Samede das Mariñas: vello, novo e sempiterno Entroido

Ampliar: Entroido de Samede



Samede das Mariñas: vello, novo e sempiterno Entroido

Xogar, buscar, experimentar, disfrazarse, travestirse, xuntarse, son querenzas propias da nenez, da mocidade, de eternas primaveras que estalan en ansias solidarias. Sempre se volve ao Entroido. Tamén de xeito serodio, cando parecían perdidas ansias que agora resucitan, faise con éxito, mentres polos corredores da administración, reunión tras reunión, escóitanse as conclusións da ilustración municipal, concluíndo co retrouso de que “hai que apostar”... e como non, polo Entroido.Van tomando nota concellos que, coutados pola forza da festa, espertan do seu letargo e decátanse das oportunidades tradicionais pra desestacionalizar a concentración parcelaria festiva no estío. Pois a reunión festiva aguilloa a lei da oferta e da demanda. Búscanse argumentos de onte e se non invéntase, o Entroido é convite á creatividade. Por algures, aparecerá o sisudo sabio local ou algunha agrupación que ofreza argumentos pra cumprir coa tradición. E xa está armada a comparsa ou a charanga. Galiza é sabia neso de festas, feiras e romarías, sacras e profanas, de musicas, cantares, danzas, símbolos, anxos e demos , xantares e viños, a celebrar ao longo do ano . O almanaque festivo xa ven dado, arredor de equinoccios e solsticios, cando se conxugan os Catro Elementos, Auga Terra, Lume, Aire, días cristianizados con devocións a santos e a santas. Sae da casa o mellor.

As celebracións do Entroido, que abre á primavera, equilíbranse nunha corentena repartida entre domingos, de Formigueiro, de Oleiro ou Lardeiro, de Corredoiro, segundo o lugar, por medio con xoves dedicados a compadres e a comadres, pra finalmente estalar na esencia dos tres días, domingo, luns e martes...e no Mércores de Cinza, pra poñer os pes nas realidades vida-morte.

Inmenso catálogo de ídolos armallados de palla e farrapos, tradicionais, inventados, locais ou importados, presiden a praza, a eira, a encrucillada ou mesmo o balcón ou a leira dunha casa: Urco, Meco, Momo, Policarpio, Loro Ravachol, o Paxaro de Mal Agoiro.... Triángulos, círculos máxicos, trazan no mapamundi os camiños do Entroido galego tradicional: Boteiros de Viana do Bolo, Cigarróns e Peliqueiros de Verín e Laza, Pantallas da Limia, Felos do Carballiño, os Xerais e Correos do Ulla, Volantes da Ribeira Sacra, Mázcaras de Maceda, o Troiteiro de Bande, a Pita das Eiroás, Follateiros de Lobios, Madamiñas de Entrimo, os Entroidos e o Auto da Coroa do Covelo de Melón, Madamas e Galáns do Morrazo ...e moito máis aínda. Catálogo sempre inacabado e cada cal coa súa historia. Sen faltar esoutro Entroido global, espallado polos medios ou que se vende, al por maior, no Gran Bazar Chinés que fai no inverno o seu agosto. Festa antiga a nosa, acompañada polos folións, cada parroquia cos seus sons, bater de bombos, tanxer de instrumentos metálicos, aturuxos, entremeter de músicas brasileiras, batukadas tamén. Instintiva chamada ao espertar. O Entroido é a posta a proba do estado anímico, creativo e polo tanto cultural dun pobo. Asoman tamén os traumas, os medos, a dependencia, a aculturación, entre ela o botellón asexa ... dime que Entroido fas e direiche quen es.

Alegra que mozos de aldeas, os que resisten a emigrar e manteñen a casa, se xunten pra manter tradicións, pra improvisar unha comparsa, abrir e sacar das arcas vellas fotografías, roupas de noutrora, un antigo disfrazo que servirá de base pra sumar... Sae a comparsa, os sons, a retranca, a cor, a ledicia. Todo contaxia e convida a saír da casa e entrar na festa.

Nas Mariñas dos Condes, terras de Irixoa, na aldea de Samede esperta tamén o seu vello Entroido. O letargo foi longo, pero sempre e por algures renace, bo agoiro entón. E velaí as mensaxes, os blocs, pra comprobar canto dicimos. Ben tiveron tempo pra xuntárense novos e vellos, pra escoitar, investigar, estrebillar, argallar talleres. Dedicáronlle tempo a escoitar canto do pasado contaba Pedro de Cal ou Maruxa de Xacobe, Pedro G. Losada, Mercedes Cachaza, Fernando, Miluca de Moreira, Yañez e moitos outros suman saberes. Conscientes de afondar nas orixes pra rescatar a orixinalidade, puxeron man á obra, abríronse arcas do faiado, sacáronse roupas vellas, enaguas, camisóns, casacas, chocas, cornetas, quizais medallas e sables de antigas contendas... ... e veña, papel de xornais, cola de carpinteiro,escaiola, pintura,landras, carrabouxos, cunchas , patacas, cabazas, cordas, saco, vimbio, carolos de millo e as súas follas, vexigas de porco ou de vaca, cornos... Todo a dispor da capacidade creativa. Todo pra vestirse e saír dentro dun programa cinxido polo ritmo arrítmico do Entroido Pequeno e o Gran Entroido. E seguindo o que contaron mesturaron a roupa branca con follas de maínzo, con elas tramaron colares de voltas pra vestírense de Carolo. Volven tamén a alegrar a aldea os Vixigueiros, demos cornudos, entre eles o Diaño Cichol, enfrontados aos churrusqueiros Bonitos, cos seus sombreiros de flores, camisolas ou traxe branco cuberto de laciños de cores, espellos, brillos, cintas...as mulleres con mantón de Manila ou de Cachimir E, con teimosía insisten en algo fundamental pra diferenciar aos autores dos espectadores, iso si, acudir vestido de Entroido Rural Tradicional (“fabricación de traxes de Entroido na casa, a ser posible con elementos tradicionais e naturais e non valen disfraces chineses, plasticallos etc...”). Non ven mal semellante aclaración, aínda que poña couto a unha liberdade entroideira sen base cultural.

Samede vive o seu vello Entroido: os Vixigueiros saen do Castro, fano algareiros, batendo as chocas e as vexigas, aturuxando, botando cinsa. Pola contra no corazón da aldea os Bonitos bailan a muiñeira cruzada, botan flores e piropos ... Símbolos da forza ancestral da natureza fronte ao mundo civilizado da aldea... Ábrense as portas da Aldea, agasállase ao Entroido.

En Samede quen presidirá os días da festa, pendurado do pau máis alto que se pinchara no bosque, será o monicreque Policarpo, arremedo dun antigo usureiro prestamista betanceiro. Figura de palla e farrapos que na entreperna mostrará un nabo. Tampouco se librará dun retranqueiro xuízo, asistido polo pai, a nai e demais familia, con crego, xuíz, notario e choróns...as cesteiras auxilian con alimentos aos asistentes, sen faltar carreteiros con carros engalanados, gaiteiros...catártica mostra parateatral da colectividade. Debate entre anxos e demos, pra finalmente ser queimado Policarpo e o Entroido e encetarse así a Coresma..

Si en orixe os Choqueiros eran as mascaras con tintinlieiras chocas ao cinto, e as Máscaras da borralla eran as ancestrais que botaban cinsa, agora enténdense como as mascaras chafalleiras, farrapeiras, as que se visten de calquera cousa e velaí os coruñeses da Rúa da Torre. Choqueiros en contraste co Entroido refinado de sociedades e teatros en días de represións, con ese xeito de retranqueira Zarzuela que eran os Apropósitos, versión urbana dos sermóns rurais. Hai pra todos.

Por todas parte resucita o Santo Entroido: en Bueu buscan as súas diferenzas ancestrais e rescatan o Paxaro de Mal Agoiro que, tamén, despois de fúnebre condución será chamuscado... en Cacheiras recuperan as danzas do Ulla, en Marín suman a Festa do Merengue, en Sande de Cartelle as Bonitas; en Muíños resucita o Cabreiro, en Marcón a danza dos Labregos, en Toen sae o Labardeiro... Viveiro consolida o enterro do Entroido entre as súas Sabas brancas ... Aviva a primavera con tradicións que non traizoan, acende o MAIÚSCULO ENTROIDO GALEGO.