O viño e o emparrado no fronte da casa tradicional galega

Ampliar: Casa dos Reque, Flores, Carballiño



Cavilares arredor da casa tradicional galega, a que no fronte e a modo de viseira deixa asomar unha parra, quizais sobre bancos e mesas: sombra no verán e que na invernía permite furar ás raiolas do sol. Poética dese universo que é a vitivinicultura

Cando cavilo nunha casa tradicional  galega co seu emparrado na fronte, penso nas do meu carballiñés barrio de Flores: na casa dos Reque, na da Cambesa, na do Piros... na parra da taberna do Chupete, na da Gazpara, que non sei porque motivos non se deixou que seguira agarimando aquel concorrido resío, sobre caldeira do pulpo e das mesas.

Falar da casa tradicional galega levaríanos a un longo debate entre que tipoloxías escoller como antolóxicas. Teríamos en conta esa relatividade do espazo e do tempo: casas que caracterizan bisbarras e diferentes épocas. Aínda que existe unha casa esencial, rural, labrega, gandeira e mesmo mariñeira que caracterizou Galicia: casa cuns prototipos moi comúns, como o patín, con parte baixa dedicada á adega, espazo con algo de sacro e misterioso, sempre entre penumbra medida. Parte pegada ao chan na que tamén poden estar ás cortes para o gando e onde gardar os apeiros do traballo. Accedese a esta parte baixa por un portalón, quizais na parte superior da súa carpintería aburatado en retículas, a fin dar ventilación ao interior. Parte enmarcada polas ménsulas que sosteñen a soleira. Fachada que da acceso ao sobrado mediante unha escaleira, xeralmente de pedra, logo a unha solaina cos seus balaustres, cuberta coa prolongación do tellado. Espazo ben orientado ao sol da vida que abre portas ao interior, zona  pois illada das humidades, onde esta a lareira con máis ou menos cambota, calefactorio  dos cuartos. Casa sinxela, iso si, funcional, a que, segundo os posibles se complementará con mellor ou peor cantería ou carpintaría, labras, cintados, caleados....

 Como dixemos accedese ao sobrado por uns chanzos, escaleiras de pedra, o patín, moi significativos na tradición: chanzos que serven de asento para a conversa, para aqueles parladoiros, onde borbullaba a conversa de vellos de caxato e se debullaban ideas que eran escoitadas con respecto relixioso, historias e contos cargados do tan inspirador realismo máxico: aconteceres no camiño, de feira en romaría, de aparicións, milagres, mouras, señas, compañas, fauciosos, Pepa Loba, guerras de noutrora...

Chanzos, que quizais directamente o nun xiro de ángulo recto, subían e remataban en devandita solaina, balcón con varanda de madeira ou mesmo de balaustres de pedra, segundo o poderío dos seus propietarios. Miradouro, acolledor lugar, tanto pola fresca dos seráns do verán, como na invernía para a protección da chuvia. Solainas que a finais do século XIX e durante todo XX, moitas delas, cubriríanse de carpintería e vidro plano, orixe da galería, outras veces co mal gusto das ladrilladas feistas. Espazo que, como dixemos, abre portas á lareira e aos cuartos... un deles, pequeno, podería ter un escusado de madeira, con burato que daba ao galiñeiro, nas casas máis pobres semellantes necesidades poderíanse facer no campo...

E de vello, quizais de tempos romanos, ou ao menos medievais, o emparrado era o complemento do fronte da casa, continuidade do aleiro do tellado ou do chan da soleira, viseira natural de espeso verde, a desafiar a raxeira do sol, para a mellor sombra e frescura  nas raxeiras do verán, madurando acios de uvas no setembro, ouridourando follas polo San Martiño dos Magostos , as que murchas, bailando caen mainamente co ventiño outonal, para deixar espida a retorta parra, agarimando aleiros, esteos, agora deixando furar ás raiolas xenerosas do sol tísico invernal. A parra foi complemento imprescindible e aínda a ollamos sobrevivir, rebelde, nas máis vellas, ameazadas pola insensibilidade e a ignorancia.

Plantar unha parra na dianteira da casa, herdo grecolatino, poético, simbólico...

Emparrados que podían complementar resíos, eses espazos para o uso da casa, dando sombra: diante, na fachada, sobre un rueiro, sobre a fonte, quizais tamén como pérgola sobre uns banquiños, cando non con mesa de pedra. Necesaria parra á porta de moitas tabernas, baixo as que ademais instalar a caldeira de cocer o pulpo e as mesas e bancos de madeira. Pois a sombra era fundamental na feira, velaí as carballeiras baixo as que os feirantes e o gando tanto se acollen do sol como da chuvia. Mesmo a arquitectura cultura, a que re-crea sobre a tradición, ofrece lembranzas do que dicimos. Velaí  sobre os chanzos da compostelán praza da Quintana como asoma a chamada “Casa da Parra”, todo un documento barroco da capital que dicía don Ramón Otero Pedrayo “a gran aldea de Galiza”.

Ben  acaído o título que ao seu blog internáutico deu  o sempre lembrado amigo ourensán Marcos Valcarcel , o de “As uvas na solaina”. Epígrafe que suxire canto vimos dicindo e un universo de Auria, sabendo que Martiño de Dume, alá  nos tempos priscilianistas, polo século V, edificou na cidade das Burgas unha ermida dedicada ao seu paisano e homónimo da Panonia húngara, Martiño de Tours. Templo que o cronista Hidacio di, tiña a dianteira cuberta cun emparrado...Otero Pedrayo, herdeiro de casa grande en Trasalba, gabábase das súas dúas solainas e patín, a da entrada de carpintería deseñada por Castelao.

Acae o fado portugués interpretado divinamente por Amalia Rodriguez, o que tanto describe a “Casa portuguesa” como o espírito que nela habita. Con retrouso que fai referencia ao “cacho de uvas douradas”, acios que maxinamos pendurados sobre a entrada: “... Quatro paredes caiadas/Um cheirinho á alecrim/Um cacho de uvas doiradas/Duas rosas num jardim/Um são José de azulejo/Mais um Sol da primavera/Uma promessa de beijos/ Dois braços à minha espera/É uma casa portuguesa, com certeza...” Herdo esencial da casa grecolatina.

Emparrados que en setembro deixan ver pendurados acios de uvas, a materia prima do viño e de canto supón a viticultura e a vinicultura, como a arqueoloxía do viño. Rifándose varios países a orixe da cultura do viño: algúns coidan que foi alá polo 6000 a.C. en Mesopotamia, onde naceron tantas cousas que aínda nos caracterizan,  incluso atopándose en Armenia unha adega, a de Areni, do 6000 a. C, con cacharros de barro. Os exipcios coñecérono tamén. Viño moi presente na Biblia, nas borracheiras dos patriarcas, de Noe, Lot... sorprendentes acios da Terra Prometida...entre tantos episodios do Novo Testamento: parábolas, vodas, ceas e aquel “Eu son a vide e vos os sarmentos...” Foron os fenicios, logo gregos, etruscos e romanos os que  melloraron técnicas de elaboración, os que fixeron da parra símbolo decorativo de espiritualidade, dunha eterna placidez, de festividade e fertilidade, en palacios e tumbas... Viño que pasará a ser bebida representativa do occidente, vinculado polos gregos a ritos dionisíacos, e polos romanos cos báquicos, o Cristianismo con Cristo... exaltación anímica, da vida, dos banquetes... Resultado dunha longa ascese que supón a selección, o coidado da terra e dos viñedos, para logo a vendima, pisar, recollelo en cubas, fermentar e...  entendelo como sangue da terra, dos deuses e da que se fai sacramento. E velaí a misión cristián, a dos mosteiros bieitos, a que espallou  neste confín a vitivinicultura. “In vino veritas”,  así pois dos cerimoniais fúnebres...”y con el vino e apagan las penas...”

A arqueoloxía castrexa parouse neste aspecto, descubrindo que os castros asentados nas ribeiras daquel orientativo gps que na antigüidade foi o Miño, como San Cibrao das Las e os castros da Bracarense, como Briteiros, Mozinho, etc, ofrecen pebidas de uva. No sc. I comenta Estrabón, que estes pobos celtas non beben viño e si algo elaborado de froitas , “zythos” (sidra, cervexa?) O que si abonda, xa de época romana, e  mesmo por esta mesma área, son lagares labrados en pedra...

E non queremos deixar a cousa no pintoresquismo, pois a vide ten  un profundo simbolismo que se perde na antigüidade, representada en labras decorando pazos, tumbas, gregas, etruscas, romanas... Por algo simbolismo eucarístico tamén, representadas envolvendo as columnas salomónicas tan características do barroco galego, con apoteose sobre o altar maior de Celanova, traballo escultórico de Castro Canseco e que para min, compiten coas do baldaquino que Bernini deseñou para cubrir o altar da basílica vaticana.

En resume, unha parra á porta da casa é algo máis que unha metáfora: Brindemos polo feito.

6  Outubro 2024