A VERACRUZ DO CARBALLIÑO, TESTAMENTO ARQUITECTÓNICO DE ANTONIO PALACIOS
Introdución aos motivos da construción e simbolismo do templo da Veracruz do Carballiño (1943-1962) derradeira obra, testamento arquitectónico de Antonio Palacios. Alegoría arredor do Viacrucis, da Cruz e dos camiños de peregrinación a Compostela
Sirva este 2024, 150 aniversario do nacemento do arquitecto porriñés Antonio Palacios para celebralo. E así se ven facendo en Madrid e en boa parte da Galicia na que deixou pegada, analizando e revalorizando a súa obra, con propostas de salvagarda. Algo que xa fixemos, teoricamente, no Carballiño, conseguindo por Decreto 285/1995, de 5 de outubro, declarar a derradeira obra deste sobranceiro arquitecto, a Veracruz, como Ben de Interese cultural, con categoría de Monumento Histórico Artístico, con todo o que debera implicar a súa conservación e a do seu entorno. Asunto que responsabiliza aos poderes públicos, comezando polo Concello e a Xunta de Galicia. Aínda que o mellor homenaxe, a máis de facer memoria é entender e conservar as súas obras “en espírito” prevíndoas da teimosía intervencionista.
Poucas obras tan monumentais hai, como a Veracruz do Carballiño, tan documentadas, pese ao que se cree, ignorando tal historia. Documentada en memorias, xornada a xornada, peseta a peseta, polo seu promotor, o párroco don Evaristo Vaamonde da Cortiña ( 1880-1961), pero tamén polo mesmo arquitecto, Antonio Palacios Ramilo (1874-1945), a través de varias memorias: a literaria e sedutora para os promotores, para as autoridades , para os fregueses , así como a memoria técnica e arquitectónica. E aínda máis sumar as testemuñas descritas polos os construtores, as de Adolfo Otero Landeiro que non so aceptou de principio a fin tal compromiso, senón entendeu o “espírito” do arquitecto, como os seus fillos, entre eles o maior, Adolfo Otero Cerdeira, autor de “ Santuario de la Veracruz de San Cibrán del Carballiño de Antonio Palacios” (2004), así como a do fillo deste, Rafael Otero Janeiro, estudoso do templo e da obra de Palacios en Galicia, autor de “A Veracruz de Antonio Palacios” (2023). Os estudosos do arquitecto teñen moi en conta esta Santa Trindade na execución do templo: Palacios, Evaristo Vaamonde, Otero Landeiro...e para a cadratura un pobo esperanzado.
Obra arroupada de bocexos, planos, notas, fotografías e cartas entre o construtor, os promotores e un arquitecto moi curtido e implicado, pese á enfermidade. Encargo que non era unha novidade para un profesional, queremos dicir dos que profesan o que traen entre mans, celebrado nun Madrid modernista, capital á que lle deu personalidade, mestre de mestres, coñecedor da grandilocuencia vienesa e a confluencia de “ismos” de anos que abren ao Modernismo. Recibido encargos, póndolle o seu característico entusiasmo, en especial os que xurdían da súa terra e desas súas crenzas con base no panceltismo e no cristianismo, teorías que propagaba Vicente Risco e os seu da Xeneración Nós . Temas de ética e estética arredor da Arte Galega suscitados nos encontros estivais do balneario de Mondariz, promovidos polos seu empresarios, os Peinador e por aquel emprendedor, poeta, bardo que era Ramón Cabanillas. Momentos nos que a grandilocuencia, a obra ben feita, a posta en escena era unha meta e máis para a dignidade de Galiza. Cando naqueles selectos parladoiros se falaba do “Parsifal” de Richard Wagner, opera de base artúrica, sobre o home “bo e xeneroso” capaz de ver o Grial, o Cáliz do sangue de Cristo.. . ascese, viacrucis en busca da Esperanza que supón interacción de artes... “arte suprema” dicía un Risco preocupado por sacar Galiza do esperpento. Creadores e un Palacios imbuído de simbolismo...dese sentido ascético, camiño, Viacrucis, do Caos ao Cosmo, a busca da Luz, do Altar.
Esa ansia relixiosa de Palacios fai que sexa moi solicitado para a construción de templos, a máis do Templo Votivo do Mar en Panxón, tiña moi en mente e bosquexado para o emblemático outeiro da Guía sobre o porto de Vigo un templo dedicado ao Sagrado Corazón, o de San Fausto de Chapela....e non lonxe destes o mosteiro da Visitación para as Salesas... Cometidos nos que viña traballando, perfeccionando esas súas ideas tan permanentes da obra como unha ascese: ascendendo, buscando a luz, o punto luminoso de encontro, baixo xogo de arcos, como pontes... ao fin e ao cabo o arquitecto fora dende mozo gustaba de trazar pontes xunto cos irmáns donostiarras, Otamendi Machimbarrena , enxeñeiros, familia de construtores que lle abriron camiño a un Palacios que xa procedía dunha familia moi vinculada á enxeñería , ao urbanismo e á construción. Obras que parten dun eixo, como “Axis Mundi”, camiño cara unha rotonda, como un árbore, como unha cruz, que ao fin e ao cabo é símbolo cristián da Árbore da Redención. Idea céltica, moi usada nas ilustracións irlandesas, véxase as de Althea Gyles para o entón admirado polígrafo Willian Butler Yeats, a que tanto influíu para a portada da revista Nós, deseñada por Castelao: a árbore de fondas raiceiras que ascende á Luz en ramas e follaxes... As obras do escultor cambadés Francisco Asorey beben destes 0 mesmos presupostos, como as obras tan simbolistas do pintor Camilo Díaz Baliño. Uns e outros buscan o “volkgseist” o espírito do pobo que era para os nacionalistas románticos, neste caso o dos “bos e xenerosos” cantados no Himno Galego. Presupostos nos que latexa a idea Decadentista, a de novas solucións artesáns, “de espírito” cargadas de “zume de Terra e celme de tradición”, fronte á industrialización, á maquina e supostamente á deshumanización que impón a uniformización fronte ao Nós.
Tres cousas distintas e unha obra verdadeira : As pedras, os canteiros e a historia das arquitecturas
Palacios estaba moi vinculado á intelectualidade ourensán, a Rey Soto, a Angelita Varela, a Basilio Álvarez, Vázquez Gulías, a Risco... e a un cabido catedralicio que o solicitaba para obras na Catedral...radica aquí a vinculación coas querenzas dun párroco ansioso no Carballiño para construír un “palacio para Dios”.
Teimamos novamente con aquela vella idea, con aqueloutra Santa Trindade á que se circunscribe a idea de Palacios: AS PEDRAS, materia prima, osamenta de Galiza, fundamento na súa cultura que leva ao Románico que nos define nesa unidade da diversidade que é o universal. Un segundo vértice son OS ARTESÁNS, comezando polos mestres construtores, os arxinas, os canteiros, magos da pedra que significan a Galiza no mundo. Palacios era un gran coñecedor da calidades das pedras, mesmo animou á familia a súa explotación e fixo da súa arquitectura para o Concello de Porriño como un museo de tipoloxía de pedras da bisbarra, de labras....Engadindo o terceiro vértice o da HISTORIA DAS ARQUITECTURAS .. e velaí un punto de partida, asumir a historia do sitio onde se vai actuar, para iniciar un proceso de re-creación a partir da arquitectura histórica, esas orixes nas que radica a orixinalidade..
Inicialmente o templo da Veracruz do Carballiño foi concibido con cripta funeraria para acoller os sartegos dos doantes, complementada cun gran edificio para Hostal del Peregrino, artellado a través dun claustro. Conxunto situado, na cota máis alta da vila, na encrucillada de Ourense e na rúa que vai da entón novidosa estación do Ferrocarril ao Concello. Plano urbanístico da vila que ben coñecía o íntimo colaborador do arquitecto, seu irmán e confidente Jesús, axudante de Obras Públicas, o que xa tiña actuado na vila no 1896.
As obras do templo da Veracruz inícianse coa solemne colocación da primeira pedra o 26 de xuño de 1943, para despois dun intenso traqueteo de ir e vir de planos, de instrucións, de visitas, morrer o arquitecto o 27 de outubro de 1945, deixando ao construtor Otero Landeiro moi imbuído daquel “espírito” que tentaba dar a aquela obra por el tan traballada. Os arquitectos Robustiano Fernández Cochón, Alex, Barreiro, entre outros ofrécense e colaboran co mestre construtor nas cuestións arquitectónicas. Grandiosa obra e pouco custosa, que se pode dar por finalizada co pasamento de Adolfo Otero Landeiro , un simbólico día de festas, do Patrón San Cibrao, un17 de setembro de 1959. A bendición e o culto nun templo en obras, realizase o 17 de setembro do 1952, entre musica de gaitas, discursos e xaculatorias. E o 17 de Xullo de 1957 colocase a derradeira pedra, unha amea da Torre, a morte do párroco promotor acontece un 18 de abril de 1961. Atrás queda un calvario: a falla de medios económicos, de cemento, a especulación urbanñistica no entorno...e un “espírito” do obra que esvaece.
O simbolismo arredor da Cruz como Árbore de Redención: Viacrucis cara á Esperanza
Templo inspirado en canto significa a Cruz como símbolo e historia, para se gran cofre pétreo no que acoller a reliquia do Lignum Crucis con tan longa historia tras si: regalo no 1901 polo franciscano da vila, trotamundos, misioneiro en Terra Santa, Pedro Fernandez. A mesma memoria do arquitecto iniciase co constantianiano emblema de “Hoc Signum Vincis” e facendo referencia ao filósofo luterano alemán August Winnig, en determinado momento oposto ao Terceiro Reich polas súas prácticas neopagáns, pensador que diserta arredor da cruz como símbolo de Europa.... A cruz, eixo conformado polo encontro da vertical (celestial) coa transversal- horizontal ( terreal) , deixando no centro o punto (cosmogonía: principio e fin). Velaí esas cruces celtas irlandesas, conformadas por lazos (xogo entre o cabo do principio e o do fin), circunferencias vencellando a idea do infinito
O simbolismo decadentista e certo realismo máxico, tan persoal na obra de Palacios, vaise levar á Veracruz: Edificio orientado na encrucillada, nunha vila de camiño, de feiras, como os cruceiros. A torre, seguindo presupostos británicos, como a torre dunha catedral gótica, como as torres beffroit centroeuropeos , sinalando algo na cidade, aquí como un gran cruceiro. Na parte de diante torre aberta, dando acollida, como unha aperta de entrada. No peito da cruz, e cara a cada unha das catro caras, a rosácea calada, cosmogonía sacada da celosía de San Xes de Francelos, símbolo tan común entre as estelas castrexas, célticas, na arte popular...Os brazos da Cruz son os catro miradouros ...e a voz do Cristo son as campás.
Dende que se accede ao templo todo é un camiño ascendente cara á Luz: chanzos, na mesma entrada e inmediatamente á reixa interior que da acceso a unha especie de adral interno, inicialmente para o baptisterio e a sancristía. Nada mais entrar, sobre esta parte e no máis alto esta o coro, acollido baixo arcos abucinados, superpostos, tan característicos de Palacios, nin románicos, nin góticos, parabólicos... De seguido, un gran arco parabólico, transparente no seu trazado superior polo emprego do vidro entre as doelas. Arco inicialmente cavilado para que en cada unha destas doelas se labrara a imaxe de santos e santas galegos, máis a habilidade do construtor e do párroco concretaron en trece doelas: a central para a imaxe dun Cristo coas brazos abertos e logo, as demais, repartidas a unha e outra banda con cada un dos doce apóstolos. Labras do hábil canteiro, santeiro natural de Saavedra lugar da parroquia de Dadín, o Irixo, especialista en panteóns e cristos, Xesús González, González (1917- 1996) Suso de Saavedra . El que xa levaba o adn do románico, para este apostolado inspírase e re-crea, dando liberdade ao seu saber, sobre estampas de esmaltes románicos. Si ben esa transparencia sobre a que voan as imaxes non se logrou ao poñer tras delas cristais opacos, pese a ter como modelo a solución de bloques de vidro ( tipo pavés), empregados polo arquitecto nun arco que enmarca a capela lateral no templo de Panxón . Igrexa aquela que foi sempre un complemento imprescindible para entender as querenzas do arquitecto. Arco parabólico o devandito que na súa traza nace de tres puntos diferentes, todo un símbolo, baixo o cal estaban tres chanzos(retirados nos anos sesenta) que daban paso ao lugar de concentración, á gran rotonda.
Rotonda configurada e coroada por varios xogos de arcos superpostos, onde subxace o gusto do arquitecto pola enxeñaría das pontes, como pasos. Todo baixo a converxencia das arestas da gran cúpula, sostida esta por oito columnas de base octogonal que o arquitecto cavilaba que foran dunha soia peza e que o construtor, sabiamente , configurou co sistema grecolatino de tambores superpostos, maxistralmente asentados. Oito columnas que, nos levan a cavilar nunha alusión aos mártires que, o 22 de abril do 1909, defenderon o baldaquino da igrexa do mosteiro de Oseira para ser tiroteados... Tema recordado por Palacios na memoria e en conversas. Gran rotonda con lembranzas construtivas ao santo Sepulcro, a Santa Sofía, a igrexas do camiño francés.... Parte á que se abren as diferentes capelas para as imaxes dos santos da devoción carballiñesa,. O altar no centro.
E a cuarta parte é a carola, rotonda con columnas dunha soia peza, máis estilizadas que as dos modelos cistercienses nos que se inspira o arquitecto, Oseira, Melón, Carboeiro... arredor do relicario, deseñado polo arquitecto (e que non chegou a realizarse) obra que simularía o barroco de placas compostelán, como gran cruz conformada por elementos xeométricos superpostos, dentro do máis puro art-decó do gusto palaciano, neste caso feito con placas de ourive, especialmente plata e pedras, segundo describe en artigo festivo o mesmo don Evaristo. Na actualidade preside neste lugar un gran crucifixo feito polo escultor compostelán José Aldrey Lázara ( autor doutras figuras para as capelas, como o San Cibrao, San Xosé, baixorrelevos con escenas bíblicas...) obras de notable calidade na imaxinería e a escala co templo. Carola, que, como conta o arquitecto, permitiría aos peregrinos dar volta á reliquia, mesmo bicala, como se fai na catedral compostelá coa imaxe do Apóstolo.
Un Antonio Palacios, un templo da Vercruz, sempre por descubrir e atender
Nos derradeiros anos, na medida que se coñece e se estudia a obra de Antonio Palacios no seu contexto arquitectónico ibérico, europeo e mundial, decatámonos da súa singularidade. Profesional máis movido polo “espírito” que por outros intereses comerciais, o que deseñaba obras tan grandiosas no pequeno “cuarto de no estar” na súa casa do madrileño barrio do Plantío, a máis pequena que deseñou nunca. Teimoso nun desbordado e contaxiante amor á cultura galega, como aquela xeración súa que confluían nos parladoiros de Mondariz, Risco, Ángel del Castillo. Cabanillas, Asorey, Díaz Baliño.... amor aos artesáns, aos que contaxiaba e felicitaba, cunha gran calidade como comunicador, debuxante, simbolista, creador.
Seguen aparecendo cartas, notas, debuxos, planos do arquitecto Antonio Palacios . Podemos dicir que recorreu toda Galiza, que se carteou con figuras como Ángel del Castillo, con Valentín Paz Andrade...a enxergar sobre tal ou cal monumento, descubría vellas solucións, anovándoas, dende o brutalismo megalitista, pasando por saberes da cantaría castrexa, do clasicismo romano, do románico, á aventura oxival....e a singularidade do barroco compostelán.
A Veracruz do Carballiño recolle as derradeiras inquedanzas, está entre os agónicos suspiros e delirios do arquitecto de Porriño. E non faltou quen entendeu esa misión, divina, os promotores e sobre todo o construtores, os Otero, e mesmo un pobo que confiou nos que levan no bico un cantar.
A Veracruz, o seu corazón, esa tentativa de aproximación á Xerusalén Celeste, resposta a deseños Richard Wagnerianos, capaz pois de acoller a representación da ópera Parsifal, que non é máis que unha ascese, unha Misa, liturxia simbólica da busca da Luz, da Esperanza, e que remata convidando a un brinde solidario e de Paz.
13- AGOSTO 2024