O sartego do bispo de Iría Teodomiro, o mito, a historia e a actualidade

Ampliar: Descubrimento da tumba do bispo Teodomiro, Compostela 17 -IX - 1955



No 1955 o historiador Chamoso Lamas atopa nas escavacións arqueolóxicas da catedral compostelá unha lauda co epígrafe de que alí están os restos do bispoTeodomiro, anos da aparción da tumba de Santiago, o 813. Xorde entón a polémica, aclarada hoxe

A Historia de Galiza semella que acontece  entre as brétemas dos  denominados “séculos escuros”,  períodos revoltos,  descoñecidos  por intereses políticos ,dando  pábulo ao mito, ao atractivo tópico da “Galiza máxica”. Sempre á acaparadora sombra da Historia de España.

Historia  de Galiza que debe  contextualizarse nos mapas e dos seus aconteceres. Así  o mundo romano, en época de Augusto,  estruturou o Noroeste Peninsular en  provincia romana asignada á Tarraconense (27 a.C), a  que se denominou  Gallaecia, a súa vez  repartida en tres conventos xurídicos: o Bracarense, o Lucense e o Asturicense. Ao cabo do tempo de a partir daquela configurouse, coa súa aristocracia, o reino suevo , raiceira da Galiza altomedieval. Mapa aínda  por definir e  de onde arrincan tantas cousas vinculadas á expansión da cristiandade,  como a interesada  “inventatio” da predicación e a translatio do corpo do Apóstolo Santiago a tal confín do Vello Mundo.  De todos xeitos o  que importa é o mito, as tradicións, as obras e a socialización creadas a través da peregrinación, até incorrectamente construír un imperio usando a imaxe do pacífico apóstolo pescador como un nobre cabaleiro.

Entre  os persoeiros daquela primeiro reino feudal está Teodomiro de Iria e non confundir con estoutro Teodorico (559-570), sucesor do rei suevo Carriarico , señor de castelo e propiedades  no monte do Gato,  terras de Aranga, convencido pola misión cristianizadora do panonio-romano  Martiño de Dume (510-580) promotor de concilios  fronte ao campante arriarismo e priscilianismo...atacado polo visigodo Leovixildo e con pegadas arqueolóxicas nas terras de Aranga  tras das que anda o arqueólogo Antón Malde.

 Non é o devandito o Teodomiro o que nos trae aquí,  será o Teodomiro, bispo de Iría, o que viviu  nos primeiros anos do século IX, do que conta a lenda que foi nos seu tempo, o do emperador Carlomagno (747-813) e dentro das pretensións deste de crear un Sacro Imperio Romano-Xermánico,  polo 813, cando no Monte Libredón  o ermitán Pelagio de Solovio, guiado milagrosamente por unhas “estrelas”, atopou a Arca Marmórica, a que se dixo ser a tumba de Santiago Boanerges, fillo do Zebedeo  e de Salomé, irmán de Xoán, que non é pouco, xunto cos restos  os dos seus discípulos, Teodoro e Atanasio : o corazón do labirinto. Sigue contando a lenda que tal asunto axiña se pon en coñecemento do bispo de Iría, Teodomiro e que este llo comunica ao Rei Alfonso II, con corte no  Oviedo asturicense, prevíndose de razzias normandas e islámicas. O monarca axiña se presenta no lugar da aparición e mandará erguer un primeiro templo.  A Concordia de Antealtares ( 1077), o Libro II do Códice Calixtino,  refírense aos milagres de Santiago, a Teodomiro e aos primeiros peregrinos.

Noticias que se espallan envoltas na aura do mito, recollidas no Cronicón Iriense,  textos unidos á  Historia Compostellana , (os datos máis antigos son anteriores ao sc. X e até o XII),  e posteriormente no Libro dos Cambeadores, do Sc. XIV, onde se fai alusión á morte e decapitación, á  translatio e o descubrimento da tumba apostólica.  Tema que sempre preocupou á arqueoloxía cristián, ao  romántico cóengo compostelán Antonio López Ferreiro (1837-1910), así como  ao seu contemporáneo  Padre Fita, os que traballaban sobre os documentos,  sobre os mitos e o que e  lles ditaba a súa fe.

Dende os anos 40 da posguerra a catedral compostelá sufrirá varias reformas no seu interior como retirar o coro barroco do sc. XVII,  obra dos escultores Juán Dávila e Gregorio Español, obras que afectaban ao gastado pavimento da catedral, momentos que o historiador da Arte Chamoso Lamas e o arquitecto Pons Sorolla  aproveitan  para o control arqueolóxico, detectando que nos substratos máis antigos se atopa unha significativa construción romana con hipocaustum, un ara a Xúpiter e sobre estes os  alicerces do templo de Alfonso II e III e que tiñan como cabeceira a edícula da suposta tumba apostólica,  tipo “martyrium” romano... e variados enterramentos de todo o medievo.  Cando un 17 de setembro de 1955, ao escavar no muro sur do templo, dereita, parte da Epístola, cos pes dirixidos cara ao Altar do templo ordenado erixir por Alfonso III, se  peta coa lauda coa inscrición que di:

“IN HOC TVMVLO REQUIESCIT

FAMVLUS  Dei THEODEMIRVS

HIRIENSE SEDIS EPiscopuS  QUI OBIIT

XIII  KaLenDas NovemBRIS, ERA DCCCLXXXVA”

 Con este achado a lenda referida a Teodomiro faise historia. Cuestión que aquece nestes días, cando despois de 5 anos, en secreto,  e aproveitando en por en valor a lauda de Teodomiro,  comeza  unha investigación internacional da que  agora se dan a coñecer os resultados.  Iniciativa da Fundación Catedral, proxecto guiado polo historiador compostelán Pérez- Ramallo  e na que interveñen a Universidade de Ciencia e Tecnoloxía de Noruega, o Instituto Max Planchck de Xeoantropoloxía e a Universidade de Estocolmo, investigacións avaladas pola universidade de Oxford e a revista científica Antiquity

Analizan o que Chamoso Lamas, o arquitecto  Pons Sorolla, o doutor e catedrático de Anatomía  Angel Jorge Echeverri e outros atoparon baixo aquela campa e que, inicialmente estudaron, documentaron e  de novo recolocaron:  osos do esqueleto supostamente de Teodomiro  que, baixo unha tela, gardaron naquel sartego e nunha caixa de metal,  cun texto onde se explicaban as circunstancias do traballo. Manuel Chamoso Lamas, no ano 1957 publicaba os resultados daquelas prospeccións arqueolóxicas na revista de referencia, de estudos xacobeos  e do Instituto Teolóxico, creada en 1956 polo cardeal Quiroga Palacios, editada pola Arquidiocese de Santiago  “Compostellanum” Vol, II, n.44 “ Escavaciones arqueológicas en la catedral de Santiago (tercera fase)”.

En polémica, outros estudos afirmaban que os restos atribuídos a Teodomiro eran de muller

Chamoso, respectuoso co arcebispo e co cabido compostelán publicou o que se lle autorizou, si ben,  o colaborador do mesmo José Guerra Campos, no  ano Santo de 1982, sendo xa bispo de Cuenca, a instancias do cabido publica “Exploraciones Arqueológicas en torno al Sepulcro de Apóstol Santiago”. A un tempo , no  vol. 27  da referida revista “Compostellanum”(1982) o profesor, antropólogo médico , dr. José Carro Otero e M. Luisa Varela Ogando publican “Reflexiones sobre la tumba y esqueleto atribuídos al obispo Teodomiro de Iría”, no que desmontan  hipóteses de Chamoso, concluíndo que a  atribuída a Teodomiro , pese á inscrición,  é unha tumba primaria, fronte ao suposto de que fora un osario para acoller, por traslado os restos de Teodomiro,  ordenado polo bispo Pedro de Mezonzo despois da razzia de Almanzor. Que dito sartego alberga un esqueleto, non varios... e que na mesma sepultura sufriu putrefacción, identificando os restos esqueléticos como dunha muller de idade madura- senil (entre os 50 e 70 anos), racialmente “alineada como nórdica”...”se desestima así de forma absoluta, la atribución de este conjunto al insigne obispo Teodomiro, cuya existencia por demás, y eso basta, queda indiscutiblemente probada por su epígrafe funeraria”.  Reflexións do profesor Carro que naqueles anos de transición política, últimos de Chamoso, que falece no 1985 transcenderon aos medios, tratados  con certa chanza e falando dunha “Teodomira”.

Aproveitábase agora esclarecer, por sistemas científicos  contemporáneos, mitos e supostos,  sobre o adn  daqueles restos.  Os novos análises do esqueleto acollido baixo a lauda co nome de Teodomiro,  determinan que aquel individuo morreu sobre o ano 820, próximo  á data do epígrafe, e que é un varón que morreu despois dos 45 anos, de complexión débil e que non realizou en vida traballos esforzados, si acaso  os propios dun monxe-bispo. Ademais aclarando a procedencia da beiramar próxima á Iria,  co dato insólito, a través do análise do xenoma  de ser oriúndo do norte de Africa... sendo os restos humanos máis antigos atopados na catedral.

Ao respecto son interesantes os aportes do arqueólogo, Xosé Suarez Otero, “ Tumbas en piedra, tumbas de piedra, Santiago de Compostela y los rituales funerarios en la Alta Edad media”, Sepulturas Escavadas na Rocha da Fachada Atlántica da Peninsular Ibérica. Atas do Congreso Internacional, Porto 2021.Esclarecedor que a Fundación Catedral entenda que a espiral da investigación debe ir clarificando  a Historia.

21 AGOSTO 2024