Pepe Paz, o pedagogo ourensán enraizado en Tagore: Igualdade e Paz
Lembranza do pedagogo ourensán Pepe Paz (1948-2021) vida dedicada á educación pola igualdade e a paz, prendida na ética e na estéticas de Tagore, até reunir a maior bibloteca sobre o polígrafo bengalí e pasar tempadas de estudo en Santiniketan
É fácil que neste país que os antigos dicían do río Leteo nos deixemos arrastrar polas súas augas do esquecemento. Con Pepe Paz Rodriguez non debe pasar iso. El, que dende este extremo Occidente retomou camiños cara o máis enxebre Oriente e atou os dous cabos. Non facía nada novo, ben sabía o que filosofaba con teimosía Vicente Risco ao respecto, o que tan brillante pegada deixou na aura de Ourense e no galeguismo de “Nós”.
Pepe Paz, de sinxelo e ben acaído apelido, de tanta humildade, honestidade ou altruísmo . O seu sentir era pousón, contaxioso, alegre, cheo de positividade e esperanza. Fillo de pión camiñeiro, nacido un 12 de abril do 1948, na cerna das que foron medievais Terras de Orcellón, ricas en gandería, na parroquia de Santa María do Desterro da Corna , Piñor de Cea, provincia de Ourense. Lindeiros coas Terras do Deza, xa na provincia de Pontevedra. Bisbarra que tamén foi dos devanceiros paternos de Camilo Jose Cela, sitios nos que o escritor de Iria inspira a súa novela “ Mazurca para dos muertos”. De onde tomaron fardelo mozos para coller camiños da emigración, algúns cara á misión franciscana, como Juan Jacobo Fernández, mártir damasceno, agora nos vieiros da santidade, aínda que esperpetizado polo seu parente Cela en devandita novela e do que moito poderiamos dicir ao ter visitado, varias veces, os seus restos mortais no barrio de San Ananías da capital de Siria, onde Pablo caeu do cabalo.
Paisaxes e Piñor de Cea dende as que se avista a serra da Martiñá, sabendo que baixo dela está o mosteiro de Oseira. Aldea da Corna presidida pola lomba do monte da Madanela, con esa silueta mansa, de can deitado que diría otero Pedrayo, agora crucificada en muíños eólicos. Nun vértice da cima deste monte abrolla fonte cuberta por espesa carballeira. Sitio cristianizado con capela dedicada á íntima amiga de Cristo. Monte aberto en grandiosas minas de ouro de época romana, como as de Loureiro que deixan correr canles ao Arenteiro.
A formación básica de Pepe Paz será na escola da súa parroquia, onde, cedo lee a Tagore, “El naufraxio” regalo de Ana María Nóvoa Gil, que logo será a súa compañeira. A partires de 1963, ano no que morre Risco, pasará a estudar na entón flamante Escola de Maxisterio de Ourense. Rabindranath Tagore quedará moi prendido na raiceira de Pepe Paz, florecendo na árbore da súa formación .Tagore é escritor, educador, músico compositor, pintor, filósofo... ao que se lle concederá o Nobel de Literatura no 1913. Pepe Paz fura polos vieiros dese universo de humanismo hinduísta, de paz e igualdade, do que tanto gustaba o kármico Vicente Risco.
Paz, ourensán prendido nesa aura de luz e sombras de Vicente Risco e que caracterizou a Auria, Ourense. Ansioso de enxergar e peneirar saberes, lector e viaxeiro. No 1972. graduado en pedagoxía na universidade complutense, coa tese de licenciatura sobre a Ciudad de los Muchachos, ideada polo Padre Silva: “ Bemposta: forma Educativa personalizada”. Afondando na raíz galega orientalista, panteísta, céltica, priscilianista que tanto atraía a Risco para afianzar as orixes, a orixinalidade, os herdos indoeuropeos, célticos dos” bos e xenerosos” . Renovación na Galiza modernista da misión de igualdade e paz de Gandhi e sobre todo a través dos versos e do discurso de Tagore. Pepe Paz non soamente tece a súa tese doutoral sobre o poeta bengalí, senón que bebe do seu espírito e, ao longo da vida reúne, como ninguén o fixo, canto se ten escrito sobre o autor, máis de 30.000 títulos. Fronte a ofertas, como o da Casa da India de Valladolid, Paz desexaba que esta biblioteca quedase en Ourense. Consegue para acollela un piso do edificio das Galerías Roma , repartida entre a pequena casa da Corna, entre outras.
Unir o cabo do oriente co do occidente nunha misión de posta en valor da persoa
Entre o 1969 e o 2010 Paz será Director e logo vicedirector da Escola de Maxisterio de Ourense, docente da universidade de Vigo, na Facultade de Educación do Campus de Ourense, profesor titor de Pedagoxía e Didáctica na UNED de Pontevedra. Atento ao acontecer hindú aprende o idioma Bengalí e deixase imbuír do karma, do espírito, fronte ao campante ego do materialismo. Colaborador en aspectos de didáctica coa Visva-Bharati University. En canto a Galiza busca e une eses lóxicos vencellos históricos e culturais con Portugal, con universidades de Tras os Montes e o Minho, facultando encontros pedagóxicos . Impulsor das Xornadas do Ensino en Corcubión, as de Galiza Portugal (1976-2008), creador do Ourense Lúdico (1995-2011) con canto implicaba a pedagoxía do ocio, tan importante na educación. Lembrarei sempre os encontros en Ribeira da Penha co malogrado profesor da universidade de Coimbra, Francisco Botello, vinculado familiarmente e literariamente ás andanzas de Castelo Branco.
Paz ben entendía o que significaba o cine e o audiovisual, os que abrían camiños á actual revolución dos plasmas e o que as novas tecnoloxías supuñan para a pedagoxía. Así que, dende o seu retorno de Madrid, será secretario do Cineclube Padre Feijoo de Ourense, creado no 1970, referente que enchían de luz á una “Longa noite de pedra” prolongada.
Autor de numerosos artigos sobre Tagore, introducido na península por Risco, sen deixar a ética e estética na obra de Castelao, a ansia de informar para formar, o interese das tradicións e do xogo na educación. Docente imprescindible nas revista de pedagoxía , moitas das que creaba potenciaba, como Revista Padres y Maestros / Journal of Parents and Teachers, Agália, Revista de Pedagogía, Perspectiva escolar, Papeles de la India, A Nosa Terra, Boletim da Academia Galega da Lingua Portuguesa, The Visva-Bharati Quarterly: New Series, Leer, Raigame, O Ensino: revista galega de Soci -Pedagoxía e Sócio-Lingüística, Cadernos do Povo. Colaborador de La Región , de Nós Diario, de Portal Galego da Língua, El Correo Gallego, A Peneira, Semanário Minho, Faro de Vigo, Teima, Tempos Novos, Bisbarra... potenciando a parte gráfica, acudindo aos deseños do ourensán Perfeto Estevez...
Paz vai máis alá e pon os seus pes onde os puxo Tagore, vaise á India, ao Ganges, ao Golfo de Bengala, para, dende a súa xubilación no 2010, alternar a súa vida entre o piso ourensán da rúa Ervedelo, con tempadas, do outono á primavera, en Bengala. Colabora coa universidade de Visva-Bharati (“Sabiduría e Solidariedade Universal”) coas escolas infantís de Santiniketan (“Morada de paz”) fundadas por Tagore, as que axuda a rehabilitar e revitalizar, querido e chorado como si fora un santón. Entre aquela espesura vexetal fíxose cunha casiña esencial, con mais de aula escolar que de habitáculo, pintada coas cores da bandeira galega, espazos onde se afortalaba aquelo no que insistiu Risco, o espírito, a igualdade, a Paz, entender a cada persoa como un universo, único, aspiracións de Tagore e de Risco.
Moito temos falado de “orientarse” con Pepe Paz, brillábanlle os ollos, coloreaban as meixelas e arqueábase aquel sorriso inesquecible, farto, agasalleiro. A derradeira vez foi un 6 de outubro do 2020 por mor dunha conferencia miña en Ourense sobre Risco e o orientalismo.
Paz implicou nesa tarefa de renovación didáctica , con base no humanismo, na igualdade, na paz, na filosofía de Tagore, á súa muller e aos seus tres fillos, tamén docentes. Finado en Vigo un 23 de abril do 2021, celebración do santo cabaleiro que vence ao dragón, San Xurxo, prefiguración do céltico Rei Arturo e Día do Libro, a un tempo que a sombra do andazo do coronavirus cubría o mundo.
En pleno de 28 de maio de 2021 a Deputación de Ourense determina entregarlle á viúva de Paz , Ana María e fillos, Jorge, David e Nuria, a Medalla de Ouro da Provincia. Pepe Paz, pión capataz, empedrador de estrelas de Igualdade e Paz na Vía Galáctea que vencella a alborada co solpor. Desexamos que esas ansias e os libros de Paz queden e sigan a iluminar a Ourense.
27 SETEMBRO 2024