OS EIDOS QUE ABEIRAN O VELLO CAMIÑO DAS ORIXES, O DE FLORES A SEÑORÍN

Ampliar: Vello camiño entre as agras de Flores a Señorín, 1930.



O Carballiño naceu como campo de feira dependente da parroquia de Señorín e do mosteiro de Oseira. O barrio de Flores foi o primeiro núcleo e á beira deste camiño e do regueiro de Corzos utilizáronse aqueles eidos como agras e lameiros para o pasto

Mudan os usos dos lugares e con eles os seus topónimos que agora levan nomes de persoeiros. Agras que noutrora foron un mar de millo, despois de herba e medas, logo de abandono e de obras...Escenarios que foron dunha historia persoal e colectiva, de labregos, gandeiros e feirantes para pasar a ser mercancía, solares nos que desfacer e facer.

Así é que, na loita pola vida, tantas veces en contra da vida, nese bulir da oferta e da demanda pérdese axiña memoria das orixes e costará repoñer lembranzas, contar o antes, rememorar nomes, alcumes de persoas, topónimos cunha razón de ser; tendo na memoria a quen puidera dar mellor conta...e penso no Ernesto Atanasio, “O Corcheiro”, na miña tía Minda Reque ou na miña curmán Rosa Núñez Reque, grandes informadoras de pasados e xa no Trasmundo de Señorín. Eran parte da saga daqueles carballiñeses que vivían e gozaban contando historias, como as que contaban  os seus devanceiros, o que facían a modo e de vagar, nos apracibles seráns, sentados nos chanzos das escaleiras do patín e baixo a vella parra da solemne casa patrucial dos Reques de Flores, o que hoxe é “ A Bodega”, entre grolo e grolo de viño e petiscos. Espazos estes aínda gardadores, tal cal, das sombras das vellas fantasmas. Lembramos alí ao patrucial e barbado Papá Reque, descendente dos primeiros carballiñeses,  valleinclanesco, maioral entre os arrieiros, señor pois dos camiños, falangueiro, señor de capa e cuberto con estilo de sombreiro de ampla ala o que enmarcaba unha faciana topografada en mil aventuras e desventuras. Casa que foi orgullo dos seus, do Papa Benito, da Mama Asunción, cerna dos Muñoz Reque, onde resistiron os seus fillos máis novos, Juana e o Antonio, arroupados polo resto dos seus irmáns: Rosa, a maior, Pepe, Bautista, Avelino, Aurea, Secundino. Casa de acolledor patín apropiado para esas historias interminables de andares polos camiños, de feira en romaría, contos de aparicións e milagres, de sitios, de eidos  “seus”, os que  mitificaban e defendían con palabras, marcos e valados.

Tentaremos pois aquí aproximarnos a aqueles eidos que aínda abeiran o vello camiño de Flores, costa arriba, cara á primeira parroquia que foi Señorín. Sendeiros que agora, se non están cubertos coa  maleza, deixan ver á súa beira unha flamante casa,  novas estruturas que resumen suores e sufrimentos neses outros camiños da vida, os da emigración.

Da casa dos Reque, pola Fonte de Flores...a unha banda os Cutiños da Carreira

A historia do Carballiño radica arredor do que foi o primeiro campo da feira, hoxe praza maior, nos seus arredores e detrás está o que queda dese barrio que foi da xente dos camiños, coas súas humildes, pero servizais casas, erguidas entre sólidos esteos de pedra nas esquinas, xambas e linteis e táboas de madeira pintada de liñaza. Casas que, por diante ou por detrás, deixaban os seus resíos e currais, espazos para uso propio de almacenaxe e carga,  complementados con cortes onde protexer o gando e aos carromatos con palleiras e rochos.

Ante a deturpación sufrida no decorrer dos anos algo queda para quen o saiba enxergar: velaí a  devandita vella casa do Benito do Reque, a que resiste tal cal, como defende o poeta vasco Gabriel Aresti en  “ A casa do pai” (1963). Casa de arquitectura tradicional, antolóxica, que non pasou desapercibida a Vicente Risco e  proba as relacións da arrieiría destas bocarribeiras con Combarro e Marín. Casa con cortes debaixo e palleira de madeira pegada,  coa súa solaina erguida sobre potentes ménsulas e esteos de pedra, a que abre portas ao corredor interior de reparto de cuartos, así como independentemente á lareira. Tellado con gabanciosa cheminea, para deixar, a modo de melena, unha vella e retorta parra de acolledora sombra no verán.

Enxebres emparrados, cos bancos baixo deles, esenciais na arquitectura tradicional da casa galega e que, de xeito antolóxico, non faltaban en Flores. De sona e ben apreciadas eran nos soleados días as parras  do bar do Chupete, como a que cubría a casa das Cambesas, sendo especial a do resío da Gazpara, chafrán deixado para a caldeira de pulpo e para mesas, emparrado que polo visto a Comisión Territorial de Patrimonio non autorizou a súa reposición nesta derradeira reforma e ben que me costa crer tal ignorancia. Casas de Flores que configuran un singular labirinto urbano, morisco diríamos, asomando a unha banda e outra dese eixo de ir e vir que é a costa, o camiño que unía a cerna da nova vila do Carballiño co orixinario Señorín.

Seguindo aquel vello camiño e despois do casarío, a unha e outra súa banda campan os eidos, os  lameiros nos que pastar o gando, as hortas, entre o Regueiro que viña de Corzos e fluía cara Carrás,  para seguir ao Penedo, ás Adegas, ao Varón... e, en Gomaríz, desembocar no Avia. Regueiro que nos prados de Flores, nas súas curvas e á beira dos camiños ofrecía remansos, sitios escollidos para chantar as pedras lisas das lavandeiras e xunqueiras onde tender a roupa.

Entrada ou saída do casarío que abre ou pecha a fonte de Flores, cos seus dous canos e o pilón semicircular, de peitoril gastado polo uso, o afiar das fouciñas. Alí o verter incesante da necesaria auga para beber humanos e gando, para lavarse, para apagar o lume... nos derradeiros anos vixiada e coidada polo Jorge, outro Reque, con casa alí mesmo, despois polo Alfonso Tupino...  A carón dela prende raiceiras e ergue ramas ao ceo a nova moreira, punto de confluencia do rego  coas augas sobrantes que viñan da vila, alí  clareadas polas recollidas  da fonte e seguir en rego  para repartirse entre cómaros e  humedecer lenturentas hortas.

Tras da fonte de Flores, cara á Carreira -  barrio que abeiraba a vella estrada do Carballiño a Ourense, no que hoxe é a Rúa de Faustino Santalices - estaba e sigue afundida a Barronca, un desnivel que ofrece o terreo, rico en augas que abrollaban con facilidade ao abrir minas, por onde fumegaba noutrora o forno do Cambeses, o Bar Emiliano... parte que mira á parte traseira do Concello, onde tamén estaba o alpendre da Alhondiga. Casas veciñas de hortiñas divididas por unha rede de estreitos camiños, coñecidos como os “Cutiños”, topónimo en relación con iso de coutar propiedades, lindeiros afirmados coa presencia dalgún marco de pedra, estreitos sendeiros entre hortas, soamente para dar paso a unha persoa ou animal, hortas dos Pingueira, do Cancan, do Manganilla...que daban ao Mato, hoxe Rúa Alexandre Bóveda. Desviación do vello camiño de Flores a Corzos que bordeaba lameiros dos  Reque, da Rosa, do Avelino, da Áurea...e do que tamén partía algunha congostra que, atravesando o Regueiro por pasais de pedra, subía ao ermo da Pena, deixando a unha banda o lameiro e a mina de auga do Labrador, paraíso do estrangulado canto das pegas. Nunca viría mal que nas placas das novas rúas aparecera debaixo o topónimo antigo.

Da Fonte de Flores a Señorín...e no medio aquel Rebusco de sorpresas

Deixando a fonte de Flores, a esquerda queda hoxe a nova casa do Albiñana... e seguindo o vello camiño cara Señorín. Na primeira encrucillada do referido camiño que, polo Mato, leva de Flores á Fontenla de Corzos, neste punto estaba o Rebusco, un vertedoiro no que se deixaba o que non cumpría nas casas. E poida que alí prenderan as miñas curiosas ansias arqueolóxicas, onde mesmo atopei dende a cantimplora que o Chafarote usou no dramático fronte de Teruel ( tal souben despois chea de auga do Ebro) até unha pequena chave de prata dun sagrario... Nesa mesma esquina abre a cancela que da paso á ben murada horta do Suso da Gazpara,  a que rexentou e coidou, como súa, o lembrado amigo Alfonso Tupino para facer dela un verxel, xardín xaponés entre tomates, cabazas, pementos...e que aínda seguen coidando os seus. Horta que lindaba con outra ben extensa que era do Asilo, así pois un dos fachendosas propiedades   dos filántropos irmáns Prieto... pero e na parte de abaixo de Flores, a carón das casas do Lucio, o pintor, do Monada, do Vilela, dos Tato, dos Libiera, do Macarrillo, dos Morales, do Peta... Entre tantos xente do Flores de antes. Certo que falamos noutro idioma, o  dos de antes, xente,  moita dela perdida noutros camiños, os da emigración.

Os eidos dos Reque, antiga familia de tratantes, gandeiros e carniceiros

Nos tempos do volframio e do estraperleo, que eran os de aquela posguerra -  anos nos que tamén se erguían sobre a paisaxe do Carballiño as obras daquel capricho xenial dun párroco que era o templo da Veracruz - neste lugar dos Cutiños, cara ao Mato estaban os galpóns da pirotecnia do Cachelo, como un lugar de alquimista, de proba e experimento con pólvora, con bombas de palenque... e máis abaixo campaba o baril emporio gandeiro da leitería do Pepe Reque, tema este que merecería unha novela. Granxa pioneira, modélica que tiña casa con vivenda e baixo cara ao que mesmo conduciu as augas dunha fonte do camiño para verter nun gran pilón. Vivenda dun  piso seguida dunha gran nave para unhas cen vacas repartidas a unha e outra banda dun gran corredor, complementada con alpendres para palleiras, esterco...Concorrido complexo gandeiro por as leiteiras e os carromatos de canados,  aberto a unha gran amplitude de lameiros que coutaba o Regueiro e do que mesmo foi capaz de mudar o seu curso para “harmonizar” a propiedade. Feitos que provocaron unha moderada rebelión temporal das lavandeiras e dos camiñantes afectados, pois  cos cambios do curso, nas cheas, o regato asolagaba o camiño de Señorín á Pena o que deixaba á esquerda a casa e as cortes do Amarillo, entre carballas decotadas, pasando polas antigas  fontiña do Ouro e a fonte da Moa e que desembocaba, onde hoxe está o Instituto de bacharelato, IES Número 1, en Señorín e no que agora é Rúa Alberto Vilanova.

Camiño de Señorín que, nesta zona do Regueiro, sigue rebeirado de eidos que son tamén dos Reque, da Rosa, do Senén e da Lolita, repartidos polos herdos en franxas, separadas por marcos, por cómaros  e eses vimbios que no inverno, entre a xeada fenden coa paisaxe en fíos marelos. Cobizadas hortiñas que sabían repartir a quenda de auga que viña da fonte de Flores, e que producían de todo: patacas, leituga, pementos, tomates ,allos, cebolas,  alcachofas, coles de Bruxelas e mesmo azafrán...  Curioso que non había froiteiros ; máis diso das árbores en Galiza xa falaremos noutra.  Agra con  lindeiros tamén marcados polo Regueiro e o camiño que neste punto atravesado por unha antiga ponte de arco, hoxe cuberta de silvas, e da que, a uns metros, parte unha canle, a que, baixo unha ponte alintelada (movida ao cabo do tempo) conduce auga ao muíño do Regueiro no Carballiño, construción que aínda sobrevive tal cal. Rede sendas cos seus recunchos, xesteiras, tamén escollidas cando o facer de corpo o pedía.

Á banda dereita deste vello camiño de Señorín estaba o monte do Beninitiño, seguido das hortas dos Charrancas e no medio o devandito muiño.. Pequeno e ben coutado bosque de xestas e piñeiros, paraíso para os xogos de nenos educados e inspirados naquel primeiro cine de películas de batallas, de  Scaramuche, de vaqueiros e de Drácula. Lugar a onde nos tempos do Nadal ou dos Maios iamos a buscar o musgo, as pedras e as ramas para facer o Belén ou os Maios, as flores para a auga da noite do San Xoán, bieiteiro, estraloques, malvas... Iso si, estando ben advertidos de que alí, naquel regueiro e baixo a ponte, onde se vertía o lixo e os animais mortos, nos anos da guerra, desfixéronse dunha bomba que quedou sen explotar... A carón e en costa campa o fachendoso lameiro da tía Cachela, regado por auga dunha mina farturenta e ben antiga, sempre con gando a pastar. Bordeado por un ben feito valado de pedra e que cando o Regueiro estaba de chea e polas obras da muda do seu curso, as augas alagaban o camiño e a xente víase obrigada a pasar por derriba das xa luídas laxas deste valado, namentres os carros e as vacas entopeñaban no enlameirado camiño.

Costa cara Señorín, o camiño deixaba á dereita a edificación dos curtidos do Antonio Reque, lindeira cun terreo pedreiro no que na primavera florecían as xestas brancas, as Insuas, propiedade do Bautista Reque, o que tamén recorta a pronunciada curva do Regueiro en Carrás, onde polos anos oitenta construiría chalet o lembrado Rogelio Mateos, entre outros.

E na metade do século XX a nova estrada de Señorín... ás súas beiras novas casas

Éntrase en Señorín, deixando á esquerda a Carballa, propiedade da Rosa do Reque...lugar  polo que naqueles anos da metade do século XX se  ampliou e abriu, en boa parte, a nova estrada que, baixa cara ao Carballiño, obras que obrigaron a  trazar unha nova ponte a carón do muiño, creando un novo espazo para as lavandeiras. Tramo, onde a fins dos setenta ergueu casa para vivir e morrer o santeiro de Saavedra do Irixo, Xesús González, o  que esculpiu os Apóstolos da gran arcada da Veracruz . Nova estrada que entraba en Flores deixando á dereita a casa dos da Pica,  cruce co xa dito vello camiño do Rebusco, para dar coa estrada que, por Carrás leva a de Ribadavia. Nova estrada de Señorín que desemboca na Praza das Galiñas,, á dereita coa Casa da Moitas, a carón da que o Pepe Reque construíu o Cine e a Sala de Festas, que ben marcaron na vila a década dos sesenta. Anos da miña infancia os das obras desta nova estrada de Señorín, entón terreira e poeirenta no verán, na que lembro un vello camión “ruso”, usado para a construción, eternamente inmobilizado no tramo medio, á altura do monte do Benitiño... Espazos, lembranzas que se revelan e asoman entre fantasías nos soños.

20 Xullo 2023