O Instituto J.Cornide de Estudos Coruñeses: aprender do pasado para construír o futuro dunha cidade

Ampliar: Medalla do I. J. Cornide de Est.Coruñeses (Ourive Malde)



Despois dun proceso de preparación, no 1964 apróbase o regulamento do Institituto J. Cornide de Estudos Coruñeses. Seus fins xiran arredor do pasado e do futuro dunha cidade liberal, democrática, como órgano independente e consultivo para o Concello

Unha sociedade demostra a súa madurez cando asume o que vale un ser humano como clave dunha sociedade que  comparte saberes e cultura para desenvolver a vida en común e a igualdade. E a Historia da Coruña, cidade que acende faros dende o nacer da Historia, a mesma que abre portos dende moito antes, ofrece unha inmensa lección  de agrupacións no seu favor. Colectivos, moitos dos que teñen orixe e trunfan nos anos das Luces, os da Ilustración, con esas ansias de saber, de teoría e praxe, mesmo as veces da curiosidade impertinente, a exemplo dos viaxeiros ingleses que recalaban e facían parada e fonda neste punto do extremo occidente. Tema que interesou a quen foi ilustre numerario do colectivo que hoxe nos trae aquí, o coruñés de San Roque de Afora, profesor e político republicano exiliado en New York, Emilio González López (1903-1991). Historiador que abre eidos de investigación nos que aínda queda moito que facer, arredor de viaxeiros como Samuel Cook, Borrow, Adams... entre tantos ilustres visitantes, mesmo encadeados na Coruña polas súas ideas liberais como Macanaz ou Malaspina. Aquí aniñou a lustración e os seus principios, aínda dentro de certa ideoloxía da nostalxia, a que fundamenta a identidade no pasado, como fórmula para fortalecer presentes e futuros. Onde radican sociedades con ansias de fomentar e espallar saber, irmandades, seminarios, confrarías, loxias, células, academias... en fin, centros de pensamento e de palabra, institucións creadoras de bibliotecas e dun patrimonio aínda non ben asumido polos poderes públicos, tal como a Biblioteca do Real Consulado, das Academias de Medicina, Belas Artes, a Academia Galega, o circo de Artesáns, o mesmo Casino... Centros que coidaron o herdo de liberdade e  que perduraron atendendo aos seus principios, a aspectos do humanismo, da igualdade, da liberdade, os que incentivaron a palabra e as artes, nas que mesmo mamaron Picasso, Madariaga ou Maria Casares... orixe a súa vez doutras sociedades. Pois unha desas institucións é o Instituto J. Cornide de Estudos Coruñeses, o que nestas cumpre seis décadas de vida navegando, entre calmas e treboadas das que aprender, erguendo cabeza grazas ao interese do concello, como a novas ansias e á dirección  da historiadora Ana Romero Masiá.

Instituto de Estudos que nace en plena ditadura, con canto esta supuña de couto  nas liberdades, formada por experimentados intelectuais en diferentes saberes, mulleres e homes mesmo de diferente sentir político, iso si, cunha ansia común, a de interaccionar en favor do futuro da cidade. Así é que en 6 de abril de 1964 e por aprobación de pleno municipal sendo alcalde Eduardo San Jurjo de Carricarte constitúese o referido Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses. Organismo inicialmente rexido baixo un padroado , quedando baixo o patrocinio do mesmo Concello. O nome dado será o dunha personalidade da ilustración coruñesa, con canto esta significa, o de Jose Cornide Saavedra, tomando tamén como seu o emblema heráldico que coroa e campa sobre a fachada da súa casa na Cidade Vella coruñesa, envolto en rocalla que semella abanear o vento do tempo. Logotipo da nova entidade que se levará á medalla de prata, distintivo protocolario dos seus membros e que ten no reverso o escudo da cidade.  Axiña procédese a debater e redactar os estatutos.  Asúmese que tal institución nace  nas sombras dunha sociedade paternalista, si ben na Coruña cunha singular historia en canto á actividade da muller, pensemos no círculo de Juana de Vega, Concepción, Arenal, no papel fundamental no ámbito do asociacionismo de Emilia Pardo Bazán. Neste comezo a principal promotora deste instituto será Isabel Martinez Barbeito y Morás (1918-2007), filla da pedagoga, depurada polo franquismo, María Barbeito. Muller formada nos valores propagados pola Institución Libre de Ensinanza, dende 1960 bibliotecaria e arquiveira municipal. Dende o inicio, dende  1964 a 1988 exerce como membro de número como secretaria-conservadora do Instituto, proxecto ao que lle dedica toda a súa ilusión e saber. Preocupada por adquirir legados, tramando pontes entre exiliados, realizando xestións  grazas ás que, e coa axuda do Alcalde J. Manuel Liaño Flórez, conseguiu para tal institución os arquivos privados do naturalista Víctor López Seoane (Ferrol 1832-Coruña 1900) , así como do diplomático e polígrafo de grande traxectoria na construción de Europa, Salvador de Madariaga ( Coruña 1886- Locarno1978). Corporación que, inicialmente contaba co profesor Miguez Tapia, Chamoso Lamas, Vale Vilamarín, Gil Merino, Luengo Martinez, Rodríguez Maneiro. O 25 de xuño o padroado presidido polo alcalde aproba os estatutos, elixindo a Miguez Tapia como primeiro  director, ao que, despois da morte de este seguirá o economista Antonio Lopez Prado e  dende outubro do 2000  o arquitecto Andrés Fernandez Albalat (1924- 2019). A cuestión base e primordial era contar cun espazo e persoal propio, conseguir legados importantes para a cidade e sobre todo servir como órgano consultivo das administracións no que atinxe á cidade.  Así un Albalat que abriu portas a novos numerarios e numerarias, canso de empregar o seu valioso tempo en esperas nos corredores municipais, no 2016  pide o cese e o pleno elixirá director ao biólogo Xosé Antón Fraga que comeza unha grande actividade e diálogo co concello de cara á normalización desta institución, pero persiste o desleixo municipal, medra o desánimo e presenta dimisión. Con novos numerarios, no 2023 será elixida directora a historiadora Ana Romero Masiá, momentos nos que  retoma o diálogo co Goberno Municipal a fin de regularizar a situación do Instituto como institución autónoma de dependencia municipal e atender aos seus fins como órgano consultivo da administración para asuntos da cidade, coidando e promovendo o estudo dos seus legados, da historia da cidade, así como a recepción de novos membros. É sobranceira nestes anos a labor e mesmo resistencia numantina no Instituto, ao fronte de tan importante legado, aberto a estudos, de Maria Jesús Garea, formada, case dende os inicios na secretaria desta institución, garantindo a súa conservación e integra entrega ao presente.

Unha corporación interdisciplinar, que sirve como órgano consultivo das administración

Os fins desta corporación son os estudos do pasado, do presente da cidade e do seu municipio, en defensa dos seus intereses en todos os ámbitos, científico, artístico, literario, económico, social e industrial. “Revista” é o titulo da súa publicación anual na que se dan a coñecer traballos, entre varias monografías, a primeira foi “Noticia histórica de las galerias coruñesas” (1965) da autoría de Juan Naya, a reedición da “Historia da Coruña de Vedia y Goosens”, entre as mais recentes, con organización de exposicións, dando a coñecer o importante coleccionismo que existe n cidade, actividades complementadas con conferencias, concertos, tendo moi presente a importancia mundial de Picasso e a etapa da súa formación na Coruña, así como de Salvador de Madariaga ou Ramón Menéndez Pidal, persoeiros cos que se mantivo correspondencia.

Dende 1976 o concello concede sitio ao Instituto no último piso do edificio de servizos múltiples da rúa Duran Loriga 10 e que levará o nome de Salvador Madariaga. No ano 2009  sendo o polígrafo coruñés César Antonio Molina Ministro de Cultura, un vento de ilusión animou as ansias dun Instituto J. Cornide ao propoñer novos espazos para dar servizo á dimensión  cultural que debe ter o centro. Así o ministro facilitou a entrega ao Concello da Coruña do Pazo do Goberno Militar coas ansias de reunir o legado de Madariaga, fundamental para canto significa o europeísmo, os vencellos con América e o humanismo. Proposta acaída dentro das pretensións de Andrés Fernández Albalat, da súa xunta de Goberno e dun Instituto que ansiaba a súa renovación, buscando ademais fórmulas  para a redacción dun novo regulamento que contemplase a súa independencia, para o que os informes do experimentado xurista Jose Luis Meilán Gil (1933-2018) , numerario desta corporación, serian esenciais, quedando frustrados polo seu pasamento en plena actividade. Ansia de innovar, de espazos de futuro, de persoal cualificado e da autonomía, como base práctica para consolidar canto significa a democracia.

Reivindico aquela ilusión, xunto coa ansia de  incluír outros legados, mesmo complementados coa propia biblioteca e arquivo que Cesar Antonio Molina - experimentado xestor cultural, onde os haxa, profesor, xornalista, director do Circulo de B. Artes, do Instituto Cervantes, Ministro de Cultura, da Casa del Lector...  entre os grandes escritores de viaxes  - entregou á Deputación Provincial da Coruña. Entendendo que un centro así  é memoria de algo sempre inacabado, informando e formando no humanismo, tendo moi presente as novas tecnoloxías.

5  DECEMBRO 2024