamado entre o ambiente clerical, de Compostela a Madrid. Pola súa lealdade Fernando VII tíñao proposto para primado de España en Toledo... pero ten que embarcar exiliado, pasa a Perpignan, logo a Toulouse,  onde propicia a expedición dos “Ci en mil hijos de San Luis” en defensa do Antigo Réxime, poñendo fin á Guerra Realista e ao Trienio Liberal. Grupo de voluntarios cos que retorna un 29 de decembro de 1823 pra ser aclamado como nos seus vellos tempos.

Condecorado coa Gran Cruz de la Orden de Carlos III e no 1816 coa  Americana de Isabel La Católica e membro do Consello Real. Finado nas terras valencianas de Villar del Arzobispo un 15 de febreiro de 1824. Enterrado con todos os honres na capela de Santo Tomas de Villanueva da catedral. Recordado como relixioso de casta e rango, filántropo, arriscado, leal e trotamundos, enredado nun debate entre o terreal e o espiritual os que teimaba en conciliar. Historias que a máis de contalas deberan facerse visibles e honrar os ribeiros nun museo de actores mais que de espectadores. Historia que da moito no que matinar.

5 Abril 2022