“Irmán lobo”, entre o amor e o odio unha vella historia de convivencia

Ampliar: Lobos no Xerés (Foto Centro de Interpretación do lobo en Pitoês da Junas)



Introdución á historia do lobo en Galiza, territorio no que máis abonda e cando un tribunal europeo dicta que é especie protexida. Cazarias, trampas son parte da loita contra o lobo, sendo os poderes púbicos os que deberan velar polo seu equilibrio

Contase ,no capítulo XXI  das “Pequenas flores “ de Francisco de Asis o acontecido ao santo ante o depredador lobo de Gubbio, para rematar o feroz animal agarimando os pes daquel. Un conto entre tantos desa historia  e mitoloxía de amor odio entre os humanos co lobo, algo que se perde na Prehistoria:  a convivencia do lobo coa gandaría, efecto dunha causa: o abandono do rural, onde radican tantas cousas para a vida e a cultura. Besta do monte, capaz de encararse ao home, do que trata de evitalo, aínda que se coñecen casos de rabia e ataques motivados polo cambio de conducta

Os  constantes danos provocados polo lobo no gando levou a rebaixar o seu status de protección,  pasando a ser un tema de debate na axenda europea, a que insiste que a conservación deste animal en España non é favorable. Nos últimos días un tribunal da Unión Europea ditaba que Castela-León non pode permitir por Lei a caza dos lobos. Dáse resposta así a unha denuncia da Asociación para a Conservación e o Estudo do Lobo Ibérico,  ASCL contra a Lei de Caza.  A norma autonómica castelán leonesa do 2019 permitía cazar 339 lobos, entre o 2019 e 2022 no norte do Douro . Xa o Tribunal Constitucional de España se tiña pronunciado no 2022 en contra doutra norma para a caza do Lobo.

Prevalece entón a protección do lobo, sendo competencia do Ministerio de Transición Ecolóxica sobre as normas que poidan ditar os goberno autonómicos. Asentando que atinxe vixiar pola conservación do lobo  ás “comunidades lobeiras”, ademais de Castela León, Galiza, Cantabria, Asturias, Euskadi e Navarra. Estudándose  como resarcir os gandeiros.

O tema non é novo para colectivos culturais ecolóxicos que nas terras galegas da Barbanza levan décadas denunciado o descarnado ataque con cruentas trampas e batidas sen límite que sofren os contados lobos, a punto de ser erradicados da súa area natural. Pídense medidas equilibradas, control, axuda para quen é danado polo depredador...

Dende o Neolítico, inicios da domesticación -  dos animais, das plantas, do medio... e dos mesmos seres humanos poñéndose normas - os lobos foron dos primeiros animais salvaxes amansados, para, ao longo do tempo, mudar tamaño, mandíbula.... e  pasar a ser leais cans.

A figura do lobo está moi nos herdos culturais grecolatinos, celtas e viquingos, europeos entón, venerado e temido a un tempo, como o León para as tribos africanas. Astuto depredador que vive en mandas, con códigos propios, que  protexe á familia e aos máis vellos... Símbolo  pois para os humanos do cazador e do guerreiro,  noutro orde tamén se veneraba  ao cervo e ao xabaril... tan representados na arte céltica. Mesmo a divindade celta Lug representábase acompañado de lobos, como o San Froilán de Lugo, lobo ao que seica domesticou tal santo ermitán. Nome de lobo que se pon en relación con Lug, con leuks, como luz guiadora. Animal da espesura e dos misterios do monte, asociado á lúa chea, representativo de Europa e polo tanto da súa orixe cultural indoeuropea,... símbolo de múltiples valores, como a protección, o grupo, coa dualidade da destrución. Non esquezamos a orixe mítica de Roma, dos xemelgos Rómulo e Remo aleitados pola Loba Capitolina.

O lobo un animal totémico para grecolatinos, celtas ou viquingos...

Ao respecto recomendamos o estudo do profesor Gonzalo Rodrigues  García “ La figura del Lobo y la tradición guerrera de la hispania céltica”, o que se enceta cun significativo comentario de Cervantes de “Los Trabajos de Persiles y Segismunda”,  alusivo a unha enfermidade chamada “manía lupina” que leva ao que a sufre a cavilar que é un lobo, a xuntarse con outros que sofren o mesmo e acométenlle  ás árbores  como a quen se lle poña por diante.... Algo que Rodriguez García trata de parangonar co sentimento máxico, co furor guerreiro que imitaban os guerreiros célticos, a “mannebünde” , rito de iniciación licantropía da guerra....espertando forzas “inferas”, rabia bestial.  Galaicos célticos, cubriríanse coa pel de lobo, como o astur, distinguido ignífer ( portaestandartes) do exército romano, Pintaius,  na súa estela  mostrase cuberto co pelexo do oso... 

Na mitoloxía Dacia, con herdos  indoeuropeos, o lobo é o que guía aos mortos ao Trasmundo, para os eslavos co don de metamorfosearse.  Para os etruscos, galos e xermanos o lobo era un distinguido  tótem, aliado do sol e  máis da lúa.  Para os gregos tamén  Apolo se  asociaba co lobo, estando o templo de Delfos custodiado por un lobo. O deus do Hades cubríase cunha pel de lobo. En Roma as Festas Lupercais, estaban en relación co lobo  e co “hircus” (o macho cabrio) celebradas na metade de febreiro,  en relación co entroido, coa iniciación, a  purificación e  a fertilidade, onde os oficiantes mozos, formados no monte, baixaban do Palatino ao Foro romano, ouveando e imitando a silvestre forza  licantrópica.... As lupas eran as prostitutas e velaí o lupanar... e tirando do fío, nos anos da Translatio do corpo do Apóstolo a Arca Marmórica, o enigma do mito da galaica Raíña Lupa... Seguindo no tempo, deuses  viquingos,  como Odín representábanse co lobo... e velaí entre os antropónimos nórdicos o de Ulf ( o lobo). No ciclo artúrico o mago Merlín é señor do bosque, coidador e amigo dos lobos..

Da metade do século XIX queda a historia de Manuel Blanco Romasanta, arrieiro de Esgos,  “o home lobo”, un curioso caso de licantropía, levado á novela por Carlos Martinez Barbeito “El Bosque de Ancines”  e logo ao cine en varias versións

Entre as páxinas célebres arredor do lobo están as do romántico escritor portugués Camilo Castelo Branco, cazador,  nas que  fala do foxo do lobo e do acontecida nas súa Vila Real, en San Martiño de Samardá, cando o cazador apuntándolle a un lobo que comía un cordeiro sarnoso, un tiro tras outro, até cinco, a fera non morreu até que rematou  o seu banquete... Hoxe aquelas veciñas  serras trasmontanas presumen de itinerarios, foxos  e museos en relación co lobo.  Pitôes da Junas, no Gerês,  ofrece un pequeno centro interpretativo do lobo. Foxos do Lobo non faltan en Galiza,  en Vilano, Camariñas,  Cotobade,.Forcarei, Laxe, Incio. ..

O medo e o tema dos lobos ocupou  a provincia de Ourense no verán de 1974. Os medios deron moito que falar polo avistamento de lobos e o ataque deles en Agudiña,  en Currás, en San Ciprián das Viñas... un lobo atacou a unha nena en Baños de Molgas... e pouco despois, de xeito máis fatal,  un acometeulle a José Tomás, de oito anos, que xogaba co seu irmán de 11,  mentres a nai traballaba nun lameiro, arrastrando e dándolle morte.. 5 días despois, o 10 de Xullo daquel  1974, outro neno,  nesta ocasión de 3 anos, Pedro Javier Iglesias, fillo único de emigrantes en Alemaña, que pasaban as súas vacacións, foi atacado e morto por un lobo, outro atacou en Vilaseco a un neno de sete anos.... O maxín popular axilizouse e naceron fábulas que si era unha loba rabiosa, que eran os cans da PIDE os que a policía portuguesa,  nos dias posteriores ao 25 de abril, ceibara pola raia. Outros que fora o mesmo ICONA quen o soltara.... Falouse de chacais... e mesmo un daqueles  animais  foi atropelado  nas aforas  de Ponferrada , resultando ser un can asilvestrado... Deuse a noticia de que unha familia até deseñara  unha gaiola para protexer aos nenos...e comentouse que un músico desaparecido , Felix da Bacariza, fora devorado polos lobos...até que apareceu... Unha Comisión da Federación de Caza desprazouse a Galiza.

Nestes últimos días o célebre  Banksy  grafitea  unha serie de animais que se reparten por edificios de distritos da periferia de Londres,  barrios caracterizados pola convivencia étnica, crítica aos acontecementos racistas. No distrito de Pekham  grafiteou  un  lobo negro ouveando, no centro da lúa branca dunha parabólica sobre un tellado... axiña  de oficializarse a noticia foi roubada por uns encapuchados ... “Mondo cane”.

10 AGOSTO 2024