Viquingos en Jakobsland: “Ad furore normanorun liberame domine”
A raiz dunha mostra que se presenta no Mueso da Historia do Gaías sobre os viquingos faise aquí unha reflexión sobre as incursións dos destros mariñeiros nórdicos polo atlántico, a penetración en Galiza cara a Jakobsland dos peregrinos
Na segunda metade deste ano 2024 o compostelán Museo Centro Gaiás acolle entre as exposicións a dedicada a “Unha vida viquinga”. Ben merece este extremo occidente, o que os nórdicos coñecían como Jakobsland, vencellarse a estoutra parte da historia oceánica. Cando detrás daquel retrouso de “para mariñeiros nós”, están tamén os lobos dos mares do Norte, os que , nos primeiros anos do medievo aguilloaron a Galiza. Dalgún xeito aínda hoxe latexa esa irmandade marítima: en pesqueiros de armadores nórdicos non faltan mariñeiros galegos, sentímolo ben, mesmo nestes días, co naufraxio do palangreiro “Argos Georgía”,.
Mostra na que, a través de artefactos, documentos da vida cotián, traballos en bronce, ferro, óso, madeira... estelas, runas e da magnifica carpintería quérese fender coa visión establecida de bandas violentas, de salteadores de aldeas e templos, cegados polo botín, raptores de mulleres e nenos... dos seguidores de Odín, o deus da sabedoría, da maxia, da guerra e da morte. Debuxados nesa visión popular ao son da corna , como barbudos, de trenzas loiras, señores de casco de cornos e espada en man, sobre longos barcos de vela de bandas roxas. Prima na atractiva exposición e na magnífica edición do catálogo a visión positiva, a dos exploradores, comerciantes, señores dun océano de fantasías, de sagas, continuadores de cantos bárdicos, revitalizadores do sentimento orientalista, céltico.
Galiza, país que emproa ao mar, nos arredores do agoirado como catastrófico ano mil, estaba sometida a ires e vires de buscavidas, os que, a través dos ronseis do mar cosían o oriente co occidente, o norte co sur: o islám, os viquingos e os cruzados. Todos cun ansia imperial e dun premio celestial. Os primeiros coa misión de dar cumprimento á yihad; os segundos coa ansia das riquezas materiais e os cruzados coa de ampliar a cristiandade e adquirir riquezas e distincións cabaleirescas.
Viquingos, aliados dos ventos e das ondas, remeiros sen par, con eses barcos longos, os drakkar que se movían polas augas como serpes, os que, dende nenos tiñan como escola os fiordos, atopando nos mares interiores galegos outro paraíso. Sabios carpinteiros, de naves, de templos como pagodes, aplicando a arte do agargalado, do tarabelaxe, do uso das resignas, do trenzado das cordas, do tear... Saberes que son base nunha cultura que revitaliza herdos máis antigos, tal como as tradicións célticas.
“Ad furoren normanorum” era un mantra coa que se remataban as liturxias nos templos da cristiandade románica, a un tempo que se acudía ás reliquias dos santos para fortalecer a fe. Sendo Galiza obrigado porto de arribada para os navegantes do Norte: a Mariña lucense, Noia, a beiramar de Muxía co atractivo Mosteiro de Moraime... seguir o Miño e atopar a acrópole de Tui... e sobre todo o Mar do Ulla, coas torres de Catoira, San Simón e as Cíes... Iria... camiños de Compostela.
Unha vella preocupación e alianza mariñeira Escandinavia - Galiza
Cultura nórdica da que presume e se sigue a impartir, viva en estaleiros, arredor dos museos, como o do porto dinamarqués de Roskilde, o que inclúe un deses estaleiros no que sensibilizar sobre a construción de drakkars, lección ben aprendida polos, non menos mariñeiros vascos, na Factoría marítima de Albaola (Pasaia), onde a través de a etnoarqueoloxía reconstrúen embarcacións patrimoniais.
Faise aconsellable coñecer o Museo Histórico e dos Barcos Viquingos de Oslo, onde se entende tal querenza mariñeira ( o barco de Oseberg, o de Gokstad, o de Tune...os artefactos de Borre...), a destreza na carpintería... as divindades, as crenzas, a vida, os poboados de pallozas, a arte dos afumados... a morte. Onde o substrato orientalizante en simboloxía, adornos, tan de herdo céltico vese revitalizado por “navigatios” de ida e volta dende o Báltico a Anatolia, pasando por Galiza...
Nos Annales do mosteiro belga de San Bertinín, fálase que en tempos de Ramiro I, polo 844, unha expedición nórdica refúxiase no Farum Brecantium ( baía da Coruña) para logo seguir a Lisboa.... Volverían no 858, tempos de Ordoño I, logo no 964 e cos que se enfronta o bispo de Mondoñedo, Rosendo... para retornar no 986 ao fronte de Gunrod e chegar a Bretoña, enclave orixinario de colectividades célticas bretonas, seguindo ao Ulla e Iria.. . Cóntase que Gunrod é derrotado e morto no Ferrol.
As derradeiras razzias nórdicas acontecen a inicios do século XI, guiadas por Olaf Haraldssom, (995-1030), príncipe noruegués que será derrotado en Tui, pasando a Normandía onde se convirte ao cristianismo e ser Rei e Santo. E entre esas temidas razzias a de Galicieulv (Ulf “o lobo galego” ) , tal como conta a saga Knýtlinga, dinamarqués, que cos seus pillaxes nas illas do mar de Vigo atemorizou Jakobsland, outros entenden que, reinando Vermudo III e Fernando , se prestou como mercenario da aristocracia galega nas loitas contra o islam . No 1108 Ulf é detido no Castelum Honesti (torres de Catoria) , sendo expulsado polo bispo Cresconio cando Compostela se engrandecía. Do 1108 ao 1111 Sirgund de Noruega peregrina a Xerusalen en son de paz e recala en Compostela. Anos despois o pretensioso bispo Diego Peláez, construtor da Catedral Compostelán manten relacións de amizade e pretensións políticas co Guillermo de Normandía. O feito da chegada Ulf a Catoira será lembrado en romaría viquinga dende 1960 en cada primeiro domingo de agosto.
En Galiza búscanse mostras que se vencellan co universo nórdico: o Museo Diocesano de Mondoñedo así como un mascarón atopado en Foz ou un pequeno frasco de metal... as igrexas de Moraime, de Cereixo ofrecen mostras escultóricas desa singularidade de entrelazos... e na parroquia de San Pedro Redonda (Corcubión) sobresae un enigmático túmulo e que algúns poñen en relación cun enterramento en barco viquingo, como pegadas arqueolóxicas dun asentamento no Vicedo.
Na actualidade un dos máis solicitados historiadores e divulgadores do tema nórdico é Manuel Velasco Laguna (Ciudad Real) , mesmo autor dunha novela de tema viquingo-galega, ”A saga de Yago” (1999) ambientada nos tempo de San Olaf e de Leif Eriksson, o fillo de Erik o Roxo. Cultura na que se enxerta o escritor Carlos Casares, mesmo como consorte, para revitalizar aspectos en relación co mar, co común realismo máxico.
Endexamais faltou en Galiza atracción polo tema vikingo, véxanse “ A Gallaecia Scandinávica” (1986) , entre tantos temas sobre esta relacións da autoría do profesor castellonense Vicente Almazán (1924-2006) . Sen esquecer o esforzo do profesor, natural de Cabanelas, Jaime Ferreiro Alemparte, que vivindo en Alemaña, afondou e publicou sobre “Arribadas de Normandos y Cruzados a las Costas de la Peninsula Ibérica “ (1999), as pescudas de José Carlos Sánchez Pardo, «Los ataques vikingos y su influencia en la Galicia de los siglos IX-XI» (2010)
Alégranos atopar nesta mostra, pacífica volta dos viquingos a Jokbsland, entre estelas, runas, carpinterías, espadas , tesoiras de trasquilar, arneses, peites... arquetas ... o báculo do significado Gonzalo de Mondoñedo (sc. XI), da casa Froila- Traba, Condes de Trastámara, das fidalguías máis rancias do mundo. Símbolo de mando con esa suxestión da serpe, en espiral, e con ela retomar a lenda que dicía de tal homiño santo, que coa súa mirada era capaz de queimar as naves invasoras.
1 AGOSTO 2024