San Cibrao, o santo dos meigallos, os feitizos e os tesouros dos mouros

Ampliar: San Cibrao Mago



Diferenciación entre dous santos que se confunden: San Cibrao de Cartago e o San Cibrao de Antioquía, tamén coñecido como ´o Mago´ ao que se lle atribúe a autoría dun libro, grimorio sobre feitizos, esconxuros, exorcismos e tesouros dos mouros

A Galiza sóbranlle santos e devocións, os autóctonos, os que nin está na nómina da Corte Celestial e os importados. Proba da súa rica cultura. E mesmo ás veces e por xustificados motivos confundimos aos do mesmo nome, tal como pasa con San Martiño de Tours (316-397) co seu homónimo os dous naturais da Panonia húngara, San Martiño de Dume ou de Braga ( 510-580?) ambos sobranceiros soldados romanos, preocupados por unha mesma causa, a cristianización das tradicións céltica, o de Tours en terras de galos e o de Dume na Gallaecia, precisamente este traendo a estes confíns, a Ourense, as reliquias do de Tours. Tocará falar deles o día 11 de novembro, celebración da a súa onomástica e tempo dos magostos, asando as castañas e brindando co viño novo. Ben o saben en Ourense, onde ambos santos son celebrados.

Entrados en setembro, nos tempo das vendimas e das feiras que nos preparan para o outono falarmos dun dos santos mais celebrados e por algo en Galiza, o San Cibrao, e case aquece dicir, deseguido, “meigas fora” por aquelo de ser santo e devoción que ten que ver coas maxias e os tesouros. Sendo tamén certo que hai confusión con dous santos de nome Cibrao, Cibrán ou Ciprián, ambos do século III: o San Cibrao de Antioquía de Pisidia, no que hoxe é Turquía, moi venerado e representado nas iconas da igrexa ortodoxa, máis na Siria e na Etíope, tan propensa a rituais, misterios e maxias entre escuridades, cirios, pratas, cortinas e incensos. Santo de Antioquía, namoradizo sobre todo de Xustina, coa que se vencella como santos. O outro San Cibrao da confusión e o de Cartago , Tascio Cecilio Cibrao, de Cartago, africano pois, descendente de bereberes, distinguido clérigo,  escritor, bo orador, home rico que doa os seus bens aos probes, bispo de Cartago, mártir decapitado en tempos de Valeriano e santo. Os dous viviron tempos onde o cristianismo se está conformando, atoutiñando entre grupos heréticos que tratan de conciliar a nova relixión con antigos cultos pagáns. O de Cartago considerado entre os doutos santos padres da igrexa, apoloxista, cualificado como Santo da Romanidade. As noticias e exemplaridade do santo de Cartago chegan á Gallaecia e mesmo mantivo contactos epistolares coas comunidades de eremitas do Bierzo, do Val do Silencio.

No século entre o século VIII e inicios do IX, - a un tempo que se espalla que as reliquias de Santiago están en Compostela e se inicia a peregrinación - Carlomagno,  ansioso de afianzar o seu sacro imperio romano-xermánico entre reliquias de santos, trouxo a Francia e repartiu por en LionArlésVeneciaCompiegne e Roenay as reliquias do santo teólogo de Cartago  e como tal se representa na súa iconografía. Ben o sabemos os que o temos de patrón no Carballiño, presidindo altares, cuberto coa dalmática vermella, sobre a que cae o palio, cabeza cuberta de mitra, con báculo na man dereita e libro na esquerda...

O namoradeiro San Cibrao de Antioquía, ao que se lle atribúe o popular libro de feitizos

Non é o devandito San Cibrao de Cartago, o que  celebramos cada 16de setembro, o que nos trae aquí, pese a levar a mellor parte e atribuírselle méritos que non ten, por confundirse co San Cibrao de Antioquía, coñecido tamén como San Cibrao o Mago, pola contra celebrado días despois, cada 26 de setembro. Confusión entre santo Cibrao patente nas súas mesmas biografías, as que nos chegan da man do santo teólogo Gregorio Nacianceno (329-389), así como de San Prudencio e Simeón Metafraste. Ao San Cibrao de Antioquía, como mago que era, atribúense remedios para desfacer feitizos, para entrar nas sombras dos espíritos do Trasmundo, para esconxurar e exorcisar demos... autor pois dun grimorio, un libro de maxia moi espallado, o “Libro de San Cibrao” ou o “Ciprianillo”, ben coñecido, copiado e usado no mundo popular galego até os meus tempos. Páxinas ben sabidas de un Vicente Risco teósofo.

San Cibrao de Antioquía é máis novo que o de Cartago, vive a segunda metade do século III e tamén lle toca lidar coas persecucións romanas, as máis atroces, as de Diocleciano, sendo martirizado xunto coa súa inseparable compañeira Xustina. Santo ben acaído neste confín tan de herdos célticos, en cavilar unha ascese entre monstros de fondos aceánicos , de covas e de bosques, seres híbridos. País dado a imaxinar anxos e mais aínda demos, a representalos en canicelos, misericordias gárgolas, mesmo a construír templos para exorcisalos, véxase o Corpiño de Lalín, a Lanzada, O Pico Sacro... Santo Cibrao de Antioquía que se equipara cun Fausto, o que vende a súa alma ao Diaño a fin do saber de entrar en terreos e poderes escuros.

Nome de Cibrao asociado coa procedencia da illa de Chipre, na que a relixión pagán grega sitúa o nacemento de Venus Afrodita, a deusa do amor...simbolismo extractado na nacarada cuncha da vieira, cóncava-convexa, de radios diverxentes e converxentes... asociada ao camiño oriente-occidente, vida-morte, á peregrinación a Compostela. Así pois Cibrao o Mago foi rapaz formado no mundo sacro-profano grego: de neno consagrado polos pais a Apolo, despois a Démeter e Persefone. Interesado polos cultos de raíz oriental,  subterráneos, mitraicos, seguramente a Serapis....lector de viaxes, xeografías e saberes que caracterizaron o mundo grecolatino, os que centurias atrás irradiaron dende Alexandría, tal como as obras de Plinio, xeógrafo que poido coñecer as explotación auríferas da Gallaecia e que morre, vítima da súa curiosidade no ano 79, observando a explosión do volcán Vesubio.

  Cibrao poido ser instruído en astroloxía no país dos caldeos e en Exipto...existindo tamén a lenda que chegou á Gallaecia, a Salamanca... E poida que mesmo haxa a confusión con outro mago, que si non foi Cibrao, foi Priscliano que impartiría misión en Avila . Mais a vida daquel profundador do oculto asóciase a unha cova en Antioquía, onde escribe o seu libro máxico. Escenarios onde o namoradeiro santo sinte atracción por Elvira e Clotilde, ambiente sexual no que acontece a historia dun triángulo amoroso: o mozo Aglas pídelle ao mago que, cos seus feitizos  medie para lograr o amor da cristián  Xustina. Cibrao, ao vela, namórase e prefírea para si, sen conseguir o seu  amor...Finalmente os dous namorados convértese ao cristianismo. Cibrao seguiu ao bispo Eusebio, predicando que os deuses pagáns e que o emperador divinizado eran demos. Na Capadocia Xustina e Cibrao foron esfolados polos sacerdotes de Marte e cocidos nunha caldeira, milagrosamente saen  ilesos. Finalmente Diocleciano ordea decapitalos, xunto a Teoctiso que acudiu a auxilialos...as súas reliquias foron levadas á basílica romana de san Juan de Letrán.

Santo Cibrao de Antioquía, venerado na igrexa da Cova de Salamanca e en San Pedro de Tomeza, terra de sagas de canteiros arxinas, no camiño portugués a Compostela. Vida, milagres e obra do San Cibrao coñecidos pola emperatriz romana Elia Eudocia, esposa de Teodosio II, a que escribe unha epopea sobre a vida do mago. A sona do santo Cibrao medra e con ela a súa devoción e receitarios de maxia, perseguida pola Inquisición. Calderón de la Barca, inspirado no tema, no 1637 escribe “El Mágico Prodigioso”. Mesmo na Coruña a mediados do século XIX, Adolfo Ojarak edita un listado de tesouros dos mouros que se engadirán ao grimorio atribuído ao santo.

De igual xeito baixo a suposta autoría de Cyprianus recóllense en Escandinavia libros de feitizos, remedios, similar ao que ocorre por toda Galiza no século XVIII e XIX.  Libro no que se inventa a historia do mártir, pergameos que se di aparece na Torre do Tombo, referenciado xa dende o século XIII. Ademais con capítulos sobre astroloxía, agoiros, quiromancia, poderes ocultos, maxia, amuletos, fitoterapia e beberaxes, oracións...Paxinas copiadas, manuscritas, editadas e moito en Portugal, onde cada un pode sumar feitizos. Libro ao que se habituaron amigos do o escuro, buscatesouros que remataron toleando, quixotes do fantástico.

16 SETEMBRO 2024