Novembro dos Defuntos, das Benditas Ánimas, dos cemiterios e dos Magostos
Exposición da idea da Pardo Bazán sobre a representación popular da Morte en Galicia. O senso do Tempo de Defuntos e Magostos, Novembro, agora comercializado como entroido outonal:colonización do gaélico Samaín ou do estadounidense Halloweem
Poderiamos roubarlle á condesa de Pardo Bazán o título de “El País de las Benditas ánimas”, co que, un 10 de outubro do 1887, encabeza un artigo para El Imparcial de Madrid. Crónica aquela dunha tempada como augüista no balneario de Mondariz e na que Doña Emilia, tan amiga de enxergar a vida dende a altura de torres, sóltase sobre a arte popular galega. O escrito, que non ten desperdicio, vai sobre “ los singulares monumentos que infestan este país ( el verbo parecerá irreverente, pero es exacto”. A condesa, botada para diante é contundente mesmo con cousas tan cativas e inxenuas como son os retablos e petos de ánimas populares. Ben debera enxergar a escritora no lugar que se erguen estas construcións e como responden a herdos ancestrais. Tradicións que con rebuscado “gracejo” e esperpento de tresillo cualifica como “espantajos” que provocan “carcajadas”, item mais para o respecto das etnias “... fetiches mas propios de tribu neozelandesa que del pueblo católico y racional”. “... Gran cartel de piedra, de forma cuadrilonga, rematando en extraño copete, que domina un monigote destinado a representar a Nuestra Señora...a sus pies una calavera humana redonda como perilla de balcón, y con más dientes que un caimán, debajo dos tibias cruzadas; más abajo todavía un pajarraco con intenciones de figurar nada menos que la Tercera Persona de la Santísima Trinidad; y por último en el centro del cartel, las verdaderas protagonistas del drama, las ánimas benditas. Merecen párrafo aparte. Generalmente en doble hilera de ánimas que ostenta cada retablo; la superior está en posición vertical, y se compone de tres ánimas, ni una más ni una menos: un obispo con mita, un clérigo con bonete y un fraile con croquillo; en estos distintivos se les conoce la profesión, pues no gastan otra prenda de ropa, aunque la honestidad queda a salvo con la vestidura de almazarronescas llamas que las envuelven. En la fila inferior de ánimas hay dos de bello sexo y colocadas en posición horizontal, como sardinas en banasta...”
Os anos de tal comentario eran os finiseculares do XIX, nos que na Coruña un raparigo de ollos atentos ao acontecer enxergaba e comezaba a experimentar con formas cultas e populares é Pablo Diego José Francisco de Paula Juan Nepomuceno María de los Remedios Crispiniano de la Santísima Trinidad Ruíz y Picasso. Simplemente Picasso . Mal sabía a condesa que, ao cabo dos anos, contribuiría a mudar a Teoría da Arte e abriría a infindos camiños na creación.
A policromía de Galiza, na paisaxe, na Arte, esvaecendo as sombras, a Morte
Doña Emilia aproveita o tema para falar do Purgatorio, esa oportunidade que se da en Galiza entre o inferno e o ceo, repesca propia do país dos que nin suben nin baixan, os mesmos que contestan cunha pregunta, os que dubidan de todo e rematan cun ¿ e logo?. Observa que os que purgan no lume son eclesiásticos e, como non, na estética, sobre os “ rabiosos chafarriones de ocre, siena, añil, cúrcuma, almazarrón... churriguerismo pictórico... será debido a la proximidad de Portugal...” Tradición polícroma que cualifica de epidemia do mal gusto, de perversión. Detense na descrición dos ramos cargados de cintas nas procesións relixiosas, as que di de tradición “céltica bretona”, “... orgia de colorines que chillan, se arañan y se dan de empellones, lo mismo que las notas de una murga desafinada”. E finalmente achanta e ordena “Quien se interese aquí por el decoro religioso debe enarbolar si no la demoledora piqueta, cuando menos el pico, y devolver a la piedra su color propio...” E como non, afiando a cursilería advirte que “... a Mondariz acuden moitas “personazas, gentio ilustrado, infinitos escritores, inumerables peces gordos....y estos pecadores retablos solo sirven para despertarles la risita volteriana y el alzamiento de hombros ”. Mondariz aquel ao que acudía Murguía e os renovadores Cabanillas, Risco, Castelao, Palacios, Asorey... buscadores do “espírito” de Galiza. Parladoiros nos que se venera a lembranza dunha Rosalía popular, propensa ás sombras de ultratumba, pódolle cor á amargura.
Detrás desa interpretación popular, aparentemente Kitsch, na irmandade de santiños e santiñas en apoteose polícroma de retablos hai toda unha filosofía da vida e da morte. Marca de identidade que parte do celtismo e pasa polo seu panteísmo cristián, nesa relación paisaxe-paisanaxe, adaptándose a escultura ás posibilidades da pedra, a ese permanente románico co que se enchoupa toda a Arte Galega, a esa tendencia xeométrica ao barroco. Algo aprendido por Gauguín en Bretaña, como o aprenderon Colmeiro e Laxeiro nas súas Terras do Deza.
As benditas ánimas habitan na tradición rural, entre as brétemas dos cavilares no Trasmundo, son os defuntos, os que xa non estando de corpo presente estano de espírito, nas sombras das lembranzas, para ter e celebrar a súa noite e o seu día, abrindo ao tempo escuro, a Novembro, o que será na tradición galega o mes dos Santos e Defuntos. Agora xornada invadida por un novo entroido outonal para maior gloria do Gran Bazar Chino, fornecido de caretas e traxes, os máis calcados da cinematografía terrorífica, a de Drácula, Frankestein, Psicosis, aliens , diabólicos, exorcismos , gore...novos ritos, novos mitos comerciais tan afastados do ideario simbólico, do sentir apracible, tradicional da Morte no universo céltico, representada sen gadaña, sen sangue, sen loito, sen aura de medo. Si acaso como esvelta estantiga, embozada en saial branco, arrodeada de luz, en ringleira de santa compaña, perdéndose nas reviravoltas dos vieiros, deixando un recendente ronsel a incenso, entre un son de cantos gregorianos e cunha mensaxe preventiva en quen a enxerga. Morte tamén representada como “señas”, sinales de luz na encrucillada, na porta, na fonte, na árbore, na peneda... si acaso acompañada do ouveo dun can, do vó dun corvo achaorado ou dun gato negro e de ollos fosforescentes interpóndose entre un amplo repertorio de oracións.
Tempo de Santos e Defuntos no confín dos santeiros e dos cemiterios, de camposantos coutados polo adro, parte do igrexario, centrados polo templo, punto de encontro para vivos e mortos ao tanxr das campás, onde a arte popular, esa da que renega a amidonada condesa, ten sentida expresión: enlousados de campas inscritas con siglas medievais como o de Santa María de Noia; con panteóns erguidos de Terra ao Ceo en gabletes, na Chaira de Abadín; o cemiterio Mariño de San Amaro, o Pontevedrés da parroquia de Mourente, lección baril de saberes arxinas, entre tantos , envoltos en historias interminables cosidas de realismo máxico.
O comercial Halloween, o irlandés Samaín e o día dos Defuntos e Magostos galegos
Tempo de defuntos, de feiróns, como o de Monterroso, para nutrirse de cara á invernía, para a matanza do porcos, onde as sementes, a forma esférica das castañas, das cabazas, das mazás de inverno camparán entre a paisaxe murcha como un símbolo de esperanza...Cabazas, materia prima para ser labrada a xeito de caveira, calacús, que na noite, achantadas sobre os valados son aviso do Trasmundo... Expresionismo fauvista que encaixa co sentir relixioso do panceltismo, onde Irlanda, dende os tempos románticos e Modernistas espalla o seu Samáin goidélico, o que no mundo da emigración estadounidense tomará o nome de Halloween: agresividade comercial, con retrousos de “ trato ou truco ”, uniformando o mundo.
Tardiñas soleadas dedicadas aos santos cristianizadores dos celtas galos e galaicos: o cabaleiro San Martiño de Tours e ao de Dume, o que alá polo sc. VI anatemizou as costumes pagáns dos galaicos. Tardiñas nas que aínda concorren ao monte ermo, familias, amigos, noutrora cuberto o corpo de colares de castañas ensarillada nun cordón, a acender fogueiras e asañas... e por cada castaña comida disque un alma redimida. Tempo escuro, coloreado polas fogueiras, polo viño novo e polos produtos da matanza, agora incorporando o churrasco...Na noite, todos emborreados de cinza e viño, como máscaras elementais, baixan en ringleira polos vellos camiños cara á urbe. Cantando e danzando, homenaxeando á vida con música e cor. Ourense sabe celebralo.
27 OUTUBRO 2024