Buño e o seu simbólico porrón de roda, de rosca ou de temón

Ampliar: Porrón de temón, obra de Couto, Buño



Entre as obras máis singulares e difíciles da oleiría galega está o botixo de temón ou de roda de Buño. Peza con fondo e tradicional simbolismo cosmogónico: a roda e o galo... e que, pola súa forma, motivos, verniz... caracteriza aos seus artesáns

Entre as artes máis antigas, con orixe na prehistoria, están a cestaría e a olería. Habilidades que no devalar da súa execución axudaron á evolución do pensamento e á destreza. A cestería presupón a traza de ritmos xeométricos, entón matemáticos. Algo  que tamén está e se observa na natureza, nos reticulados das follas ou da mesma pel. Igual que o barro, o que se molla e se seca  en formas escultóricas. A forma cóncava e tan útil para recoller líquidos das cuncas, das cunchas e cabazas, interaccionando  ambas as dúas, cestería e barro, até conseguir o nacemento do adorno: os zigzagueados, as secuencias rítmicas, xeométricas, cubrindo superficies,  inspiradas no devandito trenzado da cestería, do tear... Arte do barro que conxuga a domesticación dos Catro Elementos: Terra, Auga, Lume e Aire.  E velaí esa forma esencial e duradeira, ese microcosmos para acoller líquidos e levalos á boca ou ofrecelos,  a cunca, parte esencial  dunha vaixela que nunca debera faltar nunha casa e menos nunha taberna.  A imaxe do casquete esférico da cunca xa é símbolo da cerámica. Arte da cerámica que, de xeito xenérico, presupón o traballo no barro e posteriormente na arxila; namentres que a olaría é a arte de facer, dun  xeito ou doutro, olas. Entendendo que a alfarería e o alfar supoñen o uso do torno, en orixe de man ou de pe e no noso tempo  os eléctricos.

Galiza é terra de barros e de ceramistas, velaí o trunfo de cerámicas do “Castro” (Sada)  e de “Sargadelos”. Iniciativas  nacidas e desenvoltas na metade do século XX, froito de ilusións e da creatividade dese tándem imprescindible na Historia da Arte de Galiza, os creadores Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo. As chamadas “Industria da Memoria”  as que presupoñen  un culto recorrido de  historia, teoría e praxe, de ética e  estética , de debate interdisciplinar a través do Laboratorio de Formas.  Trunfo no devalar desa secuencia de traballo de comunidades  ceramistas, cos seus barros, saberes , tradicións, cultívando mitos, ritos e formas, unha cultura. Onde tamén é de celebrar iniciativas como  a mostra Alfaroleiros , convocada polo concello de Oleiros cada  segunda semana  de agosto. Contribuíndo tamén  a aumentar a xa importante colección  do Museo  os oleiros, iniciativas do humanismo,  como foron Kaydeda e a súa compañeira Teresa Jorge.  Sumamos ademais meritorios estudos , velaí os de Luciano García Alén “ “La alfarería de Galicia” (1983) que abre a un universo e merece capítulos aparte. Estudoso que ademais dotou dunha importante colección cerámica ao Museo de Pontevedra e ao Museo do Pobo Galego, atendendo, moi de preto aos talleres de Buño de Bergantiños.

O  porrón de timón de Buño como mandala céltica, símbolo astral reforzado polas aves

  “Polas obras coñecerémolos” , vello dito e principio, tan cristián como marxista e que presupón o análise de obras que nos  conducen a quen creou tal ou cal artefacto, tamén a centros, a escolas, a lugares, a unha linguaxe e a unha cultura. O feito de facer distingue e asóciase coa orixe.

Dentro dese infindo catálogo de pezas da olería galega hai algunhas  que  tanto caracterizan lugares como a quen as produce,  tal como o escuro xerro de bigote de Gundivós de vernizado interior de pez;  a clara e esvelta  xerra de catro bicos, vidrada en marelo-ouro de Niñodaguia... e tan sequera,  dicir tres,  velaí  o porrón de temón de Buño, no que centraremos esta perorata. E mesmo diriamos tantas outras pezas de centros xa desaparecidos, como as ámboas para o aceito e o viño de Portomourisco, ou as olas cordadas de Loñoá das Olas...

O porrón de temón, de rosca ou de roda de Buño é unha das pezas emblemáticas da olaría galega, imitada e reproducida a cada  “seu xeito”. Peza que se supón  comeza a trazarse en Galiza  co século XX, aínda que non se atoparon probas. Porrón que  supón destreza para a súa sabia e delicada elaboración. Forma circular coñecida  en culturas antigas, clásicas, como a micénica, a grega, en toda Iberia, despois  co fondo substrato do saber cerámico islámico, tan de tradición en Andalucía e Portugal .Mesmo  aparece esa forma de porrón nas culturas de mesoamerica e no seu cono sur, como a prodixiosa cerámica  inca, pero tamén na tan perfeccionista e referente cerámica chinesa.  Ao fin e ao cabo a roda, a esfera,  está moi presente ante os ollos, na Lúa, no Sol,  nos  froitos, nas sementes, nos mesmos ollos... e xa ven condicionada nese xogo co torno circular. Complicado traballo que supón elaborar tubos, os  que se circunscribirán á forma circular para unilos e darlle consistencia en forma de temón ou segundo a creatividade. Ben saben os da beiramar bergantiñán, os que atoparon saída vital cara  ao mar, o que significa a roda do temón  que goberna o barco. Mesmo como o símbolo da antiga roda cristián atravesada pola cruz, inspirada nas rodas cósmicas dos máis antigos pobos orientais. Peza parella con eses motivos cosmogónicos castrexos ou “célticos”, como as que coran o vértice, a semiesfera  coa que rematan as estelas funerarias, con símbolos herdeiros das auras,  das mandalas ou mandorlas, nimbos.

 Porrón de temón ben decorativo, asociado ao devalar astral, ao sol  que marca as Catro Estacións, en relación cos Catro Elementos e polo tanto coas aves e o ovo, co  galo, o que, co seu Kikiriki anuncia alboradas e seráns.  Sabemos que, en Buño, ás primeiras pezas  se lle engadía unha custodia ou  cáliz,  artúrico símbolo heráldico de Galiza.

O recorrido, as relacións dos oleiros e dos arrieiros, maragatos, comerciantes,  van tomando nota do que se fai, a relación con Alba de Tormes, con Estremadura , Andalucía  e Portugal , camiño que deixará pegada no que se fai. Incluso máis alá, cara ao alen mar.

O experimentar, a paciencia e  o saber da olaría de Buño fixo seu tal porrón, singularizouno  polo tipo de barro  e cor, pola base, polo ritmo dos circos de tubos cerámicos, polos pichos (un deles coa forma da cabeza de galo, de pato...) polas asas, pola decoración escultórica, o uso e mesmo abuso de figuriñas, galos,  polos motivos pintados con outra cor, temas xeométricos, cordados,  zig-zag, de inspiración “céltica” e especialmente pola cor e o tipo de vidro.

 Alí onde puiden, por onde pasei e intuíndo que semellantes habilidades artesanais  marcan talleres e un  tempo,  evolucionan  e tamén se  perden, tentei de deixar mostra: o Museo Arqueolóxico de San Antón,  entre os seus fondos en reserva  garda unha importante mostra da cerámica galega e colección destes  porróns de Buño;  así como a Deputación da Coruña, Pazo de Mariñán, colección froito de convenios  con homes e mulleres artesáns que teñen punto de encontro na “Mostra en vivo” no soneirán Castelo de Vimianzo.

 Non se ofrece aquí espazo para singularizar a cada un dos oleiros de Buño, distinguir as súas creacións, os seus porróns de temón e ben que doe pola admiración, pola mestría, especialmente dos máis vellos, sagas incluso,  Lelo, Caamaño, Aparicio ou Couto...Este  último deixou a elaboración dos cacharros de uso pola creatividade, polo ornamental, coincidindo nesa tendencia popular, cando se leva “espírito” dentro”, mesmo superando  a ceramistas e formas das terras minhotas portuguesas de Barcelos, a oleiras e oleiros de San Martinho de Galegos: Rosa Ramalho,  Misterio, Ana Baraça, Cota... E velaí o símbolo do galo de Barcelos, en relación coa lenda do peregrino a Santiago, que sendo inocente foi acusado dun delito, pondo como proba  da súa inocencia que no momento da súa sentencia cantaría un galo...e cantou un galo asado que estaba na mesa da celebración dunha voda.  Galo, que é símbolo de Barcelos, de Portugal e dun universo cultural. Galo  en Buño de Bergantiños asociado á roda cósmica.

1 SETEMBRO 2024