Galiza e Carmiña Martín Gaite

Ampliar: Carmen Martín Gaite



As paisaxes e paisanaxes maternais e galegas de Carmen Martín Gaite deixan pegada no seu xeito de ser e descubrimolas a través dos seus escritos e das súas confesións: esa ansia de asomarse ás xanelas e enxergar o mundo, as mulleres, o panteismo...

Galiza e Carmiña Martín Gaite



Cando nos identificamos co que conta e co xeito de contar dun escritor xa nos imos afacendo a el, a súa vida, a súa obra, metémonos  entón no seu labirinto. Empatizamos coa literatura de Carmen Martín Gaite, muller  ansiosa de contribuír á educación na liberdade,  pese a  vivir nos anos e nos coutos da ditadura.  Apaixonada pola viaxe, pola historia, polas xanelas abertas aos misterios, a paisaxes interiores e exteriores, en busca de cómplice . “Abrídeme as xanelas que quero ollar o mar” , dis que foron as derradeiras verbas de Rosalía no seu leito de morte en Padrón. Martín Gaite, muller ventaneira  tamén , e  “ventar” é  enxergar, presentir océanos.



A escritora salmantina ofrece o don dos escritores xeniais e polo que, ao meternos nas súas lecturas,  xa imos intuíndo  onde bebe, nela atopamos coincidencias con Rosalía, coa Pardo Bazán, con Valle-Inclán, con Torrente, con Fernández Flórez, cos Camba, Cela....escritores que beben da fonte expresionista da paisaxe e da paisanaxe ,  envoltos nas sombras que asombran e na indescritible maxia de Galiza, iso si, pra fortalecer, aínda máis, o idioma castelán.



 Nunha conferencia pronunciada por Carmen Martín Gaita na Coruña, convidada pola UIMP, un 28 de xullo de 1994,  páxinas publicadas agora nas súas obras completas, reafirma o que aquí nos trae , as súa raiceiras que afondan na Terra, en Galiza e que agroma por algures. “Los perfiles gallegos de Carmen Martín Gaite” (2008) é outro traballo de David Gonzalez Couso que afonda no mesmo que apuntamos.  A escritora sentencia  “ Tengo la impresión de que Galicia está dispersa por toda mi obra, aunque unas veces se esconde y otras se destapa. Y no me estoy  refiriendo sólo a las novelas de clara localización gallega, especialmente tres, de las que luego hablaré, sino también a mi tendencia – creo que innata -  a empinarme sobre las fronteras de lo que me hace ver como “realidad” y avizorar desde allí una segunda realidad enigmática y misteriosa que roza los confines de lo ignoto”. Permanente ansia por enxergar dende os altares e as xanelas, de traspasar  os “visillos”, a  “gasa” que nimba, couta e configura negras sombras, ensarilladas de mitos, contos, aparicións e desaparicións, entre anxos e demos, metamorfoses... Brétema a través da que, di entender cousas do outro bando, do Trasmundo,regidas por fuerzas que no son las de la lógica con que se registran los hechos durante la vigilia... yo no creo en las meigas pero haberlas haylas” conclúe, como tantos. Dinos que a súa nai, María Gaite Veloso gabábase de ser ourensán de pura cepa, con avós en Allariz...  E si é que a vida é como os ríos,  conclúe “ todo mi caudal literario fluye por el Miño, el Arnoya y el Tormes. Del Manzanares no quiero ni hablar, aunque mi padre se consideraba madrileño, porque ese no es un río que pueda tomarse en serio”.   Atopa que  o matriarcado galego cría   e espalla o xeito de entender e navegar pola odisea da vida.



 Salamanca, cidade de filosofías, teoloxía e latíns, atada  á historia de Galiza, urbe tamén de Torrente,  ten  pra Martín Gaite na Praza de Bandos esoutro locus amoenus , xunto co da súa “segunda patria”, Galiza, a casa da aldea de San Lorenzo de Piñor, concello de Barbadás, a cinco quilómetros de Ourense. Bocarribeiras dende as que se enxerga o paso vagaroso do Miño e o fondello no que se asenta Auria. Piñor, lugar idílico, como un paraíso, di, un xeito de Ítaca, de referencia. Casa  “bonita”, construída á beira do camiño polo avó Xavier, con xardín e horta, sen luz eléctrica, nin auga corrente, “pero a nosotros nos encantaba estar allí”.  Casa e caste de liberais, da que saíron médicos, catedráticos, mesmo un seu tío avó foi fundador do Ateneo de Ourense... saga da que, seguro,  Otero Pedrayo daría boa conta. Casa, “esencia para mi misma de la juventud y de la libertad... Allí están mis raíces y su paisaje abrupto y montaraz decorara con frecuencia mis sueños”. Alí, Carmiña,  como era coñecida polos seus, pasa os veráns da infancia e da mocidade.  Amiga dos rillotes da aldea, conta que  aprende o galego, cancións, que se fai indómita e pouco melindrosa, que trepa polas árbores e polas penas, que rouba froita e monta nos carros “ de rodas chirriantes”, que vai a romarías, que xa de maior aprende a bailar. Confesa que en Piñor  ten os seus primeiros amores e a alí escribe os seus primeiros versos...  casa que se vendeu e á que non volveu.  Proba de que na orixe radica a orixinalidade,  a infancia, as lembranzas enchen o bornal pra un camiño no que tamén petará con pedras, pero sobrevirá,  sempre animada por un trasno , lúdico,  infantil, galego.



Formada en Salamanca,  en filoloxía románica, que xa di moito, logo en Madrid, en Cannes onde se  interesa pola literatura francesa, boa base...pra acollerse aos anos da Ilustración, do racionalismo, agromando nela o xerme familiar, liberal, progresista,  e velaí o seu ensaio “El Proceso de Macanaz: historia de un empapelamiento” (1970) e Lenguaje y estilo amoroso en los textos del siglo XVIII español” (1972), aínda que  a súa atracción por Galiza  levouna, alá pola metade do século XX,  a un  primeiro proxecto de tese doutoral sobre os cancioneiros galaicos do medievo,  tan cheos de ausencias, de nostalxias e misterio.

As tres novelas ambientadas en Piñor son “Las ataduras” (1960), “Retahilas”  (1974)  e “El Pastel  del diablo” (1985). As descricións dos lugares son exactas e os críticos atopan resonancias coa obra da Pardo Bazán ao que escritora salmantina alega que “pudiera haberlas”. Referente á fonte de pedra  de Piñor, presente nestas obras  dinos “En la placa de bronce sujeta a la piedra dice – o decía, porque yo a San Lorenzo de Piñor no he vuelto en muchísimos años -  “A don Mariano Lloves y a don Javier Gaite la Sociedad de Agricultores de Piñor como gratitud”. Eses señores eran respectivamente mi bisabuelo y abuelo ...”

Pola contra en “El pastel del diablo” existe unha desfiguración fantástica, a aldea convértese en Trimonte, a veciña en Sietecuervos...o boque  “de los gozos”, “la Peña del Sillón”... Balcón, fiestra, dende  a que enxergar a vida, o paso do Miño, o sono dos nenos, guías da aventura.



A escritora busca os seus precedentes galegos e  como ensaísta que é sobre  a literatura feminina  di atopalos na novela de Rosalía de Castro  en“La hija del mar” ,  “esa niña desenvuelta que guía al amigo mayor”.  Engade que  a súa novela  “La Reina de las Nieves”  é a máis impregnada da alma de Galiza e sobre todo desa sensación “que me invade cuando vuelvo por allí,  de que siempre dos y dos no  tienen por que ser cuatro”. “Cuarto de atrás” pola que recibe o Premio Nacional de Literatura  de 1978  é outra novela envolta en sombras, lembranzas, misterios, soños, co enigmático persoeiro de loito...

Martín Gaite refírese aos contrastes entre as mulleres de Galiza e Castela, subliña a independencia e decisión das galegas, cunha ampla moral sexual.... “que se enfrenta a la realidad no frontalmente sino mediante rodeos oblicuos para conquistar algún retazo de independencia, la que se va convirtiendo gradualmente dentro de mi literatura en la mujer sabia, portadora de un mensaje cifrado que no todo el mundo es capaz de entender. En una palabra, es la meiga, que unas veces embruja y otras orienta”. Por algo o fado fai que no 1988 comparta o premio Principe de Asturias con outro ourensán envolto no enigma da roda dos camiños, Xosé Angel Valente.

Nos seus derradeiros  veráns, cando se cubría con aquela boina rebelde e tan ben posta, Carmiña  retomou Galiza, onde tamén tiña amigos, moitas veces  acompañada por Manuela da Perruqueira dos Olmos en recorridos polas rías galegas. Namorouse da Coruña, sabeo ben Cesar Antonio Molina, a cidade onde o seu admirado Macanaz sufriu prisión no Castelo de San Antón e alí a atopamos, tamén xantando no “Varela” da Porta Real,  aloxada no Hotel Tryp, de fiestras  ao misterioso océano.



11/03/2018