O Museo Luis Seoane da Coruña e a lección sobre teoría e praxe, arte e sociedade
Introdución ao legado do creador de formas Luis Seoane, entregado no 1993 pola súa viuva á cidade da Coruña, base para a Fundación e o seu Museo. Obra de fondo valor sociocultural, humanista, dedicada a Galiza, á igualdade e á liberdade
No ano 1972 a uruguaia Cristina Peri Rossi publicaba Los Museos Abandonados, obra de contundente título por canto significa de deterioro do legado cultural que deben protexer, estudar e divulgan estas institucións. Nada máis diferente do contido do referido libro de relatos que é unha metáfora que chama a abandonar a descontextualización e sombras de morte que, a escritora e moitos entenden, anestesian os museos. O asunto da que cavilar.
Aínda que, atendendo á definición de museo non a todo se lle pode chamar así. Ao respecto a cidade da Coruña, como poucas, ofrece un amplo panorama de “museos” e coleccións, desaparecidas tamén (como o Eléctrico, o de Arte Contemporáneo de Unión Fenosa, Museo da Radio... pero ese é outro capítulo). O Museo Arqueolóxico de San Antón, Museo de Belas Artes, Museo Histórico Militar, os Museos interactivos das Ciencias (Casa das Ciencias, Domus, Museo Nacional da Ciencia), Oceanográfico, Museo de Arte Sacro da Colexiata... e as Casas-Museo, como a de Maria Pita, de Picasso; as coleccións como o Museo da Automoción da Fundación Jorge Jove, a colección de arte da Fundación María José Jove, a de Abanca...o mesmo pazo do Concello coas súas coleccións de reloxos... e mais que puidera haber se se atendera a importantes coleccións como a de telecomunicacións, coleccións de filatelia, porteo, escripofilia, numismática... como se as clausuras e as sancristías abriran partas e atenderan a tan ricas coleccións.
O que hoxe nos trae aquí é a Fundación Luis Seoane e ao referirnos a ela, inevitablemente cavilamos nos centros similares, na súa actividade, como a Fundación Joan Miró de Barcelona, na Maegth de S. Paul de Vence na Provenza, mesmo na Serralves de Porto...
María Elvira Fernández López, coñecida como Maruxa Seoane, viúva do creador de formas Luis Seoane, nos seus derradeiros anos, visto o que se ía vendo, o esmorecemento da misión do Laboratorio de Formas, no que tanto empeño puxeron con Isaac Díaz Pardo, desvivíuse coa ansia de deixar a bo fin o inmenso legado material e teórico do seu marido. Pois ben sabía e tiña escrito Seoane o que significaban as ratas neste país. Aliados non lle faltaron para tal misión nun ambiente político de tendencia progresista, para, no 1996 e baixo o patrocinio do Concello da Coruña crear unha fundación co nome do creador. O legado era o arquivo documental e a obra que conservou Luis Seoane: máis de douscentos óleos, toda a obra gráfica, más de mil debuxos, bocexos e as edicións por el ilustradas nos anos do exilio e no retorno Galicia. O primeiro obxectivo era edificar un centro museístico, como así foi, nun lugar emblemático da Cidade Vella coruñesa: os solares que foran cuartel e caixa de recrutas de Macanaz, na área desamortizada do antigo convento de San Francisco. O estudo arquitectónico de Covadonga Carraco e Xoan Creus puxo saber e espírito no proxecto de espazos nos que conservar, estudar e sobre todo mostrar e re-crear sobre a obra de Luis Seoane. Sabendo que o museo é algo permanente, inacabado, sempre cambiante, sometido ás novas tecnoloxías, ademais espazos abertos á sensibilización, algo que caracteriza a biografía dun Seoane teórico e activista da arte, poeta, divulgador en programas de radio, artigos de prensa, arroupando todo coas súas dotes de debuxante, pintor e gravador. Legado de Seoane, tamén en parte repartido: a biblioteca na Academia Galega, parte importante da súa obra e deseños no Museo Carlos Maside, centro creado polas ilusións do Laboratorio de Formas, en colaboración con Isaac Díaz Pardo e dando cumprimento a un vello desexo da Galiza na emigración Arxentina; con obra tamén legada ao Museo de Belas Artes da Coruña...
O Museo é unha institución permanente, que adquire, conserva, estuda, informa e forma...
En fin, obra entregada a Galiza, para qué?. Esa é a cuestión que latexa no mesmo espírito de cada obra de Seoane: para seguir na tarefa interrompida pola ditadura, dignificar o grandioso legado histórico, cultural e as ansias sempre anovadoras dun pobo vivo.
Os fins da Fundación están ben expresados no seu regulamento “ O Fomento do estudo e a difusión do conxunto da obra e personalidade de Luis Seoane, arquivo e divulgación da mesma, tanto nos aspectos artísticos como nos intelectuais. De deseño, sociais, políticos ou biográficos, enfocando estas cuestións xa dende unha perspectiva teórica e de pensamento, xa dende os ámbitos da creatividade e da sociocultural”. A cousa está clara e Luis Seoane, ao longo da súa traxectoria, a través dos seus traballos e colaboracións culturais, publicacións, radio, conferencias, deixou nidia as súas ansias e coherencia con canto significaba a dignificación cultural de Galiza, a memoria. Velaí pois o seu inmenso aporte e colaboración con Díaz Pardo na posta en marcha das Industrias da memoria, Sargadelos, o Castro, o Instituto Galego da Información, o Museo Carlos Maside, a editorial de O Castro... praxe, circunscrita nesa vangardista plataforma teórica que era o Laboratorio de Formas. Algo que, visto o que se ve semella que non se entendeu para deixalo baixo o cabalo de Atila.
Corre o tempo, as rutinas toman curso, a falta de persoal para cumprir a misión dun museo aberto, de actores e autores, máis que de espectadores, non axudan a desenvolver a misión encomendada. Pese tamén ás intencións dos profesionais que o dirixiron. Continente, contidos e actividade que esixe a definición dun museo que precisan atencións especializada e continua.
Toda a obra de Seoane ten un fundamento sociocultural inmenso, non quere quedar unicamente nunha estética xanela aberta sobre as paredes da salas, está pensada como unha chamada de atención, non so á mensaxe implícita, senón a valorar a capacidade creadora, comunicativa e máis nestes nosos tempos tan de novísimas revolucións tecnolóxicas: a arte nunca morre, morren os e as artistas. E a capacidade creadora de Seoane vai máis alá de levala non so aos lenzos, a unha táboa, a un mural, con pintura, con mosaico, a un vitral, reproducida en módulos, fórmulas nas que mesmo poida intervir o espectador, a gravados, serigrafías, ao tear... Asumindo (verba esencial na creación) que dunha mesma obra, pola simple fotocopia, e xa non digamos polo escaner, aplicando programas de cambio de cores, de distorsións de formas, volvendo o dereito ao revés...poden conseguirse efectos artísticos e mensaxes diferentes, inesgotables. Museo-Taller para a experimentación, permanente nunha cultura viva. Cousas así, teóricas e prácticas tentáronse nos Seminarios Internacionais de Sargadelos e do Castro, onde concorreu xente dos lugares máis remotos, hoxe significados creadores implicados no deseño e en cantos supón a arte máis alá dunha galería.
Luis Seoane, nacido no 1910 en Bos Aires, vive moi de preto a emigración, pois os seus pais eran de Arca, o Pino, Camiño de Santiago, para retornar a Compostela no 1916 e estudar Dereito nun momento de inquedanzas dentro da aura galeguista, onde a pegada de Nós quedaría moi marcada. Coa ditadura acontecen as persecucións, a morte, o medo, o exilio e sempre ás costas o fardelo cargado de memoria, de historia... As influencias o pulo da emigración, os compañeiros, a misión galega, esa parte biográfica compre contala no museo, a un tempo que se mostran os debuxos, as pinturas, esa singularidade vangardista, social, comprometida, vencellando arte e industria: os gravados, a ilustración do libro, as revistas, os carteis, o deseño e seriación de múltiples; arte e arquitectura: murais, vidreiras, celosías....a cerámica, o vidro, o tear... Mesmo vencellando, experimentando sobre os inacabados camiños. Ben sabía Seoane das buscas e experiencias de Picasso en Vallaurís, das de Paez Vilaró en Punta Ballena, Uruguai, das de César Manrique en Lanzarote e tantas que tentan implicar a creatividade máis alá da droguería e da endogamia. Nos seus derradeiros días recordo a súa visita a San Antón, explicándolle a cunca de ouro de Leiro, atopando esas raiceiras que il intuía e sobre as que re-creaba, unha amizade que nacía.
O edifico dun museo debe ser un atractivo icono e o da Fundación Luis Seoane éo, merece acondicionarse o entorno que comparte co Hospital Abente y Lago, co Museo Histórico e Miliar, coa igrexa da Orde Terceira e coa arqueoloxía do convento de S. Francisco. Merece atenderse ás estruturas, sometidas ao tempo, tamén ao vandalismo... sen esquecer os fins para os que foi creado, máis alá dese síndrome, complexo de cada cidade co seu Centro de Arte Contemporáneo, cando a obra, misión e nome de Seoane xa superan a contemporaneidade.
1 DECEMBRO 2024