PULPO AO XEITO DO CARBALLIÑO, O BO FACER DA FEIRA E FESTA

Ampliar: Pulpeiria Aurora do Carballiño en Lugo



Inroducción á significación cultural do pulpo na historia do Carballiño, nacemento da Festa do Pulpo no 1963 e outras cuestións. Como limeira a un libro da Asociación Fotográfica ´O Potiños´ arredor dunha treintena de familias de pulpeiras

Non hai domingo, nin feira, romaría ou festa tradicional galega no que falte un prato de pulpo á mesa. E en cada tallada, en cada ración un puzo de cultura. Pois falar do pulpo é enguedellarse nun universo, entre a bioloxía, a historia, a cultura, a antropoloxía, a filololoxía, a gastronomía... Así que o tema acae a esta encrucillada na que se asenta o Carballiño, vila nacida á sombra do mosteiro cisterciense de Santa a María a Real de Oseira, da arrieiría, da feira, da festa e da romaría. Onde sabendo que as tradicións non traizoan fixo seu, amplía e modifica aquel seu vello cantar de que “Para carne, pan, pulpo viño…e  cañas de crema o Carballiño”. Onde sempre se ofrece unha mesa ben servida e abundante en saberes tradicionais. Falar de pulpo ao estilo Carballiño é falar ao xeito da feira, facendo do cefalópodo o  símbolo da vila, xunto co escudo heráldico de Oseira.

O pulpo o ser máis estraño do planeta Terra

Así que un pulpo non é calquera cousa, ben o sabían fenicios, cretenses ou gregos que fixeron del tema para a súa inspiración mítica e artística. Entendendo que a vida dos pulpos son palabras maiores, téndose como a criatura máis sorprendente da creación e iso é o primeiro que compre é enxergar, canto significa este prolífico animaliño mariño, para o que convén que se lea o libro da naturalista estadounidense  Sy Montgomerry “El alma de los pulpos” (Seix Barral 2018). Autora que recorreu acuarios e mares… soamente lle faltou vir a este noso cabodomundo, o dos comedores de pulpo, para resultar un traballo integral. Entre moitas observacións sobre o cefalópodo a bióloga conta e amplía que : ten veleno como una serpe, pico como un loro, capaz de furar e meter o seu corpo por un burato do tamaño dunha laranxa. Que pode mudar de cor e forma, como percibir sabores pola pel…cos seus oito tentáculos con intelixencia propia en cada un deles… que ten tres corazóns e un cerebro enroscado no pescozo, sangue azul, que copulan ate morrer, que lles encanta explorar e nesas pescudas mariñas e inxenuos vanse ao que brilla…e velaí que pican no engano que lle tenden os pescadores  para caer na trampa.

Ante tanta estrañeza mesmo algún aventúrase a dicir que os pulpos son alieníxenas. Por algo no Carballiño seguimos e tivemos moi en conta o don do agoiro que no alemán Sea Life de Oberhausem manifestaba o pulpo de orixe inglesa Paul, arredor dos gañadores da Bundesliga , no 2010 servindo de atinado oráculo no Mundial de Fútbol, collendo o animaliño sona internacional, cotizándose entón e sendo reclamado polos mellores acuarios do mundo. E a alá se foi a Alemaña o Alcalde Montes Marrques, acordando en pleno do Concello do  22 de xullo o facer Fillo Predilecto da vila a devandito Pulpo Paul. A cousa tivo tamén a súa difusión propagandística. Sabemos pois entón o que vale un pulpo cando estamos diante dunha tallada dil, o que foi o humilde xantar das xentes do camiño, ademais marisco sen monda nin cáscara como asentou algún feirante e razón non lle faltaba.

Nese  curioso experimentar do cefalópodo entre as furnas, recunchos, arqueoloxías e algas mariñas, dixemos arriba que pica e cae na trampa que lle tenden os mariñeiros. Comeza así  o suplicio para “un dos grandes misterios do noso planeta”:  quen o atrapa cólleo polo casulo, retórcello,  o animal mira fixamente ao seu asasino, non comprendendo a que ven a conto tal agresividade, como pedindo compaixón, os tentáculos envólvense no brazo e na man que o agarra, para erguelo cara á boca e, sin piedade, mordelo entre os ollos, arrincarlle un anaco e cuspilo... Vencido o cefalópodo tirase ao chan, aínda revolvendo os seus rabos e velaí un novo e longo camiño: enfardado, relavado, amolecido a golpes, secado ou conxelado ...transportado de aquí para alá, cocido nas caldeiras, gancho arriba, gancho abaixo...tallado, adubado de pemento, sal e aceite, compañeiro do pan de Cea e dunha cunca de tinto de calquera dos cinco ribeiros, para ser servido e compartido entre os feirantes, romeiros  ou festeiros, os devoradores do pulpo.

Polipus, polpo, pulpo, polbo...arrieiros e maragatos que levan e traen mercancías e palabras

Mesmo se enreda en discusións o uso e a difusión do seu nome, verba de orixe grega, pasada ao latín polipus… as avoas dicían “polpo” e o tema xa está ben tratado e defendido en varios artigos polo estudoso da toponimia e da filoloxía carballiñesa Frutos Fernández González dando como galegas ambas as dúas “polbo” e “pulpo·, ao que os ditados da Academia Galega non lle deron pábulo, determinando que a verba galega é “polbo”, mesmo contradicindo un vello debate e á historia dos clásicos do idioma galego. Compre ter  moi en conta a sociolingüística e sabendo que as verbas viaxan e se espallan polo uso a través dos falantes e que nisto deben contar os ires e vires dos saberes arrieiros, dos “mercator”, os maragatos da Gallaecia Asturicense, isto é Astorga, mestres e referentes: ben sabían eles o que, o como levar, traer e espallar polos puntos cardinais da rosa dos ventos, da montaña aos ribeiros e ao mar: os produtos da matanza, salgados ou afumados, lacóns, xamóns, touciño, chourizos…e do mar os salgados, escabeches, o bacallau, o congro e entre esas mercancias os fedorentos fardos de pulpo que xa mazados do camiño e nas casas dos pulpeiros volvíanse a lavar e novamente a batelos contra as pedras do río, postos a secar en tendais nas solainas. Hoxe no devalar ou evolución das técnica, os frigoríficos, as formigoneiras especiais realizan esa función de amolar… e velaí, xa tallado e disposto na mesa os complementos esenciais o pimentón da Vera, o aceite andaluz… Sinxela elaboración, tan fácil que mesmo se fai difícil. Compre saber que augas, cando e como cocelo, habilidade paratallalo, onde e como  botarlle o sal…

E esas antigas caldeiras de cobre feitas e traídas, en moitos casos de Sober, máis modernamente de Ourense, namentres que no Carballiño tampouco faltaban latoeiros como o Manganilla, especialista nos botes e nas aceiteiras, boas tesoiras feitas polos ferreiros de Taramundi. Non faltaban artesáns para tallar, redondear e marcar coas siglas das pulpeiras os pratos de amieiro, en Taboada  sabíanos facer ben. Son os trotamundos os que teñen o enderezo e o número do teléfono dos máis listos en cada cousa, oficios e artesáns compañeiros no concorrer da feira.

Entre estas ringleiras que falan dos nosos ancestrais saberes, das orixes nas que radica a nosa orixinalidade, non podemos esquecer ao malogrado antropólogo de Cea, o profesor Xose Antón Fidalgo Santamariña  ( 1946- 2011) tan preocupado polas esencias desta súa terra, autor de “La Gran pulpada Gallega ” (Ronsel Editorial 1999) . Páxinas  en relación coa tradición do pulpo e das pulpeiras, que é algo máis que iso, é ademais una forte economía para a vila, xa que detrás de cada tallada de pulpo, como tentamos de contar, hai un ir e vir de familias, de saberes, de empresas en movemento. Iso si, sabendo e sen equecer que a capital mundial do pulpo é o Carballiño, e a parroquia de Santa María de Arcos o seu latexante corazón e téñeno ben  demostrado. Dende aquí esas sabias tradicións arrieiras espalláronse polas feiras de Galiza e mais alá, do mapamundi e con elas o bo facer a historia e o dicir e asentar de pulpeira e pulpo do Carballiño.

O Carballiño da fotografía e do cine, imprescindibles no domingo, na feira e na festa.

É moi de agradecer que o Carballiño, tan na historia da fotografía e do cine, artes tan vencelladas ao mundo da feira e da festa e lembramos a Isaac Fraga, precisamente de Arcos  - a través da asociación fotográfica “O Potiños”, siga deixando constancia, facendo memoria de pasados a través de documentos fotográficos que  crean pouso e sabemos que terán máis valor co paso do tempo, silencios de instantáneas que din moito para quen saiba enxergar: a topografía das facianas envoltas en curvas de magoas e ledicias labradas polos camiños andadas, os xeitos de cubrirse e vestir, eles coa boina, elas co pano, xeitos e formas de poñelas que nos levan a distinguir procedencias e grupos familiares… elas con mantón negro e das orellas, pendurando, unhas moedas de ouro; eles de pana e chaleco quizais con leontina… Os acenos, as mercancías, o campo da feira, as casetas e as casas , un urbanismo e unhas formas que mudan. Fotos nas que case se presinte o bulir, a algarabía, os sons e pregóns da feira, un porco que gruñe, un can que ladra, un pregón da sorte do paxariño, o asubío do chifro do afiador, as verbas das pulpeiras e un arrecendo a pulpo cocido. O fumegar baixo a caldeira, a auga, tan importante neste saber facer, como a mestría do saber tallar os rabos, o casulo que é a cabeza e que nun gosta a todos e si ás xentes da feira…o brillo do latón das aceiteiras, os botes de pimentón, o saleiro do sal groso…

Fotos das familias pulpeiras, una trinta do noso tempo, valioso documento de futuro: bisavoas, aboas, fillos, netos, sobriños, vellos e mozas nun vello e actual diálogo. Herdeiros dunha tradición que se perde no tempo, de trotamundos, de feira en romaría e mesmo máis alá dos portos  das fronteiras. Aturando as aventuras e desventuras  da sorte, dese Xogo da Oca que é o camiño, as duras e suorentas raxeiras do verán, as xeadas do inverno, entre cantares nasais, noutrora ao son dos axóuxeres dos cabalos, do renxer das rodas e da traia, en carromatos primeiro, despois nos coches de liña, agora en furgonetas propias. Vidas sen sono, montando casetas, telderetes ao carón da caldeira, recollendo e volta ao camiño. Toda unha longa historia que deberá contarse en algún museo, tal como se conta nas páxinas que seguen. Páxinas que son un homenaxe sumado a ese necesaria ración que atopamos nas feiras, onde nos toldos se presume de “Pulpeira do Carballiño”. Saber facer que ben atopamos aquí.

Así, no verán do 1963 estribillóuse e naceu a Festa do Pulpo

O Carballiño dos mesóns e das tabernas, santuarios populares do saber facer tradicional e da palabra é onde se sabe celebrar cada día ao pulpo e si acaso para honralo aínda máis en día maior, en agosto convoca a esa Gran Festa do Pulpo. Celebración coa súa historia, inicialmente incluída no programa de festas patronais a celebrar o 17 de setembro do 1963, nun recinto específico do parque e previo pago,  como Gran Fiesta del Pulpo; no 1964 celebrada igualmente, como no 1965 e nesta ocasión no día 12 co inicio e arranque das festas maiores. E xa , tras o debate da comisión de festas, no 1966  a convocatoria pasará a ter día o segundo domingo de agosto, naquel caso o 21 de 1966; será esta a  III Festa do Pulpo , a que estivo amenizada polos gaiteiros de “Os Barrios” de Chantada, contando coa intervención do humorista bergantiñán Xeixadelo. Encontro popular no que actúan ademais e para darlle enxebreza a Coral de Ruada, o grupo Aturuxo de Educación e Descanso de Ourense. Así. Entre cantares tradicionais, sons de gaita e bombas de palenque foi nacendo e consolidándose como a primeira festa gastronómica galega e se honra a un saber facer tradicional. Dende esa mudáronse as advocacións, déixanse de banda ás procesións e aos celebrados santiños das igrexas e  agora serán os saberes das cociñas de moitas vilas. Época aquela do alcalde Javier Perea e cunha activa comisión de festas de verán e onde tiveron importante papel Ramón Valeiras, Felipe Luis López e o periodista Luis Padrón. Anos despois o alcalde Argimio Marnotes Rodriguez daríalle un importante pulo continuador, adornando os preámbulos da festa coa edición de carteis, incorporando ademais novas actividades tradicionais para era unha nova e gran romaría galega.

E detrás dese saber facer do pulpo, historiadores de casas, de ires e vires, levares e traeres

Goza o Carballiño dun equipo interdisciplinar de historiadores que asumiron a importancia da feira, dos arrieiros e dos feirantes que deron orixe á vila, que reuniron, espallaron e interpretaron a documentación, os que nunca deixaron de tramar a necesidade de creación dun museo da feira:  Xosé Luis Sobrado que vencella a este equipo, entre os que está o experimentado carballiñés Francisco Fumega que ten estudado e afondado nas orixes das familias máis antigas que asentan no Carballiño, así como Carlos Montes, que, como vemos aquí, nos transporta a algo imprescindible arredor dos oficios das familias, das pulpeiras. Así que velaquí un chanzo para achegarnos ao futuro con seguridade e  - repetimos -con esa ansia de afondar nunhas orixes nas que radica a orixinalidade do Carballiño, un noso aporte máis á universalidade. O pulpo como un dos fundamentos da cultura galega, carballiñesa, unha cultura de encrucillada que abre portos e camiños.  E tomemos nota para seguir abrillantando e construíndo futuro.

Carballiño 21 de marzo 2023, a un tempo que nace unha nova primavera