A galeguidade do arquitecto Antonio Palacios

Ampliar: Sec. da Vercruz do Carballiño, arquitecto Antonio Palacios 1943



Antonio Palacios (Porriño 1874-Madrid 1945). Arquitecto do Madrid modernista, con importantes obras en Galicia, caracteriadas polo uso das pedras, a incorporación dos artesáns, os canteiros, así como polo xogo estilístico coa historia da arquitectura

O Arquitecto porriñés Antonio Palacios cumpriría 150 anos neste 2024 e de tal xeito así se ven celebrando alí onde deixou a pegada das súas singulares arquitecturas... Retómase tamén entón aos estudosos do tema, sen faltar os galegos, como o malogrado historiador X. M. Ramón Iglesias Veiga (Mos 1957-2020) ou o mesmo construtor carballiñés Adolfo Otero Cerdeira, que, non soamente deixou memoria escrita do seu acontecer a carón do seu  pai e de Palacios na execución da Veracruz do Carballiño, senón que a espallou e contaxiou ao seu fillo, o historiador Rafael Otero Janeiro,

Compre pois  circunscribir a Antonio Palacios no seu tempo, o de aqueles “inadaptados·, o das singularidades da Xeración Nós, sobrevive pois os convulsos anos da Restauración Borbónica, da Ditadura de Primo de Rivera, da Segunda República, a guerra e a “Longa Noite de Pedra” . Cando os ventos de tantos “ismos” petan na individualidade e ponse en valor a diferencia, á persoa, fronte á uniformización global que impoñen as diferentes revolucións industriais... e xa imos pola Cuarta, a da Intelixencia Artificial.

A arquitectura de Antonio Palacios Ramilo (Porriño, 8 xaneiro 1874  - Madrid 27 outubro de 1945) caracterízase pola súa grandilocuencia, envolta en teimas permanentes: como unha ascese, un corredor ou eixo cara a un plan central... e como materia prima as pedras, a execución artesán, entre un singular simbolismo. Arquitecto que, alí por onde vai, contaxia humanismo, amor á Terra e ao mellor que se pode facer: a Arte. Tan preocupado pola execución  que polo resultado final daquelas grandes obras, as que bocexaba na súa  pequena casa, a máis pequena que proxectou, aínda hoxe na barriada madrileña do Plantío e nun taller de 2 x 2 mts cadrados, que chamaba  “o Cuarto de non estar” .

Palacios, como Risco que tanto teorizou no asunto, como o escultor Asorey, están entre eses creadores que, afondando na teosofía, nos  misterios do “espírito” aureolan  as súas obras dese realismo máxico de alicerces celtas e cristiáns que caracteriza os confíns atlánticos.  Asuntos dos que se falaba  nos concorridos parladoiros madrileños de café e dominó, o de “La Granja del Henar”,  do “Lyon d´Or” e sobre todo no Mondariz da filantrópica e galeguista familia Peinador, onde arredor do  mozo empregado daquel complexo balneario, o poeta Ramón Cabanillas, se reunían Basilio Álvarez, Rey Soto, Risco, Ángel del Castillo, Castelao, Asorey, Palacios... onde se trataba sobre o Grial e Parsifal, sobre o idioma e a arte, sobre a tan polémica idea de “raza”, entendida como singular aporte cultural fronte ao asoballamento. Afondando sobre o espírito do pobo, o tan tratado polos románticos xermanistas o volkgeist. E a mirarse no espello irlandés, nas súas xenialidades “contrafío”, no exemplar compromiso do polifacético nacionalista Willian Butler Yeats.

Arquitecturas de Palacios que desvelan o interese pola topografía, polo sitio, para actuar como un pontífice, polo xogo co lintel, cos arcos, os que fai seus en estilo, con doelas que tanto poden converterse en anxos modernistas, como en apóstolos... obras con algo de ponte, as que, dende mozo gustaba de formular co seu inseparable amigo e colaborador donostiarra o enxeñeiro Joaquín Otamendi: viadutos que, simbolicamente, conducen a un xeito de cosmogonía, o seu preferido plan central. Escenografía como para un  gran teatro nacional, catedrais con “espírito”.

... E SEMPRE, DE IDA E VOLTA,  PORRIÑO, A “CAPITAL MUNDIAL DA PEDRA”

 Palacios leva a arquitectura no seu adn: fillo do madrileño Isidoro Palacios Garcia y Teruel, (oriúndo ourensán),  desprazado a Porriño como empregado das obras do ferrocarril Ourense-Porto-Vigo e, como nai, a porriñesa Xesusa Ramilo Nieves, da que naceron Xesús (enxeñeiro), Carmen, Amparo, Amelia, Xoaquín  (topógrafo), Xosé (boticario)  e o menor, Antonio... Dende mozos afeccionados ás viaxes, a enxergar, en ocasións acompañados de Valentín Paz Andrade. Incursións pola mesma Terra, polo occidente atlántico, pola atractiva Miteleuropa, sen deixar o clasicismo grecolatino, Exipto... Antonio veranea en Málaga onde de coñece a Adela Ramírez de Flores coa que casará.

Palacios estuda  bacharelato no Instituto de Pontevedra, capital dos arxinas; no 1892 ingresa na Escola de Arquitectura de Madrid, sendo o discípulo predilecto de Velázquez Bosco, ilusionado con Viollet le Duc, rematando os estudos no 1900 é elixido como profesor interino na mesma Escola de Arquitectura, formando un tándem co  enxeñeiro Joaquín Otamendi de influínte familia de construtores vascos, co que no 1901 executan en  Donostia a Ponte sobre o Urumea. Son anos nos que están nas miras dos creadores o Sezessionismo Vienés, a  grandilocuencia de Olbricht, de Otto Wagner, a un tempo que a industrialización leva a aparición de novos materiais... entón a artesanía reconvértese e corre riscos de desaparecer. 

No 1910 Palacios recibe da familia Peinador o encargo de intervir no conxunto emblemático do Balneario de Mondariz (1908-1915). Anos nos que se acumulan importantes encargos que configurarán o urbanismo do Madrid modernista: o templete do metro de S. Luis, o edificio de Correos (1904-1918), o  Hospital de Maudes (1908-1916), o  Banco del Rio de la Plata (1910-1918), o Circulo de Bellas Artes (1919-1926), edificios bancarios como o de Vizcaia (1914), residenciais como a Matessanz (1919), o Hotel Alfonso XIII (1920)...edificacións concibidas dende un sentir social, diferente do que el cualificaba as “aburridas construcións sovietizantes”. Tampouco sen faltar críticas ao seu edificio de Cibeles, cualificado polos soviets como “Santa Maria de las Comunicaciones” .

O prestixio e sona do arquitecto galego é recoñecida na súa terra, onde se lle encarga a urbanización do Monte de Santa Tegra, a Fonte do Cristo de Porriño (1904), a Virxe da Roca (!909) o edificio das Escolas do Areal (perdidas), a Botica Palacios ( do seu irmán Xosé)  en Porriño (1909), o Concello de Porriño  (1919-1924) que será como un mostrario de  tipoloxías de pedras, de labras e sínteses arquitectónicas. Pero ademais recibe o encargo do urbanismo de  Vilagarcía, de Compostela... e sobre todo de Vigo,  con edificios como o Garcia Barbón (1909-1924); proxectos para Compostela, como o pavillón de Recreo da Ferradura (1909),unha urbanización en Coruña,  o Templo do Mar de Panxón (1910-1930), este como un homenaxe ao mar e a un arco visigodo das inmediacións. Autor da Central eléctrica do Tambe, que será como unha catedral industrial, co seu poboado (1924), os pequenos chalets en Praia América...o de Celso Méndez e o de Sileno, a casa-muiño Paramés en Ponteareas... proxectos para o  Santuario da Encarnación en Celanova,  San Fausto de Chapela, o Templo da Paz no alto da Guía, as Salesas de Vigo e a súa derradeira obra, que recolle e aproveita moito do non realizado, para ser como testamento do seu sentir: o Templo da Veracruz do Carballiño (1943), soños que trae entre mans nos derradeiros anos, ameazado pola enfermidade, bocexos de liña trémula, efecto da visión borrosa, pero sempre contaxiando paixón, para morrer na súa pequena casa do Plantí o, un 24 de outubro de 1945, recibindo sepultura na madrileña Sacramental de San Lourenzo e no 1976 trasladados os restos ao cemiterio de Porriño, onde descansan baixo un penedo.

Palacios convive a pe de obra cos construtores, como Fontán Armiñán de Ponteareas, Mogines en Panxón, Manuel Pérez Conde en Vigo, Adolfo Otero Landeiro e fillos no Carballiño... este último, que mesmo, morto o arquitecto amigo, chegou a reinterpretar as súas arquitecturas, véxase o curioso Templo de Fátima en Chantada, lección de cantaría e arquitectura, hoxe tristeira realidade.

28 XUÑO 2024