Paisaxes e paisanaxes do pintor Sucasas

Ampliar: Alfonso Sucasas (Col. F. Senén)



Cavilares arredor da obra do pintor de Lalín Sucasas, retratos da Galiza, por mor da súa mostra no Museo de Belas Artesa da Coruña. Entroido-Coresma 2018


As Terras do Deza, as de Lalín, Agolada, Dozón, Rodeiro, Vila de Cruces e Silleda, foron, máis que de señores feudais de pazos, de xente de camiño e de feira, devotas do santuario da Virxe do Corpiño, escenarios das andanzas da mítica Pepa Loba e do estraperlo do volframio... Lugar de nación do aviador Loriga, do astrónomo Aller Ulloa, dos pintores Laxeiro, Sucasas, Lamazares... de Margaride de Silleda era Colmeiro .E máis veríamos e seguiremos a ver onde ben probado queda que a paisaxe couta á paisanaxe e imprime carácter.

Os de Lalín é xente que tanto mira ao ceo, ás estrelas, como ás pedras e ás curvas do camiño, con algo de anxos, de demos e de trasnos. O ser de Lalín lévase de por vida e por diante, vaia onde se vai ou veña de onde se veña e contáxiase tamén. Tal como presumía Laxeiro e do que se gababa Sucasas. Así é que, a través da súa obra, tan chea de Lalín e de Galiza coñecerémolos, non temos máis que enxergar os seus lenzos e unha nova oportunidade ofrécese nesta Coresma no Museo de Belas Artes da Coruña para entrar en Sucasas.

A capacidade fabuladora de Xosé Otero Abeledo, Laxeiro, puxo no seu Lalín o Condado da Romea, cos seus condes, co secretario “Mirlotil”, cos verdugos, cos toliños, e como non, tamén co pintor do acontecer daquela corte rural, Laxeiro. Lección aprendida por Sucasas que tamén atopou en Lalín, nas súas orixes, os seus temas preferidos, a súa orixinalidade.

Alfonso Sucasas Guerra, naceu en tempo de Piscis do ano 1940, foi na parroquia de Goiás, estendida ao longo da estrada que, pola Agolada, leva a Lugo e a Melide. Aldea con párroco de catecismos e fregueses con sona pola súa meiga e curandeira, a que non cobraba en cartos e si e n traballos que solicitaba aos seus clientes. Camiños dos altares de Santa María do Monte Faro e mais centradas aínda polo concorrido Santuario do Corpiño, dedicado á Raíña dos Anxos bos, porque tamén sabemos que os houbo rebeldes, o mesmísimo Demo.

Sucasas tiña aprendidas, a golpes de vara fina, as leccións do Antigo Testamento, do Xénese, da expulsión do Paraíso, dos desterrados fillos de Eva... fondo e transfondo da súa formación aos que da forma, faino con boa man pro debuxo e pra pintura, a que economiza e sabe estender polo lenzo até cubrilo, deixando mesmo transparentar o tecido. Sobre o papel vaille baril o carbón pra trazar e esfumar sombras, expresar as tebra, os demos, os vellos e as venus, os misterios das negras sombras que asombran, as fabulas dese seu mundo e de si mesmo.

Contase, e algún crítico de lei cre, que, aos 14 anos, mesmo tentou matricularse na escola valenciana de San Carlos, pero seica houbo impedimentos por parte de nai que o quería na casa. Dis que, pouco despois, xa con pantalón largo, aos 16 ingresa na Academia de San Fernando de Madrid, pero suspende... O certo é que estuda na Escola de Artes e Oficios do seu Lalín e que foi curtido na universidade dos camiños, pola que baten o zoco tantos homes e mulleres galegas, a emigración: no 58 , embarca no porto de Vigo embarca e colle rumbo cara Venezuela, alí compatibiliza a pintura co traballo de camareiro nunha desas morriñentas casas de Galicia . Pasa dous anos naquel Caribe e volve a Lalín, a atender a tenda dos seus país, pero aos tres meses volve a emigrar, esta vez será a Brasil, onde pasa sete anos nunha empresa de deseño e decoración de Sao Paulo. No 1968, cando comezan a mudar tantas cousas retorna a Lalín, os seus amigos anímano a que pinte e expón en Compostela no Hostal dos Reis Católicos. Dende entón non acouga, milita no nacionalismo, de 1970 ao 75 vaise a Vigo, onde se reencontra e comparte parladoiro co seu paisano Laxeiro, Lugrís, con Blanco Amor, con Lodeiro... logo fará de Compostela o seu centro.
Animado pola periodista Margarita Ledo Andión, sempre entregou colaboración e obra para iniciativas da Asemblea Nacional Popular Galega, para a creación do semanario A Nosa Terra, a súa obra foi das máis solicitadas naquelas Mostras de Outono nacidas por iniciativa de Xosé Luis Fontenla, vendíanse unhas e axiña renovaba con outras. Mesmo compartiu o seu taller coa redacción deste xornal galego no compostelán pazo de Gallástegui da rúa da Troia.

Entre os temas da obra de Sucasas descubrimos os pecados capitais da Xente no rodicio que diría Neira Vilas ou da Esmorga de Blanco Amor, da Mazuca de Cela... xente de nós, dun país anómico, aculturado, enguedellado entre a represión, os medos, os traumas...a velas vir, coas fronteiras abertas unicamente á emigración e a nutrir os bancos... Xente que loita pola vida en contra da vida, con causas e efectos ensarillados. Non se trata de señoritos engarabatados, de cafetaría, da new intelligentsia, dos bussiness, yupies, negociantes sobre calquera moqueta, retratos de colonizados, que puideran selo... Tampouco se afoga nas morriñas de fiadeiro e lareira.... Os seus son trazos expresionistas que representan xentes vilegas, de taberna, encunchadas, cubrindo traumas baixo a boina, compañeiros dun cigarro, maiormente vellos e mozas sometidos a un perenne Entroido. O esperpento está no ambiente. Non se trata, como alguén di, dunha xeografía mítica, algo herdado, son os escenarios de hoxe, da vida da xente de Lalín, da Gouxa, dos Carballiños, de Liñares, o Tellado, Bustelo, Botos, Catasós... Matelo, Dosinda, Pepita.... ou mesmo os que se moven pola compostelán Porta Faxeira, nas tabernas das Algalias.... xente de desnortados, acenos que camiña cara ningures, no labirinto dunha luz xorda, entre sombras tebristas, pra conducirnos a tristeiros agoiros, pese á retranca que tamén os couta..... Un xeito de retablos pictóricos que representan anxos e demos, novas tarascas, canicelos, gárgolas de hoxe, arredor dunha mesa de taberna, xogando ao tute, velando á moza de tras do biombo, farta, envolta nun cobertor roxo como disposta a un erótico Espolio pagán... Atractiva obscenidade que nos couta, o Eros que imprime a vida, unha Eva, unha Venus... tema que non se perde de vista na Historia da Arte e no que no Barroco enredouse como ninguén Rubens, tamén o fixo o mesmo Picasso, o Rapto de Europa, pero tamén os nosos clásicos da pintura galega.... Escenas dun eterno Entroido, procesións con estandartes laxeiráns, máscaras, vellos na súa soidade, afundidos entre as curvas de montes ondulantes, mansos, o Faro, a Cruz da Grade, o Paraño... baixo o peso de nubes que devalan e se esfianchan en trazos grises, cores terra, teixos, acastañados, ocres e un esperanzador halo azul ou verde.. Temas da súa paisaxe e paisanaxe confundidas, esas cabezas, têtes coupées, retratos paralizados no tempo, románicos, como Xiocondas galegas, con cara de mazá, fartas, cun sorriso retranqueiro, erótico, asomadas a xanelas de incertezas, homes que semellan laiarse, ouveo entre o fume dun cigarro no que esvaece o nimbo de gastados heroes terreais , da “Galiza Santa de romeiros e xograres...” que cantou Cabanillas. Cavilamos en figuras das pinturas negras de Goya, contrastámolas cos seres larvados en si mesmo, urbanos, que esfolan o pelexo pra mostrar o que queda de alma que pinta o irlandés Francis Bacón...
Sucasas fuxía dos protocolos, de tanta imperante liturxia e definíase como un franciscano que pintaba o que lle peta, desbotando influencias que asexan e colonizan.

Achegándose o final da súa vida, Alfonso Sucasas, retorna a súa Ítaca pra morrer na aldea de Ferreirós, en Vilar de Cruces , foi un 26 de xuño do 2012. As obras, os feitos, esa parte da historia fica en nós e sumamos, como debe ser, á lembranza máis agradecida.