O PASADO E A BASE DA BIBLIOTECA MUNICIPAL DO CARBALLIÑO

Ampliar: Bibiblioteca Carballiño 1958



No 1958 estando de secretario do concello do Carballiño o intelectual Xosé Fariña Jamardo créase a Biblioteca Municipal. Insitución modélica por contidos, concurrencia, intercambios e actividadades.Alí aprendimos a furar no universo

As bibliotecas, os museos, arquivos, cines ou sociedades culturais, como necesarios complementos da educación que son,  significan o estado cultural dun pobo ou dunha comunidade. Institucións para servir, para formar informando, para educar, sempre en evolución e máis aínda deberan  nestes tempos marcados por novas tecnoloxías. Bagaxe que transluce no roupaxe das cidades, nos comportamentos, en canto significa a cultura como valor de uso, máis que como de consumo ou cerimonia na que acaba sendo.

 Dende aquel referente da Antigüidade dun pobo culto que foi  en Exipto a Biblioteca de Alexandría - a que reunía o mellor dos saberes orientais, greocolatinos, clásicos -  ás sempre cambiantes e novas tecnoloxías, a ese plasma que levamos no peto e da resposta ao que ansiamos saber, non queda outra que levar ao debate o senso dunha biblioteca nos nosos días:  salas de andeis, rexistros, directorios e mesas sobre as que o libro adquire novos valores, onde non pode negarse o acceso libre, a comodidade, a actualización nesas novas tecnoloxías.

 Asumimos o camiño andado no coñecemento a través dos libros: dende o papiro, o pergameo ao papel; dende a Galaxia Guttemberg  aos plasmas e ao  universo internáutico, aínda en vertixinosa evolución e ogallá sirva para sementar o entendemento entre as culturas, sen perder o espírito que enriquece á humanidade.

 Nese multivariado universo o Carballiño é unha vila nova,  gabanciosa, nacida na encrucillada e da feira, con canto de si significou o século XIX: o romanticismo, abrindo vieiros aos “ismos” que conflúen no Modernismo. Así é que non deixou de man o crear asociacións, casinos, sportings clubs coas súas bibliotecas e hemerotecas, iso si espazos clasistas, de asociados funcionarios, adiñeirados  “americanos”, comerciantes e augüístas...a carón desa outra universidade popular, libertaria, de cantos e contos que son as tabernas e as cafeterías.

 Naquel romanticismo tivo o Carballiño un solemne Casino, conforme ás pretensións dunha vila que medraba, como poucas, ocupaba o primeiro piso daquel servizal reino de marabillas que eran  “ Las Colonias de Antonio Soto”, unha fachendosa botica onde había de todo: bazar, papelería, ferraxería... Salóns de casino con miradouros acristalados á rúa maior, con cortinaxes de beludo, cuspideiras de louza e do teito colgando metálicas lámpadas de gas... Espazos frecuentados por  bigotudos señores de sombreiro, chaleco, leontina...  sala de señoras cos  solicitados figuríns da moda parisina.  Coa súa biblioteca, como comprobamos polo selo de libros que aínda atopamos en librerías de vello e que levan estampado o de “Casino de Carballiño”...biblioteca  e actividades que, cesando naquel lugar pasaron aos baixos da Casa da Orde ou da “Zamorana”, nunha banda da Igrexa Vella, servizal espazo pra ensaios teatrais, corais, musicais.... Recollemos algúns daqueles libros: obras da Pardo Bazán, figuríns de moda, tomos sobre a exposición de París, sobre as razas do mundo, as Memorias de Ultratumba, a historia dos borbóns...

 Na metade do século XX naceu de xeito pretensioso o Sporting Club, no primeiro piso dunha casa de Cesáreo Sobrino, traseira na que estaba o Pavillón Neira, onde o xogo, o billar, a prensa, a creación dun club de fútbol e a formación de rondallas se impuxo á formación dunha biblioteca. Pouco máis dunha década despois nun piso sobre o Cine Rivas, unidos algúns comerciais  crean un novo Casino, proposta que vencella esforzos, colectas, para ter espazos novos como así será na rúa Mosquera. A biblioteca e a hemeroteca era un complemento necesario a esas asociación, pero claro, require un bibliotecario ou bibliotecaria e nunca foi a máis.

 Aquela concorrida biblioteca municipal atendida Por Angel Anta Cudeiro

 Aínda que naceu de xeito serodio, o Carballiño debera presumir da historia da súa Biblioteca Municipal, daquel pequeno cuarto creado para tal fin entrando no concello, á esquerda, namentres que ´dereita estaba unha, entón precursora, oficina de turismo e outra de trámites diversos. Biblioteca creada por Orde Ministerial de 13 de Xullo de 1953 e que cinco anos despois tiña case tres mil volumes. Detrás destas aventura fundamentalmente cultural e mesmo novidosas estaba o entón secretario do concello, o humanista, escritor e dinamizador cultural Xosé Fariña Jamardo, que, dende o nacemento desta iniciativa artillouna no Servicio Nacional de Lectura, fomentáronse os asociados e funcionaba de xeito exemplar o servizo de préstamo.  Sala nos que, se organizaban os libros en sinxelos andeis de madeira: historia, novela, ficción, arte... Non faltaba un moble coas súas gabetas e fichas . Aquela foi a  primeira idea de biblioteca que tivemos moitos, onde os máis solicitados e gastados volumes eran os de historia, de arte, novelas de diversos subxéneros...a poesía non interesaba tanto. E compre dicilo, naquela biblioteca dos anos da apoteose do nacionalcatolicismo, non abondaban os libros de propaganda e afección ao réxime e á beatería,  os que si atopamos noutras localidades.

 Biblioteca na que necesariamente non faltaban as obras da Pardo Bazán, mesmo as de Otero Pedrayo e Risco, nin enciclopedias... e notouse o incremento ata presumir a vila da súa  modélica e concorrida biblioteca, sumando os periódicos e as revistas máis solicitadas entón, entre as que máis “Blanco y negro” e os xornais “Abc”, “El Caso”,  “la Noche”, que cada luscofusco propagaba  o vendedor “Contreras” pola s rúas cun longo “Laaaa Nocheeeeeeeeee... ” moi lida entón no Carballiño, refuxio pra encaixes literarios de galeguistas.

 Biblioteca aquela de “garda”, queremos dicir con servizo cultural  permanente. Sempre co seu público. Sendo bibliotecario e factotum nun entón concello en mínimos de funcionarios, o sempre disposto a servir e compracer ao  cidadán, Angel Anta Cudeiro. Lembro como asiduos naqueles espazos ao Catrena, a Martín Aspilche, mesmo ao mozo Paco Chao, a Jose Isaac Corral, ao Pepín Prada... e como non, ao lembrado José Luis Pazo “O Pallón”, aquel grandullón de catro ollos e vida gastada entre libros. Alí sentados, a carón de gastadas mesas de despacho, reaproveitadas. Concorrentes sometidos ao imperio da lei do silencio, como tamén ao  espeso fume dos “Celtas” e do “caldo de galiña”... remexendo nos caixóns, entre as fichas, rotuladas a man con letra ben lexible e organizadas por orde alfabético, co apelido do autor, o título, editor, breve resumo do contido e estante de localización... Tampouco lle facía falla a Anta mirar onde estaba o libro coa súa etiqueta, con dicirllo xa ía dereito a recollelo alí onde estaba. Uns mirando entre os andeis, outros remexendo as follas de libros e periódico, así educámonos, aprendemos a ir ás bibliotecas, á da Deputación de Ourense, á da Universidade de Compostela...pero os sistemas mudaron, agora todo está informatizado, mesmo os profesionais están xa como mecanizados, tomos a man e nun plasma un universo de verdades e mentiras entre as que escoller.

 Coñecía ben aquela Biblioteca do meu Carballiño, pois  era un, de entre tantos, que acudía a solicitar o que se recomendaba, máis nas conversas de amigos que polos profesores. E así abrimos xanelas ao mundo, á curiosidade, ás viaxes, a arqueoloxía, a Galiza e á mesma “Vilamorta”... Entre as primeiras lecturas e polo seu sedutor carácter erótico estaba o gastado libro de tapas de cartón roxas, “Historia de los doce césares” de Suetonio, onde se suxerían as festas e orxías da  antiga Roma.... “Las mil y una noches” pra meternos na fantasía e na maxia do oriente. Lembro “Cuentos Chinos” e en especial unha tan singular, como inxenua novela que, naquela adolescencia, me introduciu no mundo da arqueoloxía e da etnografía galega, “Fida la hija del último druída Galaico” da autoría do salesiano compostelán don Xesús Carballo, curiosísima figura sobre a que despois indaguei, e que sería egrexia personalidade na arqueoloxía cántabra e coa que Galiza aínda está en débeda. Novela aquela, de arqueoloxía e imaxinación, á que volvo con frecuencia, que recrea sobre sitios e lendas en relación coa translatio do apósotolo Santiago: Iria, Castro Lupario, Pico Sacro, Santa María de Sar, Solovio e a Arca Marmórica... recomendei moito aquel libro, mesmo ao meu amigo Lolo Cores, a Aurelio Miras... Non fai moitos anos volvín a pedilo na nova biblioteca e xa non estaba...estaba a ficha e nela a anotación “extraviado”.  Localicei varios exemplares en venta nunha librería de vello e merquei media ducia deles para regalar aos amigos... dinlla a  Carlos Nuñez, a Manuel Rivas,   que algo comentou nunha das súas crónicas. E gardo un exemplar para repoñelo, si interesa.

 Xa nos tempos do Alcalde Javier Perea e sendo nova bibliotecaria a querida e lembrada Isabel Rodriguez Pereira, para os amigos e os de antes “Sabela”, pedíame consello de que libros solicitar, serían os west seller de entón, daqueles anos sesenta, “El retorno de los brujos”, “El coronel no tiene quien le escriba”, “La ciudad y los perros”, “Papillón”...e entre eles ir metendo as cousas de Castelao, que as de Otero Pedrayo, Cuevillas e Risco xa había algunhas e mesmo regalo do autor, entre os que lembro a “Civilización Céltica en Galicia” de Florentino López Cuevilas.  Biblioteca que tiña varias enciclopedias de arte,  a “Ars Hispania” moi necesaria para os estudos de entón e que, Sabela,  me deixaba levar pra casa, algo que non esquezo e aínda me sinto en débeda con ela e coa biblioteca, así que cando puiden mandeille as novidades e o que caia nas miñas mans.  Con Isabel Pereira alternaba naquela atención ao lector o vello amigo e persoal do concello, Paco Anta Vázquez, igual de servizal que o fora o seu pai, imprescindible en toda misión cultural carballiñesa, nas comisións de festa, na composición dos antolóxicos programas de man, carballiñés dos que máis.

 Andando o tempo e como en moitas outras bibliotecas tamén se practicou a desiderata, isto é o expurgo de edicións de noutrora, en favor das publicacións máis solicitadas. Discriminación que non defendo por esquecer o valor documental ate museolóxico e histórico dalgunhas edicións ás que sempre alguén volverá. Así é que moitos daqueles vellos libros que leron os da miña xeración xa non existen, nin as primeiras edicións da obra da Condesa de Pardo Bazán.

 Na década dos oitenta e recuperando pro concello a vella casa dos mestres, anexa ao grupo escolar, determinouse rehabilitala para  Casa da Cultura e Biblioteca, a obra encargouse aos arquitectos carballiñeses Maria Xesús Blanco , Fernando Blanco e Alfredo Freixedo, entenderon o continente como un espazo de luz medida, reconvertible e aberto ás ideas.  Nova biblioteca aberta no Entroido do 1989, para alí trasladáronse os fondos bibliográficos, con novo bibliotecario, experto en biblioteconomía, o meu tamén vello amigo, o carballiñés Xosé Vázquez González, inquieto por seguir, anovar, ampliar, manter vellas relacións cos antigos lectores, preocupado polo acopio,  aplicando saber e agarimo, aínda que tamén coutado por moitas limitacións de persoal, de espazo tamén e  mesmo por esas novas tecnoloxías ás que unha biblioteca non podía ser allea.

 Agora fálase de ampliar e subir un novo piso a aquel vello edificio, inaugurado en setembro do 1928, o que, urbanisticamente harmoniza co que foi vello grupo escolar, obra de coidade calidade dos tempos de Calvo Sotelo, deputado Maurista por este distrito e Ministro na ditadura de Primo de Rivera, aínda así coñecido como  o “Ministro bolchevique”.  Tempos nos que o Carballiño, Maside, Rribadavia, Ourense... foron correspondidos con obras públicas, tal como estas edificacións escolares, que seguían o plan do reputado arquitecto Jorge Gallegos Trenzani. Entendemos que o que se faga novamente debe artellar, coidar e seguir a harmonizar forma e fondo, estruturas históricas e funcións daquel emblemático conxunto.

 22 Dedembro 2022