VELLAS LEMBRAZAS DOS FELOS DE GARABÁS

Ampliar: Felo de Garabás (Debuxo de Felipe Senén)



Lembranzas do Entroido carballiñés de fins dos anos cincuenta do século XX, cando os tradiiconais Felos de Garabás concorrian á Praza Maior. Desfile de xinetes de traxe coberto de cintas e espelliños...tradición cabalar propia dos arrieiros

Das lembranzas carballiñesas máis vellas e alegres que gardo corresponden co tempo de Entroido e coas gavillas de cabaleiros dos Felos de Garabás.. Entroido que foi máis de xinetes que de amazonas e que o tempo e a igualdade irán mudando. Aínda en min retumba o trepar dos facos, os seus rinchos, os aturuxos, cánticos e sermóns.

 E sendo o Entroido o tempo no que se sacan á rúa e se presume de antigas tradicións, cando se contrasta o salvaxe co urbanizado, de haber un Entroido enxebre entre a infinidade de competentes entroidos que ofrece Galiza, os Felos de Garabás  son os que caracterizaban o Carballiño, o seu singular aporte a este espectáculo festivo, diferenciador; inmenso patrimonio cultural digno de recoñecerse, coidarse e protexerse. 

Nos anos da “Longa noite de pedra” que dixo o celanovés Celso Emilio Ferreiro, cando tanta mocidade galega colleu o barco ou o tren cara aos camiños máis insólitos da emigración, cando os eidos e lameiros de Galiza se sementaron de abandono e con encoros se asolagaron agras, os felos tamén desapareceron do Entroido do Carballiño,  imperou entón unha festa controlada, de casino e salas de festa, con máis máscaras de bazar que creativas ou tradicionais. Ausencia de mozos e cabalos deica estes anos da nova revolución dixital en que a tradición resucita e ogallá se faga coidando o mellor do pasado.

Garabás é unha antiguísima parroquia de Maside, presidida por magnífica igrexa románica, ao estilo de moitas que campan e proban o poder desta bisbarra no medievo e das que ben se gaban. Terras que naquel tempo feudal, de cabaleiros, irmandiños e castelos, se coñeceron como Castela, lindeiras con Orcellón.  Rexión de aldeas e vilas de sona denantes de que existise o Carballiño, como Maside, Garabás, Amarante, Partovia, Señorín, Varón, Arcos, Mesego, Cea... Lugar do Carballiño que ten orixe na encrucillada e como campo de feira especializado en gando e cabalar. Punto de encontro para tratantes das parroquias da veciñanza e de moito máis alá, competindo coa mesma Compostela coa que se tivo importantes e constantes relacións. Logo co nacer do século XIX, aquel lugar da feira do Carballiño, foise arrodeando de rúas e construcións. Moitos daqueles parroquiáns, xunto con fidalgos de pazo, asentáronse aquí, axudando a facer vila, a crear concello, a organizar partido xudicial e a singularizala na Historia.

Poida, ademais, que a vella parroquia de Garabás e a vella vila do Carballiño, a mais de ter  relación arrieira, de xente de feira establecida arredor do novo campo, teñan algo máis en común e poida ser mesmo no referido aos seus topónimos. Quizais Garabás e Carballiño  estean en relación coa mesma raiceira de “caraba”, como humilde caseta, cámara de feira, feita con caramallos... como esas “carabas” das que presumen os andaluces nas súas feiras.

Arrieiros, señores de cabalos e do camiño, felos endomingados polo Santo Entroido

Competente feira de gando era a do Carballiño, a que movía toda a economía agraria e moi especialmente cabalar.  E teimamos co asunto dos cabalos, pois compre asumir que os cabalos significaron moito até a revolución industrial coa que aparece o Auto Industrial ... e mesmo no Carballiño ferradores de cabalos reconvertéronse en carroceiros de autos de motor e os vellos maiorais, condutores de carros de cabalos fixéronse condutores e  empresarios de autobuses para carrexar xente a “feiras, festas e romarías”.  Deica entón eran os cabaleiros, os bos xinetes, aqueles que, dende nenos eran adestrados en coñecer camiños e na equitación, tamén os que dominaban a guerrilla, os solicitados soldados que gañaban batallas. O cabalo  ademais daba prestixio ao seu señor, elemento de casta e rango, propio pois do cabaleiro, do fidalgo, do crego, do escribán, como  do arrieiro e  dos feirantes, señores dos camiños e das fondas, mesmo dos salteadores.

E entre os arrieiros, os feirantes primeiros das crónicas orixinarias carballiñesas, os distinguidos tanto polo seu trato e xeito de ser, mesmo polo vestir, eran os masidaos, e entre eles os da devandita parroquia de Garabás. Señores de cabalos, de feira en romaría... Distinguidos na feira entre os tratantes do común, cubertos de blusón negro ou gris.

E niso da xente do camiño, dos arrieiros e gandeiros radica boa parte da historia da feira na encrucillada do Carballiño...e velaí no Entroido, escaparte de tantas tradicións, os entroidos de a cabalo, como os “correos”, os “xerais” ou os “Felos garabases. Cabaleiros en contraste coas máscaras de a pé, de carauta posta, que mesmo tamén reciben o nome de felo.

No tempo de Entroido eran os garabases os que, entre lugares e unha e outra parroquia formaban gavillas de fachendosos felos: pola mañá pasando de casa en casa, agrupándose arredor da  igrexa  parroquial de San Pedro, encargando denantes un cocido de cachucha, lacón,  todo tipo de chourizos e botelo, entre patacas e grelo...E despois do xantar, brindar coas cuncas daquel tinto dise seu ribeiro que abre ao Barbantiño; logo a revisar os  adornos dos facos, subirse a eles, formarse en orde de idades...Entón, o maioral, dando o toque do corno de caza ordena coller camiño e alá se van co característico trepar, cantando, saudando a quen se asoma ao camiño.

Os felos de Garabás eran esperados con emocións, cánticos, aturuxos e aplausos na curva da Fontela, para seguir a carón dos curtidos do Piteira, das madeiras do Fraguas, das carrocerías Piñeiro, de Correos, das madeiras do Carballido... e os cans da Carreira detrás e ladrarlle.

E velaí, non faltaban ao noso Entroido, aparecían en algarabía, dándolle tralla aos facos, a aquelas bestas ben luídas, brancas, teixas, negras, cubertas de cintos de axóuxeres, de campaíñas, pasamanería e cintas de todas as cores. Bestas e xinetes ben engalanados, a cabezada, a montura, os arneses, as rendas... mesmo, a máis das cintas de cor, o traxe era obra de xastre ou costureira , con  boa pasamanaría en galóns e charreteiras, cuberto de anacos de espelliños ou brillante latón. Luces e brillos por toadas partes, a ritmo e son coa primavera das camelias e das mimosas, das margaridas que cobren a paisaxe e que co rechouchío das bandadas de paxaros que volven, bo agoiro, proba de que o círculo da vida sigue a xirar.

Ao toque da corneta de caza entraban, en formación, no Carballiño

Garabases a cabalo, os vellos coa bota aragonesa do viño ao lombo, mesmo algún rapaz a cabalo dunha pequena besta...cubertos con sombreiro de feltro negro e ala ancha, traxeados de negro, gabándose de  ser masidaos: chaleco cruzado, de colo con reberete curvo, e sobre del chaqueta, calzón ancho, case de maragato, metido en polaina ou en  botas de coiro. Toda tela cuberta de cintas e galóns, espelliños a relucir. Algúns co peito cruzado por un exótico e  rechamante pano de cachimir de longos flecos. Mozos e mozas, seguíanos, si acaso paraban, baixaban e pousaban un chisco no  bar do Pituxo, acicalábanse eles e ás bestas e volta a recompoñer aquel exercito de paz.  Novamente o maioral tocaba o corno de caza.

Formándose, uns detrás dos outros, comandados pola fusta de cores e as ordes do  Maioral. Ringleira de cintas a deixarse ir pola velocidade  do vento.  Non lembro que cancións cantaban, sabias ben a miña aboa... Así pasaban pola Mina, a carón das vellas oficinas da Cheda, do Hotel Evaristo... e xa no centro, coidaban o paso,  maxestáticos, arredor da praza maior, entre algarabía, aplausos, berros de ánimo e vivas aos felos... E xa no centro trazar unha circunferencia, tratando de erguer  aos facos sobre as súas patas traseiras, entre  os seus rinchos, aturuxos e asubíos...todos seguindo un orde... e logo cantar versos retrouseiros.

Aquela rolda cabalar, de felos saudando e acenando co sombreiro en man era o trunfo da luz, da algarabía festiva...De seguido e despois da representación, o xefe maioral tocaba o corno de caza e daba un acougo aos xinetes... Entón, como heroes dunha guerra de paz, baixaban dos seus cabalos e repartíanse, convidados nas tabernas. Algúns, os máis mozos dos felos seguían a presumir fachendosos entre as mozas, a recorrer o paseo, deixando subir e baixar aos seus cabalos a algunha moza ou neno, dando unha volta arredor da praza... Non faltaba felo que se saía do grupo e trotaba cara á casa dalgún amigo, petaba na porta para ser convidado.  A maioría concorrían no bar da Gazpara ou  no Emiliano a tomar uns dedais de licocafé con torradas borrachas ou con orellas de frade.... Os rapaces sempre detrás dos facos e das cintas. Cintas de cores nas festas, nas danzas, nas procesións, nas tradicións... arremedo tanxible do Arco da Vella. Era aquel un desfile de cor, sen sables, nin armas, sen máis que cintas ao vento.

Ben entrada a media noite, o xefe tocaba o corno de caza até que estaban reunidos todos, algún retrasábase, namentres, dando voltas en roda despedíndose co sombreiro na man.. A súa ausencia deixaba prendida certa nostalxia, esperándoos novamente o luns, o martes...e todo o ano.

Contábase tamén que, anos moi atrás, un felo mozo subiu ao seu faco a unha moza, víuselle  pasear pola praz, polas rúas...  Mais á hora da recollida o felo non volveu ao grupo, nin a moza á casa. Todo o pobo buscando... e nada, naquela noite e nos días que seguiron. O asunto diu que falar... Pasados uns días o único que se atopou foi  aquel faco branco, na estrada da Fontefría, cara a Vigo... Alguén, anos despois, trouxo noticias, contou que atopara ao felo e á moza, en Caracas, rexentando uns ultramarinos, casados e con fillos.

E dento deste universo que é o almanaque festivo do Entroido, como entrada no tempo das flores, as que significan froitos e despois sementes, como árbore de fondas raiceiras, manda e medra á luz, a cor, a leria, o instintivo, o xogo entre a tradición e a creación. Mais o Entroido terá outra cara contraria, a da abstinencia, de cavilares e loito que é a Coresma. Entroido tan cargado de símbolos, folións, músicas, danzas, herdos do pasado neolítico, celta, romano, medieval, do remedo á relixión, das influencias foráneas, do consumo de hoxe que é a influencia comercial do bazar chino. Mesmo todo un mundo de verbas coa súa orixe. E velaí, entre felechos, correaxes de axóuxeres, esquilas, chocas, os felos, nome que se pon en relación con verbo latino “flecto”.. próximo a felón, o entroido chupón, bandulleiro, comellán,  e mesmo en relación co feluxe, o feluche castelán, a cinza das lareiras, o que no Entroido das terras montesías do Courel e do Brollón botan mesturado con auga, como símbolo de fecundidade,  da cinza que é o remol do calor e da luz da lareira...  Felo de Felón, como Pantalla de Pantagruel en relación coa festa do xantar, da fartura, da liberdade retrouseira que é o Entroido.

Non eran aquel entroido de saco ou trapallada, de máscaras de cartón ou plástico, era o xogo da tradición coa creación. Imaxinario, universo de símbolos, todo un tesouro do que poucos países poden ofrecer tanto. Perda que a globalización uniformizadora tente contra tanta fonda orixe, contra tanta orixinalidade..



10 de febreiro 2024