O “Espírito” de Galiza na arquitetura de Antonio Palacios

Ampliar: Bocexo de Palacios para O Carballiño (ArquiVo F.Senén)



Aproximación á significación da obra do arquitecto Antonio Palacios ( Porriño 1874- Madrid 1945). Grandilocuentes arquitecturas nas que están presentes a pedra e os artesáns de Galiza, así como un tratamento especial coas arquitecturas históricas...

A historia da cultura galega está tan chea de feitos e persoeiros que todos os días do almanaque atopariamos efemérides que celebrar. Entre outros, neste 2024 é o 150 aniversario do nacemento en Porriño do xenial arquitecto galego Antonio Palacios, a un tempo que a Academia Galega de Belas Artes dedica o Día das Artes Galegas (1 de abril) ao escultor de cambados Asorey, dous nomes que viven e beben dunha mesma ansia nas súas pescudas artísticas, a do “espírito” de Galiza.

Polas súas obras coñeceremos ao creador. E iso intentouno o lembrado e malogrado historiador de Antonio Palacios, Xosé María Ramón Iglesias Veiga (Mos 1957-2020), como o mesmo construtor carballiñés Adolfo Otero Cerdeira, deixando memoria do seu acontecer a carón da obra de Palacios. Agora o Colexio de Arquitectos de Madrid  expón nesta capital e traslada á Coruña  a gran exposición, “Antonio Palacios. El rumor de la historia, el ruído del tiempo”, dirixida polos arquitectos Ricardo Sánchez Lampreave e José Luis Varela Alén, con necesario e profesionalizado catálogo. 

 Antonio Palacios, como moitos creadores circunscritos á Xeración Nós sobreviven aos tempos convulsos da Restauración Borbónica, da Ditadura de Primo de Rivera, da Segunda República, do couto, tristuras e medos guerra e da “Longa Noite de Pedra” da Ditadura franquista.

RE-CREAR SOBRE AS PEDRAS, AS ARTESANIAS, AS ARQUITECTURAS HISTÓRICAS....

Unha das figuras máis egrexias da historia da arquitectura universal é Antonio Palacios Ramilo (Porriño, 8 xaneiro 1874  - Madrid 27 outubro de 1945). Vida é obra de profesional dos que profesan. Grandilocuente nas súas obras, humilde no trato, contaxiando paixón de amor á Terra, ao ser humano e ao mellor que este pode facer: a Arte. Desinteresado, máis preocupado pola execución e o resultado final daquelas súas grandes obras, as que tramaba na súa residencia no Plantio, a máis pequena construción que fixo, e nun taller de 2 x 2 mts cadrados,  que  de xeito retranqueiro, denominaba “o Cuarto de non estar” . Virtuoso dos saberes arquitectónicos que parten do clasicismo vitruvián, experimental, dos que compre contextualizar no seu tempo e nos espazos nos que actúa, Son os seus anos de conformación de confrarías, irmandades, seminarios, células... cando os ventos de tantos “ismos” petan na individualidade, como célula de universalidade: ca posta en valor da persoa, “diferente”, das ideas propias fronte a unha uniformización (globalidade) que se impón.

As arquitecturas de  Palacios son moi complexas, realizadas en tempos do triunfo da revolución industrial que tantas mudas supón para, entre o esteticismo prerrafaelista, provocar un fondo sentimento decadentista do occidente. Asuntos  sobre  a deshumanización, arredor dos que filosofou Spengler e ao que mesmo se adiantou Vicente Risco,  que  nese ansia diferenciadora, fura no exótico, no máis fondo do misterio, seguindo as teorías de George Willian Rusell, meténdose no máis escuro da teosofía, no budismo, buscando  karma, no mítico, no místico, no onírico, abusando do simbolismo. Creadores que envolven as súas obras nese diferencial realismo máxico que ten berce en Galiza. Ansias, sentimento, cultura, artes pois cuns principios de orixe, de orixinalidade que radican na Terra, Galiza: as pedras, os artesáns canteiros, a Historia da Arte... sumando o aprendido nos camiños da vida, dos grandes arquitectos admirados centroeuropeos, americanos... e unha incesante peregrinación a través das raiceiras, da encrucillada da arte céltica, clásica, cristián... Asuntos dos que se falaba  naqueles parladoiros madrileños de café e dominó, o de “La Granja del Henar”,  do “Lyon d´Or”, aos que non faltaba Valle Inclán, LLoréns... e sobre todo no Mondariz da filantrópica e galeguista familia Peinador, onde arredor do  mozo empregado daquel complexo balneario, o poeta Ramón Cabanillas, se reunían Basilio Álvarez, Rey Soto, Risco, Ángel del Castillo, Castelao, Asorey, Palacios... onde se trataba sobre o Grial e Parsifal, sobre o idioma e a arte, sobre a identidade galega, sobre a tan polémica idea raza, entendida como singular aporte cultural, étnico, fronte ao asoballamento. Afondando sobre o espírito do pobo, o tan tratado polos románticos xermanistas o volkgeist, no caso galego un xeito de afianzar a dignidade. Sobre as cultas teorías éticas e estéticas de Risco, baseadas no Panceltismo e no Cristianismo, ollándose no espello irlandés e nas pautas do polifacético nacionalista Willian Butler Yeats, algo no que teimou  o máis mozo xornalista Placido Castro.

Antonio Palacios sabe enxergar e expresarse: as súas son obras desvelan o interese pola tapografía, polo sitio, para actuar como un pontífice, a predilección polo universo e xogo cos arcos, que fai seus en estilo, con doelas que poden converterse en anxos modernistas, como apóstolos... arcos que  serven de pasaxes, soportais, como pontes, os que, dende mozo gustaba de formular e que, simbolicamente conducen a un xeito de cosmogonía que será o seu preferido plan central... Arquitectura pois que resulta como unha ascese en busca da harmonía, da luz. Conxuntos que son escenografía como para un  gran teatro nacional, o pais dos nosos desexos, arte, catedrais con “espírito” para compartir e desfrutar.

DE PORRIÑO  A SER O ARQUITECTO DO MADRID DO MODERNISMO

Palacios nace en Porriño o 8 de xaneiro do 1874, fillo do madrileño Isidoro Palacios Garcia y Teruel, (fillo de ourensán),  desprazado a Porriño como empregado das obras públicas do ferrocarril Ourense-Oporto-Vigo e da porriñesa Xesusa Ramilo Nieves, da que naceron Xesus (enxeñeiro), Carmen, Amparo, Amelia, Xoaquín  (topógrafo), Xosé (boticario)  e o menor, Antonio... Familia na cerna das obras públicas, na enxeñería: o maior dos irmáns, Xesús, entre outros encargos no 1896  elaborou un plano urbanístico do Carballiño. Dende mozos afeccionados ás viaxes, a coñecer Galiza e  Portugal, en ocasións acompañados de Valentín Paz Andrade. Incursións do arquitecto que se prolongan ao occidente atlántico, a entón tan atractiva Miteleuropa,  sen deixar o  clasicismo grecolatina, Exipto...

Antonio Palacios, despois de estudar  bacharelato no Instituto de Pontevedra, capital da cantería, dos arxinas, no 1892 ingresa na Escola de Arquitectura de Madrid, sendo o discípulo predilecto de Velázquez Bosco, mestre do eclecticismo, ilusionado con Viollet le Duc, rematando os estudos no 1900. O mozo Palacios será elixido para dar clases como interino na mesma Escola de Arquitectura,  formando un tándem co amigo e enxeñeiro Joaquín Otamendi de influínte familia de construtores bilbaínos, co que no 1901 executan en Bilbao a Ponte sobre o Urumea. Son anos nos que está nas miras dos creadores mais agudos o Sezessionismo Vienés, a destreza grandilocuente das arquitecturas de Olbricht, de Otto Wagner que inclúen as súas estruturas as artesanía. A un tempo que  a industrialización leva a aparición de novos materiais, o formigón, o ferro laminado...a artesanía reconvértese e corre riscos de desaparecer pola máquina. Como contestación velaí a revolución propiciada polo inglés Willian Morris, que “non quería arte para uns poucos”, potenciando a man de obra; como proba as propostas precomunistas nas terras escocesas de míster Robert Owen creando New Lanark un poboado industrial de telas. 

A familia Palacios defende as atractivas paisaxes pétreas das terras de Porriño e Ponteareas, O Condado, propicia roteiros entre as grandes penedas, a un tempo que analiza e comeza a aproveitar e explotar canteiras en Atios. Pedras e canteiros de Galiza que estarán moi presentes nas súas obras. De xeito serodio casa coa malagueña Adela Rodriguez.

O BALNEARIO MONDARIZ: O BAUTISMO ESPIRITUAL DA INTELECTUALIDADE GALEGA

Un Palacios mozo , xa recoñecido, no Madrid de 1910, recibe da familia Peinador o encargo de intervir no conxunto emblemático do Balneario de Mondariz (1908-1915) para o que, como tantas veces, o arquitecto recorre ao seu amigo o enxeñeiro Otamendi. Vila que cualificará como “Capital Mundial das Augas”,.

Modernistas anos vinte, tan no debate do eclecticismo no que, a máus de Centroeuropa, tamén inflúe a grandilocuencia construtiva de Chicago, de New York  e un Movemento Moderno que comeza a empregar os novos materiais e novas técnicas construtivas. As propostas de Palacios enxergan este acontecer de “ismos”, partindo dunha formación académica, clasicista, sumándose inicialmente a un eclecticismo moi seu, adaptado aos lugares nos que actúa  (con  pegada mudexar e plateresca na meseta, románico e brutalista en Galiza...) así como deixándose agarimar polos ventos e as buscas libertaria que valoran a individualidade. Anos nos que recibe importantes encargos que configuran as paisaxes urbanas de Madrid: templete de acceso ao metro de S. Luis, o  Palacios de Correos (1904-1918), o  Hospital de Maudes (1908-1916), o  Banco del Rio de la Plata (1910-1918), Circulo de Bellas Artes (1919-1926), sígnicos edificios bancarios na metrópole, como de Vizcaia (1914), residenciais como o Matessanz (1919), o Hotel Alfonso XIII (1920)... Grandilocuencia arquitectónica, innovando co emprego do ferro laminado, o formigón en cúpulas bóvedas, grandes ventanais, en moitos aspectos dando pasos cara ao Movemento Moderno e mais sendo edificios tramada dende un sentir fondamente social, tan diferente do que cualificaba as “aburridas construcións sovietizantes”. Pola outra banda tampouco faltaban críticas ás obras colosais do porriñes, como a referida ao edificio de Cibeles cualificado polos soviets como “Santa Maria de las Comunicaciones” . Ao respecto o historiador da arte, Chamoso Lamas referíndose a ese xogo de artesanais en fachadas e dende unha óptica máis contemporánea asentaba que “con azucar sabe peor”-

 Palacios recibe ademais encargos para Donosotia, Valladolid, Santander, Toledo, Málaga, Huelva, Sevilla, Cádiz.. moitos dos proxectos que, para o goce dos estudosos de hoxe, quedarán na virtualidade.

No 1922 é nomeado académico de San Fernando, ingresando cun discurso arredor da arquitectura neoclasicista de Juan de Villanueva, académico da de Ciencias Históricas de Toledo e da de San Telmo de Málaga, querido e recoñecido no seu tempo.”

O prestixio do arquitecto galego é coñecido dende cedo na súa terra, onde se lle encarga a urbanización do conxunto tradicional de romaría do Monte de Santa Tegra, a Fonte do Cristo (1904), a Virxe da Roca (!909) o edificio das Escolas do Areal (perdidas), a Botica Palacios ( do seu irmán Xosé)  en Porriño (1909), o edifico do Concello de Porriño  (1919-1924) mostrario de  tipoloxía de columnas, capiteis. Vila de Porriño onde sempre se considerou a Palacios como fillo ilustre. Pero ademais recibe o encargo do urbanismo de  Vilagarcía, de Compostela... e sobre todo de Vigo  con varios edificios emblemático, como o Garcia Barbón (1909-1924); proxectos para Compostela, onde edifica o pavillón de Recreo da Ferradura (1909), urbanización en Coruña,  o Templo do Mar de Panxón (1910-1930), como un homenaxe ao mar e a un arco visigodo que conserva nas inmediacións. Autor da Central eléctrica do Tambe, como unha catedral co seu poboado (1924), os pequenos chales en Praia América... os proxectos para o  Santuario da Encarnación en Celanova, o de  San Fausto de Chapela, o Templo da Paz no alto da Guía, as Salesas de Vigo e a súa derradeira obra, que recolle e aproveita moito do non realizado dos devanditos proxectos, para se como un testamento do seus sentir, unha exhibición como virtuoso da arquitectura: o Templo da Veracruz do Carballiño, tan cargada dos principios simbólicos que caracterizan ao arquitecto.

IDENTIFICACIÓN APAIXOADA CON PROMOTORES, CONSTRUCTORES, COS OBREIROS...

Palacios entende as súas obra como un plan interactivo, convive, fala, escríbese, entrega bocexos a construtores, mesmo cos canteiros a pe de obra, contaxiando amizade,  paixón, ate unha identificación mutua coa arquitecto. Velaí as testemuñas dos construtores Mogines en Panxón, Manuel Pérez Conde en Vigo, de  Adolfo Otero Landeiro e fillos no Carballiño... este último, que mesmo, morto o arquitecto amigo, chegou a reinterpretar as súas arquitecturas, véxase o curioso Templo de Fátima en Chantada, lección de cantaría e arquitectura, hoxe na realidade dun triste pardiñeiro para xogos bélicos.

Non viría mal que os poderes públicos, como dí o artigo 46 da Constitución Española mostraran preocupación e control sobre o estado da cuestión de tal legado artístico, retrato da ética e estética dun tempo, mesmo protexéndoos por Lei.

 10 MARZO 2024