Meigas e magos “de saco ao lombo” na tradición celto-cristián e no Nadal de Galiza

Ampliar: Magos (Debuxo de FeliPe-Senén)



Cavilares arredor de tradicións célticas e cristians que caracterizan a cultura galega, en relación cos magos e con outros ´homes do saco´: o homilde carboeiro Apalpador e osMagos que, esperanzados, acoden a un cortello a axionllarse ante unha Nai

Galiza,  este noso cabodomundo, é pobo que ao longo da súa historia abriu portos e portas, a que sobre a pel do seu mapa tramou encrucilladas e  camiños nos que recibir e despedir. Odiseas ou peregrinacións, ascese pola que van transitando tradicións que non deixan de recibir as pegadas doutras culturas, trastornarse e mesmo quedar cicatrices, cando non se degradan, esperpentizan nesas sobreactuacións hiperenxebristas que agora chamamos feismos. Ademais neste noso tempo a sumar a revolución tecnolóxica global, a das pantallas, as que educan ou maleducan,

Na orixinalidade  de Galiza as orixes célticas e cristiáns: magos e meigas, santos...

A orixinalidade de Galiza arrinca de dúas raiceiras, como ben preconizou e desenvolveu Risco e a súa irmandade de “inadaptados”, os de  “Nós”, os que se miraban no espello da Eirín de Breogán , de San Patricio e tantos outros santos e santas: o céltico e o cristián. Distinción de comportamentos  xa cualificados dende tempos romanos como  “célticos” algo que, pese ás teses celtofóbica, proba a arqueoloxía pola singularidade do castros, por artefactos e insignias tan senlleiras e abondantes como en ningunha parte como os torques de ouro... por rituais e a maxia de magos e meigas, saberes herdados dos druídas, entre cantos bárdicos, músicas, cantares saudosos por paraísos que se perden... por devocións a divindades en relación cos eses Catro Elementos, coas mudas estacionais que condicionan o agro, que fan que agrome unha flor e esta se converta en froito gardador de novas sementes, velaí o simbolismo de ovos e esferas coloreadas.... a pervivencia dun panteísmo, pasado polo xermanismo do reino suevo, priscilianista e mesmo fonte franciscanista.

 Esa forte pegada histórica da cristiandade e dende os seus primeiros tempos, manifesta en comunidades de homiños e mulleres santas, ermitáns ben “orientados”, coleccionistas e protectores de reliquias arredor das que montaron conxuntos palatinos e se crearon aristocracias. Os que en tempos de razzias normandas e islámicas coidaron eses seus sacros lábaros  en montes inacesibles, os que se organizaron en cruzadas para conformar o mapa dun imperio cristián, inventando mitos e sepulturas sacras, facendo do íntimo de Cristo un matamouros...Terra de misioneiros e de conquistadores polo mapamundi, de tanto tamén do que compre escusarse ante a historia.

Tan cristiáns que dende o primeiro medievo este confín acuñou como símbolo seu en estandartes un armorial que retoma o caldeiro das cerimonias célticas reconvertido agora en Grial, o Cáliz do sangue da Cruz, o que a mitoloxía dí levado por Xosé de Arimatea nun novo periplo que rememora o de Breogán, a Translatio: da Terra Santa ás Fisterras célticas... Xogo da Oca, entrelazo céltico-cristián sobre o que tanto re-crea o ciclo artúrico, entre maxias, aparicións, fadas, meigas, trasnos...e velaí o Parsifal de Wagner que tanto aluou aos galeguistas dos anos modernistas.

O solsticio de inverno, cando asoma o misterio e a maxia de divindades antigas

Celtismo e cristianismo deixan fonda pegada de “espírito”, a que se pon a proba no escaparate das festas, to tempo das mudas cíclicas, como solsticio de inverno, o Nadal, a esperanza, cando a forza do instinto no tempo escuro convoca á casa, á tribo, arredor da luz e da quentura do lume, da cor, da fartura e da maxia... Eran as aldeas as gardadoras de vellos herdos, agora sometidas ao acoso do timo e do consumo global.

 Tradicións e ritos que supoñen persoeiros que son herdeiros da maxia de divindades, señorías do seu espazos  e dun tempo especial no almanaque. E velaí homes e mesmo mulleres do saco ao lombo, fartos, colorados, xenerosos magos e meigas, que na madrugada saen do misterio do monte para alegrar ao nenos con sorpresas: Papa Noel, Santa Claus nórdicos, que, no máis fondo, sendo sucesores de deidades antigas,  burlonas, bondadosas, magos... como o Bes exipcio, o  Endovélico céltico ou esas divindades que agroman da espesura da natureza e se confunden nela, como o Cernnunnos e os homes e melleres verdes (green mens) como Dionisos grego ou o Baco latino  a cristiandade asimílaos ao barbado San Nicolas, salvador de nenos... Sabios patriarcas magos e inoentes nenos. E velaí a versións galega, a dos Ancares e do Caurel, pese a que o pota Novoneyra non o menta,  a do Apalpabarrigas, Pandigueiro, para sobreporse co nome de Apalpador, como o pescador Angukeru en Asturias, o leñador Esteru , o  Olentzero en Euskadi.... labrego, médico e mago, un precursor dos bos e xenerosos que coida e alegra con regalos o espertar dos nenos.

Magos de oriente cos pes nos camiños, entre un universo de estrelas, maxia e panxoliñas

A cristiandade, tan desenvolta en ladaiñas, oracións, contos, cantos, símbolos, estrelas que marcan camiños, santuarios, que orientan, transmitiu de xeito moi sedutor o nacemento e o viacrucis. En templos argalláronse  autos sacramentais, cancións, vilancicos (as cancións vilegas de inspiración coas de escarnio), panxoliñas (pange lingua, as propias dos anxos)...E Galiza e Compostela como cerna de tal misión. Confín onde máis se representan aos magos co simbolismo de ser peregrinos a Belén, a un berce dun redentor, sabios esperanzados guiados polas estelas: Oriente é o berce, Compostela o sartego, velaí ese simbólico lazo, banda de Möbius que une os cabos da  vida-morte. Ao respecto desta fonte creativa aconsellaría ler o poema daquel referente que foi para a xeneración nós, T.S. Eliot,  o poema “O camiño dos Magos” .

Inmensa capacidade creadora a de Galiza, berce do realismo-máxico, de historias, mitos e contos protagonizado por seres que cargan ao lombo sacos de humildes sorrisos, uns solitarios, pobres carboeiros, xigantes, cabezóns e bandulleiros....outros acicalados reis de distintas procedencias, con simbólicos regalos, capaces de acudir a un cortello e axeonllarse ante unha Nai coa esperanza no colo...tradicións de Paz, fonte de enxeño que a xente creadora saberá aproveitar, o tempo e as herdanzas préstanse ben.

22 Decembro 2023