11 de Novembro, o San Martiño e os tradicionais Magostos
Cavilares arredor do tempo que vai da vendima á castañeira, cando se recollen e se ofrecen as castañas asadas: o tempo dos Magostos, tan celebrado nese Ourense que ten como padron ao santo cristianizador dos celtas, san Martiño: castañas e viño novo
O outono é tempo celebrado, artístico e literario en Galiza e mais, o que abre ao tempo escuro na mitoloxía Celta, o que vai “ Da vendima á castañeira” (1957), titulo tamén dunha antoloxía de artigos da autoría de don Ramón Otero Pedrayo. Período do que gustaba o escritor ourensán, que tiña en Trasalba o mellor observatorio do devalar da paisaxe, o que vai da metade de setembro, cando se celebra ao santo dos meigallos, o San Cibrao e rematan as vendimas, para ter a súa apoteose nos dous primeiros días de Novembro, dedicados a facer memoria, o dos Santos e Defuntos. Xornadas cargadas de ritos arredor da vida-morte-resurreción, agora invadidos pola comercialización do estadounidense Halloweem, herdeiro do Samaín goidélico, para sobreporse con disfraces de sangue, loito e medo ás nosas tradicións de flores, lumeiras, símbolos de cor e vida ante unha morte de luz e de santa compañas que dan consellos. Ciclo de Defuntos que remata entre fogueiras pagás, como son as dos magostos, concorrendo os grupos aos montes para asar castañas e compartilas co viño novo, e ao final, emborreándose de cinza e tinto, para baixar así, cantando do monte á urbe.
Despois das vendimas, como dunha ascese que remata brindando, segue o tempo da castañeira, o dedicado á recolleita das castañas, abrindo os espiñentos ourizos caídos no souto de patriarcais castiñeiros. Castañas , alimento fundamental na Galiza tradicional dende a época castrexa até a chegada da pataca. Tempo no que nas urbes asoma a castañeira, muller ao pe dun forniño de latón, braseiro que revolvía coa vadila e no que asaba e ofrecía en cartuchos de estraza as castañas asadas... con aqueles seus característicos pregóns: ”Castañaaaassss asssadassss....leeveas que vannnnn quentiñas”. Saberes de asar castañas en trebellos, fornos que se melloraron ate conseguir o pintoresco xeito de locomotoras, imprescindibles xa na paisaxe urbana outonal. Ben sabía os de Parada de Sil de tal comercio: no verán tirando do carriño dos xeados, “Ibe”, Ibense”... no inverno coas devanditas “locomotoras” das castañas, dando arrecendo, sabor e nostalxia ao outono.
Os celebrados santos Martiños cristianizadores das tradicións celtas: o de Tours e o de Braga
Tempo dedicado en todo o que foi a Gallaecia romana e Sueva - a que non se sabe ben aínda cara onde chegaba o seu mapa- ao San Martiño de Tours (316-397 d.c), santo orixinario da Panonia húngara, cristianizador dos celtas galos e que neste noso confín mesmo se confunde co seu paisano e homónimo, mais novo, propagador da súa devoción e culto que foi Martiño de Dume (510-580), isto é de Braga. Moito habería que dicir das andanzas deste misioneiro, que escribiu “De Correctione Rusticorum”, sobre os cultos pagáns ás penedas, ás fontes, ás árbores, ao lume... herdos celtas e romanos que se practicaban na Gallaecia. Martiño de Dume que curou a e convenceu aos suevos para cristianizalos e construír no alto da cidade das Burgas un templo dedicado a Martiño de Tours, onde venerar e celebrar as reliquias do santo.
Santos Martiños, sobranceiros soldados, cabaleiros dun imperio romano decadente, os que acollen e predican a nova relixión contra o esclavismo. E así se representa ao de Tours, montado a cabalo, bo e xeneroso, esgazando e repartindo a súa capa para a abrigar a un velliño aterecido. Sendo o de Tours un dos tres santos cabaleiros, tan venerados, mesmo inspirando a un cabaleiro artúrico, xunto co Santiago Apóstolo, como un cruzado de reconquista e un San Xurxo que sobre o seu faco branco vence ao diaño en forma de tarasca, a serpe das tradicións celtas. Historia, mito, imaxes que son proba de que Galiza era de cerna un país de cabaleiros, de feiras de cabalos, de señores de pazo, de xente da milicia ou da arrieiría, vagamundos e de canto comporta un xinete ou unha amazona.
Ourense celebra e espalla os Magostos, a festa das lumaradas, das castañas e do viño novo
Moitos templos de Galiza están dedicados ao San Martín de Tours, e se non tampouco falta unha imaxe do santo cabaleiro, tan querido e ao que mesmo lle damos o diminutivo de Martiño. Velaí o magnifico retablo do século XVI da catedral de Ourense, obra do escultor Corniellis de Holanda para albergar as reliquias do cristianizador de Tours e presidir o templo coa imaxe do Santo bispo, esta vez, apracible, bendicindo e sentado na súa cátedra. 11 de novembro no que na catedral de Ourense non falta misa cantada, gaitas, desfile de mitrados, báculos e ofrendas. Polas rúas música de banda e gaiteiros, estoupar de bombas de palenque...
Pola tarde, a tribo magosteira sube ao Montalegre, curuto sobre o que foi convento de San Francisco e do cemiterio de Ourense, onde descansan tantas celebridades: Otero Pedrayo, Cuevillas, Xocas, Blanco Amor, Fernández Oxea, Valente... Ala van, noutrora os nenos cubertos con colares de castañas ensarilladas, zunchos, dándolle voltas ao pescozo... a arrodear as pedras de cultos ao amor e á fecundidade que coroan o monte. Reúnen frouma, mentres tamén pican os espiñentos morodos roxos...van acendendo o lume, cantando e dando voltas ao seu arredor, triscan castañas, algunha non, para que así estoupen entre as brasas. Xa asadas son retiradas a tempo. Disque por cada castaña xantada un alma redimida. Castañas que como as formas esféricas das cabazas son como ovos cósmicos, sementes ao fin, símbolos de futuro, orixe simbólico no Nadal das bolas que adornará á árbore, como Árbore de Vida.
Celebrada festa ourensán, cando escintila a aura de Auria, propagandizada con carteis da autoría dos grandes creadores, noutrora de Virxilio, Quessada, de Dios, Baltar...con libriño acaído incidindo con poemas e textos. Sei de memoria aquel de Blanco Amor:
“Ven no branco bridon noso Martiño
ás honras ourensanas. Canso chega....
rezaredes despois...Levádeo á adega
e dádelle unhas cuncas dise viño
acenante de ádoas e de agullas
que aínda non fala porque é moi noviño.
Levádeo logo ás farturentas tullas
onde agarda a castaña gabanciosa,
o ledo sacrificio no outo lume.Rubide con il á cima soedosa,
onde soña que é ceio o esgrevio cume.
E as boiras van recheándose valentes
pra que aboie nos ventos o magosto,
e verédesdelle os beixos sorridentes
a frorecer no seu divino rostro “
(Auria 1968)
No lusco-fusco as lumaradas rodean Ourense, columnas de fume espeso soben ao ceo e envolven a cidade, mestúranse coa neboeira que ven do Miño. Ao anoitecer os grupos baixan, cantando e emborreados de tinto e cinzas, como máscaras sacadas dunha pintura de Laxeiro.
Magosto, de (“magnus ustus”, gran fogueira) festa cíclica, herdo pagán, cando as tradicións celtas e romanas se entrelazan como no Entroido, os Maios, o San Xoán... fonte de inspiración, da que xa se encargaba Vicente Risco, no parladoiro de “0 Volter”, de espallar a idea de que a orixinalidade dun pobo radica nestas súas orixes. Sendo celebración que vencella aos ourensáns alí onde estean no mapamundi, para compartir mesa e morriña.
Festa tradicional, convocada pola forza do espírito, agora mediatizada polo paternalismo da Concellería de Cultura e Turismo, convocada na Praza Maior. Xocas tíñase revolto contra este xeito de intervencionismo da ilustración municipal. Entre tanto consumo alleo aquece que a tradicións viva, arredor da castaña, do lume e coa lembranza dos defuntos e daqueles santos druídas, criastianizadores das tradicións celtas, nosos santos martiños: Sursum Corda.
1 NOVEMBRO 2024