MIGUEL ANXO FERNÁNDEZ, O CARBALLIÑO E A SÚA AURA COMO ESCRITOR E CINÉFILO

Ampliar: Miguel Anxo Fernández na tumba de Truffeaut 2022



Introducción á biografía do escritor e cinéfilo carballiñés Miguel Anxo Fernández, oriundo por parte de pai e nai da bocarribeira de Punxín. Preocupado por estudar difundir a cultura do cine. Creador da figura literaria do inspector Frank Soutelo

Algunhas cancións de Aute poden servir de banda sonora da película de moitas vidas, quedámonos aquí con aquela de “Cine, cine, cine, más cine por favor”...” reivindicación da sétima arte, a que vencella a todas as artes. Capítulo do cine que non é alleo á historia do Carballiño, patria de Isaac Fraga, así como de moitos que fomos educados entre templos sacros a profanos, de catequeses e misas pola mañá a sesión continuas de cine pola tarde.

 O cine é unha porta  aberta ao mundo, á realidade e á fantasía, podémolo contar os que case vivimos o pase do cine mudo, do branco e negro ao technicolor e o cinemascope...algo que nos marcou. E velaí nesas pescudas a un singular persoeiro carballiñés, aureolado nun feixe de luz cinematográfico, mesmo quizais superando ao argumento de “Cinema Paradiso” (1987), referímonos ao amigo, escritor, cinéfilo e mesmo, atreveriámonos a catalogalo de cineasta, Miguel Anxo Fernández. Entón xa aquece de fondo a música de Morricone para este film inesquecible do director siciliano G. Tornatore (1956), do mesmo tempo que o carballiñés.

 Miguel Anxo Fernández é un referente, leva a súa Itaca, Punxín, o Carballiño e o seu tempo moi prendido nas súas orixes e polo tanto na súa orixinalidade. Casado con Lola Veleiro Alemparte, coa que forma equipo de inquedanzas, filla de Cesáreo Veleiro Bravo, neta pois do lembrado e querido Bernardino Veleiro Marco, casado con Lola Bravo, “o Marcol”, señor daquela sala de peiteado aberta á praciña do Retortillo, que era un ateneo, parladoiro onde, entre o arrecendo a colonia Álvarez Gómez e baixo a presidencia dunha foto de “O Gorila”, confluía o sentidiño entre o roxo e o azul, o ceo e o inferno, para rematar sempre na confluencia da encrucillada asentando un “o tempo xa o dirá”... Sacudindo a bata dos pelos e acompañando ao cliente á porta despedíase cun “All right”, iso si,  pronunciado nun inglés americanizado cun inicialmente sonoro e alongado “ollrrrraaaaaitttttt”. Cesáreo Veleiro Bravo e Leontina Alemparte, os país de Lola, son os que resucitaron os almacéns “Gavilán”, camisería, paquetería referente entre o mellor comercio do Carballiño, establecemento de longa historia e aberta até o 2014  nos soportais da histórica e literaria casona dos Quiroga, onde tiña o ilustrado quiosco de prensa a lembrada Angeles Calviño, piso onde viviron tamén un tempo Miguel Anxo e Lola e que abre balcóns e xanelas, observatorio á Praza Maior, como tamén lle abriu os ollos á escritora condesa e cortesán Pardo Bazán, para confundirse entre a algarabía da xente, o choutar dos facos, o suor, a vida dunha Vilaviva. E, que dicir de César, o irmán de Lola que a partir de entón crea o “Manda nabo”, empresa de deseño de camisetas con motivos retranqueiros.

Pai e nai de Miguel son naturais das terras de Punín, esa bocarribera de vides e mimosas vixiada polo pico sacro do monte do San Trocado,  a mesma terra que foi do avó de Alberte Cortez. Aldeas que miran ao ribeiro do Barbantiño, onde mellor se debera coidar aqueles poderosos igrexario, como o de Ourantes. O pai,  Amadeo, dunha familia numerosa, natural de Vilela, formado na Escola de Artes e oficios de Ourense, onde impartían clase tan bos e sensible creadores como Failde. Figura moi presente nas sombras do escritor, magnífico ebanista, inimigo da chapuza, retraído en crear, aínda que ben puidera, mais dedicado aos encargos, o que por algo lle dará o nome do xenio multicreador renacentista, Miguel Anxo, a un dos seus tres fillos. Algo que, a xeito de flahsback, me trae á mente o mediocre film “Good Morning, Babilonia” (1986) sobre aqueles dous irmáns, artistas italianos, os  que tratando de superar ao pai emigran e  trunfan en Los Angeles como escenógrafos de  Griffith... A nai, Elisa, é de Santa Lucia de Freás, bordadora, como Penélope de Itaca. Ao respecto e nas redes sociais a través de “Memorias de Freás”, Miguel Anxo recompón o crebacabezas daqueles persoeiros, de historias e lendas escoitadas, conta parte da súa vida a carón da reitoral de Arouxeira, dos singulares párrocos. Fala do bisavó materno, “Domingos o Barbas”, natural de Ourantes, do avó Juanito e da avoa a Balbina. Familia que, como emigrantes, ben coñecía New York, mesmo para ncer ali a madriña Gloria, a que chegou a ser secretaria dos Rockefeller, a que aínda vive na Florida rondando o século de vida. Parte esta na que radica o persoeiro literario e mesmo cinematográfico de Frank Soutelo, un ser de encrucilladas que mesmo pode ser posible: servidor coñece a altísimos xefes de polícia galegos da cidade dos rañaceos, capaces de parar o tráfico do Holland tunel, baixo as augas do Hudson, a fin de concederlle paso o coche dun amigo... como de metomes en todo, tan capaces de ser confidentes de Alcapone como envolverse entre as sabas de seda da mesma Marilín Monroe, como fixo o  aspirante a director de Cine Pepe Bolaños.  Ao respecto o xornalista Xavier Navaza ten tramado curiosas historias de galegos nos EE. UU. Proba de que a realidade supera á fantasía. Pois velaí  listo un caderno de memorias de neno, tan labrego como vilego.

 Ao fin e ao cabo un é o que foi e o que esta sendo, como canta ese fado “Soy” de Luis Pastor. Miguel, como testemuño do que foi, mantén casa, horta e lembranzas onde viviu, en Rapariz, en Freás, en Vilela...

Os  camiños dunha vida andada... e unha historia de cine

Miguel Anxo Fernández, Fernández, polígrafo de garda, disposto sempre a cumprir e faino como escritor, ensaísta, cinéfilo, investigador e difusor do cine.  Naceu no día seguinte á romaría comunal da Saleta e coa que se pechan as festas maiores do Carballiño do ano 1955 e cando nacía a TVE. Estudou no entón flamante colexio Isabel la Católica,  denominación que expresa moitas cousas respecto aos seus principios, e como moitos outros tamén tivo como profesores a varios autoritarios dons, daqueles de “Usted siga bien,  persoeiros que darían para un bo guión cinematográfico, Juan, Carlos, Camilo, Severino, Julio, Peta, Aurelio, Felipe, Gumersindo... Seguiu estudos de maxisterio nun Ourense que, a pesares do ambiente gris, aínda mantiña o escintilar daquela sobranceira aura da xeración Nós. Licenciado en Historia da Arte, doutorado en comunicación pola Universidade de Vigo e diplomado en xornalismo na universidade compostelán, para ser profesor de Comunicación na Facultade de Ciencias Sociais de Pontevedra.

 E en Miguel Anxo non queda a cousa  na retórica teórica sobre o cine, o seu e sobre todo praxe, diriamos mesmo de cineasta, pois fixo o indicible, mesmo como empresario, diríamos por resucitar as salas daquela capital do cine que fora o Carballiño. Sería cando, no 1987 a xerencia do cine Rivas non lle atopa rendibilidade á sala e decide pechala. Con incontable mérito asumen e retoman a cuestión o matrimonios de Pepe Castro e Miguel Anxo, para crear entón a empresa Carballiño Cine S. L para levar a sala. Arriscada aventura alentada polo Cine Clube Carballiño, colectivo sobre o que cabe un tratado: nacido no 1969 como animador e salvavidas de canto significaba o cine, iniciativa de Xulio Castro que será o seu presidente, de Pepe Prada imprescindible na cultura carballiñesa do noso tempo, de Jose Castro, Rabanillo, Eduardo Bernárdez... sendo Miguel Anxo Presidente de 1978 a 1997, asunto no que insistiu ese sempre imprescindible en todo acontecer cultural carballiñés do noso tempo que é Pepe Prada. E non queda a cousa nesas, dende esa matriz naceran semanas e xornadas de cine e vídeo de Galicia, Xociviga. Nese mesmo puzo motivado pola imposición da televisión e o vídeo, tamén ao borde do peche recuperan a sala do Cine Alameda, píntana e devólvenlle o espírito orixinal...e finalmente crean a sala de Cinema Paradiso, mesmo lle escriben a Tornatore para darlle aquel suxestivo nome. Espazos que, despois dunha coidada rehabilitación realizada polo arquitecto Alfredo Freixedo, nun 13 de setembro de 1990 ábrese ao público. Empresa que, coas mesmas ansias, aluga e anova o Cine de Lalín, o Bos Aires de Verín...pero no andazo xeral que ameaza ás históricas salas de proxeccións  estas non poden competir cos centros comerciais, co vídeo...e o desastre económico faise patente, o que tampouco roe o ánimo.

 Preocupado sempre por complementar aspectos da historia do cine galego, e así o fai en congresos en publicacións galegas ou portuguesas, como presentador e colaborador de varios programas de televisión, radio e en varios medios, comisario en varias mostras, foi membro do Consello da Cultura Galega, académico da de Ciencias e Artes da televisión, da do Audiovisual e mesmo de moitos outros colectivos preocupados pola normalización cultural de Galiza. Presidente do Cine Clube do Carballiño (1978-1997), Director das Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia Xociviga (1984-1996), creador e presidente da Federación de Cineclubes de Galicia (1985-1990). Director do prestixioso Ourense Film Festival, con tan longa e influínte historia, ao que nun momento crítico, no 2018, lle da novos e vitais folgos. Carlos Velo, a Bella Otero, Emilio Baños Santos, Chano Piñeiro son algúns dos temas arredor do cine galego que retoma e abre á inmensidade.

 Son ineludibles referente as súas publicacións referidas ao Carballiño, inseparables de vellos e valiosos documentos fotográficos ou fílmicos: “O Carballiño. Vellas Historias. Vellas fotografías  (1870-1970)”  (1992), “O Carballiño, Crónica de Cine”, 1900-1994) (1994) as que avalan canto contamos,

 E como non podía ser neste noso cabodomundo, como o é nos irmáns países celtas, na Escocia de Conan Doyle, o creador de  Sherlochk Holmes , na Irlanda de  Bran Stoker,  autor de Drácula, como na Galiza creadora do realismo máxico, de escudriñadores de misterios, como o foi  e propoñía don Vicente Risco, onde manda o misterio e trunfa a tan cinematográfica intriga, o misterio, o xénero negro... Pois velaí que Miguel Anxo é autor de obras de ficción con selo propio como “O sobre do francés” (2002), “Capitol última sesión” (2004) “O Sangue dos Cortiña” (2004) “O espido de Gina” (2014), “Blues para Moraima” (2017) e esa exitosa saga do xa mítico e retranqueiro, agudo inspector  e trotamundos Frank Soutelo, galego americanizado: “Un nicho para Marilyn” ( 2002) “Luar no inferno” (2006), “Tres disparos e dous fiames” (2008) “Franck Soutelo e o manuscrito de Cabanillas” (2010) “Lume de Cobiza” (2011) “Bicame Frank” (2013), “Un dente sen cadaver” (2016) “A conxura do sete” (2022). Saga policíaca, mesmo guións cinematográficos que nos remiten á obra do catalán, oriúndo da Galiza lucense do Val de Neira, a que non esquece, que é Manuel Vázquez Moltalbán, creador do atrevido detective Pepe Carballo. A obra de Miguel Anxo ten un profundo pouso que  sigue a abrir inmensas portas á creación neste tradicional xénero do occidente.

 Miguel aproveita, como aproveitamos e agradecemos moitos carballiñeses que temos algo que contar e demostrar á vila das orixes, as facilidades que dan as páxinas internáuticas de Badalnovas para escribir, como él “As Terras do Carballiño e os seus escritores”, modestia que lle obriga a falar de todos... Páxinas onde atopamos o por el vivido e escoitado, como se dunha película se tratara.

 Alegra que o Carballiño e unha Galiza normalizada asuma a significación dos seus creadores e faga súa a idea da profesora da Universidade Compostelán Mariña Arbor, colocando na Rúa Maior do Carballiño a silueta en ferro do intrépido inspector Frank Soutelo, complementadas coa da sarxento local Franeiras, coa da aguda Dalia Maxima, persoeira con casa no barrio de Flores, todas elas deseñada por Eladino Cabanelas. Sombras que devalan coa luz das horas para abrir a un novo roteiro literario pola nosa Vilaviva, convidando á lectura, a ser inspectores sobre a grandeza da vida e da arte.

 A mesma figura de Miguel Anxo reflicte o seu carácter: aberto, agudo observador, diriamos enxergador, que pon os sentidos e o saber sobre todo, cubrindo a súa humildade mesmo tamén de cinematográfico sombreiro, tipo  Peter Sellers no inspector Clouseau. Aínda que no caso carballiñés pesa máis un loito existencialista, parisino.

 Os logros de Miguel Anxo Fernández ecoan e ten sucedáneos noutras partes... e  velaí algo moi semellante na obra do escritor basaurritarra, John Arretxe (1963): unha saga de cinco novelas, nacida no 2012 con “19 cámaras” neste caso seguindo as andanzas do inspector Touré, singular protagonista que neste caso é un ilegal inmigrante de Burkina Faso , instintivo e bruxo ao que lle ofrecen traballo de inspector privado no barrio marxinal de San Francisco en Bilbo... a ultima obra desta saga é  “Piel de topo” e que, neste caso a RTVE e a EITB levarán a unha serie televisiva: sempre de xeito serodio tomemos nota. Longa vida e obra a Miguel Anxo.Fernández.



13 Xuño 2023