Unha exposición en Ourense para furar nas orixes escultóricas galegas: “A Plástica Castrexa”

Ampliar: Trisquele de San Cibrao das Las



Comentario arredor dunha mostra de escultura castrexa. Fondos do Museo de Ourense que ofrecen un amplo repertorio de frisos, estelas, cabezas cortadas, guerreiros, sedente, tarascas...lazos, xeometrías, cosmogonías, imaxinario propio do mundo celta

A pedra é un dos elementos que marca a singularidade galega. De pedra é o chan, a casa, o altar, o cetro, o referente ou mesmo a sepultura. Por algo a lenda da Pedra do Destino e as barcas de pedra,, símbolos que vencellan os confíns célticos. Por algo tantos sitios e penas sacras, altares, santuarios cristianizados e aínda rodeados coas súas lendas e ritos. Onde nin faltan teorías que fan derivar o  antigo nome da Gallaecia, galos ou galatas e kallaikoi, quizais do grego, en relación coas pedras e coiales, “callaus” “callieux” que din os franceses, ( pelouros), como Rio Gallegos, mesmo Monte Galiñeiro ( entre outras desviacións aculturadas como Xalo...), cálculos ao fin, como ben enxerga e chama a atención o matemático Cesar Varela. Hipótese enfrontada á de galácteo, lácteo, branqueciño que no sc. VII propoñía o sabeotodo de Isidoro de Sevilla. O misterio sempre póndolle aura a este penedío occidente barroco.

O canteiro galego esculpe en castrexo como o verme da seda fai a seda...

A abundante pedra gra do país condiciona unha resposta cultural: “o medio xera mensaxe”...pois velaí o que se da en chamar a “estética da pedra”  a que caracteriza a moitas das creacións galegas. Referímonos a esa tendencia ao Románico, condicionada pola fraxilidade da pedra que leva á elementalidade, á rixidez, ao hieratismo, ao simbolismo, a acudir ao complemento acentuado da policromía, tendencia coa que, ao cabo dos anos pode o clima para esvaecer e perderse, para pasar a valorar a pedra espida, por si mesma, sen revestimentos. Diriamos que o creador galego fai escultura castrexo e mesmo románica como o verme da seda fai a seda... herdos implícitos no adn cultural.

A todas estas filosofías préstase a exposición, proposta do Museo Arqueolóxico, que neste mes de febreiro segue  aberta na sala de Afundación da Praza maior de Ourense: A plástica castrexa.

Na mente pervive a magna exposición que no verán do 2012 se mostrou na Cidade da Cultura, a de  Gallaecia Pétrea” :  neste caso un antolóxico recorrido pola escultura galega en pedra e partindo do vello mapa da Gallaecia que se triangulaba entre a Bracarense, a Asturicense e a Lucense e dende o Paleolítico até o noso tempo:  a pedra como a osamenta do país, a que sobrevive, un dos elementos aos que nos enfrontamos e usamos para vivir e definirnos.

Un museo referente que sobrevive “de prestado” pese a estar “pechado por obras”

Certo que un museo é algo inacabado, sempre sometido ás necesidades de conservar, estudar, expoñer, revitalizar a cultura, sometela ás novas tecnoloxías e programas educativos. No caso do Museo Arqueolóxico de Ourense continente e contidos dunha gran riqueza de contidos sometidos ás singularidades do sitio e da súa mesma historia, despois de varias vicisitudes atopar acollida definitiva chantado sobre o corazón das orixes da mesma cidade, o antigo pazo episcopal. Institución nacida na metade do século XIX, arredor dos románticos da  Comisión Provincial de Monumentos, conformando fondos que van de local en local, sufrindo variadas vicisitudes, cun momento apoteótico nos tempos de Marcelo Macías e a incidencia educativa que este astorgano tivo nos seus alumnos, na cidade, levando  ás primeiras escavacións no castro de San Cibrao das Las. Centro dende 1942 ate o seu pasamento no 1975 animado e dirixido por Xesús Ferro Couselo,  para de seguido retomar un programa de rehabilitación e revitalización intermitente que o leva a estar “pechado por obras” dende  o 2002  ate o presente, ofrecendo espazos expositivos alternativos como a mostra que ofrece nas dependencias do antigo Mosteiro de San Francisco, mantendo activas as demais misións da museoloxía activas: acopio, investigación, catalogación,  documentación, conservación, programa museográfico...

Como representar a eternidade: unindo nun lazo o cabo da vida co cabo da morte

A exposición ourensán que hoxe nos trae aquí, encabezada co nome de “Plástica Castrexa” e comisariada dende o devandito museo, ven a ser unha mostra dos seus fondos escultóricos, os dun tempo que acolle do nacemento ao fin da cultura castrexa, isto é dende o século VIII a.C ao II e a romanización, coa apoteose entre o IV ac. e o II d.C.. Bo traballo que segue as tradicións didácticas arredor das singularidades do mesmo museo, tan en relación coa identidade galega.

 Moito se pode enxergar e moitas preguntas se poden facer arredor destas esculturas: quen e cando se fixeron, para qué, qué simbolizan, o seu acontecer ... Mesmo detrás delas intuímos as sombras e os debates da xeración Nós, de Cuevillas, de Risco, de Otero Pedrayo....aqueles  “diferentes”, “inadaptados” duns anos románticos e modernistas, caracterizados polos grupos teosóficos, polas células, que fundamentaban a identidade galega no panceltismo, no cristianismo e que atopaban na cultura castrexa, con canto reporta de orientalismo, eses alicerces chegados tanto a través da beiramar como da meseta e mesmo reforzados por soldado romanos recrutados no Mediterráneo oriental, aos que se sumaban os galos e galaicos, de sona como aguerridos nos fronte de guerra... Fenómeno de orientalización avivado polo primeiro cristianismo, traído e espallado por aqueles mesmos soldados. Ei Armorica, Cornubia, Cambria,/ Escocia , Eirín, Gallaecia, illa de Man/ Son as sete nacións celtica fillas do pai Breogán...”, cantaban os de Ultreia e rememoraba na posguerra e con nostalxia Florentino López Cuevillas

 Esculturas cargadas de símbolos, inspirados en habilidades artesanais cotiáns, como as lazadas, a cestería, o tear...¿como expresar esa unión entre os dous cabos que configuran e religan a vida e a morte? Pois unido os dous referidos cabos dunha corda e trazando xeometrías, cosmogonías  (cat´s cradle), as primeiras caras de deus... Velaí unha das grandes marcas da cultura céltica, da castrexa, os cadrelos, trenzados e canto nace da matemática xeométrica. Ao final o certo é aquela poética reflexión, tan de Quevedo como de Ernesto Cardenal, de que ao final rematamos sendo polvo envolto no labirinto cósmico.

O ourensáns Cuevillas e Risco insistían na  “Civilización céltica en Galiza”....

Certo que os  cronistas greco-romanos da Antigüidade denominaban a estes confíns atlánticos como céltico ou celtibérico, para romanizalo fondamente e aínda máis cristianizado...máis non de todo, as esencias de orixe perviven, alónganse e anovan aquel animismo panteísta que interrelaciona paisaxe-paisanaxe, herdos do sentir oriental, indo, mesmo moderno, como o  de Tagore e Gandhi, asumido por influentes celta-cristiáns irlandeses como W. B. Yeats e que retomado por Risco  trata de afianzar a estirpe pacifista dos “bos e xenerosos”, como preconizaba Murguía. Ese orientalismo latexaba no mundo castrexo, o mesmo que, ao longo do tempo, será capaz de reconverter un caldeiro comunal céltico nun Santo Cáliz .

Entre os argumentos a favor do celtismo galaico a epigrafía tamén demostra tal filiación, velaí a estela de Crecente (Museo de Lugo), onde Ambulos, presume e deixa constancia da súa casta e rango, a de ser Tamarico e ademais céltico. Para máis velaí a profusión en Galiza desas insignias áureas, castrexas, célticas en relación con cosmogonías que son os torques...e  na plástica a  común estética dos cordados, as cabezas cortadas, os soldados galaicos, como lusos, vestidos de saia, “sagum”, quizais con torques ao pescozo e viria no brazo, coas súas caetras ao peito ( singulares escudos circulares) que mesmo nos tempos de Augusto, no cambio de era foi motivo acuñado no reverso dun as de bronce, tanto como símbolo da vitoria romana nos confíns, como gabando aos milites galaicos.

 E todo envolto nesas tradicións que artellan a paisaxe-paisanaxe, nun xeito de xogo da oca entre lais ou laios por paraísos que se perden, como a ascese que leva ao ciclo artúrico, á peregrinación...velaí as características desa civilización céltica, que abanderou Cuevillas, autor de “La Civilización Céltica en Galicia” (1953) e os seus seguidores, coa que se impregnou aquel Museo de Ourense, cando agora hai certo temores en asociar a singularidade castrexa co mundo céltico, irmán dos hillforts británicos... espello no que se miraban.

Plástica castrexa que poderamos alargar á decoración nos metais, á  áurea, en torques, arracadas, diademas. Onde non cabe outra hoxe que ter un referente bibliográfico esencial, a valiosa tese de Francisco Calo Lourido.

A pedra é a que perdura, complemento arquitectónicos do habitat castrexo,  decoracións e temas, teimas, crenzas que nos fan cavilar en elementos máis efémeros realizados en barro, madeira, cestería, coiro ...pouco conservados para o estudo arqueolóxico

Exposición pois na que manda a pedra e certo simbolismo abstracto, dous mil anos antes de Picasso, pois as limitacións da pedra obrigan a a agudizar a mente, abstraer e buscar símbolos.  Ao respecto ben teñen aportado as recentes escavacións de Castromao en Celanova, de Armeá en Allariz, San Cibrao das Las no San Amaro.

Velaí pois as cosmogonías, esas estelas circulares, trisqueles, rosáceas, lazos salomónicos, fórmulas apotropaicas que sobre as paredes das pallozas esconxuran o mal e que seguramente se complementarían con cal e policromía. Frisos con trenzados como o do Castro de Rubiás, trisqueles como os de Outeiro do Castro en Baltar, a celosía do Castromao... os  amarradoiros e couzóns, as estelas de Outeiro de San Marcos na Merca, como a pía da Capela de Folgoso en Esgos, cos trisqueles, a representación do xogo dialéctico das espirais, esta ofrecendo  policromía en azul e vermello.

Non faltan esculturas cos canzorros, berrôes, tan representativos neste sur ourensán, o que empata co Tra os Montes  e ata máis abaixo de Zamora.... Entre os que se fai sobranceira a escultura do Guerreiro de Armeá, coas virias ou brazaletes, e o colar-torques á gorxa, emparentado con outras esculturas deste tipo aparecidas na Bracarense. A abundancia de cabezas, algunhas posiblemente complementos  de un guerreiro, como a do Castro de Rubiá en Bande, a de Outeiro de Baltar, a Cabeza de Anllo, a de Rio Vilamarín. As cabezas cortadas cos ollos pechos do Castro de Armea, tan en relación coas tetes coupés célticas do castro provenzal de Entremont...

A casta e rango das esculturas d@s sedentes... con tantos vínculos orientais

A escultura feminina de San Cibrao das Las, o sedente de Perafita, a Teixeira con vaso en cada man e no traseiro da cadeira a representación astral dun trisquele, reafirmando a casta posiblemente sacerdotal, tan de tradición oriental, sumeria, que pasan polo mundo ibérico como a Dama de Baza... Na mesma liña o sedentes de Xinzo de Limia. A escultura do denominado “simio” de Castromao, en relación coas tarascas, os monstros imaxinados e que na cultura galega pervivirán en canicelos, gárgolas e nesa mitoloxía de tradición céltica tan ben coñecida e espallada por Risco como por Cunqueiro

Vendo o que está - o que se conserva, estuda e expón dentro de canto comportan os principios museolóxicos que poñen a proba a madurez cultural dun país que entende canto reporta a cultura como recurso - cabe tamén cavilar no contrario, no que non está ou sigue nun balado do monte, nun pardiñeiro, sometido ao tempo e ao que veña, tanto aínda por descubrir, como esas labras de que tanto caracterizan as saunas castrexas na Gallaecia bracarense (Vexase Briteiros, Tongóbriga....) . Velaí, a ceo aberto, a riqueza que garda o concello de Amoeiro, o fermoso friso e labras da aldea de Formigueiros, próxima a Trasalba...ese rico universo castrexo, tan fundamentado no oriente e céltico como dirían eses clásicos aos que sempre se volve, os mesmo que iluminaron a  magnética aura de Ourense.

Desexamos que o edificio do Museo de Ourense, hoxe sometido a delicadas obras -  asentado quizais sobre un conxunto palatino altomedieval, vinculado a Mariño de Dume, como contan crónicas, mitos e intuicións - remate de vez a súa rehabilitación  para mostrar cada día esas orixes nas que radica a orixinalidade e tantos presupostos e imaxinario da Xeración Nós.

________________________________________________________________________--

  • Exposición. “A Plástica CastrexaFinal del formulario

  • Onde:

  • Sala de exposicións Afundación


Praza Maior, 4. Ourense (Ourense)


  • Datas:

  • 2 DIC a 26 FEB 2023

  • Horario:


LUNES A VIERNES 17.30 a 20.30 h

SÁBADOS, DOMINGOS e FESTIVOS 12.00 a 14.00 y 17.30 a 20.30 h

  • Entrada: de balde

  • Organiza: Museo Arqueolóxico de Ourense/ Xunta de Galicia


15 Febreiro 2023