Fantasías e inspiradores contos de santiños e xente dos camiños

Ampliar: San Famiano, escultura de Gambino, S,c XVIII, Oseira



A cultura galega, de base céltica e cristián, ofrece como legado cultural un inspirador repertorio de lendas e contos, enredos de fantasia entre bosques, covas, meigas e magos...e sobre todo vidas de santos que nen están na nomina da Corte Celestial

Foi medrando a fantasía, a capacidade creadora dos seres humanos en base a contos, a libros, ao cine... e nun principio da lectura da Biblia, coas súas contradicións, a facer e desfacer entre deus e os humanos, pecados capitais, diluvios, fratricidios, incestos, adulterios, sacrificios,  asasinatos, batallas...despois foi a Iliíada e a Odisea, sempre  entre guerras e aventuras pola incerteza dos mares: “navigare necesse est, vivere non necesse” (dito que Plutarco sc. I, pon na boca de Pompeio amoestando aos seus amedrentados mariñeiros que se negan a embarcar), o que indica que o sentido da vida é máis importante que a vida mesma. 

E tanto enredo de asombrosas  historias de santiños e santiñas, haxiografías  mesmo confundidas as unhas coas outras,  contadas neses libros que non faltaron nas reitorais ou nas sancristías de Galiza, tantas veces comestas pola couza : martiroloxios,  a Lenda Áurea do frade dominico Xacobe da Voragine  Sc. XIII,  base para os Flos Santorum, entre eles  do sc. XVI a do xesuíta toledano, xudeu converso, oriúndo de Galiza, Pedro de Ribadeneira, discípulo de Ignacio de Loiola , formado entre o melloriño  de Europa e trotamundos.  Relación de nomes de santos e santas coas súas vidas e milages, como a do San Dinis, un dos cristianizadores da céltica Galia, martirizado nas persecucións romanas e ao que lle cortan a cabeza... para peregrinar con ela nas mans até entregarlla a unha piadosa muller romana... ou o martirio de San Lorenzo, vinculado ao Grial, o que se revolve na grella na que é chamuscado para convidar aos seus discípulos e dicirlle “ xa  estou ben asado por esta parte, xírame  un pouco, tallade e poñédeme na mesa para xantar.... E tantas historias de santiñas que se aparecen rodeadas de luces, con mensaxes, os contos arredor das  súas milagreiras sepulturas, como as das santas mozas galegas Eufemia ou Mariña de Augas Santas, mártires en tempos romanos, devocións levadas ao Sur. Historias con notorias desviacións de fantasías para provocar a atención. Aconteceres de peregrinos, aventureiros perdidos no océano, simulando periplos de Ulises, de Breogán, de Xosé de Arimatea levando o Grial,  en busca do Paraíso, como lle pasou ao Santo Amaro, moi en relación coa Coruña e con Compostela, para nese seu Xogo da Oca deixar pasar trescentos anos, como se foran horas dun día.. haxiografía semellante ao do abade Ero de Armenteira, o que lle pide á Virxe que lle mostre o Paraíso e pousando á beira dunha fonte e  baixo unha árbore, mirando un paxariño, cavilando adormeceu... e xa de volta ao seu mosteiro topou outro ambiente,  pasaran trescentos anos , intre no que caeu ao chan e morreu. Historia esta que se conta na cantiga 103 entre as que Alfonso X, o Rei Sabio dedicou a Santa María... E velaí tamén o que se conta que lle aconteceu ao a San Barandán, o que navegou sobre o que coidaba era unha illa-barco, sendo o lombo dunha balea... contos de cabaleiros artúricos en ascese, entre aventuras e desventuras buscando o cáliz sacro do Grial...Historias difundidas en estampas, novenas cos seus inxenuos gravados, en contos pasados de boca a boca.

Historias de princesas, adubadas de amor e desamor, entre trampas, sentimentos mesmo levados aos debuxos animados de Walt Disney. Pois velaí o poder da cultura, o de recoller pasados e  reconvertelos... Velaí  no século XVII os influentes contos do parisino Charles Perrault: Caperuciña, Branca Neves, a Cincenta....no século XVIII os do  dublinés Jonathan Swift, autor das Viaxes de Gulliver, as  fantasías de de Xulio Verne, de navegacións interplanetarias tamén cos seus novos heroes e heroínas plastificadas... E o longo repertorio dos países célticos, de aventuras en bosques, entre magos e meigas, fadas, monstros, covas, lagos e fontes máxicas, como a busca do Grial polo Rei Arturo e os cabaleiros da súa Táboa Redonda, entre os saberes do Mago Merlín e as trampas de Morgama, amores, desamores, tentacións... Os decimonónicos contos de carácter social de Dickens, os dos irmáns  Grimm, as fadas do dinamarqués Andersen, no 1904 a creación de Peter Pan polo escocés  James Matthew Barrie...  E tantos logros de tanto éxito comercial, como  Historia Interminable (1979) do alemán (1979) Michael Ende ou mesmo Harry Poter da británica co seudónimo de J. K Rowling ( 1995)...Amplísimo repertorio de autores de fantasía, en tantas ocasións incorrectos en canto aos valores  pedagóxicos, antisociais que ocultan: desigualdade, patriarcado, imperialismo...polo cal , dende a madurez cultural xa non todo vale.

Galiza, de contos inspirados en tradicións célticas e cristiáns. Fonte do realismo máxico

Galiza como país fondamente radicado en tradicións panceltistas e cristiáns, en irmandade co occidente atlántico, co mundo xermánico a través das navegacións e da peregrinación, ofrece un inesgotable repertorio de contos e mesmo de escritores e escritoras neste xénero literario: Emilia Pardo Bazán, Wenceslao Fernández Flórez,  a sabedoría de Cunqueiro, de Xose María Castroviejo, de Carlos Casares, de Manuel María, de Paco Martín creador este do persoeiro do profesor Ramón Lamote, retranqueiro, debuxante de soños por encarga, preocupado por perderse a capacidade de soñar...O  saber do pedagogo Agustín Fernandez Paz  que nos meter nun mudo de fadas e fantasmas envoltas nos saberes da paisaxe,  que bebe soños... Argumentos complementados con grandes debuxantes, como Miguelanxo Prado, Xosé Cobas, Balboa ou Leandro Lamas, entre tantos outros, capaces de elevar a fantasía do contado, con esa súa facilidade para seducir, liña a liña, o que cada día se fai máis difícil nun ambiente moi interactivo e competitivo.

Historias populares de ocultas trabes de ouro e de alcatrán que moven a ambiciosos a buscalas, para avaricia levalos a petar coa trabe do chapapote e afogarse na  súa espesa e infernal negrura. Confín de libros de coñecementos máxicos, os grimorios, como o Ciprianillo, atribuído ao San Cibrao o Mago, pero feito polo devalar popular e que mesmo sitúa tesouros ocultos,  entoleirando moitos co tema...Confín o noso de mouras, meigas, trasnos.. enredados na algarabía de berros, xemidos e renxeres, fedor a xofre dos demos,  como entre os sons do órgano, cánticos e arrecendo a incenso anxelical. Labirinto dos camiños, entre a espesura de bosques, ruínas, torres, castelos, igrexarios, mosteiros, ermidas, fontes e pedras milagreiras, de cabaleiros artúricos buscando o Grial polo Cebreiro, da Virxe peregrina, dos discípulos do Apóstolo levando  dende a Barca de Pedra e o porto de Iría o corpo morto do Apóstolo, apresados e asolagando a cidade romana de Duio, abrindo fontes milagreiras domesticando, ente ameazantes serpes, touros bravos no monte sacro do Ilicino, a dialogar coa Raíña Lupa, para darlle sepultura entre a espesura de Arca Marmórica... fantasías medrado á luz das lapas do lume das lareiras. Amplo legado, imaxinario, polo que s ve empobrecido: ao poñerlle o nome de Bosque de Galicia ao monte que couta a tamén chamada Cidade da Cultura no Gaiás, sabendo que na mitoloxía da translatio, aquel monte no que medraría Compostela era Libredón.

Labirinto de contos perdidos, contados en feiras e romarías, tamén por cegos de zanfona... os de terror, de cemiterios e propios do tempo de defuntos, como os de María Dura, laiándose  entre sepulturas... Repertorio que morre con cada ancián que se vai para o Trasmundo, propicio a re-crealos, como un xeito de revelarse  á globalización imposta polos imperios tecnolóxicos e  sen esquecerse da mensaxe, das valores da convivencia que pasan e se simplifican na igualdade e o respecto ao medio que nos soporta,  herdo para o porvir.

15 - XANEIRO- 2025