A olaría de Buño, unha tradición galega cargada de historia e mitos

Ampliar: Cacharros a secar no Ecomuseo do Forno do Forte de Buño



Buño de Bergantiños é importante centro oleiro que sigue fondas tradicións, as que mesmo enraizan no mundo castrexo. Produción caracterizada pola habilidade oleira, polas formas, polo vernizes... espallada en mercados polos xalleiráns

Dende o Neolítico este confín do mundo  que se chamaría Galiza aproveitou o seu singular barro e arxilas para practicar a cerámica e a olaría, a arte de producir  cacharros nos que recoller e gardar líquidos, alimentos, mesmo  reproducir exvotos para os seus rituais. Fráxiles pezas nas que se deixou pegada da súa habilidade e saber para enxeñar  trebellos de produción, formas, decoracións  como influencias recibidas a través do comercio e das viaxes. Ceramistas, homes e mulleres, en inicio ambulantes, logo asentados.

Velaí o rico catálogo da singular cerámica castrexa, dende a máis rústica, feita sen torno, á máis fina, brunida, acharoada, cuberta de decoración xeométrica, cordados,  ssss... As antigas relacións con pobos do  Mediterráneo, a influencias celtibéricas da meseta  tamén se deixa ver, así como a aculturación vivida coa romanización, entre pezas importadas, imitacións caseiras, doliums,  ánforas, tarteiras, pratos, xerras,  copas, ungüentarios de paredes finas... Obras saídas do xogo do barro coa auga, co lume, co aire xogo co lume, para no medievo deixar sentir as influencias islámicas, as que enriquecen os alfares da veciña Luistania, da Andalucía.. Longa historia.

Polo mapa de Galiza espalláronse ceramistas, establecéronse  alfares, especialmente por  bisbarras humanizadas pola misión da Igrexa, como  as das ribeiras sacras, de Miño, Sil, Bibei... tan ricas en viño e aceite. Por exemplo en terras de Valdeorras Rubiá ou Portomourismo, xa non digamos cara Maceda,  Lañoá das Olas, Batán, Tioira... Conservándose activo o centro oleiro de  Gundivós en terras de Sober, onde se usa o torno baixo e noutrora oficio de mulleres... e sobre todo na chaira de Maceda, Niñodaguia. En Lugo Bonxe e sobre todo en Bergantiños Buño. Historia de singularidades no tipo de barros, no xeito de facer como nas formas, decoracións ou vidrados  para cada un destes centros.  Algúns deles con orixe itinerante, procedentes de Portugal, para asentarse, crear escola e produción, a que os maragatos, os arrieiros, ou en terras fisterráns os  xalleiráns ,transportaban a feiras e mercados, en carromatos de rodas radiadas, cando non entre as alforxas de esteira das mulas. Fráxil mercancía envolta en herba seca.

O máis do solicitado eran olas, porróns, xerras, cuncas, manteigueiras... barreñóns para a matanza. Formas singulares que caracterizan sitios e obradoiros  polo cor do barro, o verniz, a finura... : habilidosos oleiros que collían e alzaban  unha peza ao peso...e pola súa lixeireza xa ditaban se era obra, ou nun,  dun bo oleiro.

O tipos de barro, os saberes ancestrais, as formas, os vidrados distinguen a olaría de Buño

Bergantiños, cerna do “Confín dos Verdes Castros” que dicía o romántico Pondal, é territorio merecente de palabras maiores por canto significa na xeografía e na historia da beiramar. Terra de castros, ao estilo dos hillsforts británicos. Así como de numerosos achados, entre eles espadas de empuñaduras de antenas. Freguesías  de párrocos  con soleira, preocupados polos  asuntos arqueolóxicos,  como en Razo don Benigno Cortés,  en Cores don Cándido Rodriguez, en Carballo Pumares.... Terras do concello de Malpica, que quizais no medievo foron a  Magana Salaía  (centrada en Seavia ?)  co enigmático Almerezo, onde o magnate Conde  de Trava, Pedro Froilaz, educou a quen sería emperador, Alfonso VII. Cotizadas terras nun medievo en litixio entre a mitra compostelán dos Fonseca e os Ulloa.  Encrucillada na que se asenta a parroquia de San Esteo de Buño, onde por algo tamén se venera á sevillana oleira, Santa Xusta.  Antigamente con ermida-hospital de Santa Catarina, camiño  cara aos Baños de Carballo ou á Ponteceso, a Malpica; noutrora xurisdición de Mens, con Cerqueda, entre extensións de agras achanzadas, sementadas de millo. Traballos labregos que, en setembro, supoñen esfollas , despois o debullar das mazorcas, entre cantares nasais, seseos, gueada... regueifas e pandeiradas. Buño e Leiloio tiveron feiras de sona. Terras de  mulleres cun xeito especial de cubrir a cabeza e as súas penas,  cun pano atado atrás, de loito, quizais pendurando  das orellas brincos dourados, símbolo de casta... esperando as súas grandes romarías: a de Santa Margarida de Montemaior  (A Laracha)  celebrada cada 20 de xullo  ou a invernal, de 7 de xaneiro,  o San Adrián de Malpica, a carón das enigmáticas illas Sisargas. 

Nos primeiros anos do século XX chegou a haber na parroquia de San Estebo Buño, anexa a San Minio de Cambre,  uns 300 oleiros, máis unhas 100 mulleres dedicadas a oficio do taboleiro e a roda, alternando co agro. Terras de emigrantes, especialmente ás américas.  Presididas polo mítico Neme, regadas polos regueiros do Ramallás, o Chancas e o Xaveira que veñen de Leiloio. Uxio Carre Aldao, na “Geografía General  del Reino de  Galicia” (1928)  di que esta é parroquia de oleiros “ se distingue por su predominar en las formas la antigua céltica. Al contrario de Lugo, donde prevalece la romana”. Non é para menos tal industria ante tan ricas e variadas barreiras : fieitao, zorra, do Novo, Virtude, Queitano, Santoña, Sarasa, do Lourenzo...

Paisaxes, paisanaxes e saberes de Buño nos que  se inspirou o pintor Fernando Álvarez de Sotomayor,  tendo como centro  o pazo familiar de Sergude , en Xornes,  con grandes obras de fondo valor etnográfico, escenas  entre as que non falta a louza de Buño.

Os máis vellos dicían  que as orixes da olería de Buño se perde nos mouros do Monte Neme.  Historia aínda por facer: damos fe que polo ano 1985 o oleiro Lelo da Costa, atopou nunhas obras,  preto do cruceiro,  unha xerriña pequena, globular, de pescozo estreito e alargado e bico con asa, gris, a que entregou no Museo Arqueolóxico de San Antón, peza con características altomedievais. Sabemos que no  século XVI eno  XVII os oleiros de Buño, Francisco Pose e Nicolás Casal,  reciben o encargo de facer as conducións de auga da Coruña. Cerámica con importante difusión no século XVIII, tal como refire o ilustrado Eugenio Larruga

 Nos libros parroquiais de Buño, dende comezos do XVIII falase de “olleros e alfahareros, arrieros” ou mesmo como “traficantes de loza del país”. No século XIX o 90% da poboación é oleira e de escasos recursos, onde o  noivo vive na casa da muller e traballara de oleiro no taller do sogro. No Catastro do Marqués de la Ensenada, (1753) contabilízanse 63 alfares con 77 oleiros, no 1804 Lucas Labrada e Madoz refírense a esta produción e ao  mercado de cacharros de Buño e Leiloio, presentes en exposicións agrícolas, como na de París de 1878.

 Non faltou nunca quen apoiara e abondara en tal saber, Luciano Garcia Alen é autor de varios monográficos sobre Buño e dun clásico que é “La alfareria de Galicia” (1983), estudo a través dos cacharros e dos oleiros-campesiños.  En setembro do 1969, na Casa da Cultura da Coruña (Xardín de San Carlos) , da man  do Gremio Sindical de alfareros de Buño,,  organizouse a chamada I exposición de Artesanía de Buño... e dende o ano 1979 nos primeiros días de agosto, organizáronse feiras e mostras , con pregóns,  edicións de catálogos, carteis, xoias sobre o estado da cuestión.  No 1997 dende a Deputación da Coruña, presidida por Cesar Augusto Lendoiro iniciouse a compra, rehabilitación. seguindo as pautas do arquitecto Joaquín Fernandez Madrid , do quinteiro oleiro do Forno do Forte para ser ecomuseo, isto é seguir a produción integral da olaría. E como é tan importante o xeito de facer como o feito, deuse chance neste asunto á universidade compostelán, aos profesores Xosé Manuel Vázquez Varela e a Francisco Doval Galán, encargado este último de poñer en marcha o museo da olería de Buño. Entre nomes de vella e nova cepa oñeira:  Añón, Cambón, Gorín, Cambre, Lema, Caamaño, Lista, Nieto, Faya, Puñal, Mouron, Corral, Labrador, Varela, Couto..., sagas distinguidas polo seu bo facer, “obra da miña man”, inventores de pezas, como o porrón de temón, a viradoira, o falsete. . . Entre eles  Eliseo Caamaño Añón veterano  de fonda pegada, como Jesús Añón Montáns, Pedro Ceán Añón, emigrante a Uruguai, profesor de Artes Aplicadas en Montevideo. Manuel Nieto Garcia, emigrante pola América latina da que trouxo modelos ...Algo na roda da historia oleira.

7 SETEMBRO 2024