A Torre de Hércules, sentinela no Atlántico, cousa de onte, de hoxe.... e de sempre

Ampliar: Torre de Hércules, escultura de Carlos III de Pablo Serrano. Foto F.Senén



Longo camiño o da Torre de Hércules deica a súa inscripción no Listado de Patrimonio da Humanidade o 27 de xuño do 2009, para o que foi dicisiva a determinación do entón Ministro de Cultura e polígrafo, coruñes de cerna, César Antonio Molina

A imaxe da Coruña que  todos levamos dentro  é a da Torre de Hércules. E velaí está, si...vendo pasalo tempo, coas súas cicatrices, quizais dende os primeiros anos do cambio de era e sempre suscitando mitos, teorías, creacións,  como obra do imperio romano que é, emproando ao “Mare Tenebrosum” . Torre que anuncia un acolledor  porto, quizais o “Magnus Portus Artabrorum”  e Brigantia, cidade destacada en viaxeiros e xeógrafos da antigüidade, como Ptolomeo, Dión Casio , Istrio Aethico,  Orosio, nas Táboas Peutinginarias, no Anónimo de Rávena... por algo no emblema armeiro da cidade, labrada, estampada en selos, moedas, estandartes... da que se fixeron maquetas desaparecidas, como a inicio do XIX a de León Gil del Palacio;  retratada por ilustres fotógrafos, velaí  as do bretón Plissón, a “Torre de Caramelo”  entre a primeira inspiración de Picasso, como do subrrealismo atlántico de Urbano Lugrís, na ollada de Seoane... e tanta literatura. 

Faro  nos confís do mundo distinguido dende a Antigüidade

A finais do scl. IV, tempos priscilianistas e suevos, o cronista galaico Paulo Orosio , subliña en texto semellante ao do Istro Aético , que  “... Brigantia Gallaeciae civitas, sita altissimam paharum et inter pauca memorandi operis ad speculam britanniae erigit...” ( “Brigantia, cidade da Gallaecia,, na dirección de Bretaña ergue un altisimo faro, construción sobranceira entre poucas...” “ speculam” que mesmo deu lugar a macarrónicas interpretacións.

 Faro que, nos anos altomedievais, de ameazas nórdicas e  das primeiras peregrinacións  pon topónimo. E que ademais ofrece a arqueoloxía  sobre unha peneda inmediata, posible base de escultura, un epígrafe referido ao culto ao emperador Augusto, divinizado como Marte , dando a identidade do arquitecto:  o lusitano, aeminiense (de Coimbra) Caio Servio Lupo... o que se ve en relación co grandioso criptopórtico desta cidade do Mondego. E como referente o Faro de Alexandría, do sec. III a.C atribuído ao arquitecto Sostrato de Cnido.

As teorías sobre a estrutura orixinal  e os accesos á parte alta

Varias son as teoría sobre a estrutura exterior, orixinal do Faro romano, as máis partindo De “Investigaciones sobre la fundación y fábrica de la llamada Torre de Hércules situada a la entrada del puerto de La Coruña”  (1792) do  ilustrado coruñes  Joseph Cornide  Saavedra (1734-1803), entre elas o minucioso estudo  de Sigfred  Hutter: torre de  corpo prismático cúbico, con rampla  de acceso exterior, voada en helicoidal . A teoría de Theodor Hauschild , a de Hague que presupoñen que o acceso helicoidal iría cuberto por un sólido paramento de cantería, ao cabo do tempo derruído . Si ben observacións de mosaicos e ladrillos que bocexan faros romanos, xeralmente ofrecen estruturas de prismas cúbicos, iso si,  en diminución, repartidos en terrazas , normalmente tres, accedendo a elas por escalinatas entre os  muros laterais...algo desaparecido, quedando o corpo central, en tres pisos, aburatado no 1684,, tal como se accede hoxe, proxecto  ordenado  polo Capitan Xeral Duque de Uceda. As pegadas  do  acceso orixinal quedan “radiografadas” nas  obras de restauración  realizadas co asesoramento de Cornide Saavedra polo  pacense , enxeñeiro hidráulico desprazado no Ferrol,  Eustaquio Giannini Bentallol. Queda aínda moito por pescudar ao respecto, así como do seu irmán Joseph que prosigue obras no faro,  pois anos despois daquel encargo, Eustaquio é desprazado para realizar obras portuarias  ao longo do Rio de la Plata, mudando as tornas , pasando a ser un heroe no proceso  de independencia  da Arxentina... ao respecto o militar arxentino  Lauro Destefani  realizou estudos preliminares.

Torre enriquecida polas tradicións, os mitos... e a historia

 O “Lebor Gabála Érenn”, libro das Invasións a Irlanda, scl. XI e que  recolle tradicións gaélicas moito máis antigas,  na segunda parte refírese aos celtas, a Brigantia  e á Torre, que dí erguida polo caudillo celta  Breogán, así como do periplo do seu fillo Ith e  despois dos seus a Eirin... unha de tantas míticas  navigatios ascéticas, novas odiseas, como  as cristianizadas de San Barandán, de San Amaro, de Trezenzonio... cando se entendía que “navigare necesse est”...

Alfonso  X,  no scl, XIII , dentro desa ansia de  ennobrecer o seu imperio escribe a General Historia, outorgándolle á Torre unha orixe mítica e será  ambientando aquí o X traballo de Hércules, o da loita con Xerión,  pastor de touros ... monstro ao  que o heroe da Tesalia destrona e decapita,  para darlle sepultura  e sobre dela  erguer a Torre. E velaí no escudo da cidade ,nos alicerces do faro a cabeza ou a caveira de Xerión, sen coroa... sigue a fabula  na súa  espiral  creadora . A  beira do Faro a Punta  Herminia, ofrece petróglifos con marcas medievais, como os do   montículo xemelgo  da Torre, o do Polvorín, desmochado .... Beiramar de  tristes aconteceres: no 1971 o naufraxio do “Isla”,  no 1976  o  do petroleiro “Urkiola”, e cando a Torres vivía o proceso de restauración o doutro petroleiro, o “ Ageam Sea” , 1992...

O faro, unha constante no devalar cultural

Nese longo proceso de recuperación e transmisión de canto supón o faro, lembramos nos anos setenta o esforzo feito dende a Oficina de Turismo polo seu xefe, Jaime Martinez, quen ben entendeu o que situaba á Coruña no mapamundi : a Torre de Hércules, a formación de Picasso  e a Batalla de Elviña.... Dende o Museo Arqueolóxico provincial da Coruña,  no Castelo de San Antón, pese a súas  insuficiencias, espallouse  a necesidade de estender a súa actividade de difusión, investigación e potenciación ao Castro de Elviña e á Torre , inseparables dos achados no  núcleo urbano. Nese senso  velaí o  discurso de ingreso no Instituto Cornide (11 de novembro do 1989)  de quen isto escribe, “Cuestións Arqueolóxicas e Museolóxicas: revisión dende o Museo Arqueolóxico da Coruña” ... Cabe lembrar ao respecto o coruñesismo  da historiadora  M. Victoria Fernández España, que nas súas conferencias sobre a cidade adiantaba a necesidade de declaración de Patrimonio da Humanidade da Torre, no 1986, apoiada polo Centro Galego e Madrid. Tivemos como  referente  naquela década  os traballos sobre faros e sobre a Torre do fareiro Sánchez Terry.

A importancia do bicentenario (1991) da reconstrución realizada por Giannini

Dende a alcaldía de Francisco Vázquez ,  a partires de 1986 programarase a celebracións do segundo centenario da restauración da Torre por Giannini, actos que culminarán do 27 de setembro ao  10  de novembro do  1991 cunha gran exposición na Estación Maritima, complementada  coa edición dun libro referente, “Ciudad y Torre. Roma y la Ilustración en La Coruña” , mostra coordinada polo arqueólogo Xosé María Bello e polo historiador da Arte Alfredo Vigo Trasancos ...A un tempo abríanse portas á recuperación do monumento , pese a ser BIC e sobre o que incidían diferentes  responsabilidade, concello, portos, Xunta... A finais de 1990 a Academia Galega de Belas Artes, presidida polo pintor Fernandez Argüelles , acorda dirixirse aos poderes públicos coa ansia de tomar medidas de atención e mesmo  propoñela  xunto coas  murallas de Lugo como Patrimonio da Humanidade. Momento  no que presidía a Xunta de Galicia Fraga Iribarne , que valora a iniciativa para encamiñar  a proposta unicamente cara ás murallas de Lugo, as que serán incluídas no listado de Patrimonio da Humanidade  o 30 XI do 2000. No 2001 toma corpo a iniciativa popular encabezada polo doutor ourensán José Vázquez Iglesias, afeccionado á fotografía e que fixo da torre o seu leit motiv, o asunto era  ir cumprindo un programa integral de sensibilización e acción co fin de conseguir a ansiada   inscrición do faro no listado de  Patrimonio da Humanidade. Así nace o Instituto de Estudios Torre de Hércules, constituíndo  un tándem fundamental con Segundo Pardo-Ciorroga,.

E a ansía de César Antonio Molina, o Faro entre as prioridades do seu Ministerio de Cultura

Momentos transcendentes  acontecerán a partires de que ocupa a  xefatura da Demarcación de Costas en Galicia (1987 a 1997) o enxeñeiro Euardo Toba Blanco, que retoma a restauración do Faro , obras  dirixidas por  Pablo Latorre , xunto coa planificación do seu entorno, o Parque Escultórico. Acométense obras que implican demolicións d anexos, limpeza, escavacións arqueolóxicas, controladas por Xosé Maria Bello Diéguez  e Luis Caballero Zoreda. 

 Pasan os anos, o Instituto de Estudos sobre a Torre de Hércules  acomete por todos os flancos, mentes  Ferrol compite e presenta a súa candidatura ao Listado de Patrimonio. Todo muda coa entrada do  polígrafo e xestor cultural coruñés Cesar Antonio Molina como Ministro  de Cultura do Goberno de España ( xullo do 2007 a abril do 2009) entón sobre as mesas dos despachos se retómanse os informes  traspapelados, para o 27 de abril do 2009 a Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura, nun competitivo encontro en Sevilla,  declara a Torre de Hércules como Patrimonio Mundial.

 Son anos tamén nos que a Prisión Provincial, situada a carón da Torre, deixa a súa función, para entrar no debate o seu  futuro. Mentres tanto e non contemplando un proxecto integral que implica o que é un Centro de Recepción de visitantes, vanse instalando  tinglados “provisionais”,  co conseguinte perigo de chiringuitización. Entendendo que o ideal Centro de Recepción de visitantes sería a devandita Prisión Provincial, acondicionado o seu entorno como aparcadoiro e non so aberta á Información, senón a canto implica o que o visitante necesita: servicios, cafetería, self service ou taberna, merchandaising , area museística ou de interpretación,  miradoiro... e na saída o posto de microbuses ao mesmo pe da torre...un espazo para facela rendible.

20 xuño 2024