Vandalismo, turismofobia ...a cuestión é educar, na teoría e na praxe
Reflexión sobre as causas das contradicións que caracterizan a sociedade dos supermercados....cando se esgaza a convivencia, a igualdade, o respecto ao patrimonio cultural, etc. A cuestión está nunha educación que atinxe a tod@s e en cada intre.
Nesta “ acultura”, tan mercantilizada, novamente de pan e circo, falase mais dos efectos que das causas. Abóndase sobre guerras, xenofobia, misoxinia, desigualdade, violencia de xénero, vandalismo, destrución e roubo do patrimonio, contaminación dos Catro Elementos, xa alterados polo cambio climático... incivismo en definitiva, delincuencia, que conseguintemente desemboca na inseguridade e nunha ampla gama de fobias prendidas entre mensaxes de incitación á discriminación, ao odio... E velaí entre o ferver de ruindades a turismofobia. Efectos, crise con “causas sociopolíticas” . Argumentos mediáticos ofrecidos pola cultura dos plasmas, a da competencia das plataformas tecnolóxicas, campando polo desfogadeiro das redes sociais, propagando, como lixo, mentiras, odio, divisións, criminalización... Falta de sensibilidade, de ética e de estética ao fin e ao cabo. Non se cavila nos lindeiros da liberdade (da cultura ou da educación) na vulnerabilidade do outro, sen a base de informar para formar, de predicar co exemplo. Mais ben “anormalízanse” novas mercancías “aculturais” construíndo unha nova ralea. Abuso da liberdade de expresión, algo que compre regular en favor da igualdade e que nun pronto instintivo resolvemos cun “ máis policía”, “máis cámaras de seguridade”, máis taxas, elevando prezos, restrinxindo liberdades...
O principio de autoridade, cuestionable tamén, está crebado. A cuestión é a educación en todas as ordes, controlar canto pode fomentar a desigualdade, a violencia , dende os xogos virtuais, iniciáticos, educando no respecto ao outro, nas aulas e na vida. Sabido debe e cumprido debe ser que a liberdade dun remata onde comezan os dereitos de outros.
Apampados, seducidos polas novas tecnoloxías, pola intelixencia artificial acabamos sendo escravos e dispondo de escravos virtuais persoais: “Alexa”, curiosamente servizal e feminina, cada vez máis engordada con datos.
A espiral da crise espállase mesmo a pouco actualizadas fórmulas “de cultura”, por exemplo ás bibliotecas, onde naquilo da desiderata expurgan valiosas primeiras edicións, clásicos, para dar sitio aos “best seller” propagados polas editoriais . Alexandría xa é un afastado referente arqueolóxico: pois no móbil, entre propagandas que interfiren, portamos un universo de tentadores anxos e demos que compre saber encarreirar, entre novos esperpentos e feismos.
Rebumbio de efectos que atinxen á cultura, a que pasou de ser un valor de uso a selo de consumo. Cando se confunde a cultura, a que sempre levamos posta e que nos define, agora como adorno, cerimonia, liturxia... asunto de intelectuais para intelectuais, postureos para actos, días, edicións, sermóns... Ausencia de filosofía - queremos dicir de pensamento encamiñado a servir que é resolver , o que axiliza a mente e nos diferencia dos primates - cando mesmo se presume de “pasar de todo” de non ler, de adiccionarse aos plasmas que drogan coa morbosidade . Espectadores dende o sofá, sen asumir que somos actores. E así o mercado, o mundo e o peor, as políticas (en función dos votos ou da xente) configúranse en base a esa nova clase dominante de consumidores. Escoitamos entón que non se queren bibliotecas, nin museos... argüíndo que non vai a xente, para deixarse que morran de inanición. Cando son resultado da ruín ou exitosa xestión. Así que velaí: uns deseñan (mal educan) para que a masa consuma de xeito compulsivo nos novos supermercados.
Lembramos que, ao final das pesimistas conferencias impartidas anos atrás, reclamando o humanismo, sempre saía un veterano asentando aquelo de que : “o problema élle de educación, educación e educación...” Hoxe, cavilamos o mesmo e preguntámonos que é a educación e quen educa (ou maleduca). Alguén espetará que Google xa nolo da todo feito.
A cultura da viaxe e a incultura da provocación. A turismofobia
“Educar” deriva do latino “duco” que significa conducir, ou sexa que hai quen conduce e quen se deixa conducir, o que sempre acontece nun contexto de paisaxe e paisanaxe, no uso ou no abuso dos coutos de santa liberdade . E nisto da liberdade xa podemos perdernos. Educación que nos leva a perfeccionar códigos de convivencia, de cultura, o idioma falado e escrito, a linguaxe artística, a analizar as tradicións que nos inician... en construír pontes para relacionarse e enxergar a gran riqueza da vida... En fin, levar na fronte ese primeiro mandamento: endexamais á explotación dun ser humano por outro, en equilibrio co medio.
¿E quen educa, ou maleduca? Pois dende as orelleiras, encabaráselle a responsabilidade á Escola, a que ten o fin de educar gradualmente, dereito e deber de cada persoa, para resolver problemas e non para competir, como semella que é o caso. E na docencia hai funcionarios que, co seu exemplo, funcionan e os que non funcionan, como profesionais que profesan e os que non. Mais a cousa non pode quedar no ensino: todo educa ou maleduca, especialmente o que, nesta nova revolución da Intelixencia Artificial, xa é inseparable do ser humano, os plasmas que levamos con nós, os que presiden a casa, a vida, os que bombardean mensaxes, negocios, timos... E velaí o debate, a crise da educación.
Xa a peripatética escola aristotélica aconsellaba camiñar falando, enxergando que somos “Homo viator ou mulier viatixr”, ansiosos por saír de si, da caverna e ir abríndose ao devalar do mundo. Peregrinos nun xeito de” Xogo da Oca”, entre aventuras e desventuras, ascese, filosofía. A cuestión é como se viaxa, en concordia ou en discordia co que se atopa.
Ler, viaxar, enxergar (que é poñer todos os sentidos máis a intuición e o que imos sumando ao saber para relativizar e concluír) son bos principios para aguilloar á cultura. Odisea , curvas, nas que petamos tanto con anxos como con demos, orientándonos ou desorientándonos. Así nacen os traumas e as fobias. Mais non todos son movidos pola ansia de saber, os mais arrastrados, masificadamente guiados cara aos supermercados: chea de zombis , á mesma hora cara ao mesmo sitio, onde prende o caos, en vez de solucións de confluencia, de dar servizo a quen escolle no mapamundi ese sitio para dedicarlle o seu valioso tempo e os seus medios... E velaí solucións para regularizar a masa: os centros de recepción de visitantes que implican información, baños, onde xantar e estar , merchandising, interpretación do ben, museo e fórmulas para a visita. De non ser así trunfa a marabunta e máis efectos ensarillados que levan á turismofobia. Convén estudar formulas, descentralizar.
E ante tanta saturación, cando ao viaxeiro se enlata en cruceiros, en avións, en galiñeiros, filas que desafían a paciencia e a convivencia en publicitados destinos sensibles e “cultos”, co conseguinte desgaste e deterioro, dos bens e da identidade, provocan algarabía, alcohol por medio, botellón . Sen asumir que a cuestión implica á educación: o saber circular polo mundo.
Inicial atracción cultural polo recurso, proba de que a cultura “vende”...aínda que o fracaso pode estar nunha mala xestión máis interesada na economía que nos valores de “espírito”.
Os poderes públicos non asumen o fenómeno de masificación posesiva, miden pola cantidade, propagan en espazos delicados, encontros multitudinarios con actividades integralmente estridentes, contaminantes , dando prioridade ás cervexeiras para maior gloria de exaltación de ánimos. Sen ter en conta as medidas preventivas, as que eles mesmos ditan e polas que deben velar. Educar é concienciar coa teoría e a praxe.
10 SETEMBRO 2024