Polo san Brais máis día verás

Ampliar: SAN BRAIS



Polo san Brais máis día verás

Na Galiza as devocións a santos e a santas están dabondo equilibradas. Atopamos as referidas ás distintas advocacións da Virxe, dos Milagres, dos Remedios, do Socorro , do Carme, a Candelaria... sumando as consideradas milagreiras de por aquí ou acolá, tamén a Santa Mariña, Santa Rita, Santa Lucía... Virxes e santas que reparten devoción con santiños ambiguos, case con características transexuais ou do terceiro sexo - e que Deus me perdoe pola ocorrencia – aínda que un chisco de femminella teñen as veneradas imaxes do San Roquiño, San Antonio, San Bento, San Brais, que os autóctonos como San Mamede, San Vintila, San Rosendo ou Pedro de Mezonzo están transpapelados entre as burocracias vaticanas. Imaxes feitas pola man de artistiñas ansiosos de expresar o amaneiramento do sublime, a etérea e eterna santidade. Santiños tradicionais que imos traizoando e, coas modas, substituíndo nos altares . Abre febreiro en celebracións de pan e flores que anuncian a luz e o fin do letargo. O día un, o mundo celta celebra a Santa Bríxida de Escocia, versión dunha deusa autóctona, merecedora de capítulo a parte; o día dous, nin máis nin menos, a cristiandade rende culto á Purificación de Nosa Señora e da Presentación do Neno no Templo, a Candeloria... da luz acesa e das pombas ceibes... E o día tres é o dedicado ao San Brais, bispo e mártir, vida e milagres nos que aquí pousaremos, que ben o merece santiño tan na devoción dun país de parladoiros, panaderías e tabernas . Asuntos estes máis sabidas antes que agora, cando os ditados dos púlpitos tiñan maior ecoar e respecto. As cousas mudaron, novos mitos e novos ritos dixitais. Os Flos Sanctorum son libros vellos sobre a flor de santidade, recollen lendas de santos, haxiografías que non faltaban nas parroquias para inspirar sermóns: o Flos de Xurxo Cocci (1516 Zaragoza), o de Alonso de Villega (1594 Cuenca) o de Xerónimo Aldovera Monsalve ( 1625 Zaragoza ), o de Eduardo Corriols (1791 Barcelona) o de Pedro de Ribadeneyra (1790 Barcelona) ou o de Joaquín Lorenzo Villanueva (1791 Madrid), páxinas enraizadas na Legenda Aurea ou Historia Longobardica de Xerónimo de Vorágine, obra da metade século XIII e unhas inspiraranse sobre as outras. Fermosos tomos, encadernados en coiro, mimados, cotizados, revalorizados hoxe nas librerías de vello, solicitados por especialistas en temas de magos, meigas e milagres, en cousas de santos pois. Tomos que se estruturan seguindo os meses e días do ano, cada cal contando a vida e milagres do santo a celebrar, sumando achegas da imaxinación propia. Contos ambientados entre anxos e demos, entre santos e santas, que nin tan sequera se sabe si existiron, pero o mito e canto xera de solidariedade si existe. Sabemos que Otero Pedrayo e sobre todo Cunqueiro, que Manuel María, Carlos Casares, Alfredo Conde, como o escultor ourensán Arturo Baltar eran amantes e inspiraban súa obra nestes churrusqueiros guións da devoción popular. Asuntos de santos interpretados tamén polos párrocos dilixentes pra levalos a novenas imprentadas con inxenuidade, incorporando versos e cantares caseiros. Unha de tantas fontes de inspiración atuadas na Galiza de hoxe. Máis preto ou máis lonxe hai países que comparten devocións e momentos da historia : non se nega a relación de Galiza con Portugal, Bretaña... e mesmo máis cara a oriente, na estremeira de Anatolia, con Armenia. Países envoltos na brétema da maxia, de vidas e viaxes de santos e santas que seguen tradicións de sabios, astrónomos, médicos e magos orientais. Entre estes, ao San Brais, como tantos outros , como a Martiño de Tours ou a Prisciliano, por exemplo, tocoulle vivir nun momento de persecucións, de confluencias heréticas, o século IV, cando os soldados mercenarios do imperio romano, procedentes de pobos distintos, coinciden na milicia. Entre estes colle pulo nos altares o San Expedito, avogoso para asuntos expres. Cada santo coas súas propiedades e cos seus atributos e o San Brais ten ao seu cargo terá os males da gorxa, os de atragoarse no intre de xantar con espiñas do peixe, cos ósos de polo ou do coello,coas talladas... tamén se encomendan ao santo os coidados da función tubular da gorxa e das cordas vocais pra contar e cantar. Velaí as ofrendas de cera dos seus devotos á imaxe do Santo bispo, cuberto de mitra, capa pluvial e báculo, coa man collendo a gorxa. Todo convida a coñecer a súa vida, imos entón ás páxinas do Flos Sanctorum do xesuita Ribadeneyra , que “si non é vero é bene trobato”, para concluír que o que importa é canto crea o mito e o rito, e si é pra palabra e pra paz, pois baril. Ribadeneyra confesa que recolle do bizantino Simeón Metafraste a biografía de San Brais de Sebaste e cóntanos que era orixinario de Armenia, terra abondosa en santiños, filósofos, poetas e ecoloxistas. Armenia é nación masacrada e dividida na contemporaneidade, á que mesmo se lle nega o seu símbolo matrio , o mítico monte Ararat, con arredores que conforman outra Tebaida, con covas habitadas por sabios ermitáns. Brais era un distes e polo visto, sabechoso e modesto.... homiño santo, emborrachado de Deus, medico de corpos e almas puras e impuras, que impartía maxisterio no Monte Argeus . Contan que a el acudían as bestas bravas pra ser curadas...e si estaba en oración, os animaliños, agardaban a que rematase . “ Halló San Blas delicias en la cueva, obediencia en las fieras, seguridad en los monstruos, abundancia en los desiertos, y deleyte en la soledad....”. Iso conta Ribadeyra e deixa constancia de que Brais cobrou sona cando “ Vino un presidente de los Emperadores Diocleciano y Maximiano, llamado Agricolao, a la ciudad de Sebaste y comenzou a perseguir el rebaño del señor y por medio de sus Ministros, como lobos hambrientos, y crueles, hace riza en las ovejas de Christo , mientras que los naturales, y verdaderos lobos besaban mansamente los pies de Blas su Pastor; siendo los hombres por su maldad más feroces....” Os delegados do imperio, buscando feras e cristián pro circo, atoparon a Brais entre elas que os recibiu cun “Hijos mios, seays muy bien venidos; muchos días ha que os estoy aguardando...” e levárono ao Presidente, que quedou absorto e encolerizado co discurso do santo, fixérono prisioneiro, aínda así todos imploraban os seus milagres : o de máis sona foi aquel polo que librou a un neniño dunha espiña que se lle cravara na gorxa, acorado ampeaba e faltáballe o folgo, as mans de Brais devolvéronlle á vida... Fai tamén que un lobo lle devolva á pobre viúva o porquiño que lle roubara. Torturado o santo é auxiliado por sete mulleres... as sete desafían aos deuses pagáns dos romanos, ídolos que arroxan a unha lagoa pra provocar fogueiras ás que serán empuxadas , nada lles facía aquel lume de chumbo, por non apostatar, colgáronas e riparon as súas carnes, pero eran curadas polos anxos, até que foron decapitadas. Igual que Brais, degolado xunto cos fillos daquelas mulleres. “Murio en Sebaste a tres de febrero, y aquel día celebra la Iglesia su fiesta”... As súas reliquias repártense pola cristiandade: as da igrexa de San Matias en Treveris, onde tamén foi martirizado Prisciliano...e onde naceu Marx, reliquias no Vaticano, o anel en Cantinari....os Ulloa e os Fonseca presumiron de reliquias do santo, hoxe no Museo Lázaro Galdiano. E hoxe o San Brai celébrase entre bendicións a roscas de pan e como en poucos sitios, en Monforte de Lemos, en Santo Tirso de Oseiro, Arteixo, en Darbo do Morrazo, no Bembrive vigués, en Mañufe do Val Miñor, no Porriño, en Mos, en Briallos de Portas, en Salto de Vimianzo e veña callos, cocido, pan, rosquillas e viño novo: coloriño, colorado o San Brais trae o tempo anovado.