MÍTICAS CURVAS E REVIRAVOLTAS NOS VELLOS CAMIÑOS DO CARBALLIÑO

Ampliar: Curva (Debuxo F.Senén)



O Carballiño é vila de orixe arrieiro, asentada sobre unha lomba, con entrada e saída entre curvas. Voltas no camiño, como a Curva da Ferradura en Punxín, a da Reverencia en S. Facundo de Cea. Voltas do camiño que quedaron moi prendidas na memoria

A curva é esencial á circunferencia, segmento entón dunha cosmogonía,  símbolo pois da redondez  que implica un relato mítico da orixe do universo que nos envolve. Volta e reviravolta na traza dos camiños, pregándose á topografía, dando paso do coñecido ao descoñecido, das sombras á luz,  do couto ao horizonte, de arriba abaixo... quizais, e para maior misterio, sorteando un río ou un regueiro por una ponte e preto unha fonte para aliviar ou purificar. Curvas que, en ocasións separan parroquias concellos, onde reina a escuridade e aniña o misterio, mesmo onde unha forza misteriosa leva ao débil ao suicidio. Poida que un cruceiro bendiga ou arremede os medos deses lugares e falta lle faría seguindo a tradición.

Enigma das curvas e das contracurvas, as que mesmo conforman as impresión dixitais que hoxe nos identifican; tamén como as ondas concéntricas que traza a auga mansa cando deixamos caer sobre dela unha pedra, estendéndose, máis e máis...como eses circos, espirais, labirintos que, dende fai máis de tres mil anos se labran nas pedras, os petróglifos, tal como os que mostran as chantas do monumento megalítico da illa de Gavrinís, dende o 3. 500 a. C ollando ao golfo de Morbihan do mar céltico bretón. Curvas que levamos postas, que nos rodean, que construímos: engurras topográficas, misterio do corpo deste confín que as leva á arte, como as levou  Luis Seoane e  máis aínda á pintura do coruñés  Raimundo Patiño: esas voltas e viravoltas de misterio que nos envolven, como as que envolven, coutan e das que non da saído o afogado “Berro” nórdico de Munch.

Así é que a curva, tan esencial á cultura, ás formas e símbolos galegos, implica dialéctica, contrastes, relatividade, sabedoría, así é que nese devalar falamos das curvas e das reviravoltas que da a vida ao longo dos anos, as que supoñen mudas, cambios, tan ben expresados por esa espiral e xogo céltico, como ascética peregrinación que é o Xogo da Oca: camiño de sorte no que aprender a desprenderse do material para aprender a aprender algo da inmensa inmaterialidade da sabedoría deica chegar ao ansiado e perdido Paraíso.

Curvas de entrada ou saída desa vella encrucillada que é o Carballiño

Pois velaí que a historia do Carballiño está circunscrita a unha encrucillada de camiños, os que van ou veñen da montaña aos ribeiros, das chairas ao mar... con canto isto reporta de ires e vires, de encontro, intercambio. Cultura pois arrieira, tecida nos camiños, entre feira e romaría, a que impregna tantas cousas: verbas, xeitos, tradicións, devocións, mitos, gastronomía... Orixe e orixinalidade chantada nos camiños. Punto ao que se chega e do que se sae entre as voltas, as curvas do camiño, como leccións que ofrece a topografía,  as mesmas que ao cabo do tempo tratamos de evitar con novas reformulacións viarias, a través de ponte, túneles, derrubes... Aínda así na memoria quedan as lembranzas das vellas e fatídicas curvas...e, á forza, peta agora na memoria, e con tristura, a que entra ou da que se sae en Compostela polos camiños de ferro, a de Angrois.

Viravoltas dos camiños de antes, entre misterios acentuados no transcurso da noite e o devalar entre nubes da lúa: “Medianoite no camiño e non había ninguén no Carballiño...”segue o cantar nasal do arrieiro. Curvas despois das que o viaxeiro podía un atopar coa sorpresa dunha gabilla de fauciosos, de bandoleiros ou das mesmas señas ou compañas vestidas de branco e de luz. Entre estes aconteceres tiña sona a curva sobre o río Asneiros, a do Puzo Negro, dando entrada, dende a Pena de Francia e Dozón, ás terras do Deza, subindo cara á fraga de Catasós, esa Brocelandia nosa. Curva e negrura escollida naqueles decimonónicos anos para deixarse asomar a temida gabilla de Pepa Loba. Onde asaltaba a cregos, fidalgos, feirantes ricos, tendo bo trato cos arrieiros cos que mesmo puidera estar confabulada, se non é que era da mesma caste... Sobre aquel lugar contaba o barbado e falangueiro Papa Reque vello, que indo os feirantes do Carballiño á feira da Gouxa,  na noite pecha e naquela curva de ouveo de lobo e cantos de curuxa, saíulle da cuneta e sorprendeunos a Loba e a súa tropa, apuntando cos trabucos aos feirantes e ao seu gando e ordenando: ¡¡¡póñanse en fila, baixen as calzas e ergan aos brazos e déixense cachear ....vd non, señor Reque que Vd é boa xente...” logo dun agudo aturuxo que provocaba relinchos e o trepar dos facos, os salteadores - con algún cabalo de máis  e as alforxas cheas - perdíanse na espesura nocturna da fraga.

Aquelas temidas curvas de sona: a da Reverencia cara San Facundo, a da Ferradura en Punxín...

Vaiamos ás curvas con sona do Carballiño, as ben coñecidas polos condutores daqueles autobuses de manivela, encabezados co letreiro de “feiras, festas e romarías” e máis nas idas e voltas polos do Auto Industrial. Entre  elas a curva  que da saída do Carballiño cara a Cea, entre Ariz e San Facundo: a curva da  Reverencia, solemne nome que tamén se lle da á zona, con baixada cara ao río e subida, de obrigada reverencia a esas paisaxes, por unha banda presidida pola silueta mansa do monte Madanela e pola outra polo mítico castro de San Facundo, dando entrada ao concello de Cea. Curvas que supoñendo a entrada ou  saída, onde os viaxeiros amainaban o ritmo da marcha, pola contra, saíndo apertaban espora e daban traia aos facos.  índose acelerábase o ritmo dos axóuxeres e o renxer das rodas dos carromatos, xunto co ronco son, nasal dos cantares arrieiros que acompañaban a monotonía dun repetido camiño. Sendo neno teño escoitado na Praza de Abastos e cheas de verdade, ás panadeiras de Cea, as que facían ese mesmo camiño a pé, coas cestas á cabeza cargadas de pezas de pan, contaban - e xa o teño contado tamén -  que nunha madrugada viron arder e sen queimarse aquel bosque e nel as benditas ánimas. Visión dun Purgatorio a ceo aberto. Curva que, como moitas outras ofrecía unha fontenliña, auga fresca no verán, quente no inverno,  tan agradecida para as bestas como para o camiñantes, beber e asearse do po e do suor. Son estes os espazos contados por Camilo José Cela na novela “Mazurca para dos Muertos” (2010)

Nada máis saír do Carballiño cara Dacón e despois de deixar o regueiro de Corzos está a curva da Fontenla, tamén con fontiña, sitio cantado e recordado por Paco Luis Bernardez, o seu “locus amoenus”, tal como conta no prólogo para o poemario “Escolania de Melros” (1970) de Faustino Rey Romero. Fontiña onde cumprían un xeito de ritual, sorbo e grolos de auga fresca, os devotos que, no mes de maio acudían a Dacón ás novenas e misas de Santa Rita. Hoxe espazos que merecerían maior atención.

Deixamos Dacón, Maside e mesmo entramos en curva dese Listanco  presidido polo seu fachendoso pazo, e facémolo polo vello pontillón. Lugar este no que polo ano 1973, remodelando a estrada e facendo unha nova pontella o meu amigo de Bustelo de Lalín, Pereira, sendo obreiro, atopou un rollo de cobre que levou ao chatarreiro ... moitas voltas lle teño dado a esta noticia que puidera ser de gran importancia arqueolóxica e que afortala a riqueza prehistórica da zona.

Seguindo a mesma estrada de Ourense atopamos unha curva entre as mais míticas e comentadas no pasado, a Curva da Ferradura, a que abre á parroquia de Punxín do San Vintila, entre montes nos que aquel sabio santiño do alto medievo - que ten venerado sartego naquela parroquial tamén erguida en proa curva - abría cova e fontes. Curva  da Ferradura de sona polos accidentes e as mortes que alí houbo e que mesmo, o Sr. Amor, inspector que, en Ourense, examinaba nos teóricos, entón orais, para obter o permiso de conducir, tíñaa moi en conta e en ocasión preguntaba ao examinando: “Vd toma la curva de la herradura a 60 km por hora, a ambos lados encuentra sorpresivamente a una abuela con su hija...rapidamente tiene que tomar unha de tres opciones: irse por el barranco, atropellar a la  niña  o a su abuela que va  su  derecha... diga, qué haría vd? e o examinando, dubidando, resposta...”pués, pués... me iría por el barranco... y ya veriamos lo que pasaba...” o Sr. Amor, alporizado, erguéndose da cadeira e en pe sobre a tribuna, ensinándolle a porta co índice, espetoulle: “lo que tenía que haber hecho antes Vd. era tomar  esa curva a 20 kmts. por hora...¡¡fuera de aquí

Curva da Ferradura e ribeiro do Viñao na que os Reques, nunha ocasión e en plena noite, retornando de mercar gando de Freas, viron no ceo e sobre o pico do Formigueiro de Amoeiro, abrirse no ceo como un abano de luces de todas as cores...aparición que deu moito que falar en moito tempo. Vella estrada de Ourense que se cruzaba coa de Ribadavia na curva que da paso á ponte sobre o Barbantiño que alí desemboca no Miño...Curva de triste memoria, cando alá polos primeiros anos sesenta o autobús que levaba ás alumnas das franciscanas para os exames por libre no Instituto de Ourense, envorcou, por fortuna son con mazaduras, roturas de ósos e choros... daquela comentouse que o Anxo da Garda fixo ben o seu traballo.

 Nos vellos camiños de Arcos das pulpeiras, cara a Lamas,  Mosteiro ou Costoia, atopamos a curva a ponte da Lavandeira, sobre as augas escuras dun Arenteiro cuberto polas sombra dos ameneiros entre lembranzas tan tristes como ledas, cando alí mesmo sobre a pedra lavaban e mazaban o pulpo, para logo tendelo a secar en emparrados de barrotes.

Á saída do Carballiño cara a Ribadavia e mesmo a carón desa proa cara ao solpor que é cemiterio de Señorín, denantes de entrar no Torrón e mirando aos lameiros da Fontiña Ferrada, está a curva que impón moderación e mesmo silencio imposto por aquela paisaxe de pináculos, cruces que se esfuman ao devalar do ceo.... E despois do Torrón, do Porto de Egoas as curvas do Varón...coa fonte de boa traza na construción, obrigada parada no camiño, onde os gandeiros contaban que era moi dado que, na media noite, asomase a estantigüa, vestida de branco e silenciosa... algo que nos parladoiros dos paisanos creaba debate se eran señas dos defuntos ou mouras... iso si, entendíanse como avisadora, agoreiras dun mal presaxio. Para aliviar a monotonía quece o cantar “O Cantar do arrieiro é un cantar moi baixiño, cando canta en Ribadavía resoa no Carballiño”.

Deixando o monte de Mesego e  a Lavandeira, a Pena dos namorados e despois do serradoiro de Godás, mesmo entrando nesta aldea, baixo o ermo de Miomás, a ponte sobre o Arenteiro e a Curva de Godás... a que tamén esquece aparicións, accidentes, contos e cantares de noutrora entre as que o Arenteiro no medievo dividía en Terras de Castela e de Orcellón. A estrada sigue, deixa a recta e a chaira de Brués para comezar a subir o Paraño entre as curvas e de Xendive, de Moreiras, abertas a un océano ondulante de montes...e de banda sonora case escoitamos aquel cantar “Arrieiros de Moraña van polo Paraño arriba, mociñas de Vilapouca tendelle a carne cocida...” A vida é unha curva.

7 XULLO 2023