A Ulloa e unha macrocelulosa cravada no corazón da natureza e da cultura de Galiza

Ampliar: Castelo de Pambre. Foro Xurxo Lobato



O Parlamento de Galiza aproba a instalación dunha macroceluosa no corazón de Galiza, a Ulloa, onde a natureza e a cultura, con canto reporta de hisotria, de arqueoloxía, de etnografía se mostran como o mellor recurso... E da inxuria o rudo encono

No que si hai desinformación é sobre os valores naturais e culturais deste confín que se chama Galiza. Legado do que presumimos e que - dende as orelleiras da ignorancia,  da cegueira, da xordeira, da insensibilidade, na actualidade tan alimentada de arrogancia - soamente se ve como un solar en abandono e co que especular.

Non hai páxinas para explicar tan gran legado natural, histórico, cultural de tan atractivo país, o que abriu portos e camiños dende a máis remota antigüidade, cicatrizado tamén por prácticas políticas fundamentadas na ignorancia, que levaron á emigración, a tantos feismos campantes e a esperpentos. E agora tócase ao corazón, á parte máis sensible de Galiza.

O obxectivo é a Ulloa, os 132 quilómetros do seu río  Ulla e do seu val, palabras maiores. Riqueza de augas que, ao seu paso, crean tres comarcas: a Ulloa, onde nace;  a Ulla como curso medio e o Ullán que son as terras padronesas da desembocadura. Auga que rega as farturentas comarcas de Arzúa, Caldas,  Deza, Sar, Tabeirós, Melide e esta Ulloa agora atacada. Non hai máis que ler a Xeografía de Galiza de Otero Pedrayo, a que entrelaza a razón co corazón, para enxergar a emoción que pousa neste río que di centreiro no mapa de Galiza, “podente, xentil na paisaxe e na lembranza”. A lembranza é a memoria, a historia referida a estes escenarios do corazón de Galiza, o centro que tanto importa á ollada do comercio. Onde e por algo, dende a prehistoria, asoman mámoas, castros, castelos, pazos, ermidas, vilas de competentes feiras e festas, onde se consagran os produtos da Terra e do Traballo. E Compostela entre este Ulla e o Tambre , florecer do Románico e da nobreza. Compre ir a modo, non tocar parte tan sensible do mapamundi. Iso son as políticas de progreso.

Os ríos eran como os gps da antigüidade, guieiros que, dende a incerteza do océano conducen ao interior. Ben o sabían na Ilustración mesmo cavilando en facelos navegables. E o Ulla - dende o seu nacer á desembocadura no mar interior de Arousa - está vixiado de arqueoloxías, de historia, de lendas e mitos, desas sabias tradicións que nunca traizoan, as que poñen en valor os produtos da terra: aportes de cultura. Cultura entendida como o saber empregar os recursos, a que nos dignifica e nos distingue. Fronte á ignorancia compre retirar as orelleiras de domesticados, retomar os camiños da cultura que nos libera. Pois vaia se teñen futuro as arrobas de Terra, de Auga, de Vento e  de Luz, do que se apropian  mesmo co premio de  millonarios fondos estatais, os europeos Nex Generatión...O choio da para moito.

A Ulloa,  Ulla e o Ullán co futuro de tantas singularidades naturais e culturais, hoxe atacadas

Río Ulla, tesouro de auga, xa con varias fontes no seu nacer no Monte Picouzo, entre a parroquia de Ansar en Taboada, Viloide e os Ferreiros de Monterroso, Olveda en Antas... O que ao seu paso por Palas de Rei, vila con orixe  en tempos altomedievais, quizais vinculados a un recinto ou palatium -  vai medrando en aportes de caudal recibidos ao longo do seu andar. E velaí o punto cobizado, o que agora nos preocupa, por centrarse nel a planificación dunha megaloplanta para a fabricación de pasta de papel, con todo o que reporta. E veremos.

 Fluír, riqueza do Ulla que vai dividindo concellos: pola banda setentrional  Santiso, Arzúa, Touro, Boqueixón, Vedra, Teo,  Padrón, Dodro e Rianxo... e pola meridional:  Agolada, Vila de Cruces, Silleda, A Estrada, Pontecesures, Valga e Catoira. Recollendo máis aportes, os dos regueiros Sucastro, Ribeira, Ermida, Boente, Iso, Brandeso, Lañas... Riqueza de augas que as políticas ditatoriais dos anos 60 do sc. XX - as que parecen repetirse agora - pese á algarabía popular, foron encoradas en Portodemouros e apropiadas para intereses eléctricos.

Ulla cunha atractiva xeoloxía e biodiversidade: na Ulloa ( Palas, Monterroso, Antas) parte alta do río, caracterizada pola horizontalidade, de veigas, espesura de fragas, como unha Brocelandia céltica, con esa riqueza tipolóxica de valados e construcións populares. Ulloa que é orixe dunha liñaxe con ese mesmo nome de apelido, campante na heráldica, casta e rango entre as fidalguías europeas. Para logo o río encaixarse zigzagueante, entre a diversidade morfolóxica.  Ulla que ademais recibe as augas do Furelos que baixa do monte  Bocelo e este as do Liboreiro das que ben saben os peregrinos denantes de facer parada e fonda en Melide. Terras pois farturentas en augas, mesmo termais, en lameiros, como en gando e noutrora en moi cotizados cabalos. Paisaxe co encanto de aldeas de Cumbraos, Sete  Eirexas, Frameán, Albidos... recibindo as augas dese río Pambre que ven de Merlán e as do Ramil que baixa do Castro de Marzá, para atoparse a carón do resistente Castelo de Pambre, simbólico orgullo do señorío de Galiza, respectado no sc. XV  polas revoltas Irmandiñas. Paraxe onde  o romántico coengo compostelán Antonio López Ferreiro ambienta a novela “O Castelo de Pambre”.

Ademais en Palas o Ulla recibe as augas do Arnego, na Ponte Arcediago...na Agolada deixando o mítico Castro Marcelín. Máis adiante, ao fondo xa se divisa o Picro Sacro.  Para pasar ás terras da Ulla, onde o río deixa de banda as Torres de Cira, recibe as augas do Deza con tantas historias do medievo arredor do mosteiro de Carboeiro e aconteceres contemporáneos de estraperleo co volframio. Cantareiros ríos entre as sobreiras de Fontao e a Brea. Deixando arriba o antigo mosteiro románico de Caamanzo. Ulla que amansa ao pasar polo Gres de Xosé Neira Vilas, creando as insuas das “Memorias dun neno labrego”.  Augas que logo se entuban entre os farallón de cotizado cuarzo de San Xoán de Cova, ese mítico lugar en relación co Pico Sacro. Sitio coñecido por Rosalía e Murguía, pintado polo seu  malogrado fillo Ovidio (Museo de Pontevedra), locus amoenus onde latexan tantas lendas, como que foi aberto polos mouros coa ansia de mudar o curso do río... Gorxa hoxe atravesada polo viaduto do ferrocarril dos anos 40 e polo máis moderno do Ave...coa igrexa, fonte milagreira e campo de  Santa María de Gundián... paraxes mesmo tamén ameazadas polo roer da cuarcita das minas de Serraval.

O paso  do Ulla por  Vedra, Sarandóns, Pontevea, polo Herbón do convento franciscano, coas pesqueiras da lamprea, das anguías, a zamborca, o salmón, ben o sabía Cunqueiro... Areas onde mesmo se atopa o mexilón de río. Rico en pesca,  como proba os seis coutos pesqueiros, Antas, Monterroso,  Couso, Sinde e Ximonde.... Ese Ulla que en Padrón recibe ao Sar, cantado por Rosalía, para ir creando o Mar de Arousa, tan rico en arqueoloxías, cavilemos na cunca de ouro de Leiro (Rianxo), do sc. VII a.C.  e  por onde as lendas din que navegou a “barca de pedra” coas restos do Apóstolo... por onde entraron cara Jacobsland os nórdicos.. Río despedido polas Torres do Oeste, a illa de Cortegada e a de Arousa,  a torre de San Sadurniño do “Cambados pobre, fidalgo e soñador...” que cantou Cabanillas, terra de escultores.

 Non aprendemos a lección, segue a mandar a avaricia e a destrución: nos anos setenta asolagando o mellor ribeiro do Miño... en estragar a riqueza natural marisqueira do mar de Pontevedra coa celulosa de ENCE , as vistas do solemne pazo de Lourizán...para agora apuntar á diana e cravar no corazón de Galiza unha macrofactoría : 360 hectáreas de celulosa, cun consumo de 46.000  metros cúbicos de auga ao día e que uns 30.000 se devolverán como residuais e requentes ao rio para alterar a biodiversidade e a riqueza do río e de Arousa... Planta cos seus macrogalpóns e chemineas vertendo contaminación, e que, indiscretamente e con aleivosía, se iran enchafallando máis, para logo, quizais, disimulalos coas cores pacifistas do Arco da Vella. E o que supón a maior invasión de eucaliptos, seu monocultivo, degradando o chan, secando fontes, destruíndo arqueoloxía...provocando pavorosos incendios...

Farsa digna de teatralizar: con caciques por medio, submisión e entrega de empresas  autóctonas, de políticos subornados... charlatanería, ofertas de traballo, servidume, en maqueta Exín-Madelman , o engano de “un mundo feliz”... en contraste coa sensibilidade maltratada, co sabio instinto e “sentidiño” que se rebela, como xa fixo naquel Xove nuclear, nas Encrobas, Baldaio, o Prestige... E xa se sabe “ da inxuria o rudo encono...” a provocación.

21  MARZO 2025