O humor líquido de Xaquín Marín

Ampliar: Xaquín Marín visto por Xaquín Marín



Introdución á biografía do humorista gráfico ferrolán Xaquín Marín, caracterizado pola súa singularidade de forma no debuxo e fondo: a crítica á sociedade de consumo, á deshumanización, á insolidaridade... tratadas dende un estilo inconfundible

Xaquín  Benito Marín Formoso, Xaquín Marín para a Historia, é ferrolán e ben que se lle nota:  metódico nun océano de teimas,  leal, de cartabón, compás e diapasón, distinguido no coral, nun desfile ou procesión.  Aínda que vivindo sempre no veciño Perlío de Fene, a carón da gran grúa pórtico de Astano,  a que enmarca o Ferrol baixo o Montecuruto.  Agora indo e vindo ás terras secas ibéricas, remedio para artrose, á  casa da súa compañeira en Fontemoria, Badaxoz.Nacido nun outono da inmediata posguerra,  cando o trunfo da  falsa beatería e a arrogancia nacionalcatolicista, de rosarios da aurora e noves primeiros venres, entre afervoados  cánticos militares, desfiles, arriar e izar bandeiras.

X.  Marín esta catalogado na historia do mapamundi como humorista  gráfico que reflicte as inquedanzas deste tempo que vai da revolución industrial á dixital, a que abre as cancelas  á IA, así con maiúsculas, as da Intelixencia Artificial. Desbordada civilización a nosa, de rebaixas, ofertas, dispendios,  entre moreas de lixo, chiringuitos.... afogando o espazo vital, expropiando os catro elementos comúns, o Aire, a Auga, o Sol, a Terra : eólicos crucificando a crista mansa dos montes, aspas espantando aves e bestas... horizontes de eucaliptos,  chemineas fumegando  un ceo rabuñado por aeronaves...  mar envelenado,  de medusas e  cetáceos mortos.... rios ennegrecidos, moreas de rodas, de botellas, latas de vehículos que, noutrora, foron ilusións...  e innovadora pirotecnia de guerras descarnadas televisadas en direto.

Delineante nos estaleiros de  Astano, daquela unha saída para os mozos  fronte á forte emigración... como tamén o foi para o seu  veciño e amigo, o ceramista Pérez Porto. Trazadores de  liñas en planos de buques, petroleiros, cargueiros para  todos os Mares, cousa que da que filosofar.  Siro, esoutro humorista ferrolán e do mesmo tempo, fixo algo similar, pero nos estaleiros da Bazán e con barcos guerra, bos amigos dende mozos, cando se coñeceron  no Círculo de Perlio.  Inseparables  niso da plumilla e da tinta china, despois dos rotrings, trazando aburridas liñas, planos a escala, aínda que sempre se atopaba un acougo e papel  para guialas polo maxín e o divertimento.

Pintor tamén, aínda que mais  debuxante cativado pola banda deseñada por esas historietas que son como unha película en papel: sucesión de xanelas abertas  ao maxín, á dialéctica. Autodidacta m distinguido e distinguindo un tempo e unha terra, Galiza, no tratamento do humorismo gráfico. Ben soubo enxergar as pescudas artísticas do seu amigo o  coruñés Raimundo Patiño, aquel que retomaba a teoría e a praxe dun Isaac Díaz Pardo desafiante da escuridade da Longa Noite  de Pedra  e da desmemoria  para asentar aquelo de que:  “ As formas han de ter patria, como as linguas, ao fin e ao cabo elas son unha linguaxe... e xa sabemos o que pasou cos esperanto” (Cadernos do Laboratorio de Formas de Galicia. N. 1. Castro, Sada 1970). Pois velaí, lembremos que universalidade significa a unidade na diversidade, unha teima do vello galeguismo, a posta en valor  da singularidade da persoa e da nación.

UN BERRO DE LIÑAS ERGUIDO AO CEO

Marín, naqueles anos sesenta, tanto de Dylan como de Beatles, Rollings, ou mesmo de Paco Ibañez, como de José Afonso ou de Voces  Ceibes, súmase ao grupo de artistas da Estampa Popular Galega, con exposicións en vilas e cidades que estrean asociación culturais, como un feito rebelde contra a grisalla do franquismo. Fin de década dos sesenta que vive en Madrid, servindo co cartaz, coa pegatina de denuncia, colaborando na revista Chan. É entón cando con Patiño publica o álbum Viaxes (1975) un fito na banda deseñada galega. Entón o  humorismo de Marín asoma nas mellores revistas, e faino como  un xeito rebelde, intelixente fronte a patufería da ditadura:  La Codorniz, Hermano Lobo, Pueblo, Diario 16,  Teima, Encrucillada, Can sen Dono, Follas Secas, Luzes de Galicia, A Nosa Terra... presumen de telo nas súas páxinas. E a partires dos oitenta verémolo  tamén en Interviu,en  El ecologista, en  Coordenadas... e mesmo en revistas de México, na Bretaña... Cunha pbra incontable, moi espallada, a que brota da súa man como dunha fonte de tinta e de creatividade, omnipresente en Galiza e en toda a area da súa emigración. Imprescindible nos museos de arte, solicitado como compoñente de xurados,  necesario  nas actividades do asociacionismo cultural, nas librarías, onde se presentaban as súas inestimables obras para entender un tempo, como As Ratas,  aventuras de persoeiros como  Gaspariño, Toñecho, Alcacén para gaitas, O home que falaba arameo,  Humor líquido, O caso galego, Malfeito bufón, O peixe de pedra... Colaborador co seu inseparable amigo Siro .

Obra de Marín motivada polo desalento,  polas revoltas populares de fins dos setenta, como as expropiacións para a térmica das Encrobas,  en Baldaio de Carballo, a Balea do Grove, da autopista,  as intencións dunha central nuclear en Xove...as  reiteradas mareas negras motivadas polo afundimento de petroleiros como o Urquiiola (1976) o Aegean Seam (1992), o Prestige (2002).

Marín é recoñecido, querido,  agora como un barbado patriarca, fuxido do pétreo estatismo do Pórtico da Gloria, premiado na bienal de Grabovo (1987), Paleta Agroman (1982, 1991), Vieira de Humor (1983), Pedra do Destino (2016) ...e tantos que enchen os andeis da súa casa...  Sempre a pe de obra: fundador da Asociación cultural Medulio do Ferrol (1979) promotor do Museo do Humor de Fene (1984) sendo o seu primeiro director, ampliando  e consolidando a idea entre os máis grandes do humor. Creador do premio Curuxa de Humor, fundador da Internacional Federación de organización de caricaturistas de España, profesor honorífico da Universidade de Alcalá de Henares, membro da Academia do Humor, fundamental no  Museo do Humor de Porto...

E agora, neste maio de guerras do 2024 expoñendo no Museo Luis Seoane da Coruña: repaso  preparado polo seu fillo Alexandre Marín, crebacabezas de  imaxes características en forma e fondo, xogo de liñas que son  berros que suplican ansia, esperanza:  pozos  negros, moreas de lixo que afogan tradicións, campanarios, cruceiros, cabaceiros...xente  de boina e de pana, emigrantes pisados, aldea asolagada por un avarento océano de negacionismo  do cambio climático, de deshumanización, de consumo , de aculturación, de bussines  manager, de carteira e garabata...ondas  entre as que navega  Marín, novo Ulises, como  un noso  Breogán, indeleble na man.

EXPOSICIÓN :“HUMOR LÍQUIDO”  de Xaquin Marín

Fundación Luis Seoane-Coruña

Comisariada por Alexandre Marín

Organiza Galiza Cultura

15 - ABRIL -2024