Agosto, concentración de feiras, festas e romarías... e do botellón
Reflexión arredor dos campos de feira e festas... abertos, adaptados á temporal concentración festexeira, ao cabo dos anos reconvertidos en aparcadoiros, escaparate de intervencionis, que, agora conduce á riada de concurrentes a invadir espazos BIC
“Festas, feiras e romarías”, letreiro co que se encabezaban aqueles vellos autocares ateigados de pasaxeiros até a baca. Ómnibus de manivela, herdeiros dos carromatos arrieiros, os que, no século XIX e XX recorrían as entón estreitas estradas, carrexando negociantes ás feiras, á mocidade ás festas e a familias a honrar devocións en romarías. “Feiras, festas e romarías” que é toda unha paráfrase de canto significa Galiza: confín cosido entre portos e camiños, en ires e vires a buscar o encontro, o comercio, as devocións pagás e cristiáns e máis aínda, o mellor que pode ofrecer o ser humano, a festa que é exposición de creatividade e saberes, de música, cánticos, cores, luces, pirotecnia, xogos, xantar enxebre, argallada de ideas festivas: o globo e os caneiros de Betanzos, o Naseiro de Viveiro, a Maruxaina de San Ciprián... E sempre converxendo nun sitio, o que agora falta polo uso e o abuso: o campo de feira, de festa ou de romaría. Espazos de antes que foron invadidos polo andazo do intervencionismo da ilustración municipal, empeñada en convertelos en aparcadoiros, mostrarios de mobiliario encargado por catálogo; bancos, fontes, faroliños austrohúngaros, monumentos, monólitos... e as eléctricas colaborando, engadindo postes e arañeiras de cables. E a festexeira riada humana desbordada.
E atopan novas advocacións as vellas festas dedicadas aos santiños e santiñas, as que xa suplían á idolatría pagán a calquera dos Catro Elementos, con altar en forma de fonte, de árbore, de peneda, de fogueira, de equinoccio ou de solsticio... ritos enriquecidos con mitos, contos e tradicións de aparicións, milagres que son raiceira do realismo máxico. Celebracións que, nese proceso de mudas, alá polos anos sesenta, compiten coa creación das festas gastronómicas, a do pulpo, a do xamón, do queixo, da empanada, da sardiña, do pemento, da lamprea... Ese vencello da festa que é a gastronomía, imponse e con ela a churrascada : novos ritos, novos mitos.
Non morre aquí a teima creativa, nin a competencia parroquial, as ideas festivas afíanse e argállase tamén dar vida á memoria, ás conmemoración históricas, entre as que xa quedaba algunha desas que lembran loitas de mouros e cristián. Mais velaí agora, das páxinas sácanse festas viquingas, medievais, xudeas, romanas, arrieiras, labregas, da malla, da vendima... reluce o folclore. Mellor aínda se si asume a cuestión e se dignifica cunha posta en escena que coide a ecoloxía, as relacións, a estética... xa que o esperpento, efecto da aculturación, tamén asoma.
Relacións festexeiras que noutrora se repartían ao longo do almanaque, máis alá desa abafante concentración parcelaria no mes de agosto, tempo de encontro cos emigrantes, o das vacacións, o das garantías de mellor tempo e de máis horas de día.
Competitivas feiras, festas e romarías, rivalizando mordomos, comisións organizadoras, unha con outra parroquia, cidades, a quen ter mellor e máis caro programa, iluminación, orquestras, sesións de fogo... e quizais, como broche final, pechar cunha romaría. Plan sometido ao esquema: pola mañá, as diana e alborada de bombas de palenque e estralos, cos desfiles da banda de música, gaiteiros e cabezudos... intriga iso de que os cabezudos sempre detrás das gaitas , do bombo e do tamboril; mediodía de pregón impartido por algunha celebridade, misas, procesión, repenique de campás, “paseo de moda” e sesión vermouth... non faltará o aporte de quen se mire no espello do Libro Guinness dos récords para ofrecer algunha desbaratada idea e competir. Rúas con feiras do libro, de artesanía...as touradas, o desafío do home coa besta non ten outra que ficar nos anais. Pola tardiña concursos de inocentes xogos tradicionais ... na noite o folión de pirotecnia, ancestral amor céltico polo ígneo, seguido de verbenas até un amencer de chocolate con churros.
Campos de feira, festa e romaría , agora afogados polo intervencionismo
Campos da festa cavilados para servir, para ser cubertos de tómbolas, de casetas de tiro, carruseis, noras ... lembramos os tempos dos teatriños e de tímidas varietés “a la francesa,” o “Traga Estopas” , o “Barriga Verde” , o da muller caveira, o da “vaca Anita”, animal con non sei cantos pares de orellas e rabos... os “motoristas de la muerte”... universo de sorpresas, entre a caseta de viño de Cariñena, barquilleiros e rosquilleiras, fumegar con arrecendo a farturas que din os portugueses, a churros, a aceite rustrido, mesturado co da pólvora dos foguetes...entre músicas, pregóns e algarabía.
Todo muda, agora en devalar acelerado, as novas tecnoloxías multiplican os efectos sedutores con luces, decibelios, trailers que se abren para dar paso a un universo de terror, de risa, de sorpresas ou converterse en escenarios para abraiantes orquestras cos seus animadores e erótica... e todos apampados, xa ninguén baila. O vello campo da festa é insuficiente, as rúas que son veas para moverse, quedan atuadas, igual que a praza maior, a do Pazo, o adro da Igrexa... sitios históricos que por algo foron declarados Ben de Interese Cultural, con todo o que implica de protección e nalgúns casos Patrimonio da Humanidade tal como o entorno da catedral compostelán, sometida a todo tipo de vandalismo festivo, mesmo oficial. Ao respecto é lamentable a invasión de agresivas estruturas festivas taponando o cambadés pazo de Fefiñáns e a parroquial, singularísimos, artísticos e delicados espazos, postais enxebres de Galiza...´con todos os esforzos, económicos e burocráticos, que comportan para os seus propietarios rehabilitalos e revitalizalos... torturados nos nefastos fastos por todo o que implica os accesos de trailers , montaxes, desmontaxes, anclaxes, cables por labras... postos de cervexa, cabinas- retretes... decibelios, masiva algarabía incentivada polo alcohol, botellón, descontrol, lixo... ¿onde están as medidas preventivas?. Campa o desnorte e non se pensa en dotar o urbanismo con campas abertas, espazos limpos de “adornos”, adaptables ao que veña, á Panorama, ao Combo, á París Noia...a un circo, como a servir de improvisado mercado festivo, rastro aparcadoiro....algo no que, como dixemos arriba, si se pensou no pasado cos campos de feira e no que a Europa civilizada pensa, velaí os seus “campos das pulgas”.
Endexamais consentirían ou mesmo concibirían os normandos na súa praia de Douville, ou os bretóns na de La Baule - as que, mimadas, teñen planchadas - chamuscalas en minifundio de fogueiras ou vertedoiros de lixo de concertos... ou encher o entorno da catedral de Chartres ou de Amiéns de ostentosos palcos, de chiringuitos de cervexa e retretes... Uns e outros axilizan o caletre, dan alternativas fetivas para cada cousa e sitio: proxectando sobre os seus monumentos, e durante varias noites, artísticos mapins... e a pirotécnica lanzada ao ceo dende puntos alonxados... Soamente a sobrada Galiza permite e espalla tal contaminación integral .
A vista está que os poderes públicos fan caso omiso das leis que eles mesmos establecen e polas que deben velar, concellos, Xunta de Galiza, Comisións Territoriais de Patrimonio Cultural, Fiscalía e policía de Patrimonio Cultural, Goberno de España-- e tanta institución, confraría apelidada “de cultura”.
8 AGOSTO 2024