Compostela, rebordando mitos, sombras e historia arredor dun sartego
Introdución á riqueza cultural de Compostela, como capital do universo celta: a arqueoloxía arredor dun sartego, a historia, os mitos:Iría, Duio, a Raíña Lupa, os montes Ilicino, Libredón, a Arca Marmórica... fonte de inspiración para a creación
Compostela é a cerna do labirinto, o centro do céltico Xogo da Oca, onde converxen e diverxen vieiros e preguntas nesa busca que vai entre o cabo da Vida e o da Morte. Cidade que abre pórticos, capaz do mesmo Pórtico da Gloria, por algo significada no símbolo da vieira. Como toda Galiza confín, algo máis que esas catro provincias aburridas , as que se poñen como orelleiras, sendo o embigo do Medievo, de soños cabaleirescos e monásticos abrindo camiños a Europa, a un pretensioso novo sacro imperio. Sen deixar a poesía de ollar ás galaxias ou ao océano da irmandade panceltista fisterrán. Dende este Cabodomundo Compostela competiu con Roma e con Xerusalén, envolta na aura da brétema da chuvia, dos misterios, onde as Benditas Ánimas teñen templo e onde os pecados se retratan nas gárgolas. Iso si, sempre en devalar dialéctico, entre o profano e o sacro, o Románico e o Barroco, luces e sombras , da horizontalidade dos soportais á verticalidade de torres a rivalizar con chemineas xa apagadas. Estruturas con voz propia, o son das campás, dirixidas pola Berenguela, revestida de Barroco, orgullo do arquitecto Domingo de Andrade : as campás de Compostela tanxen, sons que no lonxe ecoan.
As horas esenciais de Compostela, cando a cidade deixa asomar o seu espírito, son as do serán: momentos nos que o Sol, nese seu andar que vai do abrente - coroando o Pico Sacro e o que foi Monte Ilicino nos tempos de Lupa e da Translatio - se encamiña ao Pedroso. Despedida solar con raiolas mainas, que ouridourean o Obradoiro, para furar pola vidreira, rosetón, cosmogonía calidoscópica da fachada occidental, dando cima a esa simbólica ascese que se ergue dende a cripta, o Caos, ao Pórtico... cara ao Xuízo Final, ao trunfo do Saber, do Verbo feito Música en 24 vellos... para culminar no Vértice. Raios que furan e petan no Altar, no nacente, o Oriente, e fano cun mensaxe de Esperanza , ofrenda cotián derriba da escuridade da Tumba Apostólica. Xogo de símbolos para unha cristiandade que, entre as aventuras e desventuras do labirinto, peregrina a estes confíns, facendo preguntas.
Como premio final na meta, algo dos versos da “Itaca” de Kavafis: a lección do camiño e a chegada á inspiradora Compostela, encrucillada de rúas e prazas, xenerosa en fontes... cargada de arqueoloxías, a cidade máis céltica: a Ferradura , cristianizada pola capela de Santa Susana para ser carballeira e acoller as feiras, tan de sona polos cabalos, con todo o que significa o poder do cabalo... Da cima á cidade o Castro, con coroa na praza de Cervantes, onde a Inquisición montou temido patíbulo para meigas, co sitio de Solovio, o do ermitán Pelagio, o que o mito conta, iluminado polas estrelas, alá polo 813 atopou o que dixo ser o sartego Apóstolo e comezar a xogar coa imaxe do santo pacífico até ser capaces de facelo cabaleiro conquistador. Solovio, hoxe espazo da rebuldeira praza de Abastos, aínda deixando escoitar os vellos pregóns cos seseantes acentos composteláns. Compostela (Compositum stelae: cemiterio) no medievo coutada por murallas, aberta por portas: a de Mazarelos que daba entrada aos arrieiros e aos viños dos ribeiros ourensáns... a Porta Faxeira, dando paso aos que viñan de Iria e do mar, despois de deixar atrás, nas ribeiras do Sarela o souto e o Pazo de San Lorenzo, sombríos escenarios nos que no medievo experimentou o nigromántico bispo Muñiz... logo a Ferradura... E o universo da catedral, baixo os seus alicerces as probas arqueolóxicas de antigas ofrendas a Xúpiter, asentamento romano sobre o que construír unha e outra capela, tumbas e máis tumbas , e nos tempos do bispo Diego Pelaez, aliado co Normando Guillerme o Conquistador, o século XI, erguerse a catedral co seu panteón real, co máis grande relicario e coa ansia de ser berce dun imperio cristián, a capital mundial do Románico. Logo, no Barroco, todo revestido en luces e sombras, a que, ao chorar das chirimías e dos cantos se adornou de liturxias, entre báculos, mitras e capas bordadas de ouro... A Compostela renacentista, a dos Fonseca, cando “Gallaecia Fulget” compite no universo
Mesmo na Historia aqueloutra Compostela, a de cando “aquel vaise e todos, todos se van...” polos camiños da emigración ás américas, a que clama a dignidade do pobo , a de Pondal, Curros, Rosalía ou Murguía, a que no 1856, en Conxo e ao xeito bárdico, ergue as cuncas ao sol brindando, agoirando un futuro mellor. A decimonónica e troiesca Compostela, a das tunas, villeus e algarabía entre sotanas de cregos, levitas de profesores, blusóns dos gandeiros e libros de estudantes... “a grande aldea de Galiza” con arrecendo a incenso, a loureiro cocido ou a guiso. A Compostela de moitas xeracións de universitarios, médicos, boticarios, letrados, filósofos e de letras , as que tamén sortearon os anos cutres da ditadura, o das Marías, maquillando o seu triste acontecer, ás dúas en punto, hora dos viños polo Franco e a Raíña...
Meta para tanto de ilustres peregrinos...como aquel cantado Gaifeiros ou Guillermo de Aquitania, o que, gozoso, morre ante a tumba do Apóstolo. Non esquezamos o paso do “povero de Asissi” : do Val de Deus ao Val do Inferno, para no Pedroso atoparse co carboeiro Cotolai e milagrosamente cun tesouro dos mouro que permitiu construír o mosteiro do que saíron frades que repartiron misión de “paz e ben” galego polo mapamundi. Así o priscilianismo anovouse. E despois de San Francisco por aquí pasou santo Domigos e Vicente Ferrer cos seus sermóns apocalípticos, para sementar os confíns célticos de cruceiros.
Contos arredor da barca de pedra, da Raíña Lupa, do Ilicino, do Libredón ... de Compostela
Compostela é antoloxía da Galiza eterna, urbe endexamais indiferente ao viaxeiro. Por algo no vello convento de Santo Domingos de Bonaval, dende 1977 a remarcar as orixes o Museo do Pobo Galego. Cando poucas cidades hai no mundo capaces de provocar a espiral de tantas páxinas escritas: velaí no século XII, tempos do poderoso arcebispo Xelmírez, de tantas relacións cos Borgoña e coa Provenza, o Códice Calixtino - libro con historia propia, como o mesmo roubo no ano 2011, para ser atopado un ano despois na casa dun traballador descontento da propia catedral - páxinas que tratan de consolidar un imperio cristián a través da liturxia, da música, dos milagres do Apóstolo, das súa predicas nestes confíns; da posterior Translatio do seu corpo morto...loando a misión imperial de Carlomagno, complementado coa guía do peregrino e descrición do camiño e de Compostela ...
De fins do XIV é o Códice dos Cambeadores, escrito en galego, sobre aspectos míticos da predicación do Apóstolo nestes confíns, a posterior Translatio do seu corpo, de Iria Compostela, singular odisea co asolagamento de Duio, a liberación milagrosa dos discípulos, Lupa e o Castro Faramello, os monstros e touros bravos do Ilicino, o Pico Sagro, o Monte Libredón...e finalmente dando sepultura en Arca Marmórica... para en tempos do bispo de Iria, Teodomiro, ser descuberto aquel sartego. E tantas crónicas, como a de Ambrosio de Morales encargada por Felipe II; a “Viaxe a Galicia”, do Licenciado Molina... e as de tantos curiosos impertinentes e historiadores que tentan radicar a historia de España en Santiago, deica chegar ás páxinas de Murguia, ao sentir de Rosalía, do arqueólogo López Ferreiro, de Pérez Lugín, de Valle Inclán, de Risco, este capaz de imaxinar e por ao alter ego do irlandés Joyce - autor de esa odisea pola cidade de Dublín no 1904 “Ulisses”- no relato “Dedalus en Compostela”, paseo peripatético do galego e do irlandés, arredor do sentir céltico-cristiáns. O discurso “Alba de Gloria de Castelao, desfile dunha inmortal Santa Compaña, retomando as ideas “de espírito” que Risco tiña sementado con teimosía. A Compostela de Otero Pedrayo, ese seu persoal paseo , filigrana literaria, por unha Compostela insólita “o Espello no serán” (1966)... Os seis poemas en galego (1934) homenaxe á cidade de García Lorca; o poemario “Ángeles de Compostela” (1940) de Gerardo Diego os espazos arqueolóxicos envoltos en mitos na novela do arqueólogo don Jesus Carballo “Fida, la hija del último druída galaico” (1951), a “Compostela y su ángel” (1948) de Torrente Ballester ,a Compostela de Cunqueiro, de Novoneyra ou de Manuel María...os esforzos por defendela de Chamoso Lamas. A picaresca peregrinatio de Alejo Carpentier “El camino de Santiago ” (1974), ou para os esotéricos “ El Misterio de Compostela” (1971) de Louis Charpentier ; “O Camiño de Santiago. Diario dun mago (1987) de Paulo Coellho; o mesmo “El Camino” (2000) de Shirley Mclaine.... Como os galos, aínda máis os navarros coidaron a peregrinación, velaí a sobranceira guía, “Rutas Jacobeas” (1971). Semella agora que canto dicimos é cultura descoñecida, cando os poderes públicos, usando da súa ilustración, no Monte Gaiás, crean o “Bosque de Galicia”, sendo o que foi, o Libredón.
25 XULLO 2024