Troia na arqueoloxía, no mito e na historia: bisagra oriente-occidente

Ampliar: Reprodución do Cabalo de Troia abrindo ao sitio arqueolóxico



Os poemas épicos da Iliada e a Odisea, atibuidos a Homero, sc. VII a.C dan conta dos desencontros entre oriente e occidente nese punto xeostratéxico que é o estreito dos Dardanelos. Atractivo sitio, tan fundamental na Mitoloxia como na Arqueoloxía

Ao dicir Troia vennos á cabeza a algarabía dunha guerra e a ofrenda da escultura xigante dun cabalo preñado dunha sorpresa traizoeira: soldados que queiman a cidade. Terra e tempo onde se confrontan o oriente e o occidente, termos que compre definir, entendendo occidente cunha Europa que aínda busca definir o seu mapa. Ao respecto os datos históricos pérdense nos momentos en que os pobos comezan a relacionarse, a negociar cos lingotes de metais e a practicar a metalurxia de armas e adornos, a competir, a dominar, a loitar entre eles. E sempre a guerra, a irracionalidade marcando períodos.

A historia máis antiga da literatura occidental fálanos dunha guerra e da destrución dunha cidade, Troia. E arredor dela a política, as paixóns cabalgando entre a ira, amores e desamores de deuses, reis, princesas... lección, cartilla elemental a espallarse polo mapa do que se iría chamando Europa. Asuntos acontecidos sobre o sc. VIII a.C que tamén supoñen enredos arqueolóxicos e mitolóxicos. Ao descoñecido autor daráselle o simple nome de Homero  (o Home): o que escribe a Iliada  sobre a guerra de Troia e a Odisea, sobre a retirada dos heroes e o periplo náutico de Ulises. Obras que recollen mitos e  historias transmitidas e retocadas de xeración en xeración, para ambientalas nun espazo e nun tempo.

Dende o século XVII e especialmente coas viaxe da Ilustración medrou o  interese  por Toia e entendeuse o seu significado. Dubidándose da existencia do seu autor e da historia de Ilión ou Troia . Vinte e catro capítulos da Iliada que se refiren aos últimos días da campaña dos aqueos para destruír Ilión, tal como se menciona a maior parte das veces  á cidade e a metade menos como Troia. Os feitos alí descritos, até principios do século XX entendéronse como ficción, pese a que, con gran precisión describe a xeografía da cidade e dos acontecementos,  referencias a tribos de Anatolia, ás illas que dende alí se avistan: Tenedos, Imboros, Samotracia, o antigo porto, o Monte Ida, o estreino de Çanakkale, os rios, as fontes... Lugar  sobre o que asoma o outeiro chairo de  HIsarlik, a un tempo acochado entre siluetas de montes, sitio rico en  túmulos que se dicían de Aquiles, de Aiax ou de Patróclo,  de frecuentes achados de moedas e de cerámicas... Todo o que levaba a concluír que alí estaba a mítica Troia/Ilión onde, sobre o 700 a.C.  aconteceron aqueles enfrontamentos.

Ilión ou Troia, no outeiro de de Hisarlik está situada a carón do estreito de Dardanelos (Çanakkale), no delta do río Kara Menderes (Escamandor), con todo o que significa un delta. Privilexiada situación xeoestratéxica nesa gran ponte que é Anatolia, asexando á canle natural entre o Exeo e o Mar Negro, entre Europa e Asia, entre culturas, Oriente e Occidente.

 A arqueoloxía de Troia,  Schliemann  e o “ seu” tesouro incentivaron a curiosidade por Troia

Falar de Troia é tamén traer ao maxín a teimosía en atopala e petar co achado dun atractivo tesouro que dirá ser de Príamo e co que aquel arqueólogo alemán, Heinrich  Schliemann (1822-1890), que leva escavando na cidade dende 1871, adorna en foto a súa muller, a ateniense Sophia Engastromenou. Si ben, xa polo 1863, se tiñan iniciado prospeccións  da man do cónsul británico Frank Calvert (1828-1908) ao que finalmente se sumará Schliemann . No 1890 Schliemman morre repentinamente e sigue as pescudas o seu colega Wilhelm Dörpfeld (1853-1940), axudado pola viúva de Schliemman. Pescudas e feitos que avivaron a práctica da arqueoloxía e o asunto de Troia, sementando polémica arredor do sitio, do momento, do achado, como do contrabandeo coas pezas atopadas.

Conta a Iliada que Helena - filla de Leda (casada co rei de Esparta Tindáreo) e de Zeus que a seduce disfrazado de cisne - era a muller máis pretendida polos príncipes gregos. Polo cal, o pai, a través de Ulises,  fai prometer aos candidatos que todos apoien por vida a quen sexa o seu marido. O escollido será Menelao, irmán de Agamenón, a súa vez esposado coa irmán de Helena, Cliemnestra. O mozo París, fillo de Priamo, rei de Troia, incumpre a promesa e coa axuda de Afrodita  rapta a Helena e lévaa a Troia... Entón os príncipes gregos comezan a campaña para recuperar a Helena. Héctor, irmán de Paris é o xeral dos troianos, sendo Aquiles o mais forte dos aqueos, príncipe grego de Tesalia, fillo da deusa do mar, Tetis, protexida de Zeus, ainda que cun punto débil no seu talón. No décimo ano do asedio de Troia, reino de Príamo, cidade do valente heroe Héctor, o exercito dos aqueos e do seu rei Agamenon, sitia en naos e con valados a cidade, recibindo dos deuses o castigo dunha praga, por non devolver ao sacerdote de Apolo Breises a súa filla, Crises, que retiña a condición de que un enfurecido Aquiles - que nesta ocasión protexe aos aqueos - devolvese ao soldado Brises o que consigue. Velaí o inicio do conto no que interfiren as lendas, os mitos, os relatos. Interveñen, contradinse os intereses dos deuses dunha e doutra parte, entre mortes, sepelios.....

A guerra remata coa ofrenda  dos aqueos do engano da gran escultura do cabalo  de madeira, o seu interior cargado de soldados ,  os que, na noite avisan ás naves, abren as portas, sorprenden, invaden e queiman a cidade. Helena volve cos seus e iniciase un gran retorno.

Troia é como catón elemental para o guerreiro: Alexandro Magno, despois da vitoria de Gránico nos Dardanelos, a carón da mítica Troia, visita a cidade, ofrece sacrificios e lembra a Homero, ordenando a Lisimaco reconstruír a cidade e o templo de Atenea. Roma considerou Troia como a orixe dos seus antepasados, a dinastia Julia dicíase que procedía do fillo de Eneas. A  Eneida de Virxilio trata diso. Xulio César pensou en establecer a capital do novo imperio en Troia. No sc. IV , o emperador Constantino dálle voltas á idea de refundar a cidade, pero por gozar de maior expansión de terreo gañou Bizancio (Estambul). Neste tempo Troia convertese en centro episcopal, pero os terremotos do século V desbastan novamente a cidade, para quedar sepultada polo esquecemento. No 1464, era otomán, o Sultán Mehemet visita Troia  para significala como baluarte de oriente fronte ao occidente.

Narracións da Iliada ás que se da continuación coa Odisea, a que trata da volta de Ulises, rei de Itaca,  a súa patria para atoparse coa súa muller, fillo, can e cos seus. Longo periplo dun grupo de nautas, entre aventuras e desventuras, monstros, ciclopes, engaiolantes cantos de sereas, deuses e meigas... onde neste caso , fronte á guerra, todo se resolverá con intelixencia e a intuición. É este un dos grandes temas da literatura occidental que inspirou moitas outras “peregrinatios”, un xeito de ascese. Obra que, seguindo os preceptos das orixes de Roma en Eneas, deu pe a que moitos pobos de occidente viran as súas nobres raiceiras naqueles aventureiros, especialmente na península ibérica: así dise que o mesmo Ulises funda Lisboa, o enriquecido rei de Esparta, Menelao, que camiño dos Campos Eliseos recorre a beiramar merdional de Iberia;  Menesteo, rei de Atenas arriba a Cádiz; Tideo, sobriño do rei de Troia, Priamo, entón curmán de París e Heitor,  pai de Diomedes, rei de Etolia, funda Tui; Teucro da orixe á cidade de Helenes, relacionada con Pontevedra... feitos referidos por cronistas e viaxeiros do cambio de era, como Estrabón, Posidonio, Artemidoro... e o que máis Asclepiades de Mirlea. O asunto deu pe a historiadores románticos, fronte ao celtismo, a falar das orixes de Galicia nos “gentiles galigrecos” cos que mesmo se asociaban mámoas, castros e míticos tesouros.

Tema da Guerra de Troia que foi fonte de recreación e entretemento no medievo velaí, pois as versión do poeta normando Benoît de Saint Maure dando continuidade ás aventuras dos heroes. Tema retomado na Crónica Troiana, escrita en galego no 1373 por encargo de Fernán Pérez de Andrade “o Bó” feita ao seu capelán Fernán Martíns, proba de florecer cultural.

No 1988 retómanse as escavacións arqueolóxicas de Troia, dirixidas agora por Korfmann, continuadas despois da morte diste no 2005 até o presente: descubrindo portas e foxos da época troiana, a un tempo que se estuda a xestión do parque arqueolóxico e se trama un atractivo e modélico museo, aberto no 2018 onde se interacciona a mitoloxía, a xeografía, a arqueoloxía e a historia e esa lección de encontros e desencontros entre oriente e occidente.

26 NOVEMBRO 2024