A influente ilustradora Althea Gyles e o imaxinario céltico da Irlanda modernista
Sobre as ilustracións de Althea Gyles (1867-1949) para a obra de W. B. Yeats e para o mevemento céltico irlandés, a súa influencia en Galicia, no grupo Nós, en Castelao para a portada de Nós: o símbolo da árbore, raiceiras na Terra, ponlas á Luz
No 1893 o polígrafo irlandés Willan Butler Yeats inspira a creación da Liga Gaélica, con canto supón da recuperación da cultura de Erín. Reivindicacións onde o partido republicano irlandés Sinn Feín (Nos mesmos), reagrupado tras Artur Giffith, reclaman a formación dun parlamento Nacional Irlandés. O luns de Pascua de 1916 militantes da Irish Republicán Brotherhood toman a Central de Correos de Dublín e establecen un goberno provisional. Aqueles dirixentes son asasinados polos británicos, agás Eamon de Valera que se pon ao fronte contra a represión británica. Coidase a raiceira céltica, canto supón a arqueoloxía, as ruínas das comunidades cristiáns-célticas, a arquitectura católica... repóñense as tradicións druídicas en relación cos ciclos agrarios e cos seus nomes gaélicos: Samaín, Imbolc, Beltane, Lugnasad...
Xa dende os anos do historicismo romántico, pasando polo exotismo modernista, Galiza víñase mirando no espello do panceltismo atlántico. O Libro das Invasións (Leabar Gaabala) que conta a odisea do brigantino Breogán coa Pedra do Destino cara a Erín, avaliaba as pescudas poéticas do novo bardo da Ponteceso, Eduardo Pondal, inspirado tamén nos cantos osíánicos do escocés James Mcpherson. O economista Alfredo Brañas facía a chamada de Érguete Galiza e anda como en Irlanda, como en Irlanda...A Irish Connection que trenzaba celtismo con cristianismo eran asuntos sobre os que trataban os aristocráticos intelectuais nos parladoiros do Balneario de Mondariz. Estancias estivais onde o grupo ourensán estaba protagonizado por un Vicente Risco, afeito a crear irmandades, confrarías, seminarios. Pretendíase a busca dun estilo nacional, entre escuridades teosóficas, como viña facendo W. B. Yeats, seguidor de Helena Petrova Blavatsky. Risco sabía do Sinn Fein, para traducilo a un Nós, a aquel seu grupo de inadaptados, insistente en que ser diferente e ser existente, seguidores da novela de moda do simbolismo decadentista, dentro dos presupostos de Schopenhauer, a da autoría de Joris-Karl Huysmans, Á revours ( A contrafío) (1884) protagonizada polo aristocrático mozo Jean Floressas Des Eissentes, antiheroe, excéntrico, dandi, esteta, culto...que vende o seu castelo para vivir nunha casa rodeado de arte e perfume, abandonando o seu mundo de fantasía e saír a fender coa convencionalidade, co cinismo campante... prototipo dos que atopaban nas orixes a orixinalidade, o singular aporte á universalidade, asunto que inspira a Otero Pedrayo.
Inadaptados, que buscan a diferenciación nacional a través do celtismo e do cristianismo
Modelos dublineses de creadores raros non faltaban , velaí as singularidades de Joyce, Oscar Wilde, Beckett, Bernard Shaw, Bran Stoker... e sobre todo o polígrafo Willian Butler Yeats (1865-1935), dunha familia de creadores, gustoso do profundo, do misterio, da maxia, do druidismo, procurador das máis ancestrais tradicións, de contos envoltos entre monstros, cervexa por medio, anovador da música, das tradicións, das festas cíclicas agrarias... E velaí a súa influínte literatura, cargada de simbolismo, misticismo, de metáforas que radican no imaxinario celta. Sentir decadentista, saudosista do que se perde como afronta contra a revolución industrial, precursora da uniformización global. Reclámase entón o deseño persoal e velaí o movemento Arts& Crafts coa influínte figura de Willian Morris (1834-1896), amigo de Yeats, para levar a súa arte a todo, fundamentalmente á ilustración do libro. Entre os anos 1885 e 1900 colle pulo o movemento celta irlandés inspirado na obra de Yeats, The Celtic Twilinght, o panceltismo prende en Galiza. A filosofía mística e a maxia de Willian Blake enriquece o panorama. E velaí unha singular ilustradora da obra de Yeats, como foi The Secret Rose e da que, seguro que se falou naqueles selectos parladoiros de Mondariz e do que tomaron nota Castelao, Asorey, Palacios, Camilo Díaz Baliño... creadores que impregnan a súa obra de simbolismo, do que dicían os alemáns o volgeist (o espírito do pobo) até levalo estes a extremos que nada teñen que ver coa filosofía dos bos e xenerosos e do celtismo atlántico. A devandita ilustradora e a irlandesa Althea Gyles, a que, ademais de complementarse coas ideas de Yeats ilustrou obra de Osca Wilde, como The Harlot´s House. Relacións estéticas sobre as que trata a Universitat Internacional de Catalunya, Judith Urbano Lorente autora sun interesante traballo El imaginario simbólico de Althea Gyles (1868-1949) . Obra na que incide sobre o seu poder sedutor na recuperación da arte Celta e do seu vencello con W. B. Yeats, quen precisamente escribiu un artigo abondando sobre a súa amiga A simbolic artist and the coming of simbolic art. Allen Grossman, Steven Putzel, Mary F. Holahan páranse na colaboración Yeats- Gyles e no Celtic Twilight (Crepúsculo Celta) recompilación de tradicións celtas . O profesor do Departamento de Ingles da Universidade da Coruña, Antonio R. de Toro Santos podería darnos clases sobre estes asuntos da súa especialidade.
Althea Gyles naceu no 1868 en Kylmurry (Condado de Waerford, Irlanda), de familia aristocrática e neta dun reverendo bispo, formada na escola de arte de St. Stephen´s Green dun Dublin bulideiro en excentricidades. Colaborando cos xornais súmase á The Dublin Theosophists, movemento internacional fundado pola celebérima Blavatsky, arredor dese universo escuro, cargado de orientalismo, entón de celtismo. Sentir artístico e literario que leva a un xeito de Realismo Máxico.. Irmandade teosófica que preconizaba a igualdade universal, sen distinción de credo, raza, sexo... No 1885 nace a Hermetic Society con Yeats ao fronte para , no 1890 dar lugar á Hermetic Order of the Golden Dawn que tanto influirá no que supón a maxia, a espiritualidade e o oriente. Un Risco mozo, creador da revista teosófica La Centuria fura nestas cuestións ao frecuentar o circulo teosófico ourensán da Condesa de Atalaya Bermeja, Angelita Varela, movemento parello co que ten lugar en Pontevedra co núcleo tamén teosófico dos Pintos Fonseca e que tanto terá que ver no Modernismo galego.
A etapa final da Gyles esta envolta en amores e desamores perversos, Oscar Wilde por medio. A polifacética creadora dedicase á poesía, a temas ecolóxicos, solitaria, pobre, sen máis compañía que un can morre no 1949 nun asilo de anciáns aos 69 anos. A universidade de Reading recibe da familia un legado aínda por descubrir para Galiza.
Os temas preferidos pola Gyles son célticos, os de inspiración artúrica: cabaleiros, tumbas, cadaleitos, bosques, tramados de follas de loureiro e carballo, o devalar das catro estacións, a mesma morte, asuntos tan presentes na obra de Yeats. A ilustración que máis nos intriga e nos trae aquí é a realizada para a obra de Yeats The Secret Rose (1987) para que afonda no espírito, na mitoloxía, nas lendas, na maxia e nas tradicións irlandesas. A portada é unha árbore, con canto significa a árbore na teosofía, motivo ancestral, que pasa polo mundo oriental: árbore de fondas raiceiras, follas de vida, cargada de froitos e paxaros, piramidal. Tema da Árbore da Vida que se desenvolverá co islam e con tanto que ver coa Cruz: encontro de vertical celestial coa horizontal terreal, para entenderse como novo Árbore de Redención. Árbore trazada con entrelazos de sentir céltico, o desenvolvemento do cabo do principio ao do fín, inspirada nas cruces solares, nos códices miniados célticos-cristiáns. Portada deste libro repuxada simbolicamente en ouro. A inspiración dos rosacruz, do esoterismo está no ambiente. Lombo do libro tamén simbolicamente coidado: a lanza-caduceo cara abaixo, apunta a un caldeiro, o caldeiro céltico, orixe do Grial cristián. A cuberta posterior é unha rosacruz radiante, mandorla mística, rosetón, cosmogonía...
Portada equiparable coa que Castelao deseña para a revista Nós, aparecida o 30 de outono do 1920, simbolicamente véspera dos celebrados Santos e Defuntos. Novamente a idea de árbore con raíces profundas na Terra, no pórtico megalítico que se abre á esperanza de alboradas, o da iconografía de Camilo Diaz Baliño... e ramas xeométricas, acrocadas, en espiral céltica, que se erguen á luz; no centro a loita do agro e o urbano, Caín e Abel, a carón de dúas cobras envoltas en lazo céltico , ramas que envolven a figuras do traballo, abaixo o que toca a corna, noutra o gaiteiro, homes e mulleres co pan, co xerro de viño, cun machado, co fuso... Na cima o trunfo do Grial, o cáliz celto-cristiá, sobre o que brilla a estrela...
7 Novembro 2024