O PROFESOR DE DEBUXO, OS CARTEIS E AS INICIATIVAS DE FELIPE-LUIS LÓPEZ

Ampliar: Posado de Felipe-Luis ante o seu amigo de Foto Aurelio



Felipe Luis López ( 1921-1997) debuxante, persoa de iniciativas, colaborando na promoción da vila a través das artes da imaxe : dedicou boa parte da súa vida a elaborar os carteis de festas do Carballiño, un dos creadores da Festa do Pulpo.

Tamén esta historia - da que son tan parcial, por tela vivida - convén contala: Felipe-Luis López López (1921-1997), pai da miña irmá Gracia e meu, foi moi coñecido no Carballiño como profesor de debuxo no Colexio Isabel la Católica, tamén por ser autor de moi coidados carteis de festas do Carballiño, animador cultural en moitas iniciativas relacionadas con canto significou a vila, a fotografía, o cine, a televisión e un dos promotores da Festa do Pulpo no Parque, encontro con gran repercusión entre as festas gastronómicas.

 Asumimos que que hai certa lenda respecto ao lugar do nacemento, cousa que a el mesmo lle gustaba contar e adornar cun xeito de realismo máxico que tampouco nunca sobra. Aínda que o seu Documento Nacional de Identidade pon que naceu en 16 de abril de 1921 nas terras bercianas de Quereño, na outra banda do Sil, hoxe célebre polas canteiras e empresas da lousa. El contaba que nacerá nun trasatlántico en rumbo de Vigo a Bos Aires, e entón naceu a dúbida e un enguedello de onde poñer o seu nacemento: que si no porto de partida ou no de arribada, como no do primeiro porto de recalada, en Arrecife no Brasil, no lugar de nacemento da nai e do pai...  Familia Valdeorresa: nai da Rúa, pai de Quereño, emigrantes enriquecidos no negocio da importación de castaña. En Buenos Aires, pasa os nove primeiros años da súa infancia, ben lembraba Caminito, o Obelisco e a avenida Belgrano, gustaba dos tangos de Gardel e mesmo do mate do que coleccionaba cabazas e bombillas.... Para retornar a familia e edificar solemne mansión de “americano” a carón da estación do Barco de Valdeorras. Felipe Luis coa súa habilidade deseñou o enreixado daquela casa e decorou algunha estancia. Era o maior de cinco irmáns, estuda o bacharelato como interno no colexio dos agustinos de León, onde coincide e rivaliza con outros colegas que serían grandes debuxantes e pintores, entre eles o pintor astorgano, logo afincado na Coruña e presidente da Academia Galega de Belas Artes Julio Fernández Argüelles.

 Felipe- Luis inicia a carreira de Arquitectura en Barcelona, interrompida pola Guerra Civil, obrigado a retornar o mozo á casa familiar do Barco de Valdeorras, onde lle dan oficio como escribinte na Caixa de Reclutas. Aquí é, onde a través de amigos soldados desprazados pola guerra, se cartea, coñece e visita á carballiñesa María Asunción Gómez Muñoz ,«Muñeca» ( 1923-2003), unha Reque, afeccionada aos cabalos, entón estudante de sétimo de bacharelato no colexio das franciscanas, baixo a titoría de Chamoso Lamas.

 Felipe Luis era daquela, anos tamén envoltos na grisalla da emigración como nas tentacións do estraperleo do volframio, un mozo con iniciativas, apuntándose a toda novidade que abondase no Carballiño, moi a tento a canto significase o cine e a fotografía. Así é que aproveitando o paso duns amigos profesionais nestas artes, animou ao concello a participar  nun film promocional dos recursos turísticos do Concello, con argumentación do tamén mozo, inquedo debuxante e animador, Xosé Fumega, “Rincones Gallegos” era o titulo, onde os mozos Felipe e Muñeca interpretaran aos turistas de paso pola vila do Arenteiro, nun flamante “Doge” do entón potentado “industrial” “Pepe Reque”... O historiador Miguel Anxo Fernández da boa conta destes aspectos en varias das súas obras sobre o devalar da vila, a mais de seguir as inquedanzas cinéfilas do referenciado.  Parella que contraerá matrimonio no ano 1947 e terán  dous fillos Felipe-Senén (servidor) e trece anos despois María Gracia. Dende o seu casamento este matrimonio mozo establécese no  Carballiño, na rúa Mosquera 32, coa camisería e paquetería «Las Novedades», de vidreiras onde o noso biografado expón a súa capacidade decorativa como escaparatista. A un tempo que, dende fins dos cincuenta, Felipe-Luis impartirá clases de debuxo nun colexio en auxe, o “Isabel la Católica” que estrea nova arquitectura e internado, centro dirixido por don Xoán Corral.

 Familia que se suma a toda actividade cultural nun Carballiño singular, caracterizado pola sua vida comercial e festiva, en espazos como el «Sporting Club», a creación del Casino, a organización do Carnaval  … Afeccionados e pioneiros no campismo no caravaning, á fotografía, á  filmación, ao cine e a toda innovación. Promoverá a edición de tarxetas postais e souvenirs da vila; en colaboración coa electrónica «Cerviño»  adiántanse en Galiza á instalación dun poste retransmisor da TV no monte da Medela que permite ver as primeiras emisións no innovador «Café Royal» como no “Peñasco” e nalgúns chalets.

Mestre do compás do cartabón e da rotulación

 Amante da documentación gráfica, do coleccionismo, curioso, experimentado.... Colabora integralmente con varias iniciativas cinéfilas, con equipo de filmación de 16 mm, nos anos cincuenta proxectando películas de Charlot e do Gordo e o Flaco nos salóns do «Auxilio Social» na Avenida de R.Soto, así como en varias parroquias. Participa limitadamente na iniciativa empresarial familiar del «Cine Reque» e logo  tamén co «Alameda» e «Rivas»,  servindo ademais de improvisado operario de máquinas cando faltaba o “oficial”, a un tempo que facía os cartelóns exteriores de anuncio dos films... Na década dos sesenta, sendo “Concejal de Parques y Jardines”, en representación polo Tercio Familiar, toma a iniciativa de repoboar o Parque con árbores autóctonos, promovendo a «Fiesta del Árbol», actividade sensibilizadora que contará coa participación de escolares. Así mesmo con Ramón Valeiras y Luís Padrón, será ideólogo e creador no 1962 da «Festa do Pulpo»  primeira celebración ou gran romaría dedicada a enxalzar un produto da cociña tradicional galega, imitada por toda Galiza, onde as vilas toman exemplo e suman ás festas dos santiños outras dedicada agora aos produtos da Terra. Festa inicialmente incorporada ao programa do mes de Setembro e que , de inmediato, se pasará ao segundo domingo de agosto como recurso estival.

 Dada  a habilidade de Felipe-Luis para  o debuxo, especialmente para a rotulación e a xeometría, mestre do compás, da regra e do cartabón, foi premiado, dende os primeiros anos da súa estancia no Carballiño na elaboración dos carteis de festas patronais e ilustracións dos programas. Celebrados carteis de festas, solicitados e incluso imitados en grandes cidades, testemuños de época, orixinais e reproducións de imprenta que garda a familia. Asuntos que foron a máis nos tempos do gran impulsor desta Festa do Pulpo, os a nos do alcalde Argimiro Marnotes.

 Na segunda metade do século XX poucas eran, nas Terras do Carballiño, as festas, os protocolos, as agrupación culturais ou empresas que non encabezarán a súa actividade cunha pancarta. Nin había bombo, bandeira ou estandarte decorado, logo, encabezamento e ilustracións de revistas carballiñesas, que se solicitase o seu e deseño e rotulado ao noso biografado, o que facía desinteresadamente. Alégrame ver, aínda, recorrer o mundo dos autobuses de “A Montañesa”, rotulados con ese logo MM,  suxestión montesía, nacida cun xogo de plantillas. Así que o mostrador de “Las Novedades” servía ademais de mesa de traballo... Como toda obra artesán, moitas das obras de Felipe Luis están sen asinar: si a caso cun «F.López»  e despois como  «Felipe». Despois dun ictus e dous anos lenta rehabilitación o seu pasamento aconteceu no Carballiño en 20 de Decembro de 1997 e está enterrado no panteón familiar de Señorín. Unha entre tantas vidas anónimas que colaboraron a darlle luz e cor ao Carballiño do controvertido século XX ... e ao sabela e tela vivido en boa parte, compre contala.

1 Maio, día do Traballo e de San Felipe 2022